Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

No corazón do mar
Comecei o ano 2019 con forza, e xa me merendei un libriño. Certo é que non era un "tocho" insufrible nin inmenso, pero non está mal para comezar.

Este libro xa levaba varios anos na miña casa, tiña unha idea aproximada sobre o que trataba (máis ou menos esquecida polo tempo transcorrido), pero levei unha certa sorpresa, e positiva, polo que finalmente resultou. A ver se consigo explicalo ben.

Seguro que todos escoitastes falar da famosa novela "Moby Dick", escrita polo novelista norteamericano Herman Melville a mediados do século XIX. Está considerada unha gran novela, unha das bases da novela norteamericana (que tampouco teño tan claro se é tanta honra), e fíxose algunha versión cinematográfica que acadou grande fama.

Pois este libro que lin, titulado "No corazón do mar", e escrito por Nathaniel Philbrick, é algo así como unha crónica ou investigación do que lle pasou ao barco baleeiro "Essex" a comezos do século XIX, truculenta historia que marcou á sociedade americana durante décadas. E Herman Melville inspirouse nalgúns aspectos desa historia para crear a desacougante "Moby Dick", pero vaia, non son a mesma historia.

Eu lin hai anos Moby Dick, e vin a película famosa protagonizada por Gregory Peck (non sei se houbo máis versións) e, se non lembro mal, centrábase na persecución do cachalote ou balea branca e no rancor e ansia de venganza do Capitán Achab, que xa fora ferido por ela. Sinto o spoiler pero o final desa novela consistía en que o cachalote se sumerxía, despois de ser arponeado, e levaba para o fondo ou a pequena barca baleira na que estaba Achab (creo que era así) ou o barco "Pequod" completo (creo que non era así). Pero vaia, o espírito da historia era ese. Para rematar este comentario, teño entendido que o libro "orixinal" era moi extenso e que tiña longos capitulos dedicados a falar da psicoloxía de Achab, do cachalote, do mar e da vida no mar. Eu creo que lin unha versión "resumida" na que suprimiran todo iso, e deixaran só as partes de "acción".

A novela publicouse en 1851, pero esta historia transcorreu 30 anos antes, concretamente nas últimas semanas de 1819 e as primeiras semanas de 1820, e ten algunhas similitudes con esa historia de Melville, pero só algunhas. A principal é a de comezar a ver aos cachalotes (polo menos a algúns) como seres malignos que podían atacar e vengarse dos barcos baleeiros. A pesca da balea en Norteamérica estaba crecendo a un ritmo desenfrenado e eran especialmente apreciados os cachalotes, polos seus inmensos depósitos de aceite ou espermaceti. Pero ata aquel momento, eran uns animais moi inxenuos e que resultaban moi doados de atacar e cazar, pola súa extrema confianza. Esta terrible historia fala por primeira vez dun cachalote que ataca un barco, pero o máis terrible foi o que pasou despois, así que o feito de que houbera un cachalote máis agresivo que os outros, sorprende bastante, pero é relativamente secundario na historia. Porén, na novela de Melville, é un feito esencial a "maldade" do cachalote. Parece que Melville coñeceu en persoa a algún familiar dos supervivientes deste incidente, e quedou moi obsesionado coa historia.

Vaiamos co tema. Pois nada, a mediados de 1819 partiu da illa de Nantucket (na costa leste dos Estados Unidos, cerca de Boston), que era a principal sede dos baleeiros americanos da época, un barco máis deste tipo, chamado o "Essex", que xa fixera varias viaxes, pero ía algo vello, tiña uns 20 anos. Estreaba capitán, George Pollard Jr., e levaba, como era habitual nesa época, a moitos mariñeiros inexpertos, como rapaces adolescentes, ou negros que non tiñan experiencia no mar, pero tamén querían saír da pobreza. É importante sinalar que o primeiro oficial era un tal Owen Chase, que tiña xa coñecementos e maneiras de capitán, pero que non o era, porque xa había outro máis maior e experimentado.

