Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Upstream color
Isto vai ser moi difícil de explicar. A última película do ciclo "Ciencia e Cine" que botaron este pasado mes no Fórum Metropolitano da Coruña titulábase "Upstream color", e foi a segunda película de Shane Carruth.

Shane Carruth é un director independente americano que "deslumbrou" no ano 2004 coa súa primeira película, titulada "Primer". Bastante difícil de entender por completo pero bastante atractiva en xeral, por tratar de saltos no tempo, universos paralelos, etc. (ben, atractiva... para quen nos atraian esas cousas, obviamente). Tivo un certo éxito e premios, sobre todo no mundiño cinéfilo alternativo, e converteuse en película de culto.

E creo que xa daquela, Shane Carruth dixo que xa tiña a idea para a segunda película, pero que non quería precipitarse, porque el dicía que ía ser un pelotazo. Claro, todo autor ou autora di barbaridades desas, pero despois de ver a súa primeira película, nos deixou algo expectante por saber que podía inventarse despois de sorprendernos bastante con "Primer". O caso é que eu me esquecín por completo deste tipo, ata que hai unhas semanas vin que botaban esta película no Fórum, e investigando, vin que era esa famosa segunda película que pretendía facer. Esta é de 2013, así que tardou nove anos, non foi sen tempo...

Agora toca explicar de que vai, e iso xa é tarefa ben esixente. Despois de vela, e ler algún folleto, vou pillando algo de que vai. Fáltame por mirar algunha web que a explique, acabo de atopar unha en inglés, despois botareille un ollo. Voume lanzar á piscina sabendo que me faltan algunhas pistas para entender a historia, a ver como vai a cousa.

Todo xira en torno a unha muller chamada Kris. Unha noite, nunha discoteca, un tipo ofrécelle unhas pastillas. O que ela non sabe é que nesas pastillas non van as drogas ou sustancias habituais, senón uns pequenos vermes que o traficante sacou duns tiestos, porque parece traballar nun viveiro ou algo similar.

Un pouco máis tarde, o tipo saca a Kris aturdida da discoteca, e durante unhas horas ou días, van visitando oficinas bancarias de onde ela vai sacando uns cartos que ela ten no banco, e que lle estivo explicando na casa como e de onde podía sacalos.

Polo que parece, a inxestión deses vermes fai que o ladrón consiga dominar a súa vontade con total facilidade. Posteriormente non lembrará ter realizado ningunha destas accións que lle arruinan a vida.

Agora entra o coidador de porcos, que isto si que ten tela. Un dos personaxes principais da película, aínda que case non pronuncia unha palabra, é un extraño tipo que ten unha granxa de porcos e que tamén se dedica (debe ser no tempo libre, porque non parece ter relación co outro) a gravar sons da vida e da natureza cun equipo técnico bastante sofisticado.

Pois flipade. Unha noite, este tipo chega cunha furgoneta a un prado, planta uns bafles moi potentes, e comeza a reproducir os extraños sons gravados. E ao pouco, aparece Kris, aínda en estado de shock, e o señor mete a Kris na furgoneta. Pero non é para facerlle o que seguramente estades pensando, non!!! Faille unhas incisións na pel e realiza unha transfusión dos estraños vermes (que xa son longuísimos, de varios metros de lonxitude!!!). E a quen lle pasa eses vermes? A un dos cochos da súa granxa!!!

Cando sucede isto, Kris "esperta" do seu shock, é despedida do traballo porque non é capaz de explicar as súas ausencias, e descubre que sacou todos os seus cartos, pero non lembra como nin cando o fixo, pero as imaxes das cámaras dos bancos confírmano.

Despois diso coñece nun tren a un home que lle atrae, Jeff (interpretado polo propio Shane Carruth). Forman parella e nalgún momento parece verse que Jeff ten as mesmas incisións que Kris, aínda que en ningún momento falan do tema (creo).

Podería estar falando durante horas de "cousas raras" que vin na película e que non consigo explicarme, pero irei resumindo. Pouco despois, o da granxa colle varios cochos da mesma, méteos nun saco, e tíraos nun río, provocando a súa morte. O saco vai avanzando polo río e queda parado nun recanto, xunto ás raíces dunha grande árbore. E pouco despois aparecen alí dúas naturalistas que recollen uns raros exemplares de flores (creo que orquídeas) que se dan xusto na base desta árbore. Esas naturalistas meten esas orquídeas nunhas macetas que teñen exactamente o mesmo logotipo que as que usaba o ladrón para obter os vermes.

Que, como vos quedades? Non está mal, para comezar. E xa digo, podería comentar moitos detalles máis que sabe Dios o que significan, como as moitas referencias á obra "Walden" de Henry David Thoreau, pero iso xa daría para moito. Vou ler esa web en inglés, a ver se me entero de algo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-07-2018 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0