Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Ben falado!!!

Hai pouco a xente do programa da TVG "Ben falado!!!" veu ao colexio onde traballo. Querían gravar a algúns alumnos e profesores porque estaban interesados nalgunhas das actividades de fomento do galego que alí facemos.

Parte da gravación consistiu en facerlle preguntas a rapaces e rapazas pequenas, con adiviñas, porque sempre teñen unhas respostas moi simpáticas.

Despois entrevistaron a xente que traballa na nosa revista escolar, que xa ten 20 anos de existencia, está toda en galego, ten 64 páxinas, portadas en cor e só se fai un número cada curso (non dá tempo a máis).

Entrevistáronme a min como coordinador da mesma e despois a catro alumnos que o ano pasado fixeron dous dos reportaxes máis salientables: as entrevistas ao Reitor da UDC e ao grupo de música Loretta Martin.

Unha semana destas sairemos por alí. Creo que outros centros relixiosos que tamén fan cousas moi chulas van saír tamén neste programa.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 12-10-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
García, de Dios ke te crew
Dende hai algún tempo, nos colexios relixiosos de Galicia estamos intentando que os rapaces se vaian animando a facer rap en galego.

O grupo máis coñecido do país é Dios ke te crew, e un dos seus MCs máis célebres é García. Puxémonos en contacto con el para que viñera a dar un "cursiño" sobre hip-hop e rap en galego, e xa foi a varios dos nosos centros.

Foi un venres pola tarde, de 5 a 7, e resultou paradoxal ver a algúns dos alumnos máis conflitivos e revoltosos traballando en grupos, sentados nunha mesa, a unhas horas nas que non están afeitos a facelo, intentando crear unhas letras que García lles axudaba a pulir co seu saber.

Por certo, García é o da esquerda na foto que vedes.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 06-07-2008 12:49
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da Lingua 2008 en Vilagarcía
O mércores 30 de abril organizamos un gran evento en Vilagarcía, concretamente no recinto feiral de FEXDEGA.

Foi a Festa da Lingua 2008, a festa de entrega dos galardóns da IV Edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento, que consiste en que alumnos dos centros de FEREGA-CECA lean libros en galego xa publicados e decidan cal é o que máis lles gusta.

Na edición celebrada durante este curso xa participaron máis de 5.000 alumnos. Á Festa de Vilagarcía viñeron uns 1.300 deles, máis ou menos a cuarta parte.

Pola mañá foron os actos literarios e pola tarde os lúdicos, entre eles as actuacións dos contacontos Oswaldo Digón e Cándido Pazó.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 08-06-2008 00:16
# Ligazón permanente a este artigo
Feira Solidaria

A finais de abril deste ano houbo, unha vez máis, a Feira Solidaria no colexio onde traballo.

Un sábado de festa onde moitos profesores e alumnos (entre os que non estou eu) mátanse a traballar para recadar a maior cantidade de cartos para proxectos solidarios.

Os resultados foron moi bos e creo que a xente quedou moi contenta. Veu tamén unha xente dunha granxa-escola de Salamanca, dirixida por Jesús Garrote, que é un auténtico "crack" en integración de rapaces marxinais.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 07-06-2008 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Xeados de nitróxeno
A finais de abril viñeron ao colexio onde eu traballo dous representantes dunha asociación da que xa vos teño falado. É unha asociación para a divulgación científica que se chama "A Caixa de Maxwell".

Está formada por varios xoves titulados en física e química da Universidade de Santiago. Van a colexios, asociacións e outros lugares a facer experimentos científicos, para fomentar o coñecemento desta importante área. Participan asiduamente na Semana da Ciencia.

No meu colexio fixeron xeados de nitróxeno. Estiveron un bo rato facendo experimentos de todo tipo con nitróxeno. E, ao final, fixeron uns xeados normais. O que sucede é que normalmente hai que telos un día enteiro na xeadeira. Co nitróxeno a case 200 graos baixo cero é cuestión de segundos.

Saúdos.
A Caixa de Maxwell
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 07-06-2008 23:21
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevistas na revista CROA
Últimamente xa fixemos varias entrevistas para a revista CROA deste ano, que se edita todos os anos nos Escolapios da Coruña.

Por exemplo, entrevistamos a un dos fareiros da Torre de Hércules, ao Reitor da Universidade da Coruña e aos compoñentes do grupo galego Loretta Martin. Déixovos cun video deste grupo.

Saúdos.

Web do grupo Loretta Martin
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 20-01-2008 17:19
# Ligazón permanente a este artigo
III Xornada de Normalización Lingüística de Escolas Católicas
O venres 11 de xaneiro de 2008 celebrouse no Hotel Os Abetos de Santiago de Compostela a III Xornada de Normalización Lingüística de FEREGA-CECA (Escolas Católicas).

