Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Antonio Fraguas
Neste ano 2019, o homenaxeado co Día das Letras Galegas foi Antonio Fraguas. Por avatares xornalísticos do destino, o mes de maio pasado, xuntei dous suplementos (un de Sermos Galiza e outro da Voz de Galicia) e un libriño (da Voz de Galicia) que glosaban a figura deste historiador, etnógrafo, folklorista e antropólogo galego.

E xusto nesta fin de semana longa de finais de xuño, ampliada polo festivo luns 24 de xuño na Coruña, e na que acaba de saberse que o vindeiro ano o homenaxeado será Ricardo Carballo Calero, tiven algo de tempo para ler as case 200 páxinas que acumulei sobre Antonio Fraguas. Así que me puxen co tema.

Obviamente, os textos e as fotos acabaron sendo coñecidos para min, porque se repetían en certa medida. Pero basicamente conseguín o que quería, que era enterarme ben de quen fora ese señor e o que fixera, porque destacou en ámbito totalmente alleos para min e que non me resultan especialmente atractivos (e sospeito que non son o único). E resultou ben interesante.

Naceu nunha aldea de Cotobade, a finais de 1905. O seu pai era canteiro e acababa de marchar para Brasil, así que non puido casar coa súa muller e recoñecer ao fillo ata que voltou, e Antonio xa tiña daquela 7 anos.

A idea do pai era marchar de novo a Brasil e, nesta segunda ocasión, levar a toda a familia para alá. Incluso estaba formando ao fillo como maquinista de tren, para que puidese dedicarse a iso en América. Faltoulle pouco, pero finalmente non sucedeu iso, porque o segundo profesor que tivo na escola (o primeiro era un zoquete) dixo que lle veía cualidades, e que podería facer carreira. A nai apoiou a moción, e finalmente o pai marchou só de novo. Morreu uns anos máis tarde, cando xa estaba de novo en Galicia, e Antonio tiña uns 25 anos.

Antonio estudou no Instituto de Pontevedra con moito aproveitamento. Foi alumno de Castelao, e quedou marcado principalmente por Losada Diéguez, que seguramente tamén lle transmitiu moita da súa relixiosidade, xa que Antonio tamén foi moi devoto (é posible que salvara a vida despois por esa razón).

Estudou na Universidade de Santiago, tamén con moi boas notas, e incluso comezou a ser profesor auxiliar axiña, pero non debía ter moito salario. Presentouse ás oposicións para profesor de instituto, e conseguiu praza para o Instituto de A Estrada, onde estivo de 1933 a 1936.

Nestes tempos da República formou parte de Seminario de Estudos Galegos, das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista, coñeceu e tratou ás principais figuras do galeguismos naqueles días, que eran moitas.

Chegou o golpe de estado do 36, e os falanxistas da Estrada quixéronlle facer pagar o feito de ser un alto cargo do Partido Galeguista na vila. Polo que din, salvou a vida porque era boa xente e ía sempre a misa, porque algúns querían matalo. Pero obviamente, quitáronlle a praza de profesor. Marchou entón para Compostela, e montou unha academia de pasantías xunto cun crego.

Non lle deixaron volver á docencia (despois de aprobar unha nova oposición, claro) ata o ano 50. Ao conseguilo, estivo dando clases no Instituto Masculino de Lugo ata o ano 59. E do ano 59 ata o 75, cando se xubilou, estivo no Instituto Feminino de Compostela, agora chamado Rosalía de Castro. Polo visto, deixou moi boa pegada no alumnado deses dous centros, era moi boa xente, moi bo docente, innovador e sacaba ao alumnado da clase para facer visitas culturais.

Dende a súa xubilación ata a súa morte no ano 1999, dedicouse a divulgar e musealizar, especialmente no Museo do Pobo Galego, que foi un dos proxectos da súa vida.

Saúdos.






Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 23-06-2019 12:26
# Ligazón permanente a este artigo
Cantar-Elas de Leilía
Un día destes actuou no Teatro Colón da Coruña, unha vez máis, o magnífico grupo de cantareiras e pandereteiras Leilía, que son un seguro de éxito nese tipo de eventos.

