Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A noite do cazador
Onte comezaba o xa célebre ciclo Cinenterraza que se fai todos os meses de xullo no vestíbulo do Fórum Metropolitano da Coruña. Seguen con iso do "cine de culto" (que nunca entendín moi ben que significa).

E este ano comezaron con "A noite do cazador", película do ano 1955, a única dirixida polo magnífico actor Charles Laughton, e que ten unha historia bastante maldita ao seu redor.

En primeiro lugar, parece que foi a única porque, a pesar de que agora é moi apreciada, foi un fracaso de público e crítica clamoroso. Polo que lin hoxe, Laughton tamén dirixiu algunhas escenas dalgunha outra película, pero non é un dato moi difundido.

Por outra banda, parece que a relación entre actores e director non era perfecta en todos os casos. Por exemplo, dise que a relación entre Robert Mitchum e Shelley Winters non era a ideal precisamente. Dame a min que Mitchum debía ser un bo elemento, ademais. Tamén se di que o director non soportaba aos nenos, pero iso xa é moi discutido (creo que a Hitchcock tamén lle pasaba algo parecido). Pero iso xa me soa algo estraño, porque de ser así, semella algo raro escoller este guión para a túa primeira película como director, se os protagonistas tan relevantes son nenos (e creo que Hitchcock non o facía nunca, semella coherente).

En xeral, a película está bastante ben, pero non vou beber os ventos por ela, como fai tanta outra xente. Penso que non a vira, pero había algunhas escenas que me soaban algo, como a nai morta no leito do río, así que debín ver fragmentos nalgún momento.

A fotografía é fantástica, o xogo de luces e sombras, que o converte como nunha especie de conto, é marabilloso, moi ben elixido.

A miña "crítica" vai pola historia en sí. Todo xira en torno a un personaxe moi malvado, que representa a un falso predicador que en realidade vai matando mulleres ás que engana con moita facilidade para roubarlles os cartos. E iso sucede durante a Gran Depresión, con moita pobreza nos Estados Unidos.

Pois ben, esa historia pode conmover aos panolis que poboan ese grande e poderoso país, pero a min non me di nada en absoluto. Se nesa época (e incluso agora en moitos sitios da América profunda), hai mulleres que caen rendidas porque ven un home que se fai pasar por predicador, e todas as solteiras e viúvas queren casar con el porque ten boa voz e canta moi ben, paréceme fantástico.

Pero no mundo civilizado iso non pasa. Seremos máis pobres e menos poderosos, pero gilipollas non tanto. A nosa sociedade terá absorbido a súa estúpida cultura por razóns bastante incomprensibles, pero a determinados niveis aínda non chegamos.

Polo tanto, a historia está máis ou menos ben, os personaxes máis ou menos ben perfilados, xa digo, a luz da película é alucinante, pero o personaxe principal, no meu mundo, é ciencia ficción. Iso só pasa ou pasou en determinados paraísos de cavernícolas e mastuerzos, así que as historias que lles pasen a esa xente pola súa estupidez, a min non me chegan á fibra. E nin como ficción me interesan demasiado.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-07-2018 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0