Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

País Valenciá II

Bastante tempo despois da realización da propia viaxe (debido ao moito traballo que impediu a actualización do noso blog), imos facer a crónica da última expedición de Viaxes O Lóstregho: a segunda parte da nosa exploración da Comunidade Valenciana. Foi na Semana Santa de 2010, xa lonxana.

Antes de comezar, e a modo de conclusión e análise da Comunidade Valenciana, visitada en dous prazos (o primeiro foi na Semana Santa de 2010), non podemos ocultar que é unha zona absolutamente arrasada pola especulación inmobiliaria, e que unha costa que podía ter un certo interese bañada por un mar que non o parece demasiado (iso de que case non teña ondas quítalle moita graza, na nosa opinión), realmente dá bastante mágoa porque simplemente é unha marea de cemento e ladrillo.

É unha das zonas (e xa visitamos bastantes) onde é máis complicado atopar lugares interesantes para visitar, tanto monumentais como naturais, que son a nosa especialidade. Pero se algo hai, diso vos falaremos. Vaiamos entón coa nosa crónica detallada día por día.

- Sábado 27 de marzo: Dedicamos este día a desprazarnos dende Galicia ata Alcoi, localidade do interior da provincia de Alicante elixida como base pola súa ubicación, que nos permitía visitar os nosos obxectivos (provincia de Alicante enteira e sur da provincia de Valencia) con certa facilidade. Como Madrid non nos gusta nada, e moito menos os seus atascos, evitámolos indo pola A-6 ata Adanero (Ávila) e alí collendo a nacional que vai á capital da provincia e despois ata Toledo. E a partir de aí, por unha rede de novas autovías e boas e rectas nacionais, que pasaba por Tomelloso, Alcázar de San Juan e Albacete, chegamos a Alcoi sobre as 7 da tarde dese día.

- Domingo 28 de marzo (de Ramos): saímos de Alcoi coa intención de visitar o sur da provincia de Valencia que quedaba máis preto da costa. Comezamos por Cocentaina, localidade a poucos quilómetros de Alcoi (menos de 10) que, entre outras cousas, ten un prominente castelo nun alto e unhas vistas marabillosas sobre os vales e serras circundantes. Entramos no sur de Valencia e a primeira parada foi en Xátiva, que ten un interesante casco vello e, sobre todo, un impoñente castelo (mellor dito, dous que están unidos por un patio central) que ocupa todo un outeiro. Algo máis ao norte está Alzira, con algúns monumentos interesantes, e que recoñecemos que tamén visitamos en parte polo morbo de que a localidade foi arrasada polo río Xúquer cando se produciu a famosa rotura da presa de Tous. Polo que parece, aínda hai ruínas en parte da cidade por ese feito (e xa case pasaron 30 anos) pero non as atopamos, e aínda que a cidade está case cercada polo río, non fomos capaces de percibilo estando alí. Si que hai que dicir que é completamente chá, un auténtico prato, e os planos din que boa parte da cidade está arrodeada polo Xúquer, polo tanto o perigo de riadas é grande. Collemos en dirección a costa e pasamos pola Valldigna, e alí está o mosteiro, con algúns detalles moi interesantes na súa construcción. Xa de volta para Alcoi pasamos por Gandía, exemplo do destrozada que está a costa levantina e sofremos algunha tortuosa estrada que no mapa non semellaba tan desastrosa.

- Luns 29 de marzo: Saímos en dirección ao norte da costa alicantina. A primeira parada foi Denia, á que xa non lle queda moito máis que o castelo (e tampouco é para tanto) e o barrio mariñeiro, de coloridas casas. Indo para Xábea, moi cercana, pásase polo Parque Natural do Montgó, impoñente monte cercano ao mar que lle dá moito color a esta zona da costa. Entre estas dúas vilas está o Cap de Sant Antoni, coa moi boas vistas da costa. Xábea é unha vila moi chula na súa zona vella. Pola contra, o Cabo da Nau, tan famoso por ser o punto máis oriental da península ibérica, está absolutamente invadido polas construccións. Algo máis adiante hai unha vila costeira bastante xeitosa chamada Moraira, cun pequeno castelo na mesma praia. E algo máis ao sur vén unha das poucas xoias desta zona: o Penyal d'Ifach. Á altura de Calpe, temos este parque natural que contén un peñón (na foto) que os árabes chamaron no seu momento "Ifach" (norte) para distinguilo do outro do sur, o de Xibraltar. Ten algo máis de 300 metros de altura, e obviamente, subímolo. Hai unha ruta que comeza nun tranquilo camiño empedrado en zig-zag. Pero chegado un punto, hai un túnel perforado na pedra caliza, e pásase á parte do peñón que dá cara o mar. Alí o camiño xa é máis duro, a pedra caliza ten moitas aristas e nalgúns puntos de máis risco hai cordas para axudar o paso (iso xa é indicio de algo). Unha caída nesas zonas supón fracturas aseguradas, senón algo moito peor. Pero cun pouco de coidado súbese. Nós subimos nun moi bo día, se chove a cousa xa pode ser moito máis perigosa polo risco de esvarar. Rematamos a densa xornada cunha breve visita a Altea, vila que na súa zona alta e vella nos gustou moito, lembrounos bastante a Cadaqués (na costa brava de Girona), un dos lugares máis marabillosos da costa mediterránea española.

