A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
Nos últimos días deste atípico verán, revisando a programación das cadeas de televisión, topei cunha película de título e tema suxerente, e probei. A película se titulaba ?A cidade de ouro do Capitán Nemo?, foi dirixida por un tal James Hill en 1969, e os actores máis célebres eran Robert Ryan e Chuck Connors. Parece ser unha secuela británica da historia de ?20000 leguas de viaxe submarina?. Como as historias de Xulio Verne me parecen interesantes, e especialmente esta, e tamén o personaxe do Capitán Nemo e o submarino Nautilus, animeime.
Está un barco navegando e naufraga debido a unha tormenta. Varios dos tripulantes non poden subirse ás balsas salvavidas, e comezan a caer cara ao fondo do mar, onde lles esperaría a morte. Pero nese momento aparecen uns submarinistas, reanímanos co aire das súas bombonas de osíxeno, e lévanos para un submarino. Ese submarino é o Nautilus, comandado polo mítico Capitán Nemo. Como a historia está ambientada no século XIX, todo resulta novidoso e extraordinario para os seis náufragos que salvaron a vida de xeito milagreiro.
E moito máis incrible resulta cando, en vez de vagar continuamente polos fondos submariños no Nautilus, os levan a Templemar, a cidade de ouro submariña que construíron (de feito, o título orixinal da película traducido é ?Capitán Nemo e a cidade submariña?, neste caso non fai referencia á que sexa de ouro, aínda que ten bastante importancia na trama).
Se non lembro mal, o barco que naufragou era estadounidense, e levaba a persoas desa nación a Gran Bretaña. E iso pode explicar en parte, aínda que con outros países pasaría algo similar, supoño, a sensación que causa en varios deles que absolutamente todo sexa de ouro, entre outras cousas porque explican que ao separar as moléculas da auga para conseguir osíxeno, o residuo que aparece é ouro, e que xa non saben onde metelo, ata teñen un depósito de chatarra dourada, que deslumbra a varios dos náufragos.
Os náufragos son seis: un senador estadounidense, a que podería ser a súa parella e o seu fillo, un enxeñeiro claustrofóbico ao que lle falta o aire na cidade, e dous tipos moi avaros que son os principais alucinados da abundancia de ouro, e cuxa codicia se dispara. O enxeñeiro só quere marchar de alí, e provoca un accidente que puido destruir á cidade, pero ao final só provoca uns certos desperfectos e acaba coa súa propia vida. Os dous avaros están sempre pensando en coller todo o ouro que poidan e marchar para facerse ricos na superficie. A muller e o rapaz están bastante a gusto en Templemar e acaban ficando alí. O senador tamén estaba bastante a gusto alí, incluso estaba comezando a facer moi boas migas cunha profesora da escola submariña, pero consegue escapar porque ten importantes labores que desenvolver na superficie. Por certo, a vida alí abaixo era absolutamente placenteira, pero algunha xente sempre quere máis.