Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels |
|
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita. |
|

|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Cinco anos do Prestige |
|
O outro día organizamos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha mesa redonda conmemorando os cinco anos da catástrofe do Prestige.
Semella que o tema estaba esquecido pero houbo unha manchea de actos similares por todo o país neste mes de novembro. O local da nosa agrupación foi a sede de Nunca Máis na Coruña e, por suposto, estabamos obrigados a conmemorar aquel nefasto momento.
Houbo moi pouca xente, había case tantos na mesa intervindo como no público. Produce un pouco de tristeza ver iso. Pero isto había que facelo, e punto. Se á xente xa non lle interesa, que lle imos facer!!!
Participaron Rafael Louzán (profesor da Escola de Náutica e experto en navegación), Carlos Suárez (mariñeiro) e Verónica Campos (responsable de formación do CEIDA, como experta ambiental). Moderou Raimundo Martínez, o noso secretario.
Dixéronse cousas moi interesantes. Carlos Suárez lembrou todas as catástrofes similares que marcaron a súa vida profesional como mariñeiro, que non sacuden cada certo tempo.
Verónica Campos fixo fincapé en que non aprendemos demasiado daquela catástrofe. O único é que hai algo máis de sensibilidade cara ao mar e á vida e á cultura e tradición mariñeira. Pero a principal ensinanza, segundo ela, que era cambiar dun modelo enerxético insostible a outro máis respectuoso, segue sen asimilarse, e imos a peor.
E Rafael Louzán foi moi crítico co estado actual da navegación. Lembrou que moitos dos problemas que existían, sigue habéndoos. Segue habendo bandeiras de conveniencia, profesionais mal preparados de países subdesenvolvidos, segue sen haber no Estado Español un só buque anti-contaminación, etc. Se volve pasar algo como o daquela vez, as cousas poderían saír parecidas. Tamén incidiu en que, nalgúns países onde iso xa funciona ben, nesas catástrofes hai un MANDO ÚNICO formado por técnicos ONDE NON HAI NINGÚN POLÍTICO. Cando veremos iso por aquí?? Tamén dixo que, técnicamente, os dobres cascos tampouco son a panacea. A mellor solución técnica son os barcos redundantes que teñen, por exemplo, dúas máquinas. Se falla unha, ponse a funcionar a outra.
A miña reflexión: estamos máis ou menos como antes. O único que ganamos os galegos foi a conciencia cívica de sobrepoñernos á incompetencia política, e de ser capaces de organizarnos para queixarnos deses erros. O Plan Galicia naceu dunha xuntanza do Consello de Ministros de Aznar no Concello da Coruña. E a semana pasada o Goberno galego reuniuse en Muxía e aproveitou para colocar a primeira pedra do futuro Parador e anunciar que ao mellor fan unha autovía á Costa da Morte. Outra choqueirada. Seguimos tendo ao frente outra banda de incompetentes.
Saúdos.
|
|
|
|
The wind and the lion |
|
Hoxe vin unha estraña película na TVG.
Titulábase "O vento e o león", era do ano 1975 e o director era John Milius. Pareceume ler que estaba baseada nun caso real, aínda que cambiaron algunhas cousas.
Un sultán bereber (protagonizado por Sean Connery) rapta a unha muller americana (Candice Bergen) e os seus dous fillos que viven nunha mansión en Tánxer. Nun Marrocos de comezos do século XX que está tomado por ingleses, franceses e alemáns, o rapto provoca un incidente diplomático importante.
Daquela era presidente Theodore Roosevelt (curmán lonxano de Franklin Delano) que estaba a piques de ser reelixido na súa segunda lexislatura. Era un presidente non moi maior e tremendamente popular (tanto que é un dos catro tallados no Monte Rushmore). Pero lle gustaba o intervencionismo. E quixo solucionar o problema atacando militarmente (ou sexa, como agora).
