Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

XIX Memorial Ibán Toxeiro

Hai unhas semanas, como todos os outonos, tivo lugar o XIX Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro, que organiza todos os anos a A.C. Alexandre Bóveda, na memoria do que foi socio desa entidade e era un moi prometedor actor.

Por sorte, puidemos voltar ao Teatro Rosalía de Castro, despois de dous ou tres anos exiliados no Ágora por culpa de incompetentes políticos.

No cartaz adxunto podedes ver todas as actuacións e intervencións que houbo. Se cadra o máis reseñable é que todo o festival homenaxeaba ao pobo sirio, e a todos os refuxiados e emigrados.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeirismo por Aranga
Hai unhas semanas tiven a posibilidade de xuntarme cuns compañeiros para ir facer sendeirismo ao concello de Aranga, a non moitos quilómetros da Coruña, pero xa limítrofe coa provincia de Lugo.

A ruta non era longa nin dura, uns 9 quilómetros que fixemos en aproximadamente tres horas e media.

Era circular, comezaba e remataba na capital municipal, Ponte Aranga, aldea que, por certo, está quedando despoboada.

Dende alí, os primeiros catro quilómetros eran á beira do río Mandeo, primeiro pola esquerda, e despois de cruzar por unha bonita pasarela, pola dereita. Tivemos sorte de que aínda non comezou a tempada de chuvia, senón esta parte sería ben complicada.

Despois diso, hai que comezar a subir polo monte, ata chegar á parte alta do concello, e despois unha breve e empinada baixada que nos levou de novo a Ponte Aranga. E despois diso, unha alegre comida no merendeiro a carón do río.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 13:31
# Ligazón permanente a este artigo
As fillas bravas
Hai unhas semanas veu de novo á Coruña a compañía Chévere, que sempre é garantía de éxito.

Pero esta vez veu cunha obra e un formato moi orixinal, mais a razón estaba plenamente xustificada.

As tres actrices da compañía, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, puxéronse no seu papel de "pandereteiras", para facerse pasar por "fillas bravas".

As fillas bravas era como se lle chamaba nalgúns lugares ás fillas de solteira (ao mellor do cura), mulleres resoltas e autónomas que non se deixaban gobernar e que daban un exemplo que non podían permitir as estruturas patriarcais.

Casualmente, o autor do texto foi Xesús Ron, un dos autores e fundadores da compañía, hai xa varias décadas. Pero dixo que recolleron testemuñas de mulleres, principalmente do rural galego, e semella que a cousa saíu bastante realista, aínda que mulleres coma esas non houbo nin hai tantas como debería.

Ao final da obra había un coloquio entre autor, actrices e público para ver que sensacións deixara a obra. Na sesión na que estiven eu, varias persoas dixeron que coñecían a mulleres da súa familia ou o seu entorno que encaixaban moi ben no perfil das tres fillas bravas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
Perplexo
Hai unhas semanas pasou pola Coruña a obra de teatro "Perplexo", a segunda da nova compañía galega chamada Il Maquinario, e dirixida por Tito Asorey.

Esta é unha compañía moi orixinal, que naceu hai poucos anos, coido que os actores veñen da Escola Superior de Arte Dramático de Vigo, e tanto con esta obra como coa primeira, "O home almofada", dun autor irlándes, colleitaron moitos premios e éxitos.

Esta compañía, formada por dous homes e dúas mulleres que son os que actúan sempre (supoño que o director tamén está en nómina, porque sempre é Tito), sempre ofrece espectáculos moi orixinais e con perspectivas rompedoras, pero que resultan totalmente atraíntes.

O único que sabíamos desta obra antes de comezar é que unha parella chegaba á súa casa despois das vacacións, e atopaba a casa algo cambiada e coa luz cortada. Achacábano a algún despiste dos seus veciños, que quedaran ao cargo dela durante esas semanas.

Cando as nosas cabezas xa comezaban a maquinar algún tipo de conflito persoal e social entre parellas, o argumento sorpréndenos con todo tipo de xiros absolutamente imprevisibles.

Atopeime con varios coñecidos á saída, e a ningún deles lles gustara a obra, aínda que sospeito que por razóns moi diferentes. Uns deles creo que cometeron o erro de intentar entender a historia, cousa que era absolutamente imposible, porque axiña se comprendía que era un auténtico desbarre mental, pero moi entretido.

Lembroume moito ás obras do grupo Voadora (tamén moi premiado), nas que nunca entendes o que está pasando, pero o pasas de marabilla porque os actores e actrices transmiten un bo rollo espectacular, divírtense e divírtenos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
A última sesión de Freud
Hai pouco pasou por A Coruña unha obra de teatro que me transmitía boas sensacións. Fomos vela e, efectivamente, non estabamos errados.

Titulábase "A última sesión de Freud", consistía nunha conversa entre Sigmund Freud e Clive Staples Lewis, e o papel do primeiro caía nas mans do magnífico actor Helio Pedregal. A cousa prometía.

Non coñezo demasiado a figura de Freud, pero semella un persoeiro moi controvertido dende o punto de vista científico e filosófico. E C.S. Lewis pasou á posteridade como autor das "Crónicas de Narnia", e era un dos catedráticos de Oxford do grupo no que tamén estaba Tolkien, polo tanto amantes e renovadores da literatura fantástica.

E chamábame moito a atención que unha obra de teatro reflexara case en tempo real unha conversa entre os dous a finais de 1939. Cando xa comezara a II Guerra Mundial, Alemaña ameazaba con bombardear Londres e todo a poboación desa cidade estaba traumatizada por ese feito, e Freud xa tiña moi avanzado un cancro no seu padal, que o levou ao suicidio-eutanasia uns meses máis tarde, coa axuda do seu médico persoal.

