Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Himno galego
Hai poucos días o catedrático da UDC D. Manuel Ferreiro veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a dar unha conferencia sobre o himno galego.

Xa sabedes que Manuel Ferreiro é o máximo experto sobre Pondal. Como dixo alguén, Ferreiro non sería o mesmo sen Pondal, e viceversa. Foi el, por exemplo, quen atopou os manuscritos de "Os Eoas" revolvendo nos misteriosos sotos da Real Academia Galega.

Contounos moitas cousas interesantes sobre o himno galego, como que ese 20 de decembro de 1907 foi a primeira vez que se interpretou oficialmente en público como tal, pero que xa levaba composto uns 10 ou 15 anos, e que xa o interpretara en público un dos orfeóns coruñeses que dirixía Pascual Veiga.

Que había palabras ou expresión que foron mal transcritas pola xente da Habana, como "férridos", "valeroso clan" e outras. Canto se aprende nestas cousas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-12-2007 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
"The Bible: In the Beginning..."
Estiven esta tarde vendo unha película americana de 1966.

Era unha destas tontas tardes de domingo sen moitas ganas de facer nada e vin que na TVG botaban unha película sobre fragmentos do Xénese dirixida por John Huston e pensei que podía ser unha boa idea dedicarlle algo de tempo.

Pasei un bo rato. Saían moitos actores famosos, como o propio John Huston (Noé), Richard Harris (Caín), Stephen Boyd (Nimrod, quen ordena construír a Torre de Babel), George C. Scott (Abraham), Ava Gardner (Sara, a muller de Abraham), Peter O'Toole (os tres anxos que destrúen Sodoma e Gomorra), Franco Nero (Abel), etc.

Os clásicos nunca decepcionan. Poño aí abaixo un enlace á ficha da película na Internet Movie Database.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2007 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
Representación de "O bosque" de Jenaro Marinhas del Valle
Onte representouse a obra "O bosque" de Jenaro Marinhas del Valle. Foi na sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre, e a cargo do seu grupo de teatro Fas-que-fas.

Non representaron a obra completa, só varios dos seus actos, e non consecutivos. A súa intención é estreala no Día Internacional do Teatro, a finais de marzo.

Pero o que se vai vendo é moi interesante. Tanto pola obra, moi simbólica pero moi suxerente, como polo traballo do grupo amador, moi digno e que dá moi bos resultados. Agardamos poder asistir á estrea ou a algunha das representacións.

Precisamente dende a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, no ano 2008, no que se cumpre o centenario do nacemento de D. Jenaro, faremos un gran esforzo por colaborar nos actos conmemorativos que se celebren, que serán uns cantos dos que xa falaremos.

Saúdos.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Fundación Wenceslao Fernández Flórez
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2007 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Fin da viaxe a Extremadura
Avisamos de que xa están penduradas as 105 fotos prometidas da nosa viaxe a Extremadura na Semana Santa do ano 2002. Mirade na sección de FotoGalerías ou FotoBlogoteca na esquerda.

Tomámonos un descanso ata o comezo do ano 2008, en canto a poñer fotos de viaxes, referímonos. Se non pasa nada en contra, o 1 de xaneiro, coma un cravo, alí estaremos, de novo á tarefa, e xa sabedes que nós somos cumpridores coas datas que prometemos.

Nos últimos días de decembro escanearemos máis fotografías en papel, para penduralas aquí máis ou menos organizadamente.

De que tratarán as seguintes galerías? Pois supoño que das viaxes que fixemos no verán de 2002, seguramente un dos mellores da nosa vida:

- Lisboa e arredores (zona central de Portugal).

- Provincias de Segovia e Ávila (bastante mellor do que algúns estaredes pensando).

- A provincia de Huesca (a mellor zona dos Pirineos, abraiante).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 15-12-2007 15:11
# Ligazón permanente a este artigo
Contactos institucionais
Onte mesmo fun a unha charla que daba Anxo Quintana na Coruña. Era sobre os retos da vindeira lexislatura, e o peso que pode ter Galiza nela.

Fun, entre outras moitas cousas e sobre todo, porque na A. C. Alexandre Bóveda estamos argallando, xunto co Instituto de Estudios Políticos e Sociais de Antonio Campos Romay, un seminario sobre a obra facendística de Bóveda e a facenda local na Galiza, en xeral. E queremos contar coa colaboración de Vicepresidencia.

