A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
A semana pasada estiven no cuarto partido da selección galega de fútbol, segundo que xoga na Coruña, que enfrotou a Galiza con Irán.
Non estivo mal o partido, os iraníes non xogan mal ao fútbol, e iso que non estaban as principais figuras, e a selección galega non o fixo mal.
Destacou especialmente Nacho Novo, que xa dixera moitas veces que tiña moitas ganas de xogar pero que nunca podía porque en Escocia non paran a liga no Nadal.
Tanto foi así, que seis horas antes deste partido estivo xogando outro en Glasgow, colleu un avión privado e chegou a Alvedro hora e pico antes do partido contra Irán. Pero non se lle notou, pelexaba todos os balóns e causou moi boa impresión.
Estaría ben que algún equipo galego o fichara, por exemplo o Deportivo. Pero xa verás, seguro que fichan a calquera estranxeiro que se lles poña a tiro en canto teñan ocasión.