Nesta ocasión a xira chámase "Cantar-Elas" e débese a que o grupo cumpre 30 anos dende os seus comezos. Durante o concerto, Ana, que é a integrante que fala na maior parte das ocasións cara ao público, comentou que esperaban sacar un novo disco este ano, e incluso tocaron algunha peza que irá nese disco. Digo isto porque non son moi prolíficas, sacaron 4-5 discos en todo este tempo, e suponse que cando saquen o seguinte haberá unha nova xira.

Non hai moito que dicir, un grande espectáculo, coas seis cantantes en plena forma, e un pequeno grupo de instrumentos, con Pablo Pérez no contrabaixo (está metido en todo tipo de proxectos, sobre todo de jazz), Xoán Porto na guitarra e gaita (o músico que as acompaña sempre) e Xosé Lois Romero no acordeón (outro que tamén está en todas).

Tamén lembro que fun á presentación do seu disco anterior, "Consentimento", que fora a finais de 2011 ou comezos de 2012, e que non me convencera demasiado o concerto. Tanto é así, que non mercara aquel disco no seu momento. Porén, agora tíñano á venta de novo, e merqueino, porque esta vez o concerto si foi apoteósico e todo saíu de marabilla.

E como último comentario, algo que dixo Ana sobre a reforma do Teatro Colón. Dixo que estaban encantadas de tocar nun teatro tan bonito, e que non o viran dende que se fixera a reforma. Eu non lembro exactamente cando se rematou, pero debeu ser hai uns 15 anos máis ou menos. Elas, que son de Compostela, e que non saen de xira con frecuencia (o concerto anterior debeu ser no Rosalía), había moito tempo que non viñan por aquí, e é lóxico.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 09-06-2019 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Piratas e contrabandistas de ambas Indias e estado presente delas (1693)

Hai que recoñecer que, como título para un libro, non está nada mal. Foi xa editado hai uns anos pola Fundación Barrié e polo Consello da Cultura Galega. Non tiña eu moi claro cando ía atreverme a ler este libro, pero caeu neste Nadal.

O autor chamábase Francisco de Seyxas y Lovera (actualmente seguramente se chamaría Francisco Seixas Lobeira), e viviu principalmente na segunda metade do século XVII. Naceu en Mondoñedo, aínda que pasou pouco tempo alí, só os primeiros anos de vida. E case todo o resto da súa vida pasouno embarcado en moitos lugares do planeta. Chegou incluso a ser nomeado alcalde da vila mexicana de Tacuba, aínda que apenas exerceu, porque a súa relación co virrei non era a ideal.

No libro fai un repaso aos piratas e contrabandistas da época en case todo o planeta (a máis gloriosa nesas artes), así que a animación está asegurada. O que pasa é que o español-centrismo que amosa é moi descarado, e adorna ás outras nacións con adxetivos moi bonitos:

- Portugueses: destes aínda non fala demasiado mal, e como naquela época había momentos nos que os dous países tiñan ao mesmo rei e traballaban como un, só lles bota en cara que son moi descoidados e que deixan ir nos seus barcos de exploración a mariñeiros doutros países, que despois se aproveitan deses coñecementos.

- Franceses: basicamente di que son moi falsos, e que fan dobres tratos, e que non son nada fiables á hora de asinar pactos de ningún tipo.

- Ingleses: básicamente os define como brutais.

- Holandeses: di deles que son moi astutos e intelixentes, e que aprovéitanse diso para as súas conquistas (claro, que ían facer!!!; todo o mundo andaba ao mesmo naquela época). Iso si, bótalles moito en cara que son moi laxos e permisivos cos xudeus que foron expulsados de España e Portugal, e que son o peor da humanidade (os xudeus)!!!