Había escenas de acción non moi ben resoltas (raro en Milius) e a narración parecía ter saltos e cousas algo incongruentes.
Gustoume polo tema exótico pero cheiraba bastante a chamusquina americana e prexuízos tontos de superpotencia.
A película acaba cos americanos enfrontándose ao resto de potencias e axudando a fuxir ao sultán bereber por petición da familia de americanos raptados, que lle colleran cariño (síndrome de Estocolmo, chámase iso).
Saúdos.
|
|
|
|
Medidas preventivas no teatro |
|
O outro día fun á representación de "Medidas preventivas", conxunto de cinco pezas curtas escritas por Gustavo Pernas Cora e publicadas en Biblos, obra da que xa falamos hai uns meses.
Son cinco pezas con tres personaxes (en total 15, polo tanto) representadas polos mesmos tres actores, Vicente de Souza, Xosé Bonome e Anxela Abalo.
Tratan sobre a sobredose de seguridade e prevención que hai dende hai uns anos, polo medo ao terrorismo, violencia, etc.
Estivo moi ben. Pasouse un bo rato, e iso que xa coñecía as pezas. Pero sorprendeume.
Saúdos.
|
|
|
|
Javier Armentia |
|
Onte fun á Domus da Coruña a ver unha conferencia do sempre amenísimo Javier Armentia, astrofísico e director do Planetario de Pamplona, un dos mellores divulgadores científicos do Estado.
Primeiro botaron un documental sobre a "miopía" do telescopio espacial Hubble que ganou no ano 93 un premio de divulgación científica da Casa das Ciencias. Era en inglés sen subtítulos. Alí estivemos duramente e incluso entendimos algo.
E despois el fixo unha "conferencia" con powerpoint onde falou das cousas que atopou o Hubble nestes 17 anos de vida.
Moi interesante, como sempre que Javier e a Casa das Ciencias anda polo medio.
Saúdos.
|
|
|
|
Samaín 2007 |
|
Un ano máis, e xa van catro, celebramos o Samaín na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Xunto coa Asociación de Veciños da Cidade Vella, que fixeron o seu tradicional magosto.
Ós poucos, imos vencendo ao Halloween, ou intentámolo polo menos.
Saúdos. Os Mártires da Caeira.
|
|
|
|
A arpa céltica de Xabier Gómez |
|
Hai uns días unhas poucas persoas -non demasiadas, por desgraza- asistimos a un espectáculo marabilloso.
Foi na Igrexa da Orde Terceira da Coruña, e consistiu nun recital de arpa céltica a cargo dun dos mellores expertos galegos neste instrumento: Xabier Gómez.
Foi o terceira cita do III Ciclo de Concertos no Outono organizado pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.
O son era tan especial que fixo retrotraer a algún dos espectadores á Idade Media. Tanto, que algún afirmou que "esperaba que nalgún momento aparecera o Rei Arturo ou a Raíña Xenebra".
Saúdos. Os Mártires da Caeira. |
|
|
|
Os peregrinos sen fe |
|
Nesta última ponte de Defuntos conseguín ler un novo libro, e non magro, de 400 páxinas nada menos. E foi unha delicia. Reconcilioume coa lectura unha vez máis.
Teño que recoñecer que me sorprendeu, non tiña eu moitas esperanzas postas inicialmente nel. Titúlase "Os peregrinos sen fe" do autor portugués Sérgio Luís de Carvalho, editado por Biblos.
O libro narra dúas historias "relativamente" paralelas aínda que protagonizadas por personaxes diferentes en momentos diferentes, pero os lugares si que se parecen ou coinciden bastante. Son as seguintes:
- A máis antiga, e para min máis áxil e interesante, mágoa que ocupara menos páxinas que a outra parte, fala da "falsa" peregrinación de Lisboa a Santiago (a mediados do século XVI) que fai un profesor da Facultade de Medicina de Coímbra para que o Santo Oficio o esqueza, xa que el e algúns dos seus compañeiros son acusados e sospeitosos de ser seguidores de Erasmo de Rotterdam, que non estaba moi ben visto.