- Martes 30 de marzo: A primeira parada deste día foi Guadalest. Unha curiosísima aldea, moi pequena (a parte que interesa, a outra é algo máis grande) que consiste nunha única rúa, cunha praza, que ten boas vistas a un encoro e unha serra. O curioso da aldea é que se accede unicamente por unhas escaleiras que dan a un túnel excavado na rocha. Moi pintoresco o lugar, hai que recoñecelo. Despois pasamos pola inefable Benidorm, porque tiñamos interese en fotografiar o seu "skyline". Ao saber que no extremo norte da cidade (e da praia) había un monte elevado, pensamos en subir a el para sacar unha panorámica high-tech da construcción de rañaceos na costa levantina. E fixémolo, que panorama máis desolador! Despois proseguimos a La Vila Joiosa (Villajoyosa o topónimo en español), un pintoresco pobo mariñeiro con casas de cores no porto e nos acantilados sobre o río. E rematamos o día en Alacant, a capital da provincia. Algún edificio na zona centro (como o concello que marca o nivel do mar en toda a península) e o castelo de Santa Bárbara e para de contar. Unha das capitais máis horrendas que vimos nunca, non se pode negar.

- Mércores 31 de marzo: Fomos ata Santa Pola, vila turística que tampouco ten absolutamente nada que ver. A idea era coller un barco ata a cercana illa de Tabarca, no seu día refuxio de piratas e colonos. Obviamente, agora só é refuxio de turistas. Pero foi unha das cousas máis interesantes que vimos nesta viaxes. Unha metade da illa está urbanizada, con rúas, establecementos, casas, igrexa, estrutura cuadriculada, chiringuitos, etc. Na outra metade hai calas, un antigo cuartel, un faro e pouco máis, pero polo menos manda a natureza. Non é unha marabilla o lugar, pero comparado co que hai no continente a poucos quilómetros, aínda destaca. Detalle incrible: pertence ao concello de Alacant, alí había unha oficina da policía local. Voltamos á costa e baixamos cara a Torrevieja, a ver algo das súas famosas salinas. E despois, cara o interior, a ver Orihuela, a terra de Miguel Hernández, con moito patrimonio monumental. Efectivamente, unha vila ben interesante e con moita historia. A casa de Miguel Hernández, o convento, impresionante e grandioso colexio, a catedral, e varias prazas e igrexas moi interesantes, a parte do paseo no río Segura. Pero está a 10 quilómetros da provincia de Murcia, e xa se nota o influxo cultural do sur. Rematamos o día ceando en Elx, que visitaríamos ao día seguinte.

- Xoves 1 de abril: A primeira visita en Elx foi un par de quilómetros máis ao sur, en L'Alcúdia, xacemento arqueolóxico con restos de moitas civilizacións diferentes, a primeira a dos iberos, xa que alí se atopou a moi célebre "Dama de Elche". En Elche visitamos os monumentos máis salientables e algúns dos palmerais. Hai que aclarar este tema: o famoso Palmeral de Elche non é un só, senón moitos hortos e recintos máis ou menos adxacentes que ocupan unha terceira parte da cidade (a oriental principalmente). Na parte occidental, ao outro lado do río Vinalopó, hai un inmenso ensanche cuadriculado. É unha vila de 200.000 habitantes. Despois fomos visitar Novelda, pero o máis interesante estaba a uns 3 ou 4 quilómetros, nun outeiro. Alí atopábase o Castelo da Mola e ao seu carón unha igrexa modernista que lembraba moito ao Pazo Episcopal de Astorga, obra de Dalí. Un pouco máis adiante, en Monóvar, visitamos a Casa Museo Natal de Azorín. E despois dunhas breves visitas a varias vilas da zona con interesantes castelos, rematamos o día en Villena, con algúns monumentos interesantes e un impoñente castelo.

- Venres 2 de abril: Comezamos o día visitando en profundidade e fotografando Alcoi, onde fixéramos base, que a esas alturas xa coñecíamos bastante ben. Moi curioso o feito de que en Alcoi hai os barrancos de cinco ríos diferentes (a unión de catro dá lugar ao quinto) e que a cidade ocupa as zonas que hai entre os barrancos, a cidade está chea de pontes e viaductos. E despois fixemos varias visitas no interior da provincia de Valencia. Por exemplo, o poboado ibero de La Bastida dels Alcusses. E as vilas de Bocairent e Ontinyent, con algúns monumentos interesantes, pero tampouco demasiados.

- Sábado 3 de abril: Voltamos para Galicia exactamente pola mesma ruta que na ida.

Agardo que vos gustara a crónica e que poidades extraer algúns bos consellos e conclusións dela.

Saúdos. Viaxes O Lóstregho.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-05-2010 01:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0