Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A vida non vale nada
Estiven lendo nestes últimos días un libro ao que lle tiña moitas ganas dende hai tempo, pero que me deixou un certo gusto agredoce. O libro titúlase ?A vida non vale nada. Relatos, contos, mitos e lendas sobre a inmortalidade? e o antólogo foi o escritor catalán Javier Pérez Andújar. A edición que eu teño é do Círculo de Lectores.

Dende que vin unha reseña do libro hai un par de anos, pareceume unha idea magnífica e merqueino sen demora, pero ata agora non puidera atopar o esperado oco para lelo. Pero teño que dicir tristemente ?se cadra as expectativas eran demasiado altas, quen sabe- que me decepcionou un pouco. Á beira de relatos magníficos hai outros moito máis frouxos, e algúns que non sei moi ben por que están neste libro.

Obviamente, non teño autoridade moral nin intelectual para xulgar a selección do antólogo, pero a min dáme a impresión de que podía térselle sacado máis partido á excepcional idea. Non sei argumentar con exemplos concretos o que acabo de dicir, pero sospeito que non me trabuco demasiado.

En calquera caso, como a selección de escritores, temas e lendas é moi boa, vou facer un repaso pormenorizado porque xa dá para investigar e gozar moito buscando información adicional sobre eles. Eu acabo de facelo e paseino en grande profundizando nalgunhas das historias e autores. Imos aló entón.

Comeza o libro, se non me equivoco, cos primeiros parágrafos de ?Na busca do tempo perdido? de Marcel Proust, onde se menciona moi superficialmente a inmortalidade e a transmigración das almas. Non lle vexo moito xeito á cousa, a non ser a de introducir unha cultísima referencia a Proust, que sempre queda ben en todas partes.

O seguinte é ?O inmortal? de Jorge Luís Borges. Trata dun camiñante que vai perseguindo a inmortalidade en diferentes épocas históricas e lugares. Non está mal, pero Borges ten feito cousas moito máis excelsas que este relato.

Despois vai ?Fortaleza? de Kurt Vonnegut, un escritor americano de ciencia-ficción. Sorprendeume bastante. Trata dun par de médicos-enxeñeiros que manteñen viva a unha muller da que só queda orixinal a súa cabeza. O resto de órganos e partes do corpo están substituídos por máquinas que están no andar inferior, e que se atopan mediante cables de todo tipo conectadas á cabeza, que está nunha habitación do andar superior. Obviamente, o funcionamento desas máquinas pode facer pensar na inmortalidade.

Robert Bloch foi o autor de ?Psicose? e dalgunhas das historias de relatos que Alfred Hitchcock rodou nos 70. Neste caso presenta o relato ?Unha cuestión de identidade?, que xira en torno a un home que é enterrado en vida, e que fai cando se decata para intentar reintegrarse de novo na sociedade.

Robert Sheckley foi un curioso autor de ciencia-ficción que colabora cun relato titulado ?Algo a cambio de nada?, que en base a unhas máquinas chamadas Utilizadores nos fan pensar que non é moi aconsellable ser inmortal no sistema capitalista. É bastante curioso.

Ray Bradbury é un moi interesante autor, por exemplo, de obras como ?Crónicas marcianas? e a distopía ?Fahrenheit 451?. Por certo, mirando datos sobre el acabo de enterarme que aínda está vivo (ou é inmortal), xa debe andar polos 90 anos. Porén, o seu relato ?A xira de despedida de Laurel e Hardy en Alfa Centauro? non me dixo absolutamente nada. A pesar diso, é un autor a seguir.

Un autor español aínda vivo, chamado Vicente Muñoz Puelles, escribiu sobre ?O gabinete do doctor Velasco?. Polo visto, a historia é real, e fala dun famoso médico e antropólogo madrileño que no s. XIX, grazas ao seu grande prestixio científico, obtivo o permiso das autoridades para embalsamar á súa filla morta aos 15 anos e facer ?vida normal? con ela na casa. Axudáballe niso o seu axudante, que era o mozo da rapaza en vida, e os tres saían a pasear e ?charlaban? na casa todas as tardes. Sería xa de por si unha historia tétrica, pero moito máis se pensamos que está baseada na realidade.

Está moi chulo o conto popular xeorxiano ?A beleza da vida?. Xa se sabe que, en moitos casos, as creacións populares son moito máis fermosas que as de autores recoñecidos.

Tampouco lera nunca ?A sireniña? de Hans Christian Andersen, e non me desagradou.

Italo Calvino participa con ?O tío acuático?. Para min é un dos mellores do volume, pero aínda estou preguntándome que fai neste libro, porque non consigo lembrar que a inmortalidade nin nada que se lle pareza sexan mencionados alí. É unha moi divertida historia sobre os conflitos ?familiares? que se produciron entre os primeiros anfibios, cando as novas xeracións decidiron deixar o mar e intentar desprazarse pola terra, mentres que algúns dos vellos seguían glosando as vantaxes do medio líquido.

