Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Seminario de Arte Contemporánea

Durante as últimas semanas desenvolveuse na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda un Seminario de Arte Contemporánea.

Basicamente tratábase, para os máis novatos na comprensión desta arte, entre os que me atopo, de atopar algunhas claves e afondar no coñecemento dos movementos máis salientables da mesma.

Foi impartido por Xulia Santiso, directora do Museo Emilia Pardo Bazán, pero que tamén traballou como asesora didáctica en exposicións de arte contemporánea.

Sorprendeunos nunha das últimas sesións porque fixo unha visita guiada ao Museo da Fundación María José Jove, no polígono da Grela. Ten uns fondos excepcionais, con obras, por exemplo, de Kandinsky, Tàpies e Picasso.

Pero algúns seguimos tendo dificultades para atopar o verdadeiro camiño para a comprensión destas obras, sempre tan "sorprendentes".

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-04-2009 17:15
# Ligazón permanente a este artigo
Áncora no Alén (homenaxe a Urbano Lugrís)
Hai algún tempo un grupo de artistas da bisbarra, coordinados por Nacho Baamonde, propúxonos facer unha exposición de gravados en homenaxe a Urbano Lugrís.

Nós estabamos daquela pensando en facer un seminario de arte contemporánea que incluíra unha charla sobre Urbano Lugrís, que no 2008 cumpriría 100 anos de vida.

Perfecto. Todo encaixaba. Pedímoslle ademais a Nacho que dera esa charla, cousa que fixo hai poucas semanas, de xeito moi pedagóxico, profundando na obra máis descoñecida do autor, e relacionándoo coas súas influencias. Poñía un cadro doutro autor, e a continuación un de Lugrís no que se vía claramente a influencia e semellanza.

Déixovos cunha foto na que aparecen algúns dos gravadores no día da inauguración.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 29-03-2009 12:41
# Ligazón permanente a este artigo
O Centro Social Própolis
Hai unhas semanas, a proposta duns colaboradores, a xente do Centro Social Propolis veu presentarse á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Fixeron unha presentación bastante amena e exhaustiva de todo tipo de campañas e actividades que facían, e penso que algunha cousa conxunta poderemos facer, con proveito para todos, que é o que importa.

Para os que non o saiban, está na rúa Barcelona, no tramo final que non vai seguindo recto ao máis coñecido, senón que xira cara á dereita para xuntarse coa rúa Páramo. Está nun soto, debaixo dunha librería de segunda man, tamén moi activa.

Xente con ideas frescas e sen complexos. Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 18-03-2009 16:20
# Ligazón permanente a este artigo
Ciclo de Poetas Coruñeses (2ª sesión)
O outro día tivemos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda a segunda sesión do Ciclo de Poetas Coruñeses, que imos desenvolver neste ano 2009, un cada mes.

Nesta ocasión recitaron outros dous grandes da escena galega, Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel. Unha vez máis o local estivo cheo. Parece que a cousa está gustando.

Déixovos cunha breve entrevista a Xulio no Culturgal último celebrado na Coruña.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 14-02-2009 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Banca ética
Tamén onte asistimos a unha interesantísima charla de Raúl Asegurado sobre a Banca Ética.

Raúl Asegurado é o presidente de AIS "O Peto", delegación galega dunha asociación de orixe andaluz, que agrupa a un conxunto de aforradores que lle prestan cartos a persoas sabendo que non van ter beneficios e que, incluso, terán algo de perda.

Comentou cousas moi interesantes sobre o paradigma neoliberal e globalizador, o que fan os bancos cos nosos cartos, e as posibilidades que existen de saírse do "sistema".

Como anécdota, falou dun curioso persoeiro do que vos animo a investigar (como fixo el, que nos animou). Chámase Marc Rich e atópase algunha información sobre el na rede. E asegúrovos que a través del van saíndo cousas curiosas, por exemplo sobre o monarca español.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 06-02-2009 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
Ciclo de Poetas Coruñeses
O pasado 20 de xaneiro comezou no local da A. C. Alexandre Bóveda un ciclo de recitais a cargo de Poetas Coruñeses.