Pola mañá houbo tres relatorios moi interesantes (uns máis que outros, claro):
- "Dinamización na sociedade galega" de Xosé González Martínez, funcionario do Concello de Redondela.
- "Normalización Lingüística en Educación Infantil" de Eva García Sexto, asesora de Educación Infantil da Consellería de Educación.
- "Planificación lingüística" de Fernando Ramallo, profesor de Sociolingüística da Universidade de Vigo.

Pola tarde houbo unha serie de presentacións máis breves sobre:
- Concurso In-Ecolóxico (Remedios Forneiro, do Colexio Madre de Dios de Barbadás)
- Dinamización das bibliotecas de aula (Adolfo Gálvez, do Colexio Santiago Apóstol de Vigo)
- Tagen Ata (Empresa de dinamización cultural e lingüística)
- CreArte (Empresa de dinamización cultural)
- Presentación dun CD con presentacións powerpointe de Pastoral traducidas ao galego (Manuel Barreiro, dos Maristas de Lugo)

Eu creo que saíu bastante ben. Houbo algúns erros técnicos (ai, Windows Vista, non me tiredes da lingua), un pequeno retraso que arrastramos toda a xornada, pero en xeral creo que foi bastante ben a cousa. Se non pasa nada, dentro dun ano alí estaremos de novo para o mesmo propósito.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 13-01-2008 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da Lingua 2007
O venres 19 de outubro de 2007 celebrouse a Festa da Lingua que serviu para entregar os galardóns da III Edición do Premio Literario "Frei Martín Sarmiento", que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da FEREGA (Colexios Relixiosos de Galicia).

Alí se xuntaron algo máis de 800 alumnos de toda Galicia que ían aplaudir e coñecer aos catro autores (algún máis realmente) ganadores desta edición: Pinto e Chinto, Eva Peydró, Breogán Riveiro e Agustín Fernández Paz.

Tristemente, Pinto e Chinto e Eva Peydró non puideron estar, pero enviaron aos seus editores para recoller os premios e falar aos rapaces.

Aí vedes unha foto co salón de actos do colexio La Salle de Santiago ateigado de xente nova á que lle gusta ler en galego.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 21-10-2007 19:41
# Ligazón permanente a este artigo
Dando conferencias
O outro día dei, ou mellor dito, axudei a dar unha conferencia.

Eu xuraría que a primeira vez que fixen algo parecido foi no verán de 1995 cando fun a un congreso de informática a Tenerife a contar algo sobre a tesina de licenciatura que fixera o curso anterior. Non estivo mal, pero tampouco foi gran cousa.

Daquela o que fora gran cousa foi a experiencia de estar unha semana con (case) todos os gastos pagos na illa de Tenerife, concretamente en Puerto de la Cruz. E viaxar en avión por primeira vez, claro.

O do outro día foi diferente. A conferencia foi deseñada por min (aínda que será impartida nas sete cidades galegas por seis persoas diferentes, entre as cales me atopo, obviamente) e na estrea unha compañeira pediume que subira con ela porque entre os dous seguro que podíamos explicar mellor as cousas. E alí fun.

Creo que máis ou menos gustou. Por certo, a conferencia foi sobre normalización lingüística, un dos campos nos que levo anos traballando. Concretamente, no traballo que levamos feito nos últimos catro anos dende a Comisión de Normalización Lingüística da FEREGA (Colexios Relixiosos de Galicia).

O xoves 15 de novembro teño que dala en Ferrol. A ver se sae todo ben.

Saúdos. Os Devotos de Santa Clara.
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 21-10-2007 19:30
# Ligazón permanente a este artigo
Divulgación científica: A Caixa de Maxwell
Onte estiven cunha das persoas fundadoras dunha entidade case pioneira: a Asociación Cultural para a divulgación científica "A Caixa de Maxwell". Dedícanse principalmente a demostracións de experimentos e coñecementos científicos en colexios, asociacións e colectivos de todo tipo.

Non hai case ninguén en Galicia que faga nada parecido. E digo o "case" pola típica precaución que temos que ter se ignoramos algo.

Teñen uns cantos obradoiros diferentes pero hai dous que me chaman a atención: un para rapaces no que se fan xeados de nitróxeno e outro xa para algo máis maiores onde se intenta achegar a todos os entendementos a complexísima física cuántica.

Intentaremos ofertar as actividades desta interesante asociación aos colexios relixiosos de Galicia porque pensamos que é unha oferta de primeiro nivel.

Saúdos.
A Caixa de Maxwell
Comentarios (0) - Categoría: Os Devotos de Santa Clara - Publicado o 23-09-2007 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0