Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Réquiem, de José Carballido
O outro día fun ao Teatro Colón da Coruña a ver un espectáculo pouco común. Titulábase "Réquiem" e é obra dun músico coruñés chamado José Carballido.

É un musical para grupo de rock progresivo e coro clásico. Dito así, soa bastante rompedor, hai que recoñecer que este músico, ao que recoñezo que non coñecía anteriormente, foi bastante audaz e ambicioso.

O grupo de rock progresivo estaba formado polo propio José Carballido á guitarra eléctrica e voz, outra guitarra eléctrica, baixo, frauta, batería e teclados. O coro estaba formado por seis mulleres e catro homes.

O rock progresivo é unha estraña etiqueta que abrangue a algúns dos grupos que máis me gustan, como Pink Floyd, Jethro Tull, Genesis, Rush.... así que a proposta tiña que atraerme.

A sensación que me deixou foi agredoce. Por unha banda, despois de visto o musical, que dura cerca de dúas horas, pareceume que se achegaba máis ao rock duro que ao progresivo, aínda que por ese lado tampouco hai problema. Musicalmente non estivo mal, aínda que tiña altibaixos, e houbo bastantes pezas que non me pareceron especialmente interesantes, pero algunhas outras si.

A calidade de son podía ser mellor, xa que eu practicamente non lle entendía nada ao cantante, ao contrario do que sucede no vídeo que vos poño, así que ese aspecto podía mellorarse moito. Todos intuíamos de que ía a historia, pero resultaba moi difícil seguila porque non se oía nada ben a voz principal, asulagada entre a música tan potente.

Había uns videos ao principio do musical, só duraron os primeiros minutos. Nun determinado momento viuse o nome do arquivo que ían reproducir (detalle moi feo en directo) e uns minutos máis tarde viuse incluso a pantalla do ordenador dende o que pinchaban os videos (sen comentarios). E a partir de aí non se viu máis, non sei se houbo fallos técnicos, pero dende logo a imaxe non foi boa.

Tamén había unha pequena parte teatral. Había dous monxes que ían camiñando paseniño polos corredores da platea e subían ao escenario. Unha vez arriba, estaban case sempre inmóbiles. A muller do protagonista da historia, que tamén facía José, aparecía na parte final, e dende logo creo que a súa xestualidade podía mellorarse moito, porque non conseguín comprender nada ben que é o que pretendía transmitir.

Supostamente a historia era de que a muller do protagonista morría traxicamente, deixando marido e dous fillos, e o seu home pretendía ter un encontro con ela no Alén para falarlle por última vez. O escenario estaba cheo de lápidas con flores e velas. E todos os músicos vestidos de negro daba lugar a unha visión moi gótica.

Conclusión: intento moi audaz de facer unha magna obra musical, pero polo menos de momento penso que algo fallido que debería pulirse e traballarse algo máis, pero a idea non me parece nada mala.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-10-2011 19:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0