Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Columbus
A ver como o explico. Estaba eu o outro día relaxado, en Semana Santa, sen nada moi importante nin urxente que facer, e decidín mirar que botaban no CGAI, que habitualmente é unha referencia fiable.

Mirei no folleto, e quedei máis ou menos como estaba. Proxectaban unha película de 2017 titulada "Columbus", dirixida por un (ou unha) tal Kogonada. Como non tiña nin idea de que ía o tema, investiguei, e o que atopei tiña boa pinta. Fun vela, e confirmouse que o CGAI é unha boa referencia en moitas ocasións.

Vaiamos por partes. Kogonada debe ser o nome artístico dun novo director de cine americano, de orixe coreana, que ata agora só fixera documentais sobre figuras do cine, pero que tiñan moi boa fama. Esta é a primeira longametraxe á que se lanza, e polo que se ve, sabe de que vai este oficio.

Podemos ir agora co título: "Columbus". Non sei eu demasiado de xeografía estadounidense, pero a min soábame que Columbus era o nome dunha cidade do estado de Ohio. Efectivamente, o é, pero esta Columbus refírese a unha máis pequena (só ten uns 45.000 habitantes), no estado de Indiana. É a cidade na que está ambientada a película, e é unha chulada. Polo visto, esta considerada a meca do modernismo arquitectónico americano (nada que ver co modernismo de aquí). Xera algo de tráfico turístico para ver os seus innovadores edificios de mediados do século XX (por momentos, algún edificio lembra algo a Brasilia).

E agora vai a historia, que é bastante simple e se apoia en poucas personaxes. Entre principais e secundarios con presenza, eu contei cinco persoas. Despois hai máis secundarios pero case testimoniais. Acaba de ocorrérseme que, sendo tan poucos, podo facer a análise un por un:

- Jin: é un coreano, o seu pai é un arquitecto famoso que desencadena toda a historia, xa que se desmaia e entra en coma cando estaba visitando a cidade. As relacións co seu pai son moi malas e levaban tempo sen falarse, pero vén cando o seu pai entra en coma, aínda que apenas vai a visitalo.

- Casey: é unha rapaza de 19 anos, americana, de Columbus. Rematou o colexio, gústalle moito a arquitectura, por iso está moi a gusto na súa cidade, e aínda que todo o mundo da súa idade lle di que se marche de alí e vaia á universidade, a ela non lle apetece marchar e ademais está coidando e acompañando á súa nai, que foi adicta ás drogas no pasado e semella algo (pero non moito) inestable. Traballa nunha biblioteca.

- Eleanor: é unha profesora de arquitectura (ou algo así) que lle estaba ensinando a cidade ao pai de Jin cando se desmaiou. No pasado ela e Jin foron amantes, polo que parece. Tamén coñeceu a Casey, casualmente no pasado, e animouna a estudiar Arquitectura.

- Maria: é a nai de Casey. Foi adicta á metaanfetamina (creo que a iso) no pasado e agora parece rehabilitada, pero Casey non quere marchar en parte para vixiar que todo vaia ben. Parece que tamén ten unha certa tendencia ás relacións sentimentais algo nocivas para ela.

- Gabriel: Compañeiro de Casey na biblioteca, parece que son bos amigos, pero nada máis. En calquera caso, cara ao final vese que a el lle gustaría que a súa relación fora máis íntima, aínda que o di con moito coidado e sensibilidade.

A historia consiste en que Casey e Jin se coñecen cando el vén visitar ao seu pai que está en coma. Van coñecéndose e intercambiando puntos de vista, e o resto de personaxes vai xirando ao redor. A trama é simple pero moi humana, e as conversas son moi intelixentes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-04-2018 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0