Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Curva España
Esta anécdota é outro exemplo da facilidade que teñen algúns artistas con talento de sacar petróleo de lugares onde os demais non somos capaces de ver nada.

Hai algún tempo, o grupo de teatro Chévere tiña que actuar en Verín. Un dos integrantes do grupo, Miguel de Lira, viña de gravar unha película en Valencia, cruzou a península en tren, parou nunha estación da provincia de Ourense (porque o tren non pasa por Verín, inexplicablemente), e tivo que coller un taxi para chegar á vila. E o taxista contoulle a historia da Curva España.

Pois resulta que hai aproximadamente un século, a comezos dos anos 20 do século pasado, había un enxeñeiro coruñés de apelido Fernández-España, que estaba deseñando o trazado do tren que unía Madrid e Galicia. Ese enxeñeiro foi o pai (pero morreu cando ela era moi pequena) dunha moi importante política española ao comezo de Transición chamada María Victoria Fernández-España (foi tamén coñecida como Victoria Armesto).

Estaban dubidando se facer pasar o tren por Verín ou por outro sitio, pero o caso é que este enxeñeiro era un dos personaxes máis importantes na decisión, e cando estaban no momento de decidir iso, el morreu nun bastante estraño accidente de automóbil nunha estrada na zona, nunha curva pechadísima que recibiu, a partir daquel momento, o nome de "Curva España".

Chévere plantexa esta curiosa historia na obra facendo papeis moi variados, como de guardias civís e forenses, con proxecións en directo de vídeo e tamén pezas gravadas. Tamén comparecen eles como se estiveran declarando diante da Guardia Civil como posibles separatistas ou independentistas.

En definitiva, resulta moi curiosa e divertida a montaxe, e moi curiosa a historia, e todos os fíos que poden tirarse dela.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2019 00:45
# Ligazón permanente a este artigo
A carreta pantasma
Hai pouco, veu actuar á Coruña a compañía galega de teatro "Berrobambán", coa contadora e actriz Paula Carballeira á fronte, que me gusta moito, e non o dubidei (creo que eramos unhas 15 persoas no Fórum Metropolitano, nada máis).

A obra titulábase "A carreta pantasma", e segundo ía contando a actriz na obra, trataba sobre unha lenda escandinava. A historia fora escrita por Selma Lagerlof (a primeira muller que levou o Premio Nobel de Literatura), e un cineasta sueco chamado Víctor Sjostrom dirixiu unha película en 1921 sobre esa mesma historia.

Todo isto, alternando de cando en vez imaxes desa película muda coa propia obra, fixo que pasáramos un rato moi agradable, e xa vedes que pouco fai falla para conseguilo.

A lenda sueca di que a última persoa que morre cada ano pasa a ser a persoa que conduce unha carreta pantasma que vai recollendo os mortos que se producen ao longo de todo o ano seguinte, ata que outro "morto" o releva. Na película, e polo tanto na obra de teatro, contábase a historia dun deses mortos concretos, que resulta bastante dramática.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2019 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
Paul Álvarez Project
No mes de outubro cruceime varias veces co músico Paul Álvarez, un guitarrista coruñés que propón unha curiosa mestura de flamenco, jazz, rock e música negra. Primeiro o entrevistamos nun programa de radio e uns días máis tarde puidemos velo actuar no Baba Bar.

E teño que recoñecer que me gustou máis do que esperaba, a min, que son algo escéptico con case todo o que xira arredor do jazz. Animámosvos a coñecelo, por exemplo en Youtube.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2019 00:23
# Ligazón permanente a este artigo
Xurxo Mariño en "Para estar no mapa do mundo"
Hai unhas semanas comezou na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña un interesante ciclo de conferencias titulado "Para estar no mapa do mundo".

O ciclo abríase coa charla que a min me parecía máis interesante, basicamente porque a daba Xurxo Mariño, un divulgador científico de talla galáctica, que temos a sorte de que sexa galego.

Como xa vén sendo habitual nos últimos tempos, contou algunhas anécdotas sobre a viaxe arredor do mundo que fixo coa súa parella hai uns 5 anos. Pero é que é lóxico, pasáronlles tantas cousas naquel ano que estiveron de viaxe, que poderá pasar moito tempo contando historias da mesma, sobre todo coa súa grandísima capacidade de observación.

