Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

1395 días sen vermello
O outro día fomos ao Ágora da Coruña a ver unha película que está relacionada coa exposición "Ráfagas", que trata sobre a guerra na ex-Iugoeslavia.

A película titúlase "1395 días sen vermello", e ese estraño título fai referencia aos case catro anos que durou o sitio de Sarajevo, e que as autoridades recomendaban non levar prendas de cores vivas, para que fose máis difícil que te viran os francotiradores que estaban nas montañas próximas á cidade.

A película resulta complicada de ver, e non pola violencia física na que podíades estar pensando, senón na angustia que transmite pola súa absoluta falta de diálogos, de trama de ningún tipo e pola estrañeza e tamén beleza das imaxes.

Xa chama a atención que, ao comezo, poñan a Maribel Verdú e á Orquestra Sinfónica de Sarajevo como principais protagonistas da cinta, pero é totalmente real. Maribel Verdú monopoliza case todos os planos de persoas, e os ensaios nun estraño edificio da Orquestra forman a outra parte da cinta. Hai que ter en conta que a Orquestra decidiu seguir cos seus ensaios durante toda a guerra para facerlle crear á poboación que a situación tiña algo de normalidade.

E a maioría das escenas teñen que ver con esa situación tan dramática que se producía cando os cidadáns se desprazaban dun sitio a outro, e tiñan que parar e facer colas para cruzar determinadas avenidas que estaban especialmente vixiadas polos franco-tiradores. Aterraba ver as carreiras que botaban, incluso algunhas persoas maiores que, a pesar dos seus moitos esforzos, cruzaban a rúa a moi baixa velocidade, poñendo así en risco a súa vida, aínda que en toda a cinta non se escoitaba un só disparo.

Ao comezo e ao final houbo uns comentarios a cargo de Soledad Gutiérrez, do MACBA (Museo de Arte Contemporánea de Barcelona), que coproduciu a película, e de David Barro, crítico de arte galego. Os comentarios da primeira foron poucos e moi interesantes, aclararon aspectos importantes sobre a produción. Os comentarios do segundo foron moitos e, como me sucede a min sempre cos críticos de arte, tediosos e incomprensibles.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2012 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Románticos
E onte mesmo asistimos á última obra de Mofa e Befa, pero ían acompañados por Piti Sanz (que pode considerarse parte da compañía) e por Quico Cadaval, así que non teño claro se era Producións Excéntricas quen actuaba.

O caso é que, cun estilo máis semellante a Mofa e Befa, a verdade, fixeron un repaso ao romanticismo, movemento artístico e político que naceu a finais do século XVIII (segundo eles, deu lugar a revolucións como as de 1789 e 1830), sobre todo nos seus aspectos literarios.

Como sempre, con moita graza e risa. E remataron dedicándolle facilmente media hora á fantástica historia do "holandés errante". Pasouse ben, aínda que nalgún momento frouxeou algo, pero claro, non se pode estar sempre a máximo nivel.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2012 15:41
# Ligazón permanente a este artigo
Novo micro-teatro en La Tuerka 27
Un mes máis (aínda que cambian as obras cada tres semanas) volvimos a La Tuerka 27 para ver catro novas obras de micro-teatro. Por orde de visionado, foron as seguintes:

- A entrevista: en castelán, interpretada por Carlos Villarino e Adelaida Pittaluga, consiste nun thriller que trata dun home que está facendo entrevistas de traballo, e aparece nelas unha prostituta de luxo (suponse) que tivo un affaire con el nunha ocasión, a resultas do cal perdeu unha vantaxosa voda cunha filla dun millonario. Polo que parece, ese millonario está arrepentido e convenceuse de que segue a ser o mellor pretendente para a súa filla e dalle unha nova oportunidade.

- Mister X: en castelán, unha divertidísima comedia interpretada por Milo Taboada e Victoria Pérez na que, coidado, todo o público pode acabar sendo parte importante da obra. É a sala de espera dun misterioso médico, na que agarda un estraño e nervioso home, e chega unha malencarada enfermeira que intenta que pase á consulta, pero o paciente non o pon nada doado. Síntoo, pero non podo contar moito máis.

- Tinta e choiva: en galego, interpretada por Xoán Carlos Mexuto. Curiosa peza na que un autor durme nun sofá a carón do ordenador porque leva tempo soñando un argumento para unha nova obra, pero cando esperta o soño váiselle esvaecendo da memoria, e nunca consegue lembralo de todo. Iso sérvelle de escusa para contar por que comezou a escribir.