Tampouco está mal a obra teatral ?O caso Makropoulos? do escritor checo Karel Capek. O mesmo autor que na súa obra ?R.U.R.? (Os robots universais de Rossum) creou a palabra ?robot?, similar a unha do seu idioma, o checo. Trata dunha cantante de ópera que vive varios séculos con diferentes personalidades, que sempre se esconden tras as siglas E.M., pero con nomes diferentes e en diferentes épocas e países.

O escritor e debuxante inglés Max Beerbohm creou un relato, titulado ?Enoch Soames?, que ten moita fama no xénero fantástico. Eu xa o lin hai anos nunha antoloxía editada por Borges, Bioy Casares e Silvina Ocampo. E quedara fascinado. O que non entendo é porque nesta ocasión o relato me pareceu bastante mediocre. Será o paso do tempo. Trata dun poeta moi mediocre que fai un pacto co Demo (en galego, existe a palabra ?pauto? para ese concepto) para conseguir chegar a figurar nalgunha enciclopedia do futuro como un autor importante.

Vladimir Nabokov participa con ?Vasiliy Shishkov?. Como todo o que lin de Nabokov, non me gustou nada. Ten unha fama tremenda, pero eu sigo sen verlle a pericia por ningures.

Tamén aparece un fragmento dun dos capítulos de ?As viaxes de Gulliver? de Jonathan Swift. Non das dúas primeiras partes, as máis coñecidas, senón da terceira, onde aparecen uns personaxes que son inmortais. Para min, esta obra é unha das mellores da historia da literatura, así que sobran os comentarios. Lembro que tiven que comezar a lela tres ou catro veces, pero cando a rematei, o esforzo valera a pena.

Remata a primeira parte cun relato titulado ?A illa da inmortalidade? de Baltasar Gracian. Non lera nunca nada deste autor clásico español, pero non me desagradou, nótase un estilo barroco que xa non leva pero que deixa abraiado.

A segunda parte fala sobre mitos e lendas da inmortalidade. Comeza cun breve texto de Elías Canetti ao que tampouco lle vexo demasiado interese.

Despois vén un pequeno estudio de Claudio Magris sobre Fausto, que non está mal.

Despois vén un relato de Alexéi Tolstoi sobre a fascinante figura do Conde de Cagliostro, que polo visto existiu e foi un persoeiro do máis interesante. Investigade sobre el, é bastante divertido.

Despois un breve texto, non moi interesante, de Álvaro Cunqueiro, sobre un mito que si é moi destacable, o do Holandés Errante.

A continuación fálase sobre a busca do Santo Grial, un máis dos mitos medievais europeos absolutamente abraiantes.

Balzac fala en ?O elixir da longa vida? dun interesante ungüento que podía proporcionar a resurrección unha vez morto, pero o final da historia é un pouco absurdo na miña opinión.

William Carlos Williams fala en ?A fonte da eterna xuventude? sobre a búsqueda da mesma que se produciu nas primeiras expedicións dos conquistadores a América.

A continuación, Pierre Grimal fala brevemente sobre o mito do Ave Fénix.

E despois, nunha das decisións máis incomprensibles desta antoloxía, o naturalista Pío Font Quer fai a descrición da herba chamada ?Sempreviva maior?. Alucinante.

J. G. Frazer fala sobre a figura mitolóxica do deus exipcio Osiris, e Platón fala na ?Historia de Er o armenio?, que volve da morte e cóntalles aos seus contemporáneos como era a entrada na outra vida.

Gustoume bastante a lenda chinesa da ?Viaxe ao oeste. As aventuras do Rei Mono?. Se cadra foron os primeiros en intuír que entre humanos e primates había bastante parecido.

A continuación, tamén bastante incomprensible, vén un brevísimo fragmento do Poema de Gilgamesh, anónimo sumerio. Si ten moito sentido que esa obra estea neste libro, pero o fragmento é tan breve que é como non poñer nada practicamente.

Víctor Hugo relata a visita a un lugar onde se amorean cadáveres (semella que son máis momias que esqueletes) en ?Baiona. O osario de Burdeos?, e o volume péchase cunha alucinación de Dalí sobre a inmortalidade, principalmente a súa, xa que di que se vai facer hibernar, e cos típicos delirios egocéntricos deste gran pintor.

E como colofón un brevísimo texto do xenetista Richard Dawkins onde fala da inmortalidade dos xens, non das células onde se atopan pero si deles por si mesmos.

Agardo que este pormenorizado estudio vos anime a investigar nalgunhas das historias, mitos e lendas que aquí se recollen.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-01-2011 15:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0