A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.
O libro "A orixe das especies" de Charles Darwin foi publicado en 1859. Varias décadas despois de rematar a famosa expedición do Beagle, Darwin animouse a pubicar as controvertidas conclusións que levaba tempo rumiando. Non se atrevera antes porque sabían que ían resultar moi escandalosas, sobre todo nas xerarquías eclesiásticas e os seus feligreses, que tiñan daquela aínda moito poder.
No ano 2009 cumpríanse 150 anos daquela efeméride, e cónstame que houbo moitos actos e eventos relacionados con el, sen ir máis lonxe, aquí mesmo en Galicia. Por exemplo, promovidos pola USC, que editou unha tradución ao galego da obra (que eu lin, aínda que me custou, porque é moi densa e intensa). E tamén editou este libro que lin estes días, un compendio de traballos e artigos sobre o impacto do darwinismo en Galicia, tanto na época, como agora. Como editor da obra actuou o eminente Francisco Díaz-Fierros.
O libro está ben, pero resulta algo repetitivo. Supoño que o editor xa faría o máximo posible para que os temas e autores non se solaparan demasiado, pero nalgúns casos resultou moi difícil.
O que está claro é que non pasou tanto tempo e o peso da opinión do dogma da igrexa católica (xa non me falo das outras) en todas as actividades, incluso as intelectuais e científicas, debía ser insoportable. Menos mal que agora respiramos algo máis libremente.