Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Xosé María Álvarez Blázquez
Lin hai uns días unha pequena antoloxía de Xosé María Álvarez Blázquez editada este ano pola Voz de Galicia.

Había algo de poesía e algo de narrativa, nada do seu ensaio (tratou tantos temas e en tanta profundidade).

Da poesía xa coñecía algo. Volvín sorrir de novo co enxeño do "Cancioneiro de Monfero", esas oito poesías neotrobadorescas que "dixeron atopar" de casualidade, e que realmente eran creacións súas que confundiron a moitos estudosos da lírica medieval.

E sorprendeume, porque non a coñecía, a súa narrativa de relatos curtos. Viñan poucos pero resultaban tremendamente agudos. Unha grande intelixencia a súa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2008 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
As orixes do pobo de Breogán no "Leabhar Gabhála"
Estiven lendo o outro día o ensaio do estudoso Ramón Sainero sobre a orixe dos celtas e as relacións de Galicia con Irlanda.

Baséase bastante no "Leabhar Gabhála", o libro das invasións de Irlanda, e conta a historia de que varias das últimas invasións da illa foi levada a cabo por xente chegada da península ibérica, que saíu da zona da Coruña e cruzou o mar.

A orixe dos pobos que estaban aquí asentados viña dos escitas, entre o Mar Negro e o Mar Caspio, que despois de estar en Exipto e nalgúns lugares máis do Mediterráneo, chegaron á zona de Brigantium, e algún tempo despois subiron ás Illas Británicas.

O que non conseguín aclararme foi coas datas. Non teño eu nada claro que este libro as manexe ben, a min pareceume ver incongruencias bastante grandes nese tema.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2008 00:54
# Ligazón permanente a este artigo
Santa Matriusca
Lin o outro día a segunda novela de Iria López Teijeiro, titulada "Santa Matriusca". Desta novela incluso fixeron un trailer promocional para Internet e que tamén saíu na TVG.

Ela fora a ganadora da 1ª edición do Premio Biblos Pazos de Galicia para novos novelistas galegos, naquel caso con "Meniña de cristal". Aquela novela gustárame moito.

E esta segunda tamén me gustou bastante. Eu penso que non tanto como a outra, pero estivo ben, pasei un bo rato. O final algo sorprendente, aínda que a historia tampouco tiña alta tensión.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2008 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
Encontro de corais na Orde Terceira
Como todos os anos, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda comezamos o noso ciclo de "Concertos de Outono".

Este ano abrimos cun encontro de corais, concretamente a nosa, a Coral Airiños da Capela, e a Coral da Virxe do Monte de Cospeito.

Houbo unha boa entrada na igrexa da Orde Terceira, lugar habitual de celebración destes concertos.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 03-11-2008 00:36
# Ligazón permanente a este artigo
Dáme veleno, eu tamén soñar
Fun ver a última obra do grupo de teatro ourensán Sarabela, titulada "Dáme veleno. Eu tamén soñar".

Ultimamente xa non conecto tanto con este grupo. Seguen demostrando a súa gran valía pero as súas historias son moi crípticas, abstractas e difíciles de seguir.

Nesta tardamos bastante tempo en decatarnos que era un alegato a favor da eutanasia. Iso non tería por qué ser malo, pero antes diso a trama era moi irregular, con momentos moi bos e outros moito máis frouxos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2008 00:30
# Ligazón permanente a este artigo
Nós alimentamos o mundo
Hai uns días fun ver un documental proxectado na Semana da Ciencia e o Cinema, organizada polos Amigos da Casa das Ciencias, principalmente por Óscar Sánchez, gran dinamizador cultural e cinematográfico.

O programa era fenomenal toda a semana, pero por falta de tempo só puiden ver este documental austríaco "Nós alimentamos o mundo".

Como xa intuiredes, unha tremenda apertura de ollos sobre as aberracións da industria alimentaria actual.

O colofón foi unha breve entrevista ao Director Xeral de Nestlé naquel momento (creo que xa cambiou, non por esta entrevista, claro), que tamén era austríaco.

A perla da súa intervención foi dicir que con respecto ao consumo de auga no mundo había dúas posturas:
- Unha "extrema", a das ONGs, que dicían que o acceso á auga é un dereito fundamental.
- Outra, a deles, que pensan que a auga é un produto alimenticio e como tal, ten valor comercial.

Con xentiña así non sei de qué nos estrañamos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-11-2008 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Os últimos gaiteiros da Habana
Hai unhas semanas a cineasta cubana de ascendencia galega Natasha Vázquez veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a falar dun dos últimos vídeos que realizou coa súa produtora, titulado "Os últimos gaiteiros da Habana".

Conta a historia dun emigrante galego que morreu hai pouco e que era a última persoa de orixe galega que ensinaba a tocar a gaita na Habana.

A historia era moi emotiva, e Natasha contounos que estaba bastante enfermo, pero que cando xurdiu a posibilidade de volver a Galicia para rodar parte do documental, rexuveneceu. Alí víanse algunhas imaxes onde aparecía bailando (con certas limitacións) nunha festa ás dúas da mañá. Cando volveu á illa, foise apagando e uns meses despois, morreu. Cumprira o seu último desexo.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 03-11-2008 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0