Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Iolanda Casal fala sobre as Investigadoras galegas
A comezos de abril tivo lugar na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir, un acto que me fixo moita ilusión: a presentación do libro "Investigadoras galegas" a cargo da súa autora Iolanda Casal.

Tendo en conta que a ciencia é menosprezada aquí e en case todas partes, e as mulleres científicas non digamos, é moi loábel o traballo de Iolanda de sacar á luz o traballo das moitas mulleres galegas que se dedican ou dedicaron á investigación.

Iolanda Casal é xornalista en El Correo Gallego.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 10-05-2008 22:05
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Manuel Balboa
Á volta da Semana Santa, a asociación cultural que teño a honra de presidir, participou modestamente na homenaxe ao músico coruñés Manuel Balboa, no que tería sido o 50 aniversario do seu nacemento, xa que tristemente nos deixou a comezos de 2004.

Fixemos unha ofrenda de flores no cemiterio civil de San Amaro. Ao día seguinte houbo un concerto no Rosalía de Castro con algunhas das súas obras de cámara e concerto. Uns días máis tarde houbo a presentación dun libro de Lino Braxe e despois outro concerto dun afamado pianista.

Fíxose famoso especialmente pola música de películas de Garci como "Canción de cuna" ou "El abuelo". No concerto ao que puiden asistir escoitamos obras de música clásica contemporáneo. Desgrazadamente, a miña escasa cultura nese campo non me permitiu apreciar a súa gran valía, pero parece que era un gran compositor moi pouco valorado e coñecido na súa terra, para non variar.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-04-2008 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
O humor non engorda
Tamén nesta semana pasou polo local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda o debuxante Kiko da Silva, para presentar o seu último libro publicado por Biblos, titulado O humor non engorda.

Contamos coa presenza de Tucho Calvo, un dos fundadores desa excepcional empresa cultural chamada Biblos, que xa está cumprindo os cinco anos, e con Siro López, mestre de humoristas gráficos galegos.

Kiko contou cousas moi interesantes, falou do que lle está custando sacar adiante a revista Retranca, pero quere facelo sen subvencións para non estar atado e poder falar do que queira. Interesantísima proposta.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-03-2008 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
Sextinario: trinta e seis + tres
Na última semana pasou polo local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a poeta Marica Campo, para presentar o seu último libro, titulado Sextinario: trinta e seis máis tres, onde fai uso das sextinas, unha arte poética non moi común.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-03-2008 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección audiovisual sobre Alexandre Bóveda
O outro día proxectamos un audiovisual sobre Alexandre Bóveda (en formato powerpoint") que elaboramos na asociación cultural do mesmo nome para ir espallando e dando a coñecer a súa figura, bastante descoñecida.

Foi na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, tan ben dirixida por Xulia Santiso, no seu ciclo "Os xoves da rúa Tabernas". Lembrade que a Casa-Museo está na rúa Tabernas 11, no 1º piso, na mesma casa que ocupa a Real Academia Galega.

Houbo bastante xente e penso que se cumpriu sobradamente o obxectivo proposto. Entregamos ademais algún dos nosos folletos e a banda deseñada que fixemos no 2007 coa súa biografía.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-02-2008 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Autobiografía literaria de Lois Diéguez
Hai uns días pasou pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda un escritor galego que xa nos visitou máis veces e que sabe que alí ten a súa casa onde sempre é moi ben acollido: Lois Diéguez.

Deu unha charla que servía como autobiografía literaria da súa vida, onde nos contou os seus comezos lectores en Monforte (onde el mesmo se consideraba un "españolito"), ata que chegou Manuel María á vila, os seus estudos en Madrid (de onde volveu sendo nacionalista, curioso), a súa breve experiencia como parlamentario, e outras moitas historias. Deliciosa charla.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.


Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 13-01-2008 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Ánxel Casal
Lin hoxe un libro-DVD que me agasallaron hai pouco sobre a obra e vida de Ánxel Casal.

Impresionante labor, sobre todo dende o eido da edición, xa que foi o principal responsable de todos os magníficos materiais galeguistas dos anos 20 e 30, época irrepetible. E tamén moi salientable o labor da súa muller María Miramontes.

Matárono en Cacheiras o 19 de agosto de 1936, dous días despois de Alexandre Bóveda. Os asasinos sabían ben o que facían e o que pretendían.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 05-01-2008 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
O sorriso do diaño
Gran espectáculo o que onte ofreceu o grupo A Caricia da Serpe presentando o seu segundo disco titulado "O sorriso do diaño". Tamén tocaron unhas cantas pezas do seu primeiro disco.

Estes días entereime de onde proceden eses nomes algo tebrosos. A caricia e o sorriso están representados pola música agradable e amable. A serpe e o diaño son as letras das cancións, máis concretamente os poemas de Lino Braxe. Bastante menos amables, moito máis duros.

Xa saberedes que o grupo está formado por Lino Braxe (voz, letras), Miguel Ladrón de Guevara (guitarra), Rómulo Sanjurjo (acordeón) e Xosé Luís Saqués (percusións).

Se tedes a posibilidade de asistir a un dos seus concertos, facédeo, a experiencia será moi agradable. Poño tamén a páxina da súa productora. Dalí podedes baixar o "mp3" dun par de cancións do seu primeiro disco.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Wonderland Discos
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-12-2007 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Novo disco de "A Caricia da serpe"
Na A. C. Alexandre Bóveda estamos de noraboa unha vez máis.

O grupo "A Caricia da serpe", formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Rómulo Sanjurjo e Xosé Luís Saqués, que musica os poemas do primeiro, presenta o seu novo disco, titulado "O sorriso do diaño", o xoves 27 de decembro de 2007 no Teatro Rosalía baixo a nosa organización.

Onte mesmo fixeron unha breve presentación na FNAC do mesmo, que xa permitiu comprobar que o imos pasar tan ben como habitualmente.

Por certo, na FNAC, que calor fai, non si? Sospeito que no verán fará un frío insoportable. Estabamos desexando saír de alí, que ademais facía boa noite.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-12-2007 22:50
# Ligazón permanente a este artigo
Centenario do Himno Galego
Dous días máis tarde da conferencia de Manuel Ferreiro vímonos unha chea de xente no Teatro Rosalía para conmemorar o centenario do Himno Galego, que se cumpría xusto aquel día, o 20 de decembro de 2007.

Un acto moi emotivo. Intervención de Mª Xosé Bravo e Anxo Quintana, breve recitado de textos de Pondal a cargo de Casahamlet e a Banda Municipal da Coruña que interpretou a "Alborada de Veiga", "A Marcha do Antigo Reino de Galicia" e o "Himno Galego", este último con todo o teatro posto en pé, e acompañado pola coral Follas Novas.

Moi emotivo todo. Como anécdota persoal, creo que foi a primeira vez que me reservaron unha butaca nun teatro ou similar cun papeliño que contiña o meu nome. Gardeino para enmarcalo por se non duro moito, je, je...

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 22-12-2007 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0