Xa non lembro case nada concreto do que contou aquela tarde, pero sei que o pasamos en grande todos os que estivemos alí.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2019 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
Vacas, guerras, porcos e cregos, de Quico Cadaval
Hai unhas semanas, Quico Cadaval visitou de novo A Coruña, nesta ocasión para actuar el só no Fórum Metropolitano, que tiña unha moi boa entrada.

Non hai moito que dicir, simplemente outra demostración máis de que é mellor contacontos do país, e que é capaz de sacar petróleo de calquera historia ou feixe de historias.

Nesta ocasión estivo de novo centrado nas historias da súa terra, Ribeira. E falou dun personaxe mítico e fantástico, ao que denominou "O Ghacheiro", ou algo así, que nos fixo rir moito.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-11-2019 00:09
# Ligazón permanente a este artigo
"Sabotage" de Alfred Hitchcock
Para variar, nesta ocasión poño o título dunha película que vin na súa versión orixinal, porque senón podería haber unha confusión que é moi habitual. De feito, esa confusión produciuse tamén no CGAI, lugar onde a proxectaron hai pouco.

Hai dúas películas de Alfred Hitchcock, incluso cercanas no tempo (só 6 anos de diferenza) que teñen títulos orixinais similares, e que na súa disparatada tradución ao español (nos diferentes países nos que se fala), provoca confusións de todo tipo.

En 1936 dirixiu en Gran Bretaña unha película titulada "Sabotage", que en España foi traducida como "Una mujer solitaria", e en Arxentina como "Sabotaje". É esta a que vimos aquela tarde.

En 1942 dirixiu xa en Estados Unidos unha película titulada "Saboteur", que se titulou aquí "Sabotaje". Entenderedes que a confusión non era utópica. No CGAI puxeron un cartel onde aclaraban que a que íamos ver era a primeira, e non a segunda, do cal se deduce que confusión había.

A película non está mal, pero presenta algunha situación curiosa que me chamou a atención (xa pasou case mes e medio, a ver se lembro todo).

Unha muller, efectivamente, que estaba "soa", volta para o seu país, despois de estar no estranxeiro. Volve co seu irmán pequeno e rexenta un pequeno cine de barrio. Dese país volve con ela un señor maior que casa con ela, pero máis que nada para sacar a familia adiante, non semella haber amor, senón cariño e afecto nada máis.

Pero este señor debe ter un pasado turbio, porque un policía está infiltrado de incógnito na froitería que está a carón do cine, porque sospeitan que o señor quere participar nalgún atentado terrorista.

E razón non lles falta, porque efectivamente é así. Pero o señor é avispado, porque detecta que está sendo vixiado e evita a súa participación directa no atentado con bomba que estaban planeando.

Pero aquí vén o xiro que me sorprendeu (ollo, spoiler): vendo que está terriblemente vixiado, non ten o máis mínimo escrúpulo en enviar coa bomba que recibiu na súa casa ao irmán pequeno da súa "esposa", para que o leve ao lugar onde debe estourar. Faille o encargo como se fora un recado calquera, sendo consciente de que a bomba está preparada para unha hora concreta, e que xa van xustos de tempo.

O rapaz fai o posible por chegar a tempo, pero a última parte do traxecto é en bus, e o tráfico vai moi lento, porque hai un desfile real polas rúas e non é doado pasar. E a bomba estoura no bus matando ao rapaz e algunhas persoas máis. Non chegou ao seu obxectivo pero o final parece aínda máis salvaxe.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-11-2019 23:58
# Ligazón permanente a este artigo
Lúas de outono 2019
Un ano máis, no mes de setembro, o Teatro Rosalía encheuse para homenaxear a Manuel María, falecido nestas datas no ano 2004. É o evento que a súa Fundación bautizou como "Lúas de outono".

Nesta ocasión, a efeméride vestía de música, xa que cada ano se centra nunha ou varias artes diferentes. Os concertos foron os seguintes:

- Molime: se non lembro mal, un cuarteto de rapaces novos que musicaban poemas galegos. Non estivo mal, pero tampouco me entusiasmaron.

- Uxía Senlle: sempre unha garantía, aproveitando ademais que xa ten varios discos baseados en poemas de Manuel María.

- Miro Casabella: outro clásico, que nunca defrauda. Aínda que me pareceu velo máis vello que as últimas veces, o tempo non pasa en balde.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-11-2019 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0