Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DVD sobre María Mariño
Os intrépidos profesores do colexio Mª Assumpta, de Noia, realizaron este ano un interesantísimo DVD con unidade didáctica incorporada sobre María Mariño, noiesa de nacemento. Nese video hai entrevistas con xente da zona que a coñeceu en persoa.

Será repartido en todos os colexios relixiosos de Galicia, para favorecer e facilitar o sempre complicado traballo dos Equipos de Normalización Lingüística.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (4) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 27-04-2007 16:38
# Ligazón permanente a este artigo
Príncipes e princesas (de Antonio Pernas)
Hai uns días estivo Antonio Pernas no colexio no que traballo para que uns alumnos lle realizaran unha entrevista para a nosa revista escolar.

Estivo 50 minutos contando cousas moi interesantes e amosouse como un tipo ben normal e sinxelo. Nada da sofisticación que moitos poderían pensar.

O que máis me chamou a atención foi unha das cousas que dixo cerca do final. Unha das rapazas, que é de 2º de Bacharelato, preguntoulle que lles recomendaba poñerse para a festa de graduación que van ter dentro duns meses. E a resposta veu sendo algo así como: "O de ir de príncipes e princesas nesas ceremonias xa está moi pasado. Vai como che apeteza. Se che sentan ben os vaqueiros, e estás cómoda, vai así".

Aposto os meus seis brazos a que NON LLE FARÁN PUÑETERO CASO.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 23-03-2007 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
III Edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento

Estase celebrando a III Edición do Premio Literario "Frei Martín Sarmiento". E agora hai un blog no que as persoas que participen (alumnos e profesores) poden poñer as súas opinións sobre os libros finalistas.

Seguramente será necesario facer unha breve explicación de como funciona, porque o parágrafo anterior puido despistar a moita xente.

Neste premio, que ten lugar nalgúns dos colexios relixiosos de Galicia, os alumnos non teñen que escribir, senón que teñen que ler 3 libros que foron escollidos por un grupo de profesores, expertos e responsables de editorias galegas.

Os libros xa foron publicados (nesta edición os libros son de 2005), obviamente son todos en galego, e de autores galegos, e o xurado formado polos alumnos, agrupados en catro categorías ou franxas de idades, outorga unhas votacións que fan ganador a un libro en cada categoría.

Na edición que xa está en marcha (faltan por chegar uns poucos libros ós centros) están participando algo máis de 20 colexios e máis de 3.000 alumnos.

Xusto debaixo deste texto debe haber un enlace para ir ó blog do Premio e poder opinar e participar. Espero que vos pareza interesante a proposta.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Blog do Premio Literario "Frei Martín Sarmiento"
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 23-02-2007 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Maratón de lectura na Real Academia Galega

O pasado venres 26 de xaneiro de 2007 tivo lugar na Real Academia Galega un Maratón de Lectura no que estivemos tres horas lendo textos de todos os autores homenaxeados no Día das Letras Galegas.

Participaron alumnos dos Franciscanos, Maristas e Escolapios da Coruña. Como académicos participaron Xosé Luis Axeitos (inaugurou), Xesús Ferro Ruibal, Ramón Villares, Luz Pozo Garza e Xosé Ramón Barreiro (clausurou).

Vedes unha foto que se sacou o presidente da RAG, D. Xosé Ramón Barreiro con alumnos dos Escolapios e a profesora que os coordinou, Guadalupe Martínez. A foto está un pouco movidiña, pero....

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (3) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 02-02-2007 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Xornadas de Normalización Lingüística
Este é o primeiro artigo dunha sección "secundaria" deste blog titulada "Os Devotos de Santa Clara".

Cóntovos. Formo parte dun grupo de profesores de colexios relixiosos de Galicia que traballamos -con bastante entusiasmo- no eido da Normalización Lingüística. O grupo de persoas que coordinamos ese numeroso plantel reunímonos cada certo tempo na sede da organización que nos acolle, no Convento de Santa Clara, na rúa Santa Clara, en Compostela. Espero que iso explique o nome, aínda que retranca non lle falta.

Cando fagamos algunha actividade interesante avisaremos aquí, por se acaso. E podería ser o caso de facelo por primeira vez.

O venres 12 de xaneiro de 2007 celebramos as nosas II Xornadas de Normalización Lingüística. Serán no Gran Hotel Santiago (estrada de Noia, pero dentro da cidade, á altura do campus Sur). Comezarán ás 10 da mañá e rematarán sobre as 6 da tarde.

Pola mañá, as intervencións serán as seguintes:
- Dna. Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística
- D. Raúl Piñeiro, que falará sobre "O galego e os inmigrantes"
- D. Xesús Ferro Ruibal, que falará sobre "O galego na Igrexa"

Pola tarde haberá:
- Intercambio de experiencias, sairá xente dos nosos centros a contar proxectos xa en marcha como "Cartas de amor en galego", "Contos cooperativos", "Xornalismo dixital" e "Xogos populares".
- Posta en marcha de grupos de traballo sobre temas diversos como: científicos galegos, músicos galegos, filósofos galegos, parques naturais...

Penso que o pasaremos ben, aprenderemos moito, sairemos con moitas ganas de traballar e facer cousas (importante nesta época do ano que resulta algo dura) e coñeceremos xente interesante.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (2) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 07-01-2007 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0