Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Viaxes O Lóstregho en Berlín

Viaxes O Lóstregho (na súa configuración actual) xa voltou exitosamente da súa recente expedición a Berlín (voando dende Bilbao).

Neste artigo comentaremos os aspectos básicos da viaxe, de xeito cronolóxico:

- Luns 5: Saímos da Coruña, chegamos a Bilbao sobre as 5 da tarde, e hospedámonos no Hotel Holiday Inn Express Bilbao, que está a 1 km do aeroporto (agora chamado Loiu, non Sondika, algún día explicaremos o cambio de nome). Baixamos ao Botxo a facer un primeiro recoñecemento.

- Martes 6: Pasamos todo o día pateando a cidade de Bilbao, comezando polo barrio de Atxuri e rematando polo de Begoña, e aparcando o coche (para non pagar) no barrio periférico de Txurdinaga, iso permitiunos coñecelo e tamén o máis popular de Santutxu. Eu saquei, só nese día e nesa cidade, 195 fotos, así que algo debe ter.

- Mércores 7: Voamos cedo dende Bilbao-Loiu ata o aeroporto berlinés de Tegel. Chegamos sobre as 12 da mañá. Instalámonos no hotel Best Western, que estaba moi céntrico, no barrio de Spittelmarkt (a 100 metros da parte sur da Illa dos Museos), e despois diso pasamos todo o día e noite dándolle unha primeira inspección a todo o máis importante da cidade (está bastante concentrado e tiñamos bastantes horas).

- Xoves 8:Dedicamos o primeiro día en Berlín á Illa dos Museos. Comezamos visitando pola mañá o Pérgamon (co Altar de Pérgamo, a porta do mercado de Mileto, e a porta de Ishtar-Babilonia) e o Neues Museum (onde destaca o famoso busto de Nefertiti). Despois de xantar caeron o Altes Museum (antigüedades gregas, etruscas e romanas) e a Alte National Galerie (pintura principalmente alemá do século XIX), que xa non nos deu tempo a ver completo, pero tampouco nos pareceu nada do outro mundo. Quedounos só sen ver o Bode Museum, que se dedica a escultura, arte bizantino e numismática.

- Venres 9: As visitas dese día foron a Torre de Televisión (as mellores vistas da cidade) e o divertido Museo da DDR, que explica como era a vida durante os 40 anos de existencia dese país. Aparte diso, visitamos a zona de Alexanderplatz, Nikolaiviertel, e os atractivos na parte norte da cidade, como a estación central de trens, Prenzlauer-Berg, e a zona do antigo barrio xudeu, onde agora hai casas okupas e os incribles patios do Hackesche Höfe.

- Sábado 10: Este foi un día moi completo. Subimos á cúpula do Reichstag cedo. E despois, visitamos todo o Mitte (a zona central), ou sexa, Unter den Linden, a Illa dos Museos (pero agora os edificios por fóra), Gerdarmenmarkt, e como daba tempo, tamén cubrimos a zona de Potsdamer Platz, e o parque de Tiergarten.

- Domingo 11: Pasamos boa parte do día no mellor museo de pintura de Berlín, a Gemaldegalerie. Despois visitamos o centro neurálxico da antiga Berlín Occidental, ou sexa, Kurfurstendamm, fomos aos xardíns do Palacio de Charlottenburg, e como xa chegamos ao centro de noite, sacamos unhas fotos nocturnas dalgúns dos monumentos emblemáticos.

- Luns 12: Foi o día máis ?raro?. Pasámolo no Museo de Checkpoint Charlie (fala do Muro de Berlín) e no Topografie des Terrors (fala dos prolegómenos da II Guerra Mundial en Alemania). Despois púxose a chover, sobre as 8 da tarde, e xa non parou.

- Martes 13: Rematamos o noso periplo por Berlín cun paseo moi longo no que cubrimos as partes da cidade nas que non estivéramos, basicamente Kreuzberg e Friedrichshain. Baixamos primeiro ao Viktoria Park en Kreuzberg (o único monte que vimos en Berlín, e tampouco era para tanto) e despois fomos ao antigo aeroporto de Tempelhof, xigantesco, pechado ao tráfico aéreo en 2008, e que agora as súas pistas son un parque da cidade. Despois fomos visitar varias igrexas en Kreuzberg, e despois baixamos bordeando o río ata o impresionante Memorial Soviético no Parque de Treptow. Despois cruzamos o río Spree e visitamos a East Side Gallery, o fragmento de 1 quilómetro de Muro que foi decorado por graffiteiros de todo o mundo. E despois andivemos por aquel barrio para admirarnos da impresionante Karl-Marx-Allee, a avenida por onde antigamente o exército soviético facía os desfiles e demostracións de forza (ten cerca de 90 metros de anchura).

- Mércores 14: Collemos o avión que nos levou de Berlín-Tegel a Bilbao-Loiu. E pola tarde, tranquilamente, pola cornisa cantábrica, voltamos para A Coruña.

Aparte de todos os tópicos, eu definiría Berlín con dúas palabras: ?obras? e ?bicicletas?. Hainas por todas partes.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-08-2013 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0