Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A república dos soños
Para rematar este magnífico verán lector, enfronteime á novela "A república dos soños" da escritora brasileira Nélida Piñón. Ela é filla de emigrantes galegos da zona de Cotobade, e nesta magna obra (cerca de mil páxinas) recrea algo parecido á chegada da súa familia ao Brasil a comezos do século XX.

A novela trata sobre unha familia formada por unha parella de galegos que chegaron ao Río de Janeiro nas primeiras décadas do século XX, e como foi a relación entre os seus integrantes e amigos que andaban ao redor. Está moi ben escrita pero está claro que nunha novela tan longa hai altibaixos, así que hai que botarlle peito para poder con ela.

A continuación vou intentar definir aos personaxes principais da novela:

- Madruga: Suponse que o personaxe vertebrador da historia. Naceu en 1900 nunha aldea galega chamada Sobreira (pola orixe da autora, suponse que no interior pontevedrés). Non estaba moi contento na súa terra e sempre soñou con emigrar a América, especialmente a Brasil. Era fillo de Ceferino e Urcesina. Idolatraba ao seu avó Xan, grande contador de historias. Conseguiu marchar aos 13 anos nun barco dende Vigo, grazas á axuda económica e apoio do seu tío Xusto, un tipo bastante desagradable con todo o mundo pero que se conmoveu coa petición do seu sobriño, xa que el tamén tivera unha aventura americana. Madruga tiña moito empuxe e caracter e conseguiu erixir un imperio económico ao calor do cal viviu toda a familia.

- Eulalia: A muller de Madruga. Tamén naceu en Sobreira. Cando Madruga levaba xa 10 anos en Brasil, e xa tiña éxito económico, volveu a Galiza para casar (non parece estar claro que soubera con que muller ía facelo). Cando viu a Eulalia en Sobreira, decidiu que ía ser con ela. Conseguiu convencer a Don Miguel, o pai de Eulalia, que non estaba nada a favor desa voda. Don Miguel era un fidalgo que soñaba co pasado esplendor de Galiza e se consideraba integrante dunha nobreza galega ancestral. Eulalia era unha muller moi relixiosa. En Brasil, estaba sempre acompañada dunha criada negra chamada Odete. A novela comeza co seu anuncio de que vai morrer en breve prazo, e efectivamente así sucede no tramo final da mesma.

- Esperanza: a filla maior da parella. Unha muller salvaxe e indómita, con moito carácter e moi fermosa. Enfrontábase ao pai con frecuencia, eran dúas persoas con moito caracter. Tiña frecuentes aventuras amorosas, e quedou embarazada fóra do matrimonio, así que o pai botouna da casa e non quixo saber nada máis dela, aínda que ela mantiña algún contacto leve coa familia, sobre todo con Eulalia e Odete. A filla chamouse Breta, é a neta de Madruga e Eulalia que máis presenza ten na novela. Esperanza morre nun accidente de coche cando Breta ten 9 anos, e a neta pasa a vivir coa familia. Ao final da novela da a sensación de que o personaxe de Breta, que é escritora, podería ser a personificación da propia autora.

- Miguel: o segundo fillo da parella. Tiña moi boa relación con Esperanza. Era tamén moi guapo e mulleireiro. Intentaba participar na xestión das empresas familiares, pero as súas continuas aventuras con mulleres non lle facían centrarse no traballo. Tiña unha relación moi tirante coa súa muller Silvia (lóxico, despois de todo o anterior).

- Bento: o terceiro fillo da parella. Cando Madruga e Eulalia levaban xa varios anos casados e tiñan os dous fillos maiores, viñeron a Galiza porque querían que o terceiro nacera aquí. Chamouse Bento pero morreu no barco que os levaba de volta ao Brasil. Obviamente, foi un grande mazazo. Pero ao seguinte fillo que tiveron, xa no Brasil, chamáronlle igual. Era o máis dotado para os negocios, e parecía claro que ía ser o secesor de Madruga á fronte das empresas cando el morrese. Pero non parecía ter unha moi boa relación co resto da familia, estaba sempre pensando e dedicado ao traballo.

- Antonia: a cuarta filla da parella. Por algunha razón, era a menos querida por todos. Ademais, casouse cun tal Luís Filho, dunha rancia familia brasileira moi dotada para os negocios. Todos dicían que era un matrimonio de conveniencia para el, e iso facía que Antonia fora aínda menos querida. E tamén dicían que Luís Filho quería apartar a todos os demais para facerse cargo da empresa, estaba moi enfrontado con Bento.

- Tobías: o quinto e último fillo da parella. Polo visto, era un rebelde cunha ideoloxía moi de esquerda, e por iso tiña moitos enfrontamentos co pai. Tamén por esa razón, tiña unha moi boa relación con Venancio (agora falarei del), o grande amigo da familia, con quen incluso viviu nalgún momento.

- Venancio: viña no barco dende Vigo no ano 1913 xunto con Madruga, coñecéronse alí. Non queda claro cal era a súa orixe. Falaba galego regular, e polo pouco que el contaba, podía ser de orixe andaluza ou incluso xitano, pero é todo moi ambiguo e el prefería deixalo sen aclarar. Era o grande compañeiro de Madruga pero tiñan ideoloxías e caracteres totalmente diferentes. Mentres Madruga era impulsivo e emprendedor, el era moito máis paradiño, conformista e estaba sempre lendo. Tanto é así que parecía como se vivira fóra da realidade, estaba obsesionado coa historia do Brasil no século XIX, e nalgúns momentos non estaba claro se sabía en que momento da historia vivía. Viviu ao comezo con Madruga, pero despois foise vivir só, aínda que era visitante habitual da casa familiar.

Penso que non me deixei ninguén nin nada importante. Pois ben, a novela trata, en continuos saltos temporais e espaciais, da historia desta familia (sobre todo, a través da biografía de Madruga) dende 1900 ata 1980, onde parece estar situado o final da novela, coa morte de Eulalia (e a xa inminente de Madruga e, se cadra, de Venancio). Levoume semana e media lela pero, ao rematar, tiña os personaxes moi gravados. Obviamente, en tantas páxinas poden definirse con moita claridade. Sabendo todo o que sabes ao final, semella un pouco milagroso que a familia non saltara polos aires, porque o choque de caracteres é tremendo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-08-2017 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0