O texto é de finais do século XVII, e está moi modernizado, pero está claro que o modelo de redacción resulta moi pesado para os tempos de hoxe. Como curiosidade, vou poñer as temáticas dos capítulos, para que vexades o completo que é o estudio:

1. Explícase como chegan os primeiros poboadores ao que agora é América e Asia

2. Establecemento das nacións de Asia

3. Piratas das costas de África Occidental

4. Piratas das Filipinas e das Molucas (en disputa entre españois e holandeses)

5. Piratas nas costas americanas ao Pacífico.

6. Piratas na zona do Río da Prata.

7. Piratas na zona norte do Brasil.

8. Piratas nunha illa da desembocadura do Río da Prata.

9. Piratas na costa norte de Sudamérica, entre as desembocaduras dos ríos Orinoco e Amazonas.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 29-12-2017 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxes O Lóstregho visita Amsterdam e outros lugares de Holanda

Si, o nome é correcto. O nome do estado é Países Baixos, pero nós visitamos algunhas das zonas máis coñecidas, e casualmente todas pertencen ás rexións coñecidas como Holanda Setentrional e Holanda Meridional, así que dixen ben: Holanda.

Obviamente, a base estaba en Amsterdam, capital do país (pero non sede do goberno, que está en Den Haag, A Haia, ou como se diga en galego, que non o teño nada claro). Estivemos aloxados no Hotel Espresso, cerca da zona dos museos. Pasamos 4 días e medio dos nosos 6 días completos de estancia na capital, pero fixemos un par de interesantes excursións. O día da chegada puidemos dar un primeiro paseo á cidade dende media tarde. O día da marcha xa non puidemos facer nada. O programa de visitas foi o seguinte:

- Día 1: Visitamos o Rijksmuseum. Eu pensaba que era un museo total ou principalmente de pintura, pero non, é máis xeral, como o Museo Británico ou o Louvre. Non hai arqueoloxía, pero si hai naval, xoias, roupa, mobles, louza, etc. O que máis destaca é a pintura flamenca, pero hai máis cousas. Estivemos ata que nos botaron a todos ás 5 da tarde. E tristemente, facía moi mal día e case todos os museos ou atraccións pechaban case á mesma hora, así que esa parte final do día ficou algo perdida.

- Día 2: Tiñamos intención de ver o museo Van Gogh, pero como a cola era insufrible, deixámolo para máis adiante. Así que nos puxemos a visitar a cidade, que facía mellor día. Visitamos a praza dos museos, o Vondelpark, a zona da praza Leidseplein, a fábrica de Heineken (moi recomendable), subimos pola beira do río Amstel cara ao centro, fomos polo barrio xudeu, visitamos algo do leste da cidade ata o muíño De Gooyer (o máis céntrico e que ten unha magnífica cervexería no baixo), pasamos polo Museo Marítimos e o Museo NEMO para chegar á Estación Central. Un grande paseo.

- Día 3: Este día completamos a visita do resto da cidade, que era case o máis importante. Visitamos cousas no sur e no oeste que estaban entre os tres canais concéntricos que rodean o centro. Visitamos o histórico casco vello, a zona do barrio roxo e o chinés. Unha das visitas que máis nos sorprendeu foi a igrexa de Noso Señor no Ático, igrexa clandestina que ocupaba os últimos andares dunha casa normal. Durante varios séculos, a tolerancia habitual en Amsterdam permitía que cada un rendera o seu culto relixioso na súa casa, con tal de que os templos nos se viran dende fóra, e iso deu lugar a arquitecturas incribles.

- Día 4: Este foi un dos días que saímos, á Gran Holanda, ou sexa, á Holanda do Sur. Primeiro fomos a Rotterdam. Paramos no centro, entre as Casas Cúbicas e o impresionante Markthal. E despois subimos á Torre Euromast, de máis de 100 metros de altura, dende a que se teñen unhas magníficas vistas do centro e do impresionante porto de Rotterdam. Despois visitamos a tranquila e moi fermosa vila medieval de Delft (de onde era Vermeer), e tamén a fábrica da súa afamada cerámica azul (similar á de Sargadelos). E rematamos dando un pequeno tour no bus por Den Haag (mágoa que non puidéramos parar máis), e rematamos en Madurodam, un parque temático con maquetas dos principais edificios dos Países Baixos.

- Día 5: Démoslle un grande repaso á cidade visitando algúns monumentos que se nos escaparan nos días anteriores. E pola tarde visitamos o Museo Van Gogh, no que conseguimos entrar sen ter que aturar ningunha cola. O museo está moi ben, outra cousa é o que se opine sobre a obra deste controvertido autor.

