Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Karl Marx
Este ano 2018 cúmprense 200 anos do nacemento de Karl Marx. Aproveitando esa efeméride, metinlle o dente a un libro que xa mercara hai 5 ou 6 anos coa súa biografía, escrito por Jonathan Sperber, profesor da universidade de Missouri e experto en historia europea.

En primeiro lugar, habería que ter claro se o autor do libro é unha persoa suficientemente obxectiva (se é que iso existe) para afrontar a biografía dun persoeiro tan controvertido coma este. Porque Marx non fai prisioneiros, ou te decantas polas súas teorías ou estás totalmente en contra (pensaba eu en xeral). Pero pareceume que o autor era bastante obxectivo na análise da súa traxectoria.

Despois podería dicir que a figura de Marx me decepcionou un pouco, non sabería como explicalo. Está claro que era un gran pensador (esteas ou non de acordo coas súas teorías) e algo debeu facer ben cando segue tendo tanta presenza na teoría da economía politica. Incluso os seus detractores o utilizan a el como referencia para posicionarse.

Tamén é certo que resulta algo complexo entender a sociedade na que lle tocou vivir. A Europa do século XIX na que viviu era algo ou bastante diferente do mundo actual, e polo tanto algunhas percepcións que teñamos nós agora poden ser totalmente insensatas.

Pero hai algunhas cousas que non me caben moi ben na cabeza. Por exemplo, a pesar de que tiña unha grandísima capacidade intelectual e de análise, dá a impresión de que "malgastou" un tanto o tempo dos estudios, e iso imposibilitouno para ganarse a vida con folgura e solvencia. É tremenda a miseria que pasou el e a súa familia (morréronlle varios fillos) porque decidiu que a única forma de sustento ía ser escribindo artigos para xornais (ou ser el mesmo o editor, se podía) ou escribindo libros onde compendiaba as magníficas e elaboradas teorías de economía política que ideaba. Foi sobrevivindo en moitas ocasións grazas a Engels, que ganaba cartos con máis facilidade, aínda que tampouco andaba tan sobrado.

Por outra banda, despois de ler a biografía, deume a impresión de que el e Engels (nunha biografía de Marx, Engels tamén ten moito peso, obviamente) debían ser dous personaxes "de coidado". Polo que parece, Marx era unha persoa encantadora nas distancias curtas e tiña un poder de convicción tremendo. Pero non era un grande orador (entre outras cousas, porque ceceaba) e raramente particiba en mitins, asembleas ou actos públicos con moita xente. Pero ademais diso, parece que era bastante inflexible e intransixente. Se te levabas ben con el, magnífico, pero como te levaras mal (e iso pasoulle a moita xente, polo visto), os seus ataques eran despiadados. Engels, apodado "O Xeneral" (porque lle interesaba moito o mundo militar) era aínda máis desagradable, e lle caía mal a moita xente. En definitiva, os dous xuntos eran case un bloque monolítico, convenceron a moita xente para apoiar o socialismo e o comunismo, pero tamén conseguiron enfrontarse a case todos, e remataron a súa vida case sós no movemento.

Por outra banda, eran alemáns (cando existía esa cousa chamada Prusia, que debe coincidir coa parte norleste da actual Alemaña), pero debido ao seu radicalismo político, pasaron boa parte da súa vida exiliados. Marx viviu nos primeiros anos da súa vida en Tréveris (onde naceu), Bonn, Berlín e Colonia (a grande cidade da súa Renania natal e onde tiña os seguidores máis fieis), e despois tivo que marchar a París e Bruselas. A segunda parte da súa vida foi en Londres (onde está enterrado). Engels tivo unha traxectoria parecida, pero a súa etapa inglesa viviuna principalmente en Manchester, onde a súa familia tiña industrias textís. E o máis curioso é que falaban e escribían practicamente todo en alemán (¿¿??). Ao final da súa vida, xa sabían manexarse en francés e inglés, pero a súa lingua principal seguía sendo o alemán, en Londres.

Máis curiosidades foron as da súa familia. Admiraba moito ao seu pai, avogado que pasou de ser xudeu a protestante para poder exercer a súa futura profesión (está moi ben explicado ao comezo do libro, é bastante flipante a cousa). E desprezaba bastante á súa nai, coa que nunca tivo unha boa relación, unha holandesa da que basicamente quería que lle liquidara a súa parte da futura herdanza cando morrera.

Casou con unha muller de Tréveris máis maior ca el (isto era rarísimo na época) e foi un matrimonio moi fiel. Tiveron bastantes fillos, pero varios morréronlle, sobre todo en Londres, onde pasaron moita miseria. Aínda que iso da fidelidade tamén está en entredito, porque parece que tivo un fillo coa criada alemá que os acompañou en Londres, e que Engels asumiu a paternidade daquel fillo, para que a familia non se disolvera (¿¿??).

Aparte da súa ideoloxía, máis ou menos coñecida, tamén me chamou a atención que as dúas cousas que máis odiaba no mundo eran dúas nacións preponderantes na súa época: a Prusia que pretendía dominar Alemaña, e a Rusia zarista (neste caso incluso xustificaba e apoiaba o terrorismo, só neste caso).

Pois nada, un personaxe moi polifacético e controvertido, do que aprendín moito, pero que non era exactamente como eu esperaba, que lle imos facer!!! Ah si, e como era de tez algo oscura, a familia e os amigos coñecíano como "o moro" (sorpresón).

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2018 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0