- A máis moderna, que resulta máis pesada, aínda que tampouco está mal, fala dos oito meses que pasa un tenor portugués en Compostela ensaiando e representando a ópera "Dido e Eneas" de Purcell. Alí coñece a unha soprano galega que fai o papel da raíña cartaxinense Dido (el fai de Eneas, claro) que se empapa totalmente do papel, como lle pasara no seu día a Bela Lugosi ou Johnny Weismuller. Ela non acaba demasiado ben e el ten que facer unha viaxe apresurada unha noite en coche dende Lisboa a Santiago.
Atopei varias cousas algo incongruentes, supoño que por ambientar parte do libro en Santiago, que non debe ser moi coñecida polo autor:
- En primeiro lugar, chámalle Auditorio (onde se representa a ópera) a un lugar que, pola descrición e ubicación, debe ser o Pazo de Congresos de San Lázaro.
- Segundo, nalgún momento di que de Santiago a Oviedo se tarda en chegar dúas horas. Carallo, será en avión!!!!!!
- E, na miña opinión, a máis gorda: dá a entender que a ópera representouse durante seis meses seguidos nese escenario. Estará confundindo Santiago con Madrid???
A pesar das chatas que acabo de poñerlle, o libro está moi ben e aínda que as dúas partes (van en paralelo, alternando capítulos) están moi ben, a parte de historia medieval é fantástica.
Saúdos.
|
|
|
|
Alfredo Vicenti |
|
O outro día fun a unha tertulia onde falaron da figura de Alfredo Vicenti.
Vimos un breve documental sobre el e coñecimos algo da súa vida, e sobre todo da súa obra.
Periodista compostelán que aos 28 anos tivo que ir a Madrid, xa que fora excomulgado polo bispo de Santiago, foi mestre de periodistas, e axudou a moitos galegos e xente doutras partes do Estado a instalarse e moverse nos primeiros tempos de vida na gran capital.
Interesante personaxe, un máis dos moitos esquecidos. Morreu sen débedas, pero os seus fillos non tiñan cartos para pagar o seu enterro, do que se encargou finalmente a Asociación da Prensa.
Saúdos.
|
|
|
|
Hendaya, mon amour |
|
O outro día fomos de novo ao teatro, esta vez ao Auditorio Gabriel García Márquez en Mera.
Fomos ver a obra "Hendaya, mon amour" de Bacana Producións. Trata da historia de amor entre Adolf Hitler "Fito", e Francisco Frango "Paco" cando se coñecen en Hendaya.
Xa vos podedes imaxinar o puteo que se traen. Sobre todo cando Franco queda embarazado e decide ter a filla, a pesar da insinuación de Fito de desfacerse dela. Deciden poñerlle de nome Hendaya.
Non foi unha marabilla pero pasamos un bo rato. Sospeito que a Mayor Oreja non lle ía resultar unha obra digamos "plácida".
Saúdos.
|
|
|
|
Morreu a Morte |
|
Xa que falamos de Teatro Corsario, o outro día, buscando na súa gran páxina web, atopeime cunha sorpresa moi desagradable.
Un dos seus actores, que eu vira en todas as súas montaxes anteriores, acababa de morrer a finais de setembro. Descoñezo a causa pero iso é o de menos.
Dende a primeira vez, xa hai oito ou dez anos, que na obra "Danzas de la muerte" fixo o papel de Don Muerte, el que era moi delgado e tiña a cara chupada, pódovos asegurar que saías do teatro pensando que algún trato tiña con ela.
Nas seguintes obras que lle vimos tamén fixo papeis moi destacados, pero para todos era a Morte. E agora acaba de tomar posesión do seu cargo.
Saúdos. |
|
|
|
|
|
|
|
|