Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Monumento a Alexandre Bóveda

Por fin, despois de máis de cinco anos de xestións e negociacións, hai monumento a Alexandre Bóveda na cidade da Coruña.

Inaugurámolo o sábado 30 de agosto. Pensamos que é moi bonito e que aportará algo de color ao Parque de Catro Camiños.

Saúdos e grazas a todos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 05-09-2008 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
Sendeirismo en Aranga

Un grupo de persoas que nos coñecemos a través da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir, fomos o outro día facer sendeirismo a Aranga, concello limítrofe coa provincia de Lugo, e a pouca distancia da Coruña.

Foi por unha fraga escondida, unha das poucas que queda por esa zona. Baixamos polo rego da Palanca, chegamos ao punto onde se une ao rego da Ponte das Ovellas e subimos por este río ata un encoro e voltamos ao coche. Vimos varias pozas con fervenzas, desas máxicas onde hai meigas e mouras.

En total, unhas cinco horas de lecer, paz e diversión, pero dun xeito moi diferente ao habitual nestes días.

Saúdos.
Comentarios (3) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 19-08-2008 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Visita guiada ao Castro de Elviña
Hai uns días fixemos unha visita guiada ao Castro de Elviña, co mellor guía que se pode ter, Xosé María Bello, o director das excavacións.

Hai uns meses xa deu unha conferencia na A. C. Alexandre Bóveda sobre ese tema. Tanto daquela como na visita guiada do outro día, o de sempre, a tremenda amenidade da súa exposición. Cóntao todo cunha sinxeleza incrible, e pasa o tempo sen sentir.

O outro día estivemos dúas horas e media baixo un sol abrasador e case hai que sacarnos á forza.

Dentro de pouco traerémolo para que nos fale da Torre de Hércules.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 23:59
# Ligazón permanente a este artigo
A actividade científica na Coruña na segunda metade do s. XIX
Despois de moitos meses de traballo, finalmente puidemos presentar os resultados do proxecto sobre "A actividade científica na cidade da Coruña na segunda metade do século XIX".

Plasmouse físicamente nunha exposición que esperamos mover por aí adiante (xa está habendo bastantes peticións) e un DVD que contén unha conferencia de Tino Fraga sobre ese tema e unha entrevista a dous enxeñeiros agrónomos xubilados que traballaron na Granxa Experimental de Monelos. Eses dous xenios chámanse Gregorio Santaolalla Azpilicueta e Valeriano Yepes Hernández de Madrid.

Do anterior supoño que se deduce que o comisario da exposición e mente pensante de todo este tema foi Xosé Antonio (Tino) Fraga, flamante novo Director dos Museos Científicos Coruñeses (despois dunha certa polémica que espero se esqueza axiña), a quen nunca lle agradeceremos bastante o que se volcou neste proxecto.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 23:46
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección das fotos de París
Hai unhas semanas proxectei na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda as fotos que sacamos en París hai dous anos, naquel verán no que estivemos alí.

Como xa é habitual, non houbo moita xente, pero creo que a xente que estivo saíu contenta, que é o que importa.

Por certo, esa foto que vedes non é miña, baixeina de Internet. Hoxe estou vago, só debín pendurar uns 20 artigos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
I Certame de Composición Coral Alexandre Bóveda

O sábado 31 de maio celebrouse a Gala Final do I Certame de Composición Coral Alexandre Bóveda.

Chegaron á final 4 pezas finalistas, dos seguintes autores, e que foron defendidas por estas corais:
- Jesús Rodil e Xulio Loureiro, con Cantábile
- Nico Matteo Nico, coa Coral Polifónica de Bergantiños
- Bernardo Martínez, coa Coral de Cenlle
- Ricardo Seixo e Xaquín Facal, co Coro da A. C. Alexandre Bóveda.

Os ganadores foron os primeiros, coa súa peza "Hércules". Noraboa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 15:32
# Ligazón permanente a este artigo
Páxina sobre destrución do patrimonio
A finais de maio o arqueólogo Manolo Díaz, directivo da A. C. Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir, presentou unha interesante páxina web da súa autoría, que trata sobre a destrución do patrimonio na Galiza.

Tamén deu unha completísima conferencia sobre o mesmo tema, centrada na cidade e comarca da Coruña. Pero a conferencia non podo reproducila pero o enlace á súa páxina web si, polo tanto aí abaixo volo deixo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Páxina sobre a destrución do patrimonio na Galiza
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
Libro coa Historia da A. C. Alexandre Bóveda
Hai pouco tempo puidemos publicar e presentar, por fin, o libro coa historia da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir.

Leva xa existindo máis de 30 anos, que se di axiña, aínda que eu levo alí pouco máis dunha década.

Por múltiples causas nas que non vou entrar, atrasouse un pouco a saída con respecto ao momento no que estaba prevista, pero finalmente foi posible e pensamos que quedou moi ben.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-07-2008 14:55
# Ligazón permanente a este artigo
Ciclo das Letras Galegas
No pasado mes de maio, como todos os anos, a Comisión de Lingua e Literatura da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizou un Ciclo das Letras Galegas. Os actos deste ano foron os seguintes:
- Conferencia sobre "Álvarez Blázquez no seu canle segredo" a cargo de Henrique Rabuñal, na foto.
- Conferencia sobre os prexuízos lingüísticos a cargo de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
- Conferencia e audiovisual sobre "O Decálogo que a lingua galega precisa" a cargo de Pilar García Negro.

Como poderedes supoñer, todos moi interesantes e suxerentes.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-06-2008 11:27
# Ligazón permanente a este artigo
Pradolongo
A comezos de abril estreouse na Coruña a película galega "Pradolongo". No local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda fixeron unha das presentacións na nosa cidade.

A verdade é que unha das cousas máis engaiolantes da película é a súa presentación. Aínda que é unha produción moi modesta, que o director e os tres actores principais da mesma veñan á túa "casa" a falarte da película, a animarte a vela, a proxectar un trailer e a participar nunha amena tertulia, está claro que dá moitos folgos e azos para facer o esforzo.

Ademais, son unha xente encantadora (imaxinádesvos como sairía ese experimento se foran desagradables??). Estiveron alí moito tempo asinando autógrafos, charlando coa xente.

Esa mesma semana fun vela. Paréceume algo frouxa, sobre todo porque a trama me pareceu moi "simplona". Ese é o problema dos anos de bombardeo de guións e tramas cada vez máis elaboradas no cine e na literatura. Xa non queda nada da suposta inocencia orixinal. Pero os actores non estaban mal, a fotografía e as paisaxes espectaculares (lóxico, sendo Valdeorras o esceario), e moi interesante o feito de falar os actores en valdeorrés.

Pero a historia pode enganchar a calquera e, ao fin e ao cabo, eu tamén opino que moito do cine comercial actual é bastante morrallento e sobrevive a base de efectos especiais.

Esta volta ás raíces non está mal. E agardo que teña éxito, e que aposten por sistemas de promoción innovadores coma o seu. Sorte.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Pradolongo
Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 10-05-2008 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0