Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Concertos de outono
O pasado venres comezou o V Ciclo de "Concertos de Outono" organizado pola A. C. Alexandre Bóveda, e celebrados na igrexa da Orde Terceira.

Neste concerto actuaba o trío Saiva nova, formado por Ernesto Riobó e Mihai Tanasescu ao violín e Daniel Canosa ao violonchelo. Tocaron pezas de F. Mazas, Leopold Mozart e Pleyel.

Gustou moito e aínda houbo bastante público.

Hai dous concertos máis nos vindeiros venres, ás 20:30 horas. O 30 de outubro tocan o guitarrista Ramón Carnota e o violinista Javier Cedrón. O 6 de novembro hai un concerto con Ramón Carnota como solista.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2009 11:56
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición e documental científico
Hai xa un par de anos, dende a A. C. Alexandre Bóveda, levamos a cabo un traballo de divulgación científica marabillosamente asesorados por Xosé Antonio Fraga, agora (daquela non) Director dos Museos Científicos Coruñeses.

Todo xirou arredor dun tema de investigación no que el é experto e no que estaba traballando daquela. Era a actividade científica na cidade ou comarca da Coruña na segunda metade do século XIX.

Tino Fraga deu unha amenísima conferencia no noso local sobre ese tema, fomos entrevistar a dous enxeñeiros agrícolas que traballaron na Granxa Experimental de Elviña (agora en Mabegondo), que foi fundada en 1888. Editamos un DVD que contén estes dous materiais gravados en video. E fixemos unha exposición que segue viaxando por aí.

E hai uns días levamos todo este material a Villa Florentina, en Cecebre, sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez. Presentamos o material e proxectamos o video da conferencia.

Polo que comentaban, todo o mundo quedou moi contento xa que Tino Fraga é moi ameno nas súas exposicións e conecta sempre moi ben auditorio.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-10-2009 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético de Cesáreo Sánchez Iglesias
O outro día veu o insigne poeta Cesáreo Sánchez Iglesias a dar un recital poético, pertencente ao noso ciclo de Poetas Coruñeses, á A. C. Alexandre Bóveda.

Deulle un repaso á súa carreira poética de máis de 30 anos de existencia. Recoñeceu que non pasaba máis de 3 ou 4 anos sen publicar, que estaba continuamente escribindo. E deleitounos cos seus versos e a súa prosa poética.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-10-2009 19:15
# Ligazón permanente a este artigo
Esta guerra non prospera, de José Román Montesinos
O outro día inauguramos na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda unha nova exposición de fotografía. Titúlase "Esta guerra non prospera" e o autor é José Román Montesinos, catedrático de Xeoloxía.

Trátase de fotografía conceptual, que dá lugares a curiosas imaxes, nalgúns casos divertidas. No pasado este autor fixo fotografía de natureza, fixándose en formas xeolóxicas e similares.

Déixovos unha foto da exposición tal como a recolleu a prensa asturiana, xa que estivo exposta hai pouco tempo en Uvieu.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 10-10-2009 22:43
# Ligazón permanente a este artigo
Radio en CUAC FM
Dende hai xa uns cantos anos existe na Coruña unha moi interesante radio comunitaria que foi posta en marcha pola Universidade (creo) aínda que agora só depende en parte dela. Chámase CUAC FM.

Obviamente, non emite con moita potencia e non todos os aparellos poden recibila e non se recibe ben ou moi ben en todas partes, éche o que hai. Pero en teoría recíbese ben na comarca cercana á cidade e incluso parece que se escoita en Fene (por enriba do mar non é tan lonxe). Pola contra, en Laracha non se colle porque a súa frecuencia 103.4 está ocupada pola Radio Galega.

Ben, pois neste ano eu re-descubrín a emisora ao enterarme (xa o sabía pero este ano lembreino) que se podían alugar franxas horarias por un prezo moi baixo. Acaba de subir a tarifa, pero aínda así é moi asequible. Custa 25 euros ao mes, e dá dereito a emitir unha hora á semana, ou sexa, catro programas mensuais (algún mes cinco, se cadra).

Pois entre o curso anterior e este lanceime xa con dous programas: un cos alumnos do meu centro, a través do noso ENDL, e outro coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que teño a honra de presidir. Onte, martes 6 de outubro, foi a inauguración do curso cos dous programas. O primeiro de 5 a 6 da tarde, titulado "AF/DC (A fume de carozo)", e o outro de 7 a 8, titulado "Recendo".

Teño que recoñecer que me atraen os dous mundos paralelos da radio, tanto o da emisión da voz a través das ondas, como o dos aparellos técnicos, mesas de mesturas, etc. que o permiten.

Déixovos cun vídeo do grupo Dios ke te crew, xa que o primeiro programa cos meus alumnos, foi un monográfico musical no que incluso entrevistamos a García, un dos seus catro MCs (cantantes, para os que non estean familiarizados coa terminoloxía do rap ou o hip-hop, provén de "master of ceremonies", mestre de ceremonias)

Saúdos. Os Mártires da Caeira.

Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 07-10-2009 11:49
# Ligazón permanente a este artigo
Faladoiro e Farra con Xabier Díaz sobre a música galega
Onte tamén tivo lugar unha das actividades máis populares da A. C. Alexandre Bóveda e que máis nos gusta: o Faladoiro e Farra.

Como supoño que sabedes, consiste nunha cea a base de racións, despois unha tertulia sobre un tema determinado introducida por un experto, e finalmente, se se presta e hai instrumentos, algo de música interpretada polos propios asistentes.

