Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Himno galego
Hai poucos días o catedrático da UDC D. Manuel Ferreiro veu á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a dar unha conferencia sobre o himno galego.

Xa sabedes que Manuel Ferreiro é o máximo experto sobre Pondal. Como dixo alguén, Ferreiro non sería o mesmo sen Pondal, e viceversa. Foi el, por exemplo, quen atopou os manuscritos de "Os Eoas" revolvendo nos misteriosos sotos da Real Academia Galega.

Contounos moitas cousas interesantes sobre o himno galego, como que ese 20 de decembro de 1907 foi a primeira vez que se interpretou oficialmente en público como tal, pero que xa levaba composto uns 10 ou 15 anos, e que xa o interpretara en público un dos orfeóns coruñeses que dirixía Pascual Veiga.

Que había palabras ou expresión que foron mal transcritas pola xente da Habana, como "férridos", "valeroso clan" e outras. Canto se aprende nestas cousas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-12-2007 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
Representación de "O bosque" de Jenaro Marinhas del Valle
Onte representouse a obra "O bosque" de Jenaro Marinhas del Valle. Foi na sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre, e a cargo do seu grupo de teatro Fas-que-fas.

Non representaron a obra completa, só varios dos seus actos, e non consecutivos. A súa intención é estreala no Día Internacional do Teatro, a finais de marzo.

Pero o que se vai vendo é moi interesante. Tanto pola obra, moi simbólica pero moi suxerente, como polo traballo do grupo amador, moi digno e que dá moi bos resultados. Agardamos poder asistir á estrea ou a algunha das representacións.

Precisamente dende a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, no ano 2008, no que se cumpre o centenario do nacemento de D. Jenaro, faremos un gran esforzo por colaborar nos actos conmemorativos que se celebren, que serán uns cantos dos que xa falaremos.

Saúdos.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Fundación Wenceslao Fernández Flórez
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-12-2007 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Contactos institucionais
Onte mesmo fun a unha charla que daba Anxo Quintana na Coruña. Era sobre os retos da vindeira lexislatura, e o peso que pode ter Galiza nela.

Fun, entre outras moitas cousas e sobre todo, porque na A. C. Alexandre Bóveda estamos argallando, xunto co Instituto de Estudios Políticos e Sociais de Antonio Campos Romay, un seminario sobre a obra facendística de Bóveda e a facenda local na Galiza, en xeral. E queremos contar coa colaboración de Vicepresidencia.

Presentáronos ao final do acto. Eu diría que mutuamente tivemos un gran gusto en coñecernos. Pola miña parte si, dende logo. E pola súa supoño que tamén, que parece boa persoa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2007 13:37
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua galega no Cancioneiro de Pérez Ballesteros
Hai uns días presentouse na A. C. Alexandre Bóveda o libro (xa publicado no 2006) titulado "A lingua galega no Cancioneiro de Pérez Ballesteros" do cal é autor o eminente filólogo e profesor da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei. Por outra banda, é o vicepresidente da Agrupación Cultural que eu teño a inmensa honra de presidir, sobre todo en ocasións como esta.

Dos moitos cancioneiros populares galegos do século XIX, o único que se publicou no seu momento (a maioría non o fixeron ata un século máis tarde) e en varias edicións, a pesar de que eran tres tomos. E ademais ten moi interesantes notas a rodapé con aclaracións de todo tipo. Este estudo párase especialmente nas de tipo lingüístico.

Tamén nos acompañou Xosé Ramón Freixeiro Mato, tamén gran filólogo (célebres as súas completísimas gramáticas) e profesor da UDC, socio noso e que colabora desinteresadamente connosco en moitísimas ocasións, débeda que non sei se daremos pagado algún día.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2007 13:16
# Ligazón permanente a este artigo
Software libre en galego
O outro día houbo na A. C. Alexandre Bóveda a presentación dun CD recompilado por varios profesores do CIFP Ánxel Casal de Monte Alto (A Coruña) que contiña todo tipo de programas e documentos relacionados co software libre e en galego, para conseguir que a nosa lingua gane a "batalla" das novas tecnoloxías, clave para o seu futuro, na miña humilde opinión.