Presentáronos ao final do acto. Eu diría que mutuamente tivemos un gran gusto en coñecernos. Pola miña parte si, dende logo. E pola súa supoño que tamén, que parece boa persoa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2007 13:37
# Ligazón permanente a este artigo
Experiencias derivadas de facer un blog
Hai un mes e pico pendurei neste blog un artigo sobre a novela "Os peregrinos sen fe" do escritor portugués Sérgio Luís de Carvalho, que foi publicada por Biblos. Concretamente aquí.

O artigo, en xeral, era bastante eloxioso porque o pasei moi ben lendo a obra.

Cal sería a miña sorpresa cando un par de semanas máis tarde vexo un comentario nese artigo asinado polo propio autor. Coas dúbidas propias da situación (na Internet todos somos anónimos, en teoría, calquera pode suplantar a outro, polo menos en determinados foros) tivemos un "diálogo" a base de comentarios. Polo mesmo Tucho Calvo, un dos directores de Biblos, entereime que era o autor, efectivamente, que estaba dirixíndose a min.

E como consecuencia dese diálogo, o autor envioume, a través de Tucho Calvo, un exemplar asinado da novela "Anno Domini 1348", unha das súas novelas máis premiadas. Na foto podedes ver a dedicatoria. Amósoa porque tamén é vosa, estimados lectores deste blog.

Non teñades dúbida en que o primeiro que farei en canto colla as miñas merecidísimas vacacións de mestre (o sábado 22 de decembro) será mergullarme no Portugal medieval da man de Sérgio Luís de Carvalho. E vós teredes noticias inmediatamente.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-12-2007 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua galega no Cancioneiro de Pérez Ballesteros
Hai uns días presentouse na A. C. Alexandre Bóveda o libro (xa publicado no 2006) titulado "A lingua galega no Cancioneiro de Pérez Ballesteros" do cal é autor o eminente filólogo e profesor da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei. Por outra banda, é o vicepresidente da Agrupación Cultural que eu teño a inmensa honra de presidir, sobre todo en ocasións como esta.

Dos moitos cancioneiros populares galegos do século XIX, o único que se publicou no seu momento (a maioría non o fixeron ata un século máis tarde) e en varias edicións, a pesar de que eran tres tomos. E ademais ten moi interesantes notas a rodapé con aclaracións de todo tipo. Este estudo párase especialmente nas de tipo lingüístico.

Tamén nos acompañou Xosé Ramón Freixeiro Mato, tamén gran filólogo (célebres as súas completísimas gramáticas) e profesor da UDC, socio noso e que colabora desinteresadamente connosco en moitísimas ocasións, débeda que non sei se daremos pagado algún día.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2007 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Software libre en galego
O outro día houbo na A. C. Alexandre Bóveda a presentación dun CD recompilado por varios profesores do CIFP Ánxel Casal de Monte Alto (A Coruña) que contiña todo tipo de programas e documentos relacionados co software libre e en galego, para conseguir que a nosa lingua gane a "batalla" das novas tecnoloxías, clave para o seu futuro, na miña humilde opinión.

Nos últimos anos está habendo moitas iniciativas nese sentido, a maioría das que eu coñezo dende o ensino, e outras institucionais, como o fenomenal portal "mancomun.org", posto en pé pola Consellería de Industria.

A ver se acaba dando froito.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Mancomún
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2007 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
O informe do CEIDA sobre o Prestige
Xa dixen hai pouco que hai un par de semanas houbera unha mesa redonda sobre o Prestige na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A representante do CEIDA que estaba alí, Verónica Campos, deixounos un informe que fixeron sobre o tema. Moi interesante e moi ben documentado. Vén dicir algo así como que as catástrofes dese tipo non son os maiores ataques ao mar (aínda que non son desexables, claro). Fan moito máis os sentinazos, e sobre todo, botar ao mar todo o que son os nosos residuos urbanos polos colectores. E o noso estilo de vida insostible.

Serviume para lembrar tamén que a dous pasos da miña casa está esa marabilla que é o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), con sede no castelo de Santa Cruz, e que aínda non o visitei. A ver se me paso un día por alí.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 09-12-2007 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
O Laboratorio de Formas
Estiven lendo un libro-catálogo que fala, a grandes rasgos dos 44 anos de historia do Laboratorio de Formas, esa magna obra posta en marcha por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, e cuxos edificios máis emblemáticos foron deseñados polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat.

Impresionante labor: O Castro, Sargadelos, O Instituto Galego de Información, o Novo Seminario de Estudos Galegos, o Seminario de Sargadelos...

Incluso falan da primeira fábrica de cerámica que montaron, a modo de ensaio, na Arxentina, chamada Cerámica da Magdalena. Abraiante a iniciativa desta xente. Todo o galeguismo do exilio arxentino detrás deste macro-proxecto.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-12-2007 23:15
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0