- Día 6: Pola mañá cruzamos no ferry gratuíto ao norte de Amsterdam, para dar un paseíño por alí. E despois demos unha volta nun dos típicos cruceiros polos canais. Ao mediodía collemos o bus para a nosa segunda excursión, á Vella e Rural Holanda. Primeiro fomos a Zaanse Schans, para ver os seus impresionantes muíños de vento, e explicáronos como funcionaba un deles. Despois fomos ao fermoso pobo pesqueiro de Marken, e un xoven zoqueiro explicounos como se fan os zocos típicos holandeses. E nun barco cruzamos á fermosa e tranquila Volendam, onde nos explicaron como se fai o queixo da zona.

Como vedes, a semana non estivo nada mal. Como mágoa, non puidemos visitar a Casa de Anna Frank. Non collemos e era difícil as entradas con antelación, e a cola das entradas no momento tamén era insufrible. Que lle imos facer!!! Pero polo demais, penso que foi unha visita redonda.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 18-08-2017 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
Sansón e Dalila
Seguindo co ciclo de Cecil B. de Mille no CGAI, outro día fun ver a mítica "Sansón e Dalila" con Víctor Mature e Hedy Lamarr nos papeis principais. Lembro ter visto o final da película (como mínimo) hai moitos anos.

Sansón era o líder dunhas aldeas na Palestina bíblica (ou máis ben antes diso). Aos mandatarios daquelas terras non lles facía nada de graza, e era un líder moi temido e respectado.

Sansón estaba namorado de Semadar (protagonizada por Angela Lansbury), pero mentres se daba ese proceso de seducción, a irmá dela, Dalila, tamén se prenda de Sansón, pero el non lle presta demasiada atención.

O caso é que a historia vai avanzando e morre Semadar, e Sansón pasa a ser perseguido polas forzas da orde, pero é moi difícil de coller porque todos os habitantes das súas terras o protexen e ocultan.

Pero Dalila, de forma moi intelixente, consegue dar con el e erguer certa relación de confianza, para que lle diga cal é o secreto da súa inconmensurable forza. Como todos saberedes xa, confésalle que é o cabelo, e ao día seguinte desperta aturdido (botoulle un somnífero no viño) con boa parte do pelo cortado.

Déixano cego e lévano á capital para que a xente poida burlarse del dando voltas a un muíño. Ela o ve alí nesas condicións e apénase moito porque estaba namorada del, e intenta defendelo.

A película remata indo ao templo, supostamente para participar nun espectáculo no que se van burlar del, pero como está recuperando a forza (xa que o pelo volve crecer), consegue empurrar dúas das columnas principais do templo, e derrubalo case por completo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 04-03-2017 22:36
# Ligazón permanente a este artigo
A flor de pel
Acabo de ler outra novela á que lle tiña bastantes ganas dende había algún tempo. Titúlase "A flor de pel", foi escrita por Javier Moro, e trata sobre a "Expedición da Vacuna" que saíu do porto da Coruña hai dous séculos, unha historia ben bonita e bastante descoñecida na propia cidade.

A finais de 1803 saíu do porto da Coruña un buque, chamado María Pita, que levaba unha expedición científica dirixida polo médico alicantino Francisco Xavier Balmis, que era secundado por Josep Salvany, un médico catalán, varios enfermeiros e axudantes, unha muller que era a rectora do Hospicio da Coruña, e 22 nenos.

A finais do século XVIII, a epidemia de variola (en español viruela") dezmaba as poboacións de case todo o planeta. Un médico rural inglés chamado Edward Jenner descubriu que as mulleres que muxían as vacas en Inglaterra nunca collían esta enfermidade. Investigou, e descubriu que as vacas tiñan unha variedade de viruela similar, pero máis feble, e que podía pasar aos humanos. Pero ao contraer esa variedade, xa quedaban inmunizados contra a variante humana, que era letal naquela época.

De todo isto enterouse Balmis, que levaba algún tempo traballando no tema, e propúxolle a Carlos IV esta expedición. O obxectivo era levar cepas "frescas" da variola a América, por onde se extendía boa parte do imperio español "onde non se poñía o sol", e despois a Filipinas.

