Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

MUNCYT
Estes días estiven visitando o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía), cuxa delegación na Coruña acaba de abrir hai un par de meses. Se non teño mal entendido, este museo ten a sede central en Madrid (creo que na antiga estación de tren de Delicias) e acaba de abrir esta segunda delegación na Coruña, como promesa de Zapatero cando as cousas ían mellor. Non sei eu se abriran máis. Creo que ten uns fondos tremendos, e queren abrir sitios para que se poidan visitar.

A historia do edificio que o acolle, chamado o Prisma de Cristal, tamén é curiosa. Construiuno a Deputación da Coruña hai uns anos, ía ser un museo de artes plásticas e un conservatorio de danza, e ao final chegou a un acordo do Goberno central para convertelo nisto. A estrutura do edificio é bastante complexa e pouco convencional, pero hai que ter en conta que foi deseñado inicialmente para ser outra cousa totalmente diferente e, segundo me contaron nunha visita guiada por arquitectos hai varios anos, realmente ían ser dous edificios nun, sen comunicación entre eles. Pero deberon reformalo para que puidera acoller este museo finalmente.

En canto aos contidos, pois como todos os museos científicos, e tendo en conta os fondos dos que pode facer uso, pois está moi ben. Iso si, para os que estean afeitos á interactividade dos museos científicos que hai na Coruña, que se esquezan, este é eminentemente expositivo e case non hai ningún elemento interactivo.

Vexamos en detalle as partes que ten, comezando por abaixo:

- Sala Miscelánea: Vai haber un pequeno espazo, que se vai ir cambiando, onde se vai amosar información dalgún outro museo do país. Agora está o da Automoción de Salamanca. Hai outro pequeno espazo con tipos de martelos, outra con todo tipo de trebellos que solucionan problemas, un espazo que fala sobre as patentes e algunhas curiosidades dalgunhas delas, outro con pezas dun laboratorio (onde están os dous robots) e finalmente un espazo interactivo (supoño que pensando nos rapaces) onde poderás desmontar todo tipo de pequenos aparellos e máquinas.

- Sala Maiúsculas: Sala grande onde hai antigos alambiques, surtidores de gasolina, a lanterna da Torre de Hércules, un locomóbil (algo así como unha máquina de vapor transportable), unha pianola, proxectores de cine, un volante de inercia, o primeiro acelerador de partículas que houbo en España e o primeiro ordenador que chegou a España.

- Na Sala Patrimonio hai unha serie de obxectos científicos históricos moi valiosos, como un reloxo de sol do século XVI, un astrolabio do século XVII, sextantes, microscopios, esferas armilares, etc.

- Sala Innovación Española: Hai tres seccións que me pareceron moi interesantes, foi onde máis tempo pasei, pero creo que á maioría da xente lle pasa o contrario. Por unha banda hai unha grande cantidade de tubos deseñados por Mónico Sánchez, que a comezos do século XX creo unha importante factoría nunha vila de Ciudad Real. Está a Galería de Inventores, cun ordenador onde se pode acceder á breve biografía dos 100 inventores españois máis destacados. E, por último, hai uns "stands" con cada un dos galardonados co Premio Rei Jaime I de Investigación Básica, organizado pola Fundación Valenciana de Estudios Avanzados.

- A Sala Iberia ten a cabina do Boeing 747 Jumbo que trouxo o "Guernica" de volta a España, ten tamén unha das súas turbinas, parte dunha á, e algunhas outras cousas deste avión.

- Hai unha sala de exposición temporais arriba, que agora ten unha chamada Querty, onde basicamente hai máquinas de escribir.

- E están montando unha chamada Século XX, onde pretenden poñer un invento ou artiluxio representativo de cada un dos cen anos dese século.

En definitiva, unha visita ben aproveitable. Agora mesmo é de balde, non sei ata cando, pero supoño que cando deixe de selo a entrada non podería ser moi cara, xa que como dixen, o museo é basicamente expositivo, non debería ter uns moi grandes gastos de mantemento.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2012 17:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0