Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

América para armónica e orquestra
O anxiño que coida de min fíxome un regalo de Reis: conseguíume unha entrada para o Concerto de Reis da Fundación Barrié na Coruña.

Ao igual que me pasa case sempre que vou a ese lugar, sexa para ver teatro, música clásica ou jazz, acabo pendurando aquí un longo artigo sobre as miñas sensacións. Hoxe non vou ser menos, hai moito que contar. Así que se non tedes moita presa e nada mellor que facer aínda vos vou entreter un bo pedazo.

O concerto titulábase "América para armónica e orquestra". Tocaba a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Enrique Diemecke e co solista de armónica Robert Bonfiglio. O programa era o seguinte:
- "Concerto para armónica e orquestra" do compositor brasileño Héitor Villalobos (da primeira metade do s. XX)
- "Catro danzas do ballet Estancia" do compositor arxentino Alberto Ginastera (metade do s. XX). Ao final só tocaron tres das catro danzas.
- "Obertura de West Side Story" do compositor americano Leonard Bernstein.
- "Hoe-down do ballet Rodeo" do compositor americano Aaron Copland.
- Un "medley" de pezas de Elvis Presley.

Como vedes, todo moi americano, pero hai moito que contar, sobre todo sobre os dous americanos invitados a participar, o director e o solista de armónica.

Para empezar, supoño que un grupo que interpreta música clásica habitualmente, como é a OSG, sentirase moi a gusto cando pode liberarse dese marco e moverse un pouco máis libre, en ritmos máis modernos. Digo eu. E que sempre pode agradecer, tamén o público, que chegue alguén que se saia un pouco dos ríxidos corsés da música clásica. Pero os dous señores do outro día saíanse bastante dese corsé.

Por unha banda, o director era bastante pouco ortodoxo, mexicano de orixe alemá. Na miña humilde opinión, bastante pallaso. Cando ía comezar o "rodeo" de Aaron Copland saíu cun chapeu que lle tirou a un músico (o músico tocou con el toda a peza). Estaba continuamente xirándose cara ao público, dando xiros que parecían de toureiro, dicindo "mambo" na peza de West Side Story. Non é que se saíra do corsé clásico, este queimouno antes de nacer. E estou resumindo as súas actuacións para non cansar moito.

E que dicir do "armoniquista" Robert Bonfiglio. Déixovos dous vídeos, o primeiro con bucólicas paisaxes dun dos movementos de Villalobos que tocou e despois outro no que se lle ve co seu grupo co estilo e indumentaria coa que tocou as pezas de Elvis.

Obviamente, a primeira peza, clásica, tocouna vestido impecablemente, e para a segunda, a de Elvis (non tocou nas outras), xa saíu como se lle ve no segundo video, de camiseta negra (coido que dos Rolling Stones), con tirantes negros e botas campeiras. Ao despedirse a primeira vez, xa anunciou que volvería na segunda parte, e fixo un pequeno adianto en clave sureña, xa cheiraba mal a cousa. E sei que a camiseta era dos Rolling Stones porque cando saímos alí estaba no corredor vendendo e asinando os seus discos. Patético. Non moi lonxe estaba o conselleiro de Cultura arrodeado dalgúns outros do PP, ou sexa que a saída era do máis triste que se podía esperar. Deume a impresión de ser o típico cateto prepotente que pensa que América está moi por riba do resto (vaia, acabo de fixarme que o comentario vale para calquera dos dous).

Que vos diría sobre o resultado final: non estivo mal pero sobraban pallasos. Claro, na culta Europa dedícaslle un concerto a América e poden pasar estas cousas. Vaiamos por partes:
- Concerto para armónica de Villalobos. Non estivo nada mal, e o Bonfiglio este fíxoo excepcional. Non se lle pode negar que o seu nivel de virtuosismo é espectacular, os músicos non facían máis que recoñecelo. Pero teño entendido que esta é a ÚNICA PEZA DE MÚSICA CLÁSICA PARA ARMÓNICA. Este señor gánase a vida, entre outras cousas, tocando esa única peza por todo o mundo. Xa leva máis de 300 ocasións.
- Danzas de Ginastera. Gustáronme, moi movidas, ben. Pero o director xa empezou a facer pallasadas.
- West Side Story. Un dos meus musicais favoritos (e son moi poucos os que me gustan). Houbo que soportar ao director, de novo.
- O Rodeo de Copland. Ben, pero o director facendo o tonto de novo.
- Elvis Presley. Non me chama a atención, só dúas ou tres baladas, que obviamente foron interpretadas, pero os seus rock and roll non me din absolutamente nada. Nos anos 50 serían rompedores pero eu nacín despois e nunca me chistaron. O armoniquista fixo bises ata cansarse, estaría quentando a man para asinar discos despois.

Isto foi todo o que deu de si para min o concerto do outro día. A ver se me invitan a outro similar, xa vedes vaia diversión!!

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2010 22:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0