Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A actividade científica na Coruña na segunda metade do s. XIX
Hai pouco -vaia semaniña máis animada- o insigne e sabio Xosé Antonio Fraga deu unha conferencia na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que versou sobre o título deste artigo.

Xosé Antonio é unha das persoas que máis sabe sobre a historia da ciencia en Galicia (ou directamente O QUE MÁIS SABE). Colabora moito connosco neste eido. E nós encantados.

Hai varias semanas, podedes velo por aí, fomos entrevistar á súa casa de Oleiros a dous enxeñeiros agrónomos que traballaron na Granxa Experimental de Elviña, na Coruña, a partir do ano 52 ata a súa xubilación, toda ou case toda a súa vida laboral.

Aquela entrevista e esta conferencia foron gravadas en video e serán publicadas nun DVD que sacaremos dentro de pouco. Tamén estamos deseñando unha exposición sobre o título deste artigo, que cederemos gustosamente cando estea rematada.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-09-2007 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
Xa tres anos sen Manuel María
O outro día, un grupo bastante de amigos e coñecidos rendémoslle homenaxe -unha vez máis- ao poeta Manuel María, que morreu hai tres anos.

Alí estaba Saleta. Falaron, recitaron, cantaron ou tocaron Xoán Abeleira, Miguel Mato, Lino Braxe, Miguel Anxo Fernán Vello, Rómulo Sanjurjo, César Morán e máis que non puiden ver, xa que por razóns laborais só cheguei para ver o final.

Foi na taberna-mesón "A Saimia" (topónimo de Ponteceso) que rexenta Miguel Mato e que cada vez congrega máis xente debido ao seu bo labor nos fogóns e cos amigos. Está moi cerca da Praza de Vigo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-09-2007 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Seavia é nome de parroquia
O xoves 20 de setembro de 2007 foi un día grande na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

O meu amigo José Antonio Andrade Figueiras presentou o seu primeiro libro, autoeditado por el mesmo, que se titula "Seavia é nome de parroquia".

Estivo un bo rato contándonos cousas sobre a creación do libro e as súas vivencias. Vén falando da súa infancia en Seavia, parroquia de Coristanco, de onde é orixinario.

Polo que se dicía alí o día da presentación, moita xente recoñeceuse no protagonista. Estamos no Bergantiños moi moi pobre dos anos 50 e 60.

Sacou unha tirada inicial de 500 exemplares e está a piques de esgotala. Xa está preparando a segunda. Na zona de Bergantiños está tendo moito éxito. Chamoume a atención cando me dixo que hai unha cadea de librarías con establecementos en vilas como Santa Comba, Pobra do Caramiñal, etc. que está vendendo moito. Son as Librerías Ler.

Alédome moito por José Antonio e agardo que máis xente con iniciativa siga o seu ronsel.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 21-09-2007 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
A Granxa Experimental de Elviña
O xoves 13 de setembro participei nunha actividade que me fará feliz durante moito tempo.

Organizamos unhas actividades de divulgación científica na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir actualmente. E unha delas consiste en que un científico entreviste a outro/s sobre un tema determinado. Esa entrevista é gravada en video para ser incluída nun DVD.

Neste caso (porque espero que sexa a primeira de moitas) o entrevistador foi Xosé Antonio Fraga (un dos máis expertos coñecedores da historia da ciencia en Galicia) e os entrevistados foron dúas persoas que traballaron na Granxa Experimental de Elviña a partir dos anos 50: Valeriano Yepes Hernández de Madrid e Gregorio Santaolalla Azpilicueta.

Foi unha auténtica delicia. Dúas persoas de xa certa idade pero que se manteñen moi ben mental e físicamente contaron moitas anécdotas e circunstancias do seu traballo na Granxa, motivacións e traxectoria. Todo un exemplo. E deixaron claro que era un dos centros punteiros no Estado. O señor Yepes dedicábase á praticultura (investigación da herba para alimento do gando) e foi o introductor das praderías artificiais en Galicia e o señor Santaolalla dedicábase á fitopatoloxía, atopar curación para as doenzas e andazos das prantas e árbores.

A Granxa Experimental de Elviña abriu a finais do século XIX, estivo por alí ata o ano 1964 (seguro que moitos da zona da Coruña oiríades falar da Granxa ou do campo da Granxa en Elviña), despois foi para Guísamo e dende os anos 80 está en Mabegondo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-09-2007 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
Centenario de A Nosa Terra
O outro día tiven o privilexio de participar no acto que se celebrou na Coruña rememorando o centenario d'A Nosa Terra.

