A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O sábado 17 de xaneiro de 2009, pola mañá, rematou no Centro Cívico de Labañou, a primeira fase para poñer en marcha os mecanismo de Participación Cidadá na cidade da Coruña.
Houbo primeiro unha charla a cargo dunha técnica e dunha veciña de Córdoba, o lugar de España onde parece que vai máis avanzado este proceso. Despois houbo unha presentación das conclusións das xuntanzas que fomos facendo nos últimos meses.
Esperamos que axiña comecen a verse os resultados deste traballo. Parece que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá está movéndose para que avance o tema.
Dende a A. C. Alexandre Bóveda moverémonos e colaboraremos para que así sexa.
O venres 16 de xaneiro de 2009 celebramos no Hotel Porta do Camiño, en San Lázaro (Compostela) a IV Xornada de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA (Colexios Relixiosos de Galicia).
Aínda que non son o máis axeitado para dicilo, penso que estivo bastante ben. Aparte da inauguración, cos seus correspondentes discursos, pola mañá houbo dous relatorios:
- Belén Junquera falou de "O galego e as novas tecnoloxías", aínda que algunha das novas tecnoloxías non se deixou manipular con toda a fluidez que a todos nos gustaría.
- Xabier P. Docampo deu unha amena charla sobre "A importancia da lingua oral".
Moitos quedamos a xantar no hotel, e na quenda da tarde houbo varios intercambios de experiencias entre os centros, de todo tipo e para todo tipo de idades. Rematamos cunha sesión do magnífico contacontos Cándido Pazó.
En definitiva, un día interesante no que todos puidemos sacar novas ideas normalizadoras para os nosos centros.
Acabei onte de ler un interesantísimo libro escrito por dous profesores da Universidade de Vigo (campus de Ourense), chamados Jesús de Juana e Julio Prada, titulado como este artigo.
Libro moi denso pero completo e moi ben estruturado que explica moi ben esa convulsa época da historia do mundo.
Está dividido en dous grandes bloques, cada un deles xirando en torno a cada unha das grandes Guerras Mundiais, pero penso que ten bastante importancia un dos primeiros capítulos onde fala do colonialismo de finais do XIX e comezos do XX, especialmente protagonizado polo Reino Unido e Francia.
E non pensedes que se para moito na descrición detallada das grandes guerras, senón afonda nas causas sociais, económicas e políticas de todos aqueles feitos.
Non creo que o saibades, pero un dos personaxes históricos que máis me chamou a atención sempre foi Genghis Khan.
Por esa razón lin hai uns días unha biografía sobre el e o imperio mongol, o máis extenso da historia. Titúlase "Genghis Khan y el inicio del mundo moderno" e foi escrito polo antropólogo americano Jack Weatherford.
Moi interesante todo o que conta alí. O imperio que el fundou chegou dende China ata Polonia e Turquía. Non lle sobreviviu moitas décadas, e despois del só tivo certa relevancia co mandato do seu neto Kublai Khan na China, que tivo contacto con Marco Polo.
Moitas curiosidades poderían dicirse sobre o seu imperio. Primeiro, non invadiron Europa porque o terreo non lles era moi propicio (eles preferían as chairas con pastos aos bosques) e ademais porque non atoparon demasiadas riquezas nas cidades. No século XIII, era moito máis avanzada Asia, sobre todo China, Persia e Mesopotamia, que tiñan grandísimos avances científicos e tecnolóxicos.
Existía a fama de que os mongoles eran sanguinarios, pero parece que non era tan certo. Tiñan un dereito bastante avanzado. O que pasa é que non querían cargar con prisioneiros e mataban a todos os mandatarios das cidades e reinos que conquistaban. Sempre que non se rendiran, claro. De ser así, asinaban acordos de paz e só esixían o pago de tributos, non facían imposicións de lingua, relixión, nin nada parecido. De feito, eran dos imperios máis permisivos. Só pedían o pago de impostos e que se mantiveran as rutas comerciais.
Creo que hai pouco estivo nas salas de cine unha película documental rusa sobre o personaxe. Entereime tarde, pero coido que isto é un fragmento da mesma.
A semana pasada estiven no cuarto partido da selección galega de fútbol, segundo que xoga na Coruña, que enfrotou a Galiza con Irán.
Non estivo mal o partido, os iraníes non xogan mal ao fútbol, e iso que non estaban as principais figuras, e a selección galega non o fixo mal.
Destacou especialmente Nacho Novo, que xa dixera moitas veces que tiña moitas ganas de xogar pero que nunca podía porque en Escocia non paran a liga no Nadal.
Tanto foi así, que seis horas antes deste partido estivo xogando outro en Glasgow, colleu un avión privado e chegou a Alvedro hora e pico antes do partido contra Irán. Pero non se lle notou, pelexaba todos os balóns e causou moi boa impresión.
Estaría ben que algún equipo galego o fichara, por exemplo o Deportivo. Pero xa verás, seguro que fichan a calquera estranxeiro que se lles poña a tiro en canto teñan ocasión.
Rematei hai pouco de ler unha novela moi chula, titulada "La ladrona de libros", do autor australiano Markus Zusak.
Trata sobre a azarosa vida dunha nena na Alemania nazi durante a segunda guerra mundial, nunha pequena vila cerca de Munich.
Ten unha relación moi particular coa lectura os libros, seguro que vos gustará. Aínda que a novela é moito máis ampla e trata moitos máis temas, e conta a historia dun xeito peculiar.
Como cousa bastante sorprendente, a narradora é A MORTE. Non vos podedes imaxinar o xogo que dá ese detalle aparentemente insignificante.
Déixovos un curioso trailer da novela que atopei en Youtube.
O outro día fun ver un interesantísimo documental sobre a represión franquista en Galicia, titulado "Flores tristes".
Saen entrevistas, recreacións de algúns feitos, e actores recitando textos de poetas, sentencias, crónicas. Especialmente salientable a declaración de Camilo José Cela dicindo que estaba disposto a colaborar coa censura no que fixera falta, feita polo autor en 1938. Obviamente, ese texto era recitado por un actor.
Fun hai uns días ver unha exposición na Fundación Barrié da Coruña sobre "Deseño holandés".
Curiosa. Xa se sabe que as exposicións sobre deseño son sempre moi sorprendentes. E parece que os deseñadores holandeses actuais teñen un plus de orixinalidade en todo tipo de obxectos e pezas.
Recomendable vela, aínda que non sei se lle quedará moito, penso que xa leva bastante tempo aberta.
Hai uns días vin na televisión unha das moitas versións de Oliver Twist. Debe ser das últimas, con Ben Kingsley facendo de Fagin.
Xa sabedes, a marabillosa historia de Charles Dickens sobre o orfo londinense do século XIX que vai do orfanato á rúa pasando por agochos de mala morte, vivindo con delincuentes que explotan aos rapaces coma el para recadar cartos.
Déixovos esta escena doutra versión diferente, concretamente en formato musical, onde se ve cando Oliver vaille pedir máis comida ao encargado do orfanano (previamente perdera nun sorteo onde se decidía a sortes a quen lle tocaba esta dura tarefa).
Hai uns días fomos ver "Obra (no comment)", peza teatral de Quico Cadaval.
Os actores son os experimentados Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Borja Fernández, que fan de inmigrantes marsellés, brasileiro e polaco, respectivamente, que están traballando no andar 81 dun rañaceos en construción en New York, cando chega a crise do 29.
De novo, actores moi solventes para unha obra que se deixa ver con moito agrado.