Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fulano e Mengano
Hai unhas semanas botaron na 2, no seu habitual ciclo de cine das noites unha película española que, polo visto, tivo moi pouca difusión no seu momento. Xa non lembro os datos, pero estreouse en Madrid ou Barcelona a mediados dos anos 50, con moi pouco éxito, proxectouse na outra grande cidade 2-3 anos máis tarde, tamén con moi pouco éxito, e practicamente desapareceu dos circuitos.

Titúlase "Fulano y Mengano", foi dirixida por Joaquín Luis Romero Marchent, e estivo protagonizada por Pepe Isbert e Juanjo Menéndez.

A verdade é que, despois de vela, e sobre todo na primeira metade, transmite unha tremenda amargura, e non me estraña que non fixera demasiada graza nun país que, mal que ben, supoño que estaría intentando saír adiante despois dunha guerra civil e unha posguerra moi dura.

O personaxe de Pepe Isbert é un pobre que intenta sobrevivir como pode e que acaba no cárcere por ser algo tonto e imprudente. O pouco tempo que pasa alí é moi amargo, porque as "pezas" que están alí dentro búrlanse del pola súa inxenuidade e bondade, e o único "amigo" que fai é un rapaz novo que está totalmente desencantado da vida (protagonizado por Juanjo Menéndez). O resto da película son as súas andanzas ao saír do cárcere, xa que non teñen familia nin cargas de ningún tipo, só pobreza.

Así que se poñen a dar voltas por Madrid, unha cidade autenticamente devastada, con casas en ruínas, que está crecendo e facéndose cos montes agrestes que a rodean. A verdade é que dá bastante medo ver Madrid nas imaxes, pero antes da película o director dicía nunha entrevista da época que non tiveron que recrear nada: Madrid naquela época era así, e punto.

Acaban nunha casa medio en ruínas na que vive un bo tipo que os acolle sen preguntar, e que está algo enfermo. Eles pasean pola cidade intenta conseguir algún traballo, pero non sae nada. Nesta fase, o personaxe de Pepe Isbert aínda é algo optimista e o de Juanjo Menéndez segue moi pesimista con respecto ao futuro.

A persoa que os acolleu ponse moi enferma, e vén a súa filla do pobo para coidalo. Ela dalle unha nova vida e ilusión á casa, pero o caso é que, o seu pai, pouco despois, morre.

E por avatares do destino, alguén que está ben posicionado, sen necesidade de facelo pero con bondade, axúdalles a pagar e organizar o modesto enterro, que eles non sabían nin o que había que facer.

E grazas a esa persoa tamén, conseguen un traballo digno no que van saíndo adiante con certa solvencia. Nese momento, incluso o personaxe de Juanjo Menéndez comeza a mirar ao futuro con optimismo. E a película remata con ese bo rollo, que dende logo na primeira metade non había por ningures.

En definitiva, unha película bastante amarga e cruel que cara ao final vai collendo algo de cor positiva, pero non me estraña que a terrible parte inicial non fixera demasiada ilusión naquela España deprimida dos 50. Boa película, en calquera caso.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-02-2018 13:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0