A forma de levar cepas frescas da variola era levar nenos que aínda non a sufriran, inocularlles unha dose leve do virus, e uns días máis tarde, cando as pústulas estiveran recheas e a punto de caer, ir pasando ese virus "fresco" a outros nenos. Por iso ían calculando cando nenos necesitaban para cada travesía en barco, dependendo do tempo de navegación. Escollían principalmente nenos pobres, de hospicios ou inclusas, moi novos, que non tiveran aínda a enfermidade, etc.

A odisea foi xigantesca. Nalgúns lugares os recibían como heroes e propagaban moi ben a vacuna (por certo, chámase así porque comezou coas vacas), pero noutros lugares chocaban con gobernadores ou virreis totalmente corruptos que non os aceptaban, que levaban moi mal que alguén alleo levara tanta fama, e dificultaban moito o seu labor.

Deu a volta ao mundo facendo este labor (levoulle uns 4-5 anos) e cando voltou a país estaba sendo invadido polos franceses, e o imperio víñase abaixo.

A historia da expedición é esa. O que xa non teño tan claro é se o deseño dos personaxes principais é tan real como o contan alí. Os tres personaxes principais foron Balmis, Salvany e a rectora, que coidaba dos nenos, chamada Isabel Zendal.

Tal como o contan na novela (pero non sei se é real), parece que Balmis tiña moita ansia de ser recoñecido publicamente, pero que non se preocupaba demasiado polas persoas, só lle preocupaba o éxito da súa expedición e o prestixio social que podía derivarse diso.

Pola contra, Salvany parecía ser moito máis humano, cariñoso e emotivo, pero tiña tise e era de saúde algo fráxil, aínda que sempre saía adiante. En Venezuela dividiron os seus camiños, Balmis seguíu cara a México e Salvany con varios axudantes máis encargouse de boa parte de Sudamérica.

Pero a figura central da novela é Isabel Zendal, que nace nunha aldea de Ordes, vén a servir á Coruña, ten un fillo de solteira por culpa dun militar andaluz que desaparece, e acaba de rectora no Hospital de Orfos que fundara Teresa Herrera.

Estiven case toda a novela, sobre todo ao principio, que é parte que transcorre en Galicia, pensando que o autor non se documentara demasiado ben.

A razón era que non me parecía moi lóxico que unha rapaza de Ordes tivera un apelido como Zendal, que non está claro de onde é, pero non semella galego para nada. O seu pai chamábase Jacobo, que non é un nome nada habitual no rural galego, polo menos nesa variante. Os apelidos de moitos dos que trataban con ela na Coruña tampouco eran galegos ou non o parecían. Segundo o autor, a choiva lixeira de Galicia é "sirimiri" (sen comentarios). En definitiva, dábame a impresión de que nesta parte se relaxara un pouco e se documentara a medias.

Pero ao final da novela explica de onde sacou os datos, todo o que se sabía do tema, consulteino en Internet e, ou escribiu el mesmo artigos da Wikipedia ou doutras webs (que tampouco é imposible), ou a cousa parece bastante fiable.

Con respecto a Isabel, que era o personaxe máis claramente coruñés, e do que máis parecía investigar, parece que ultimamente se averiguaron máis cousas, pero van nesa liña. Atopáronse unhas 35 versións posibles do seu apelidos, con pequenas variantes, e non teñen nin idea da súa orixe, pero semella que non era galega.

Parece que os personaxes que participaron na expedición foron exactamente eses, que Isabel tivo un fillo de solteira con ese soldado andaluz bala-perdida.

Incluso di ao final que "finalmente na Cidade Vella da Coruña lle dedicaron unha rúa". E aí xa foi cando flipei, porque a min non me soaba absolutamente de nada. Pero resulta que é certo (vaia, constatareino en persoa esta mesma tarde). Hai unha pequena rúa na Cidade Vella chamada Isabel López Gandalia (xa vedes que o apelido cambiou bastante dende Zendal) que está dedicada a ela.

