Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O Destino de Nunik
Hoxe fun ver unha película titulada "El destino de Nunik", do ano 2007. Os directores son os italianos irmáns Taviani, Paolo e Vittorio. A actriz principal era Paz Vega, e andaba tamén por alí Ángela Molina, e era unha coproducción entre España, Italia, había tamén actores franceses, e parece que había bulgaros e armenios.

Trata sobre o xenocidio dos turcos sobre os armenios a principios do século XX, cando estaba tendo lugar a Primeira Guerra Mundial (en paralelo con iso, en teoría non tivo moito que ver, creo).

A verdade é que me pareceu moi frouxiña. Sospeito que a historia daba moito máis de si, os actores non me gustaron, os diálogos moi previsibles, as historias tamén.....

Co tremebunda que é a historia eu creo que podía facerse moito mellor. E non está de máis sacar este tema á palestra, para que lembremos as cousas que pasaron e seguen pasando neste mundo.

Unha cousa que non sabía é que a minoría armenia da Turquía daqueles anos era rica e culta. E os turcos "rebeláronse" contra eles porque lles facían sentir inferiores (iso interpretei eu). Curioso.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2007 01:05
# Ligazón permanente a este artigo
Trío Pizzicato
Hoxe asistín a un concerto deses que tarda tempo en esquecerse. Na Fundación Wenceslao Fernández Flórez, organizado polo Concello de Cambre, actuaba o Trío Pizzicato.

O Trío Pizzicato está formado pola pianista rusa Ludmila Orlova, o seu fillo Slava Chestiglazov (violinista prodixioso que debe ter pouco máis de 20 anos) e a soprano moldava Clara Jelihovski. Tocaron pezas da música clásica popular europea e algunhas arias de ópera, incluso algunha panxoliña.

IM-PRESIONANTE. Esta xente do leste ten unha cultura musical abraiante. Canto teríamos que aprender, polo menos nese tema!!!!!!!

Saúdos.
Fundación Wenceslao Fernández Flórez
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-12-2007 00:19
# Ligazón permanente a este artigo
O sorriso do diaño
Gran espectáculo o que onte ofreceu o grupo A Caricia da Serpe presentando o seu segundo disco titulado "O sorriso do diaño". Tamén tocaron unhas cantas pezas do seu primeiro disco.

Estes días entereime de onde proceden eses nomes algo tebrosos. A caricia e o sorriso están representados pola música agradable e amable. A serpe e o diaño son as letras das cancións, máis concretamente os poemas de Lino Braxe. Bastante menos amables, moito máis duros.

Xa saberedes que o grupo está formado por Lino Braxe (voz, letras), Miguel Ladrón de Guevara (guitarra), Rómulo Sanjurjo (acordeón) e Xosé Luís Saqués (percusións).

Se tedes a posibilidade de asistir a un dos seus concertos, facédeo, a experiencia será moi agradable. Poño tamén a páxina da súa productora. Dalí podedes baixar o "mp3" dun par de cancións do seu primeiro disco.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Wonderland Discos
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-12-2007 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Anno Domini 1348
Como veriades o outro día no blog, xa me chegou, grazas á xente de Biblos, o libro co que me (nos) agasallou o escritor portugués Sérgio Luìs de Carvalho, por ter publicado un artigo louvando o seu único libro publicado en galego, titulado "Os peregrinos sen fe" (Biblos).

E en canto tiven uns días de lecer, púxenme a lelo. Como xa dixera, esta segunda obra titúlase "Anno Domini 1348", levou o Premio Literario Ferreira de Castro en 1989 e foi publicado tamén en francés, tendo alí un certo éxito.

Porén, este xa non me gustou tanto. A pesar de estar ambientado en Sintra a mediados do século XIV (que prometedor comezo!!!) resultoume menos ameno.

Conta os últimos días da vida dun notario que comeza a notar os primeiros indicios da peste negra, que acababa de chegar ao país e azoutou a todo o continente. Aproveitando iso, e que non había ningún remedio, deixa apalabrado con outro notario amigo o xeito de recoller o seu testamento, e péchase na súa casa a escribilo e a lembrar así toda a súa vida.

Resultoume bastante lento o seu ritmo. Demórase moito nas descricións, algúns feitos son narrados con moita parsimonia e con detallado coñecemento dos pensamentos do notario e iso faille lastrar a historia, segundo a miña humilde opinión.

Pero unha das cousas sorprendentes que se desvelan ao final é que moitos dos personaxes da novela e situacións foron reais, comezando polo propio notario protagonista, do que se ve algún documento asinado por el mesmo. Ou sexa que "inventou" unha historia e unhas vidas a partir dos poucos indicios históricos documentais que deles existen. Iso ten moito mérito, penso eu.