Na fantástica obra contemplei, non con sorpresa, que Freud era tremendamente ateo, e C.S. Lewis, de 40 anos, que tamén o fora, agora era moi crente. E, dende logo, na argumentación dos dous, non tiña máis remedio que estar totalmente do lado de Freud.

Dende logo, está claro que os diálogos desta obra están moi por enriba da media do que pode verse habitualmente en teatro, cine ou televisión.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
XVII Concurso de Maquetas de CUAC FM
Hai unhas semanas celebrouse no Mardigras a final do XVII Concurso de Maquetas de CUAC FM.

Chegaron á final un grupo pontevedrés chamado Onion Smile, e un grupo coruñés (do que nunca oíra falar) chamado Bento Veloso & los doce trinches.

Por razóns que non veñen ao caso, tocoume ser un dos cinco membros do xurado, pero despois de ver actuar aos dous grupos, todos o tivemos claro. Onion Smile é un bo grupo, pero o de Bento Veloso deixounos a todos moi flipados, porque polo menos ten un son moi novidoso e nada convencional. Non digo eu que non acabe resultando algo monótono (pero iso pásalle a case todos os grupos novos), pero polo menos dá moito aire fresco ao panorama musical.

A voz do seu cantante é moi profunda e penetrante, as súas letras están moi por enriba da media en calidade, as presentacións das cancións o mesmo, e o son do grupo resulta moi orixinal. A ver se ten sorte na súa andaina musical, aínda que a competencia é moitísima, e nunca está moi claro que hai que ter para triunfar no mundo da música actual.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre
Neste novo proxecto musical, Xabier Díaz canta e toca a percusión acompañado das once Adufeiras de Salitre (adufe é como se lle chama ao pandeiro en Portugal), que tamén cantan e tocan percusións variadas.

E por outra banda, Gutier Álvarez toca zanfona e violín, e o seu irmán Javier toca o acordeón.

A combinación resulta moi atractiva, aínda que a min resultoume lixeiramente monótona, porque a variedade tímbrica dos instrumentos non é tanta.

En calquera caso, as cancións están escollidas con moito gusto, despois dun exhaustivo traballo de recolleita por toda Galicia, e o Teatro Rosalía de Castro estaba case cheo ata a bandeira (eu tiven que sentar nunha das últimas ringleiras do galiñeiro) na case-estrea do disco (actuaron un par de veces antes de vir á Coruña).

Deixámosvos co vídeo promocional dunha das cancións máis destacadas do disco, titulado "The tambourine man".

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
Nabiza Girl
Hai unhas semanas fun por primeira vez á sala do Teatro do Andamio, no barrio dos Rosales, na Coruña. Unha pequena sala e escola de teatro nun dos barrios periféricos, un exemplo perfecto de que a cultura pode estar a carón das nosas casas, non necesariamente en grandes infraestruturas no centro das metrópoles.

E fomos para ver a Isabel Risco no seu espectáculo da "Nabiza Girl", a superheroína galega que nos fará rir co seu fouciño na man.

Eu xa vira este espectáculo uns anos antes na Tuerka 27, pero non quería perderme a oportunidade de velo de novo, e ademais nunha sala que tiña moitas ganas de coñecer.

Se non o vistes, recomendamos que non o perdades, se algún día vos pasa por cerca.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 12:34
# Ligazón permanente a este artigo
A colmena
Hai unhas semanas aproveitei para ver de novo unha película española do ano 1982, que xa vira no seu momento, pero que nunca desagrada. É a versión fílmica de "A colmena", a xenial da novela de Camilo José Cela, gran escritor pero persoa totalmente insoportable.

Aparentemente retrata moi ben a dura vida da posguerra en Madrid, centrada no entorno dun café onde paran, por exemplo, aspirantes a literatos de medio pelo, e tamén moita xente do común.

Hai moitos anos lembro que lin a novela, e ao rematala tiven que recoñecer que estaba ante unha grande obra de arte. Pareceume xenial o fino entrelazado de moitas historias, aparentemente inconexas, que ían mesturándose segundo avanzaba a novela, cuxo comezo me custou bastante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 12:28
# Ligazón permanente a este artigo
O descoñecido
Eu case nunca vou ao cine comercial, como moito, 1 ou 2 veces ao ano. Pois por estrañas razóns que non vou explicar aquí, hai pouco, fun dúas veces seguidas, e a ver a mesma película.

Esa película foi "O descoñecido", un thriller moi trepidante e moi ben rodado polo director debutante Dani de la Torre, sobre un magnífico guión dun tal Alberto Marini, ao que eu non coñecía de nada.

Na cidade da Coruña, onde foi rodada a película, está claro que a película levantara expectación durante a rodaxe do ano anterior, entre outras cousas porque o protagonista principal é Luís Tosar. Pero non supoñíamos que os paisaxes da nosa cidade ían saír tan ben retratados, aínda que iso poida levantar o estúpido "chauvinismo" de moitos coruñeses, que entendo perfectamente que sexa moi difícil de aturar polos demais.

Pero o caso é que fun ver a película dúas veces, cunha semana de diferenza, e hai que recoñecer que está moi ben, que non deixa un segundo de descanso, e que os xiros que vai dando o guión son moi sorprendentes.

Se algúen aínda non a viu, porque xa leva bastantes semanas na carteleira, pois iso, que o pasará moi ben. Iso si, insistimos, non é recomendable para xente de espírito e ritmo de vida lento e tranquilo, e tampouco o é para persoas que traballen en bancos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-11-2015 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0