Vaiamos por partes:
- O local. Nesta nova xeira que comezou en maio de 2009, facémolo no Club do Mar da Coruña. Impresionante. Despois dalgunhas dúbidas iniciais, o trato é exquisito, a comida ten unha relación calidade-cantidade/prezo alucinante, as instalacións son moi boas e, no caso de que cantáramos, que últimamente non o fixemos, non hai veciños que poidan protestar e podemos estar alí ata as 2 ou 3 da mañá tranquilamente.
- Afluencia. Comezamos bastante forte pero agora baixou un pouco, pero tampouco é algo que nos preocupe demasiado. Esta actividade autofinánciase e sempre saímos moi contentos dela. Este día estivemos 13 persoas e foi unha tertulia moi moi agradable, a parte da amabilidade de Xabier Díaz, que nos cautivou.

Pois iso, ata as 2 da mañá estivemos falando do divino e o humano sobre a situación da música galega coa intervención de todos e as moi sabias indicacións e aclaracións de Xabier.

A nosa intención é que o seguinte faladoiro sexa o venres 13 de novembro con Felipe Senén falando sobre "As festas populares". Estades todos invitados.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 03-10-2009 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético de Suso Pensado e Xoán Abeleira
Este último martes tocaba un novo recital poético de poetas coruñeses, como todos os meses, e era a quenda de Suso Pensado e Xoán Abeleira.

O que pasa é que estas dúas persoas teñen máis prestixio como tradutores de poesía que como creadores da súa propia, aínda que tamén se lles valora como isto último.

Poño unha foto de Suso, xa que Xoán saíu hai pouco neste foro, e Suso prodígase moito menos. Foron presentados por Xulio López Valcárcel.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 25-09-2009 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxes a Ánxel Casal e Alexandre Bóveda
Sempre a mediados do mes de agosto algúns rendemos homenaxe a dous dos máis insignes galeguistas da historia, que no convulso 1936 foron asasinados polos golpistas que despois (e un pouco aínda agora, ou será algo máis que un pouco?) mandaron nestes lugares durante longo tempo.

Xa celebramos o de Ánxel Casal, excepcional editor, no cemiterio de San Amaro.

E agora é a quenda de Alexandre Bóveda, economista e ideólogo do nacionalismo da II República, coas dúas homenaxes habituais en Oleiros e na Coruña.

A de Oleiros será o luns 17 de agosto ás 18:00 horas na Praza da Liberdade, en San Pedro de Nós, e contaremos coa colaboración da Asociación Cultural Vieiros, dese concello.

A da Coruña será en Catro Camiños, ao carón do monumento a Alexandre Bóveda, dúas horas máis tarde, ou sexa, ás 20:00 horas, coa colaboración da Concellería de Cultura e a actuación da Orquestra Tumbalobos.

Non debemos esquecer que este mesmo día os actos centrais celébranse en Pontevedra, onde foi fusilado, onde está soterrado, e incluso con presenza de varios membros da súa familia.

Nunca serán suficientes todas as homenaxes que se fagan a estes dous mártires que deixaron a súa vida por Galicia.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 16-08-2009 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Obras sobre Ramón Piñeiro
Na segunda quincena de xuño presentamos na A. C. Alexandre Bóveda varios libros sobre a controvertida figura de Ramón Piñeiro, o homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

E digo controvertida figura precisamente porque os dous libros que presentamos eses días non o poñían nos altares, como outros si fan.

O primeiro foi escrito polo noso historiador amigo Xoán Carlos Garrido "Piñeiro contra Castelao. Castelao contra Piñeiro". Fala da correspondencia entre estas dúas figuras e outros persoeiros adxacentes que permite coñecer mellor a ruptura en dúas faccións do nacionalismo galego nos anos 40.

O segundo foi escrito pola profesora e tamén amiga Mercedes Queixas, e títulase "Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política". Viña contando que o que pretendía agocharse como alternativa cultural no galeguismo de posguerra e transición, viña sendo realmente unha opción política moito máis moderada que pretendía eclipsar á outra.

Dous interesantes libros máis para seguir o ronsel do nacionalismo galego.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
O impacto da obra de Charles Darwin en Galiza
Como este ano se celebra o 200 aniversario do nacemento de Darwin e o 150 aniversario da publicación da súa principal obra, hai que celebralo.

E na A.C. Alexandre Bóveda decidimos facelo chamando a Xosé Antonio Fraga, o noso principal colaborador en temas científicos, e que agora temos a sorte de disfrutalo todos os coruñeses como director dos Museos Científicos da cidade (Casa das Ciencias, Domus e Acuario).

Pedímoslle que viñera para falar de unha das súas especialidades, o impacto da obra de Darwin en Galiza. É dicir, que recepción tivo a obra, onde se mercou primeiro, incidencia no traballo científico do país, etc.

Chama a atención que as primeiras institucións que mercaron a obra foron os institutos de Pontevedra e A Coruña, pero que a USC tardou moito en facelo, e ao principio criticaba moito a obra e o autor. Era aínda unha ciencia demasiado dominada pola relixión.

Agora merquei a obra en galego, nunha tradución que fixeron na USC. A ver cando me atrevo con ela.

Saúdos. Os Mártires da Caeira.
Comentarios (0) - Categoría: Os Mártires da Caeira - Publicado o 12-07-2009 23:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0