Nos últimos anos está habendo moitas iniciativas nese sentido, a maioría das que eu coñezo dende o ensino, e outras institucionais, como o fenomenal portal "mancomun.org", posto en pé pola Consellería de Industria.

A ver se acaba dando froito.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Mancomún
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 15-12-2007 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
O informe do CEIDA sobre o Prestige
Xa dixen hai pouco que hai un par de semanas houbera unha mesa redonda sobre o Prestige na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

A representante do CEIDA que estaba alí, Verónica Campos, deixounos un informe que fixeron sobre o tema. Moi interesante e moi ben documentado. Vén dicir algo así como que as catástrofes dese tipo non son os maiores ataques ao mar (aínda que non son desexables, claro). Fan moito máis os sentinazos, e sobre todo, botar ao mar todo o que son os nosos residuos urbanos polos colectores. E o noso estilo de vida insostible.

Serviume para lembrar tamén que a dous pasos da miña casa está esa marabilla que é o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), con sede no castelo de Santa Cruz, e que aínda non o visitei. A ver se me paso un día por alí.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (2) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 09-12-2007 23:24
# Ligazón permanente a este artigo
O 75 Aniversario das Mocidades Galeguistas
No Teatro Colón da Coruña celebrouse o 75 Aniversario das Mocidades Galeguistas.

No emotivo acto houbo intervencións políticas, entrega de medallas a membros ou familiares de membros da organización (falou en nome deles o lucidísimo Avelino Pousa Antelo, a pesar dos seus case 100 anos) e actuacións dos grupos A Quenlla e a Banda Potenkin, sendo presentado o acto por Antía Otero.

Tamén se viron uns minutos do documental "A nosa terra é nosa" que están facendo algúns membros da nosa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-12-2007 23:56
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección audiovisual sobre Alexandre Bóveda
O outro día presentei na Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre (a súa sede está nunha casa chamada Villa Florentina) un "powerpoint" sobre a vida de Alexandre Bóveda.

Agardamos que iso axude á difusión da figura que dá nome á nosa asociación cultural.

Isto de facer powerpoints axiña será deporte olímpico, como sigamos así.

Parece que gustou, tanto que incluso algúns pensaron que eu era un experto no tema.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-12-2007 23:44
# Ligazón permanente a este artigo
Xornadas sobre "Cidade e Cultura"
Hai uns días celebrouse unha xornada sobre "Cidade e cultura" no Centro Cívico dos Mallos.

O programa era tremendamente interesante pero só puiden asistir á parte final xa que as miñas ocupacións dese día impedíronme chegar antes das sete da tarde. Incluso non permitiron que asistira a unha mesa redonda da mañá onde estaba invitado a participar, tiveron que substituírme pero sei que o fixeron ben, como non podía ser doutro xeito.

A xornada rematou con Cándido Pazó, a quen tamén vira no noso Memorial de Teatro Ibán Toxeiro, celebrado só dous días antes. De novo, o colofón inmellorable.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-12-2007 23:40
# Ligazón permanente a este artigo
O Memorial de Teatro Ibán Toxeiro
Festival de Teatro que organiza a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda todos os anos, polo outono. Básicamente consiste nunha gala onde se mestura o teatro amador e o profesional. Este ano tamén houbo, outro día e noutro local, os títeres de Tanxarina.

Rende homenaxe a Ibán Toxeiro, xoven actor coruñés e socio noso que morreu no ano 1996 cando xa despuntaba nas táboas.

Este ano actuaron:
- Teatro do Estibón: novo grupo profesional formado por Xosé Bonome e Estíbaliz Veiga (na foto).
- Inquedanza: grupo de danza contemporánea moi interesante.
- Grupo de teatro da Agrupación: representaron un fragmento da "Asemblea de mulleres" de Aristófanes.
- Cándido Pazó: Excepcional contacontos.

E todo isto amenizado coa música do grupo Rumbo Tupá.

Pasamos un rato moi agradable.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-12-2007 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0