En definitiva, para coruñeses ou para calquera outra persoa, unha historia fantástica, que partiu da nosa cidade (porque tiñamos moito comercio marítimo con América, unha das causas principais do enriquecemento da cidade), e que case ninguén coñece. Un pequeno monumento nos xardíns do Parrote lembra esta historia.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 03-01-2017 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición sobre George Melies
Case todos os anos, CaixaForum organiza nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña unhas magníficas exposicións en carpas que están alí instaladas durante un mes, case sempre pola época do Nadal.

As temáticas son variadas. Lembro unha moi interesante de tipo científico que houbo hai 1 ou 2 anos. E este ano tocou unha sobre George Melies, o primeiro director de cine absolutamente xenial que facía auténticas virguerías a comezos do século XX.

Agora xa foi clausurada na Coruña, pero como supoño que esas carpas serán itinerantes, seguro que poderán verse nalgún outro lugar da xeografía española.

Pois nada, se non o coñecedes, anímovos a indagar sobre a figura deste xenio, a ver películas del (por exemplo en Youtube), porque ides filpar bastante.

Xa saíu neste blog hai algún tempo este autor porque proxectaron na Coruña a súa mítica película "Viaxe á Lua" xunto con algunhas máis (porque todas eran de breve duración naquela época) con música en directo. Póñovos agora un vídeo doutra das súas películas.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 31-12-2016 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
O nome da rosa
Hai xa unhas cantas décadas, un intelectual italiano moi eminente chamado Umberto Eco escribiu unha novela titulada "O nome da rosa".

A mediados dos 80, o director francés Jean Jacques Annaud (que daquela apuntaba unhas maneiras espectaculares) rodou unha película baseada nesa novela, protagonizada por Sean Connery e Christian Slater.

Dese xeito, esta novela fíxose mundialmente coñecida e admirada. Eu lina durante este Entroido, mentres pasaba uns días de descanso en Compostela.

Non lembraba case nada dela, só algo da trama criminal que se producía no mosteiro, nalgún sitio do norte de Italia sen identificar. Revivina estes días con moito agrado.

Non lembraba que outra das partes importantes da novela trataba sobre un cisma na Igrexa Católica e as disputas entre o Papa de Roma (daquela en Avignon) e o emperador bávaro.

Unhas partes resultaban máis amenas e fluídas que outras, pero en xeral a historia está moi ben. Ademais ler unha novela ambientada no Medievo nunha cidade cun pasado medieval tan glorioso senta moi ben.

Saúdos.




Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 26-02-2015 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
Maratón de lectura sobre Rosalía de Castro
Un ano máis, os alumnos dos Escolapios da Coruña fixeron un maratón de lectura sobre a obra de Rosalía de Castro no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Foi a finais de febreiro, data de nacemento da poetisa, pero este ano conmemóranse os 150 anos da publicación de "Cantares gallegos", así que os poemas lidos eran todos desa obra.

Como sempre houbo moita participación, cerca de 70 alumnos nun venres pola tarde, fóra do horario lectivo. A tarde rematou cunha charla do poeta e profesor Miguel Mato sobre a autora.

Déixovos cun video doutro recitado que atopei na rede.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 02-03-2013 17:18
# Ligazón permanente a este artigo
Con acuse de recibo
Onte estiven lendo unha obra máis da magnífica colección editado polo clube de lectores Biblos.

Nesta caso foi a quenda de "Con acuse de recibo" de Alberto Ramos. Este rapaz xa fora o segundo gañador do concurso para xoves escritores que organiza Biblos, e semella que apunta boas maneiras. De feito, esta novela breve, foi a gañadora do premio de Novela por entregas de La Voz, así que ten 31 capítulos que foron publicados en tantos días do mes de agosto de hai varios anos.

Non vou desvelar moito pero a idea principal está moi ben. Un home suicídase e xusto antes de facelo envíalle ao seu irmán, con quen había tempo que non se falaba, un paquete no que van cartas a unha serie de persoas importantes na súa vida (do falecido), para que o seu irmán llas entregue en persoa.

Debido a iso, coñece a unhas persoas de caracteres e reaccións moi variadas, incluso recibe unha malleira, pero resulta unha historia moi sinuosa e orixinal.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Extremadura - Semana Santa 2002 - Publicado o 13-10-2012 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0