Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho en Praga

Viaxes O Lóstregho foi a Praga, e xa volveu. Foron seis días completos de paseos pola vella, histórica e fermosísima capital da República Checa. Inicialmente tiñamos a idea de facer algunha saída fóra da cidade, como ao campo de concentración de Teredzin, pero ao final descartámolo, na cidade había demasiadas cousas que ver. Agora imos facer unha pequena crónica do que fixemos neses seis días:

- 1º día: Dedicámolo principalmente ao Barrio do Castelo (Hradcany). Primeiro visitamos a Catedral, moi interesante. Despois entramos no Palacio Real, onde está, entre outras cousas, o impresionante Salón Ladislao, no que se facían xustas medievais a cabalo. Despois fomos á Basílica de San Xurxo, e despois á singularísima Calella do Ouro, coas súas diminutas casas. Despois visitamos un par de torres máis, a Daliborka e a da pólvora, e marchamos a xantar. Despois de xantar, subimos a escaleira de caracol con 287 escalóns da Torre da Catedral, para ter as mellores vistas da cidade á que acababamos de chegar. Despois visitamos os Xardíns Reais e estivemos paseando polo barrio, vendo (por fóra) algúns dos alucinantes palacios desta zona, a Basílica de Loreto (onde supostamente hai unha réplica da casa da Virxe María), o Mosteiro de Strahov, etc. E nun momento que caeron varios chaparróns seguidos, ?caímos? nunha cervexería tradicional praguense (non para turistas) na que aprendemos moito sobre Praga e os checos.....
- 2º día: Comezamos o día fotografiando con moito rigor a Ponte Carlos, que ás 9 da mañá aínda non ten moita xente. E iso xa leva o seu tempo. Despois pasamos a mañá en Josefov, o Barrio Xudeu, vendo as catro sinagogas que están abertas e o impresionante Cementerio Xudeu. E despois vimos algunhas cousiñas máis que hai nese interesante barrio. Despois de xantar subimos á Torre do Concello da Cidade Vella, para ter as mellores vistas desa zona da cidade. E a media tarde, púxose a chover e xa non se puido facer moito máis, así que aparte de tomar algunhas cervexas, fixemos algo de compras e fomos ver o marabilloso Teatro Negro.
- 3º día: Este día foi moi completo. Comezamos pola mañá visitando a coñecida Cidade Vella. Comezamos pola Torre da Pólvora, rúa Celetná, praza do concello, e dando innumerables voltas polo barrio ata chegar á Ponte Carlos. E unha vez alí, e como aínda era cedo, decidimos comezar a ver a Cidade Nova, baixando polo río. E aí comezamos a flipar máis, porque resulta que tiña moitas máis cousas das que pensabamos. Pasamos pola Praza Carlos (que foi onde xantamos) e despois pola Praza Wenceslao, a estación central de trens (que nos sorprendeu bastante) e despois de seguir dando voltas, rematamos a tarde no ?beer garden? U Pinkasu, unha das cervexerías máis famosas da cidade, que ten esta terraza na antiga nave dunha igrexa ou mosteiro.
- 4º día: Este día pasámolo completo na parte occidental da cidade. Comezamos visitando a Illa de Kampa, moi cercana ao noso hotel. Despois pasamos a Malá Strana. Resumindo moito, fomos ao Parque Vojan, flipamos cos Xardíns de Wallestein, fomos á praza de Mala Strana, subimos a rúa Nerudova, admirando as súas moitas ornamentadas casas, baixamos pola rúa Vlasská, e rematamos vendo varias cousas na rúa Ujezd, como a igrexa na que está o Neno Xesús de Praga. Despois subimos a Colina de Petrín, comezando no palacio de verán dos Kinsky, pasando polos lagos, o Muro da Fame, o funicular, a igrexa de San Lorenzo e o mirador. Chegamos de novo ao Mosteiro de Strahov, onde xantamos, visitamos as súas impresionantes bibliotecas, despois visitamos a Casa da Virxe na Basílica de Loreto, e para rematar o día visitamos os Xardíns Sur do Castelo (os que quedan entre o castelo e Mala Strana). Se o mirades no mapa, veredes que foi un día ben completo.
- 5º día: O obxectivo neste día era visitar algunhas zonas históricas importantes, pero que non son tan frecuentadas polos turistas. Por esa razón, comezamos o día baixando polo río en dirección ao sur, pero pola beira de Malá Strana, e aí xa levamos unhas cantas sorpresas. A idea era chegar á fortaleza de Vysehrad, un dos primeiros asentamentos históricos da cidade, que ten moitas cousas que ver. De aí fomos á praza principal do barrio de Vynohrady, que ten unha grande igrexa, un teatro e algúns edificios máis ben interesantes. De aí fomos ao Museo Nacional, do que visitamos o que está agora aberto (tristemente, o edificio principal e as súas coleccións están en reformas) e despois fomos ao Museo Mucha, dedicado ao destacado pintor do movemento ?art.nouveau?. E rematamos o día indo a un concerto nunha sala do mosteiro de San Miguel, a cargo dun cuarteto de corda e unha soprano, que tocaran unha variada selección de pezas de ópera e música clásica.
- 6º día: E o obxectivo do último día era descubrir algúns dos parques da parte norte da cidade, sobre todo o Parque de Letná, que ten magníficas vistas sobre a cidade. Ao seu lado está o Museo Técnico Nacional, no que pasamos 3 ou 4 horas moi amenas. Despois, un xantar cunhas magníficas cervexas checas nun merendeiro sobre o río, con magníficas vistas, e rematamos este último día con outro concerto de música clásica, ópera e música popular (arxentina e hebrea) na impresionante Sinagoga Española, que recibe ese nome porque a decoración do seu interior está inspirada na Alhambra, así que facédevos unha idea.

Máis ou menos esta foi a viaxe. O hotel no que nos aloxamos, Hotel Roma, moi ben, na zona de Mala Strana pero case na Illa de Kampa. En canto a fotos, batín un novo record, unhas 950, o que non é mal indicio da beleza do lugar. Haberá que ir pensando na seguinte, que será a.........

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-08-2014 17:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0