Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Fotos da Polinesia

Na A.C. Alexandre Bóveda, de cando en vez, dicímoslle aos socios que van de vacacións a sitios interesantes que, se o teñen a ben, poden proxectar as fotos desas viaxes para poñernos os dentes longos.

E un dos máis activos é o noso socio Ernesto Gómez. Xa nos ten posto fotos de China, A Habana, Vietnam... E a última vez deixounos pampos coas fotos da Polinesia.

Principalmente estiveron na Polinesia Francesa. Os nomes que máis recordo eran Tahití, as Illas Marquesas e Bora Bora.

Nada, uns sitios feísimos, que non animan a ir en absoluto.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 23:01
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético de Ánxeles Penas e Henrique Rabuñal
No mes de xuño, o recital poético da serie "Poetas coruñeses" que estamos levando a cabo no 2009 na A. C. Alexandre Bóveda, convocou a Ánxeles Penas e Henrique Rabuñal.

Como sempre, unha gran asistencia de público, desa xente que aínda vibra co recitado poético. Especie en perigo de extinción.

Precisamente, no debate posterior xurdiu esa pregunta: que papel fai a poesía nun mundo tan inhumano coma este?

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
AAAGP
Hai unhas semanas inauguramos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha curiosa exposición.

Está promovida pola AAAGP (Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesas). Consiste en pequenas obras en formato DIN A4, e o tema é o MEDIO AMBIENTE.

É unha bienal que nesta edición trata sobre ese tema e chegaron colaboracións de moitas partes do mundo. É para nós un privilexio que esta exposición sexa estreada neste local.

Como esta xente é moi activa, seguro que a colaboración con eles dará lugar a moitas máis actividades conxuntas no futuro.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 22:34
# Ligazón permanente a este artigo
Novo libro sobre Alexandre Bóveda, a cargo de David Otero
David Otero escribiu un novo libro sobre Alexandre Bóveda. Titúlase "Alexandre Bóveda. Na demanda de restauración". Foi editado por Laiovento.

A presentación na Coruña foi espectacular. Na mesa estaban David Otero, Pancho Pillado, Avelino Pousa Antelo, Xoán Xosé Fernández Abella, Mini e Mero.

O local, cheo, como era de esperar.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 19:07
# Ligazón permanente a este artigo
Torneiro e Luz Pozo
En maio tivemos un novo recital de poetas coruñeses, o ciclo co que levamos dende xaneiro na A. C. Alexandre Bóveda.

Esta vez tocáballe o turno a Manuel Álvarez Torneiro e Luz Pozo Garza. De novo, unha grande asistencia de público para esta idea que está tendo o éxito esperado. Os dous poetas veteranos agradaron moito no seu recital.

Como curiosidade, diremos que unha das asistentes sufriu unha leve lipotimia que obrigou a chamar ás asistencias. Sería pola alta tensión poética??

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 18:59
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua galega
En maio celebramos ou celebráronse, ou participamos, en diferentes actos de fomento e defensa da lingua galega, que boa falta lle fai despois de tantos ataques estúpidos que está sufrindo nos últimos tempos.

Comezamos de novo na A. C. Alexandre Bóveda cos nosos "Faladoiro e Farra". O primeiro deles foi a comezos de maio, e estivo dedicado á lingua galega. O especialista que nos ilustrou neste caso foi Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Uns días máis tarde asistín cos alumnos do meu colexio ao Correlingua. Este ano, por fin, ganamos o concurso de pancartas, pero coa obra de arte que levabamos era difícil non conseguilo. Tanto é así que xa está colgada no Museo Emilia Pardo Bazán e aí estará todo o vindeiro curso.

E despois moitos fomos á manifestación do 17 de maio en Santiago. Eu xa había varios anos que non podía ir. Pero esta vez era necesario ir, dada a grave situación. E sei de moita xente que asistiu e que normalmente non o fai. A cousa está que arde, e só está comezando.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 18:54
# Ligazón permanente a este artigo
25 de abril en Portugal
Na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda temos intención de afianzar os nosos lazos do país veciño e coa lusofonía.

Por esa razón, este ano volvemos celebrar algún acto relacionado co 25 de abril.

Chamamos a dúas lectoras de portugués da UDC, Ana Bela e Joana, coas que temos algún contacto, e pedímoslles que nos falaran sobre o significado dese día no seu país, especialmente para elas, rapazas novas que aínda non naceran cando sucedeu a revolución dos cravos.

A ver se estreitamos máis os lazos con Portugal.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
A Torre de Hércules
Nos últimos meses nesta cidade moito se falou da Torre de Hércules, que finalmente foi designada Patrimonio da Humanidade.

Na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda xa lle dedicamos certa atención. Sempre acompañados dunha das persoas que máis sabe sobre a Torre, o arqueólogo Xosé María Bello.

Primeiro foi unha conferencia no noso local. Despois foi un "faladoiro e farra" sobre o tema no Club do Mar, agora que volvemos celebralos.

Nos dous casos pasou o que sucede sempre con Bello, que veu pouca xente pero os que fomos saímos moi contentos, xa que é unha delicia ouvilo falar e é tremendamente didáctico na súa exposición.

Que podería lembrar das cousas que nos contou eses días?

O que máis me impactou é que case todo o que se conserva é romano, aínda que non o pareza. A restauración do s. XVIII deixou unha pel duns 40 ou 60 cm. de espesor, pero iso é o que se ve. Realmente todo o interior é orixinal romano.

E que os romanos puxeron aquí un faro e unha guarnición para resgardar os barcos que saían de aquí ou pasaban por aquí que ían camiño de Inglaterra. Para que? para levarlle algo aos exércitos romanos que era absolutamente esencial para eles: aceite de oliva para cociñar.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 08-07-2009 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Yin & Yang
Hai poucos días inauguramos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha exposición do fotógrafo Raúl Lamoso.

Expón imaxes da cidade da Coruña, 10 delas con aspectos "positivos" e vistosos, e outras 10 con aspectos "negativos" ou menos vistosos, sobre todo relacionados coa pobreza ou a marxinación.

O que se recade irá a beneficio da Cociña Económica. Hai moita calidade nas fotografías, a ver se a recadación é abondosa.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-04-2009 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Ángela Oramas Camero
Hai unhas semanas visitounos a xornalista cubana Ángela Oramas Camero. Estivo na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda falando sobre a pegada dos galegos e da cultura galega en Cuba.

Eu lin algún libro dela sobre algún tema similar, por exemplo o titulado "Galegos na Habana" que fala dos moitos galegos que tiveron alí a súa influencia, como o famoso "Cabaleiro de París".

Non puiden asistir a toda a conferencia, pero o que vin foi moi interesante. Agora que se tenderon máis pontes entre a cultura galega e a cubana, haberá que aproveitalas.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-04-2009 17:45
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0