Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Michiel de Ruyter: o Almirante
Chegoume a noticia de que botaban esta película na 2, non tiña nin idea da súa existencia, pero tiña moi boa pinta, e non me equivoquei.

Por comezar por algún sitio, diremos que é unha película holandesa do ano 2015, de batallas marítimas, sobre un feito histórico holandés, obviamente totalmente descoñecido aquí. Así que me agradou ver unha superprodución europea sobre un "tema local" fóra dos inmundos estudios de Hollywood.

Ademais, como é posible que viaxe este verán a Holanda, enterarme de algo máis da historia deste interesante país non me veu nada mal.

A trama xira en torno aos últimos anos de vida do almirante Michiel de Ruyters, un mariño holandés que polo visto está considerado un dos mellores estrategas mariños do seu tempo, e que cunha armada modesta deulle bos golpes aos ingleses e franceses.

Todo isto sucede no século XVII, e polo visto, nesa época Holanda era a única república de Europa, pero non sen polémica. O país estaba enfrontado e polarizado, cos republicanos por unha banda, e os oranxistas pola outra. Seguro que os republicanos tamén tiñan a súa historia, pero na película os monárquicos oranxistas son amosados como moi sectarios e conspiradores sociais (lembroume bastante á dereita). De feito, o príncipe oranxista parece o máis civilizado, con diferenza, non vos digo máis.

O caso é que Johan de Witt, o gobernante republicano daquela época (do que obviamente non oíra falar na miña vida) ofrécelle o posto de xefe da armada a De Ruyter. Este rexéitao porque di que el non é de familia nobre, vén de familia humilde, e que os mariñeiros cren moito nese tipo de herdanzas xerárquicas.

Na seguinte batalla, con outro xefe da nobreza, a derrota é total, e vólvelle a ofrecer o posto. Nesta ocasión acéptao, pero pide contrapartidas a cambio, como aumento dos salarios dos mariñeiros, e novas embarcacións e formación dos mariñeiros en sistemas de sinais con bandeiras, xa que eran unha armada tremendamente anárquica e indisciplinada.

Enfróntanse á armada inglesa, que vai crecida pensando que será o paseo habitual, e infrínxenlle unha grande derrota. E pouco despois, sendo aínda máis audaces, fan algo que ninguén esperaba. Entran polo Támesis de noite e destrúen totalmente a armada inglesa na súa base.

Algún tempo despois, Francia, Inglaterra e algúns obispos alemáns coordinan un ataque por terra para destrozar o país e repartilo entre eles. Debido a iso, créase un grande tumulto social alimentado polos oranxistas que remata co linchamento e morte pública do gobernante republicano e do seu irmán, que tamén estaba na armada.

Sube ao trono o príncipe de Orange e pídelle a De Ruyter que siga dirixindo a armada, aínda que parecía totalmente leal á República, e non á Monarquía.

Aínda que non lle fai graza, xa que estaba moi unido aos irmáns De Witt, acepta e lidera unha imaxinativa defensa marítima coa que destroza á armada francesa (a inglesa preferiu que se mollaran máis outros).

Debido a isto, Michiel cre que xa cumpríu co seu país, e intenta retirarse, pero o monarca presiónao para que faga un último servizo para a armada holandesa no Mediterráneo, contra Francia, pero alí perde a vida (cousa que creo que non lle sorprendeu demasiado).

En definitiva, unha película bastante espectacular, que non ten nada que envexar ás superproducións de Hollywood, pero que trata de temas históricos europeos. Terá os seus erros de rigor histórico, como todo, pero polo menos visibilizan feitos máis importantes que moitas das gilipolleces que veñen de América.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-05-2017 15:27
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0