Cruzan o Atlántico, paran nas Azores, en Cabo Verde, e cruzan o Cabo de Hornos, xa con algúns desperfectos porque se cruzaran con algúns temporais moi fortes. Nada que non fora habitual nesa época e dedicándose a iso. Van subindo pola costa oeste de Sudamérica, paran nas Galápagos para aprovisionarse, por exemplo, de carne de tartaruga xigante. E pouco despois diso, chega o momento clave.

Xa levaban recollido o aceite duns cantos cachalotes, algúns bastante grandes, e atopan un que parece especialmente grande. Comezan a persecución, pero nalgún momento, cando crían que xa o tiñan dominado, mergúllase, e aparece pouco despois cerca do barco, e atácao cunha inusual violencia. Deixa o barco bastante tocado e aparece de novo moi cerca del, e Owen Chase, que tiña o arpón na man, decide non lanzalo, porque o cachalote estaba moi cerca do timón, e se reaccionaba con violencia, podía destrozar o barco e deixalo sen goberno. Polo visto, este feito aparentemente secundario traumatizou a Owen Chase e parte da tripulación durante bastante tempo. O caso é que o cachalote escapa, canto estivo a tiro, e pouco despois, volve atacar o barco, e déixao totalmente desarborado.

Entón, aos mariñeiros do barco non lles queda máis remedio que baixar ás tres barcas baleeiras que lles quedaban (deberían ter máis, pero naquela viaxe moitas cousas estaban saíndo mal) e comezar a buscar unha saída. Estaban no medio do Pacífico, moi lonxe de todas as illas coñecidas, e a cousa pintaba moi mal. Un detalle importante é que decidiron non deixarse ir cara ao oeste, que era o que lles quedaba máis cerca e favorable polas correntes e os ventos, porque nas Illas Marquesas e o que hoxe coñecemos como Tahití, dicíase que os nativos eran caníbales (xa veredes que importancia acaba tendo isto).

Así que comezan unha estraña e errante travesía polo Pacífico, a varios miles de millas de Sudamérica, para intentar atopar illas, terra, ou cruzarse con algún barco baleeiro que os salve. Incluso atopan un illote de tipo coralino, no que tres mariñeiros deciden quedar, para ver se alguén os recolle alí. A deshidratación, a inanición e a sede fan estragos.

As tres barcas están lideradas por George Pollard, Owen Chase e a última e máis sinxela por Matthew Joy. A e Owen Chase, nunha noite e sen querer, sepárase das outras dúas. Despois de esgotar as reservas de alimentos, van morrendo os tripulantes nas diferentes barcas. E por moito que lles doa, a desesperación fai que se plantexen a posibilidade de comer a carne dos mariñeiros mortos, para sobrevivir eles. Así que o canibalismo que tan mal lles parecía dos nativos das illas do Pacífico, acaban practicándoo eles cos seus propios compañeiros. Ademais, dase o caso, aínda que parece que foi por motivos fisiolóxicos, que a maioría dos primeiros homes que morreron, e foron devorados polos demais, eran negros. Esa parte da historia non gustou nada en Nantucket, aínda que non parecía haber motivos racistas nin nada parecido. Incluso se deu algún caso bastante feo, como a barca de Pollard, no que botaron a sortes quen era o seguinte en morrer, para alimentar aos demais, e tocoulle a un familiar de Pollard. Incluso había rumores de que o matara el mesmo, pero semella que non era certo. Pero esa historia perseguiuno sempre.

O final foi moito mellor do que parecía inicialmente. Da barca de Chase, salváronse tres, da barca de Pollard, dous, e os tres que quedaron no illote coralino foron recollidos uns meses máis tarde. Todos volveron, antes ou despois, a Nantucket, e foron intentando refacer as súas vidas. Pero esa historia marcou a vida dos baleeiros da illa e a do país, en certa medida.

Ou sexa, libro moi interesante que conta unha historia ben atractiva. Outra cousa é que resulte algo truculenta nalgúns pasaxes, é lóxico, pero apréndese moito e non se aburre un nadiña.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2019 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0