Serán 10 recitais en todo o ano, normalmente no segundo martes de cada mes, agás en xullo e en agosto. A particularidade é que en cada recital haberá dous poetas, primeira vez que se fai este experimento en Galiza, parece que fóra ten moito éxito.

O comezo non podía ser mellor: Xabier Seoane e Manuel Rivas. Estaba o local ata os topes. Recitaron coas luces apagadas e unicamente alumeados cun farol que lle daba un aire moi mariñeiro ao acto.

O 10 de febreiro estarán Miguel Anxo Fernán-Vello e Xulio López Valcárcel.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (1) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 01-02-2009 22:23
# Ligazón permanente a este artigo
Participación cidadá

O sábado 17 de xaneiro de 2009, pola mañá, rematou no Centro Cívico de Labañou, a primeira fase para poñer en marcha os mecanismo de Participación Cidadá na cidade da Coruña.

Houbo primeiro unha charla a cargo dunha técnica e dunha veciña de Córdoba, o lugar de España onde parece que vai máis avanzado este proceso. Despois houbo unha presentación das conclusións das xuntanzas que fomos facendo nos últimos meses.

Esperamos que axiña comecen a verse os resultados deste traballo. Parece que a Concellaría de Igualdade e Participación Cidadá está movéndose para que avance o tema.

Dende a A. C. Alexandre Bóveda moverémonos e colaboraremos para que así sexa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 17-01-2009 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
Héitor Mera e a súa tese (en galego) sobre a obra de Bernardino Graña
Hai unhas semanas viñeron ao noso local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda Héitor Mera e Bernardino Graña.

Como supoño que saberedes, Héitor Mera leva anos facendo unha tese na UNED sobre a obra do seu amigo Bernardino Graña e estanlle poñendo moitos atrancos para presentala en galego. Polo que parece, a cousa xa está moi cerca do seu final feliz, pero non o creremos ata que o vexamos.

Alí contounos todos os tragos amargos polos que tivo que pasar. Curiosamente, cando tiña algún problema grave, avisaba aos parlamentarios dun determinado grupo político, facían unha interpelación no Parlamento en Madrid, saía nos medios de comunicación e, de súpeto, todos os problemas desaparecían. Dá gusto ver que ben funcionan algunhas cousas se un fai un pouquiño de esforzo.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 02-01-2009 00:24
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe teatral a Jenaro Marinhas del Valle
Hai algo máis dun mes -si, levo algo de atraso na actualización deste blog- a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda axudou a realizarlle un homenaxe ao dramaturgo galego Jenaro Marinhas del Valle, xa que no 2008 era o centenario do seu nacemento.

Houbo primeiro unha representación teatral no Rosalía da Coruña, dirixida por Lino Braxe, e con grandes actores galegos como Miguel Pernas, Flor Maceiras, Rebeca Montero, etc. que consistiu en fragmentos de catro obras reunidas baixo o título de "A velada".

Uns días máis tarde, no Fórum Metropolitano, o noso grupo de teatro representou "A serpe" e o grupo Fas-que-fas, da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, de Cecebre, representou "O bosque".

Agardamos que isto sirva para recuperar a figura deste esquecido dramaturgo. Hai uns anos tamén colaboramos na publicación da Obra Completa, editada por Espiral Maior.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 28-12-2008 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Samaín 2008
Un ano máis, organizamos o Samaín na Cidade Vella, conxuntamente coa Asociación de Veciños do barrio, que facía o seu tradicional magosto.

Finalmente non choveu e as previsión non eran moi boas. Iso restou xente e debeu ser o ano -dos cinco que xa levamos- no que houbo menos público. Pero cada vez temos máis afinada a organización.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 30-11-2008 16:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0