- Carrapuchiña vermella: en castelán, peza interpretada por Daniel Currás e Lucía Sánchez, na que un home se atopa cunha prostituta na barra dun night-club, comeza a contarlle as súas penas e cando xa pensaba que non tiña nada que facer, resulta que ela contrataca, preséntase como especialista en sadomasoquismo, e faille unha proposta, todo isto xirando en torno á historia clásica de Carrapuchiña. Final sorprendente.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2012 15:37
# Ligazón permanente a este artigo
O profesional
Tamén fomos ao Teatro Rosalía (habendo moi pouco público, que triste!!) a ver a última montaxe do Centro Dramático Galego, "O profesional".

É unha obra de Dusan Kovacevic, ambientada na ex-Iugoeslavia, protagonizada por Miguel Pernas e Ernesto Chao, e tamén por Rebeca Montero (secretaria do primeiro, aparece pouco) e Rodrigo Roel (fai dun escritor tolo, só aparece unha vez).

A verdade é que a historia é moi curiosa. Un escritor que case non publicou libros acaba chegando a un posto que é algo así como Director Xeral de Libros ou Cultura nun goberno despois dos comunistas na ex-Iugoeslavia, e dende alí decide que libros se publican con apoio dese goberno.

E é visitado por un policía que durante uns cantos anos se dedicou a seguilo ocultamente xa que polos seus discursos e artigos estaba considerado polos comunistas como un dos principais líderes anti-comunistas. Por se non chegara con iso, ese policía e o seu fillo dedicáranse a gravar e transcribir todos os seus discursos, a reunir a súa obra dispersa e a publicala en catro ou cinco voluminosos tomos que alí lle presenta.

E a obra, en xeral, xira sobre iso, sobre as cousas que dixo ou fixo no pasado o que agora é Director Xeral, como cambiou a súa visión, e como iso afectou na vida do policía e do seu fillo. Pode resultar unha tontería, pero resultou moi curioso e orixinal. Entre iso, os bos actores principais e a fantástica iluminación e escenario, habituais no Centro Dramático Galego (ningunha compañía en Galicia pode chegar a eses medios, claro), aí temos o mellor da obra.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2012 15:21
# Ligazón permanente a este artigo
Se soubera cantar, salvaríame (O crítico)
Tamén puiden asistir o outro día a unha interesante obra de teatro, titulada "Se soubera cantar, salvaríame (O crítico)". Era un domingo, no Teatro Colón, o público non era moito, pero a experiencia non estivo mal.

Había unhas cantas cousas que me atraían da obra. Primeiro, o autor era Juan Mayorga, do que xa teño visto varias moi interesantes, case sempre representadas por Animalario. E os dous actores coñecíaos de cine e televisión, pero nunca os vira en teatro, como eran Juanjo Puigcorbé e Pere Ponce.

A cousa estivo bastante ben. Nalgún momento pareceume algo lenta e pesada, pero en xeral resultou moi interesante.

A trama consiste en que un mítico crítico de teatro (Volodia, Juanjo Puigcorbé) recibe a visita dun famoso autor (Scarpa, Pere Ponce), xusto cando o primeiro acaba de chegar a casa despois de asistir á estrea da última obra do segundo, que aparece uns minutos despois del.

Case todo xira en torno á relación entre autores, actores e actrices, críticos e público. O autor é moi famoso e rico grazas aos seus éxitos, pero as críticas de Volodia sempre foron feroces. E o autor pídelle que escriba a súa crítica desa noite diante del. Este accede, e incluso dalle a oportunidade de que a escriba el mesmo, xa que vai ser a última crítica que escriba na súa vida.

O crítico acaba recoñecendo (aínda que non semella moi crible) que Scarpa era o seu autor preferido, que sempre tivo moitas esperanzas postas nel, e que viu un grande progreso nas súas obras ao longo dos anos. Scarpa tamén recoñece que, a pesar do grandísimo éxito popular das súas obras, as críticas de Volodia sempre eran acertadas a pesar do fortes que resultaban (pero o público non as compartía, claro).

Como dicía, había algúns momentos que a min me resultaron algo pesados, cando Scarpa pretende explicarlle en detalle a trama da obra e o porque dalgunhas esceas e personaxes. Trataba sobre un campión de boxeo, pero non o lembro demasiado, xa vos dixen que esa parte me pareceu a máis frouxa da representación.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2012 15:11
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe a ningunha parte
O outro día fomos ver ao magnífico grupo ourensán Sarabela e a súa representación de "Viaxe a ningunha parte", a mítica obra de teatro (que despois tamén chegou ao cine) de Fernando Fernán Gómez.

Pois como era previsible dándose esas circunstancias, pasámolo de marabilla, con Lino Braxe facendo o antigo papel de Fernán Gómez e cun novo actor chamado Jorge Casas, que gustou moito. E toda a compañía rendendo a altísimo nivel, como é habitual neles.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2012 15:00
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0