Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho en Ferrol
Algúns membros de Viaxes O Lóstregho levabamos tempo dicindo algo así como "co cerca da Coruña que está Ferrol, e apenas a coñecemos, e case nunca imos por alí". E onte intentamos paliar esa histórica inxustiza.

Como a conexión ferroviaria é claramente mellorable, fomos en bus, no directo que vai por autoestrada, o outro dá moita volta e tarda bastante.

Nada máis baixar do bus, subimos á Praza de Canido para ver o dignísimo Museo de Historia Natural que a Sociedade Galega de Historia Natural está montando nunha antiga instalación militar que lles cederon. Levan alí 3 anos e aínda están montando parte da exposición, pero anima moito ver os logros que poden conseguir unha entidade cultural sen ánimo de lucro.

Xantamos na afamada Taberna do Cantón, e despois diso subimos ata a Praza de Ferrándiz, onde comezamos o noso periplo, despois de ver os "monos" de traballo pendurados na verxa de Navantia, en artística reclamación laboral.

Comezamos polo universitario barrio de Esteiro e a impresionante Casa do Patín, baixamos de novo á Praza das Angustias e a Alameda de Suances, e dende alí fomos vendo os diferentes puntos de interese do ilustrado barrio da Magdalena. Despois chegamos a Ferrol Vello (que está nun estado de abandono lamentable e bastante xeralizado), fomos ao peirao de Curuxeiras, seguimos cara ao Paseo Marítimo da Malata e subimos de novo a Canido. Rematamos tomando algo na Praza de España (que xa hai anos que non ten o burro e o cabalo) e collemos o tren de volta para Coruña, que pasa por lugares moi interesante da costa intermedia.

Aínda que a cidade non é moi grande e está moi cerca da miña, recoñezo que a coñezo pouco e houbo varias cousas que me sorprenderon e agradaron moito, como a Praza de Amboaxe e a súa Capela da Mercé (case oculta e pouco publicitada) e os Xardíns de Herrera, aparte das casas modernistas.

Mágoa que haxa tanta presenza militar que, aparte de ocupar o Arsenal e o Estaleiro tanto espazo como o resto da cidade, deixan detalles tan "feos" como carteis que lembran que o terreo onde están os Xardíns de Herrera (un dos recunchos máis fermosos da cidade) son propiedade da Armada.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-08-2014 13:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0