Agora teño que darlle un agasallo en compensación a Sérgio Luìs de Carvalho (está xa decidido cal será) e facerllo chegar. Non sería mala idea baixar a Lisboa e a Sintra no ano 2008. Teño moitas ganas de voltar alá (xa pasaron máis de 5 anos) e sería un pracer pasear por Sintra buscando os escenarios desta novela.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-12-2007 22:12
# Ligazón permanente a este artigo
Ice Age
Hai non moito tempo, un amigo ao que considero privilexiado intelectualmente recomendoume ver a película de animación "Ice Age", dicíndome que tiña un guión moi intelixente e que se pasaba un moi bo rato, como sucede con algunhas películas de animación actuais, que non son nada ñoñas e si moi intelixentes.

Pois nada, nótase que eu non debo ser privilexiado intelectualmente (iso estaba máis que claro) porque despois de vela onte quedeime como estaba, non me aportou practicamente nada. "Toy Story" ou "Shrek" si me pareceron guións moi traballados, pero este tampouco me dixo nada do outro mundo. Poño a ficha da película na Internet Movie Database.

A ver se teño máis sorte nas vindeiras recomendacións. Queda aquí aberta unha porta para que a xente recomende películas que nos fagan felices.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2007 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Retratos femininos de Picasso
Na Fundación Barrié hai exposta unha colección de 57 retratos femininos de Picasso.

Pois nada, que con Picasso si que xa non teño moito que facer. Non me engancha e punto. No Museo Picasso de Barcelona gustáronme moito as salas dos primeiros anos (ata que cumpriu 20, ou así) que eran moi completas e amosaban moi ben a súa evolución, aparte de que aínda non era cubista, era figurativo, estaba aprendendo. Das súas etapas de éxito alí non hai case nada.

Pero ese non é o Picasso que se fixo famoso e non interesa, polo visto. A min o que non me interesa é o que vin o outro día. Xa sei que vou contra a corrente....... Repito, eu sonche moi clásico para algunhas cousas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2007 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
Man Ray
Fun ver estes días unha exposición que hai na Fundación Caixa Galicia da Coruña sobre Man Ray. É curioso o título "Despreocupado pero non indiferente", que é o epitafio que ten na súa tumba xunto á súa última muller Juliet. Creo lembrar que está soterrado en Montparnasse.

Aínda que tamén fixo pintura e algo de escultura, destacou como fotógrafo. O único que me chamou a atención foron algúns retratos. Cando se poñía a facer cousas "raras".... entre que era dadaísta e tiña contactos cos surrealistas, aínda que creo que non moi boas relacións, saía cada cousa que daba medo. Eu sonche algo clásico para algunhas cousas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2007 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Cantos de Reis e Nadal
Estiven hoxe na sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, Villa Florentina, en Cecebre.

O acto de hoxe foi Raúl Galego, Mini e Mero (A Quenlla) cantando cantos de Reis e Nadal, e contando anécdotas sobre eles.

Por exemplo, que por influencia do castelán aparecían nos versos barbarismos como "Alambrado sea el Señor", "San Rueque", "Has nos, Has nos, Has nos participar.......", "para llegaren de día"....

Que voz a de Mini, impresionante......

Saúdos.
Fundación Wenceslao Fernández Flórez
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2007 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de "A Caricia da serpe"
Na A. C. Alexandre Bóveda estamos de noraboa unha vez máis.

O grupo "A Caricia da serpe", formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Rómulo Sanjurjo e Xosé Luís Saqués, que musica os poemas do primeiro, presenta o seu novo disco, titulado "O sorriso do diaño", o xoves 27 de decembro de 2007 no Teatro Rosalía baixo a nosa organización.

Onte mesmo fixeron unha breve presentación na FNAC do mesmo, que xa permitiu comprobar que o imos pasar tan ben como habitualmente.

Por certo, na FNAC, que calor fai, non si? Sospeito que no verán fará un frío insoportable. Estabamos desexando saír de alí, que ademais facía boa noite.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-12-2007 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
Centenario do Himno Galego
Dous días máis tarde da conferencia de Manuel Ferreiro vímonos unha chea de xente no Teatro Rosalía para conmemorar o centenario do Himno Galego, que se cumpría xusto aquel día, o 20 de decembro de 2007.

Un acto moi emotivo. Intervención de Mª Xosé Bravo e Anxo Quintana, breve recitado de textos de Pondal a cargo de Casahamlet e a Banda Municipal da Coruña que interpretou a "Alborada de Veiga", "A Marcha do Antigo Reino de Galicia" e o "Himno Galego", este último con todo o teatro posto en pé, e acompañado pola coral Follas Novas.

Moi emotivo todo. Como anécdota persoal, creo que foi a primeira vez que me reservaron unha butaca nun teatro ou similar cun papeliño que contiña o meu nome. Gardeino para enmarcalo por se non duro moito, je, je...

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-12-2007 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0