Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

100 anos de Luís Seoane na Fundación Caixa Galicia
Recomendo vivamente a visita á exposición dos 100 anos do nacemento de Luís Seoane, que está na Fundación Caixa Galicia nos Cantóns.

Moitas obras del e doutros excelentes pintores e artistas, unha gran e detallada biografía, unha delicia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Volpone, de Talía Teatro

Pouco tempo despois repetín experiencias teatrais. Fun ver "Volpone" de Talía Teatro (vin outra obra deles hai poucas semanas), dirixida por Roberto Salgueiro (vin outra obra dirixida por el hai menos dunha semana).

Marabilloso. A comedia dell Arte, nunha obra do gran dramaturgo inglés Ben Jonson, nas mans deste grupo tan alucinante. A combinación é explosiva.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:19
# Ligazón permanente a este artigo
Xornadas Carvalho Calero
Co gallo das Xornadas Carvalho Calero que celebran na UDC o centenario do nacemento do insigne polígrafo galego, houbo un recital poético-musical no Teatro Rosalía da Coruña.

Recitaron Santiago Fernández e Lino Braxe, acompañados por Manu Clavijo ao violín, e despois actuaron Ugía Pedreira e Fred Martins.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
Memoria de Helena e María
Hai pouco fun ver unha obra máis de Teatro do Atlántico titulada "Memoria de Helena e María", con Lucía Regueiro e María Barcala como actrices.

Recoñezo que unha das cousas que me atraía era volver ver unha obra dirixida por Roberto Salgueiro.

Houbo varias cousas que me chamaron a atención: a actriz nova facía de nai e a máis maior de filla, pero en momentos históricos diferentes, e a pesar de ser as dúas únicas actrices no escenario, non había ningún diálogo entre elas, pola razón antes exposta.

Non estaba mal a historia, pero fíxoseme algo pesada, pero merece un visionado.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:11
# Ligazón permanente a este artigo
Bye bye Ríos
E tamén aproveitei para darlle a despedida a Miguel Ríos, un dos roqueiros máis importantes do Estado, que se retira.

Recoñezo que nunca fun velo actuar, que nunca merquei un disco seu, pero lembro que os seus discos e directos da primeira metade dos 80 marcáronos a moitos, como Rock & Rios, Rock en el Ruedo, ou o Rock de una noche de verano.

Non estivo mal o espectáculo. Aínda que comeza a preocuparme que estou indo a moitos concertos nostálxicos, como este ou o de Supertramp. Será indicio de algo?

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
Bicarelo: as zanfonas de Alfonso Cheda e María Xosé López
Hai uns días vin na Fundación Wenceslao Fernández Flórez de Cecebre unha actuación musical ben curiosa.

Era a presentación de Bicarelo, o dúo de zanfonas formado por Alfonso Cheda e María Xosé López, esta última con longa traxectoria musical en grupos como Muxicas e Na Virada.

Cantaron moitas cancións tradicionais, coas súas marabillosas voces, sobre todo a de María Xosé, e o nome do grupo vén da famosa poesía de Uxío Novoneyra "No bicarelo do bico do brelo".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 21:05
# Ligazón permanente a este artigo
Xornada de Normalización Lingüística de FEREGA
Un ano máis (agora celébranse no outono) xuntámonos os profesores máis comprometidos co galego dos colexios relixiosos para coñecernos máis, compartir experiencias e seguir aprendendo.

O programa deste ano era bastante atractivo e xiraba bastante en torno á radio.

Aparte diso, tamén falaba Henrique Monteagudo sobre a situación actual da lingua galega e un colexio do País Vasco contou algo sobre a situación e a defensa do euskera.

En canto á radio, eu mesmo contei a experiencia do programa de radio que levamos ano e medio facendo no noso colexio (chámase "A fume de carozo" e na sección de enlaces de esquerda podedes chegar á páxina onde están todos os programas accesibles).

Tamén falou outro profesor de Ourense que explicou como facer un "streaming" para emitir radio en directo por Internet.

Pero na miña opinión a estrela do día foi Xurxo Souto coa súa amenidade e paixón habitual, que falou sobre a radio en galego.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.

Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 04-12-2010 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Memorial Ibán Toxeiro
Un ano máis a A. C. Alexandre Bóveda celebrou o Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro, en homenaxe ao actor de 25 anos que morreu hai xa case década e media, cando era socio da nosa entidade, e que apuntaba a un máis que prometedor futuro teatral.

Gustou moito o programa deste ano, con Loretta Martin amenizando musicalmente, e coas actuacións de:

- Isabel Blanco e Sabela Hermida facendo un fragmento de "Rosa de dous aromas" de Teatro Proscrito.

- Caramuxo Teatro, con Juan Rodríguez e Laura Sarasola facendo un fragmento de "Historia dunha semente".

- O grupo da nosa asociación presentando a súa nova obra sobre a vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, que servirá para conmemorar como se merece o ano 2011, ano do 75 aniversario da morte do insigne galeguista.

- Un breve monólogo do célebre actor Luís Zahera.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 04-12-2010 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Latexo Trío na Orde Terceira
E se a semana anterior estivera Fuxo Xabier na Orde Terceira como parte do Ciclo de Concertos de Outono, nesta ocasión tocáballe a Latexo Trío, que é unha parte do grupo coruñés Duploson.

Concretamente o formado polo guitarrista Jorge Peña, o teclista Serxio Moreiras e o percusionista Víctor Echave.

Tocaron adaptacións de pezas do propio repertorio de Duploson e moitos estándares de jazz. A xente quedou moi contenta.

Déixovos cun video dun ensaio de Duploson.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 04-12-2010 20:45
# Ligazón permanente a este artigo
Un cranio furado (A skull in Connemara)

Hai pouco fun ao Teatro Colón da Coruña (ultimamente vou bastante por alí, e máis que irei) a ver unha boa obra de teatro.

Era a última montaxe da compañía de Excéntricas Produccións Teatrais. Teño entendido que esta compañía vén sendo a unión de Mofa e Befa, Quico Cadaval e invitados ocasionais para cada ocasión. Nesta ocasión os outros actores eran Santiago Romay e Dorotea Bárcena.

A obra era "Un cranio furado" (A skull in Connemara) do irlandés Martin McDonagh, que ultimamente está sendo moi representado en Galicia, e que semella que ambienta todas as súas obras en Leenane.

Pasámolo ben, Víctor e Evaristo, de Mofa e Befa, son un valor seguro, Santi Romay sorprendeunos moi positivamente a moitos, e deume a impresión que a gran Dorotea Bárcena xa non ten o nivel que lle recordamos no pasado, sobre todo en canto a proxección de voz. O paso polos Tonechos parece que non perdoa.

Houbo algún "diálogo" memorable, como o do policía que lle di ao seu irmán pequeno algo así como "douche unha ostia e morres de fame polo aire".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-12-2010 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0