O 4 de agosto de 1907 saía o primeiro número.

Noraboa. Os tempos están cambiando e sopran novos ventos para esta nobre empresa. Agardamos que a leven a bo porto.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 05-08-2007 23:59
# Ligazón permanente a este artigo
Reganosa
O outro día viñeron falarnos do que está sucedendo con Reganosa. Unha das visións, claro.

Eu penso que moi ben situada non está. Se os barcos só poden entrar cando hai marea alta diurna, hai algo que cheira moi mal na historia.

Tamén habería que saber os intereses económicos que hai detrás. Se hai multinacionais gaseiras intentando que esta se veña abaixo para montar outra alternativa.

Todo é bastante escuro. Hai moitas cousas que aclarar sobre o tema aínda.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-07-2007 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
A vida en Diagonal
Hai pouco "descubrín" unha publicación ben interesante, moi alternativa.

Veu ao local da A. C. Alexandre Bóveda unha persoa a falar das experiencias das ecoaldeas, e trouxo exemplares do xornal (en papel e con versión web) Diagonal. Web: http://www.diagonalperiodico.net/

Ademais a xente que estaba por alí deunos referencias moi interesantes sobre temas como a mobilidade (canto se tarda en chegar nunha cidade dun sitio a outro usando diferentes medios de transporte), banca ética (bancos que dan microcréditos para poñer negocios en marcha, si, tamén no primeiro mundo).

Hai outros mundos pero están neste. Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-07-2007 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
El coruñés opina
Últimamente na miña vida pasan moitas cousas que se saen un pouco do normal.

O outro día fun convidado como presidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda ao programa de Radio Coruña SER "El coruñés opina", dirixido por Isabel Bravo.

Estaba tamén o presidente da Federación de Asociacións de Veciños, José Antonio Folgueira, o presidente dos hosteleiros, Héctor Cañete, e o presidente dos comerciantes, Miguel Agromayor. En teoría estabamos alí para falar de como veíamos a cidade coa nova corporación municipal.

A primeira hora era para falar diso, das nosas reivindicacións e esperanzas ante o novo panorama, da situación nos concellos da comarca.... Na segunda dase paso ás chamadas da xente, que en teoría debían versar sobre o que falamos na hora anterior, pero...

Que queredes que vos diga!!!! O tema que monopolizou case todo o tempo foi o do botellón, despois xente que chamaba alí reclamando todo tipo de cousas que non tiñan que ver co que falabamos alí, outros que chamaban para poñer podre a algúns dos que participaban (eu libreime, de momento, será que son pouco coñecido aínda).

Era a segunda vez que ía á radio (a primeira fora hai tres anos ao programa de Xurxo Souto para falar da festa do Samaín na Coruña) e deixoume bastante frío. A xente non parece ter moita capacidade para centrarse nun tema de conversación e divaga en todas direccións.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:48
# Ligazón permanente a este artigo
Tango
Tamén estes días -que estresantes- asistín a un tipo de música que non chama demasiado a miña atención: tango.

Un trío formado por un violinista arxentino (fillo de ucraíno e galega), un bandoneonista arxentino (que saibamos non é máis internacional que iso) e unha pianista rusa (ou será ucraína??) chamado Buenos Aires Cuatro tocou no Fórum Metropolitano da Coruña.

Non é que me cambiara a vida pero a experiencia foi ben interesante. Poño un vídeo da última peza que tocaron o outro día ("Adios Nonino"), aínda que o concerto que se ve foi en Santiago.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


www.Tu.tv
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
O canto do muecín
Lois DiéguezHai pouco asistín á espectacular presentación do último libro dese mago da palabra que é Lois Diéguez.

Tristemente, e debido ás miñas moitas ocupacións, cheguei bastante tarde, pero teño entendido que este libro fala da súa experiencia nunha viaxe a Siria acompañado dalgúns amigos.

Como xa poderedes supoñer, e como el mesmo di, non ía de "turista" senón de "viaxeiro", que é unha cousa ben distinta.

Alí estaban Felipe Senén, Isidro Novo, Lino Braxe, Flor Maceiras. Arte e poesía en estado puro.

Tamén é certo que a miña relación coa poesía é moi complicada. Son moi reacio a ela, non a entendo. Pero escoito en moitas ocasións o programa de Radio 3 "La estación azul", onde se presentan libros de poesía. Fágoo sobre todo pola paz que me transmite. Os domingos ás 12 da noite só hai música e fútbol.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-06-2007 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0