Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Xeración Nós: Galeguismo e Relixión
O oitavo libro lido neste confinamento foi o titulado "A Xeración Nós: Galeguismo e Relixión", escrito polo bo amigo Victorino Pérez Prieto, gran teólogo galego. O tema relixioso non me interesa demasiado, pero aproveitando que neste estraño 2020 se cumpren 100 anos da saída da Revista Nós, que deu nome a esta insigne xeración, pois decidín animarme.

No libro se fala principalmente, da vida, obra e sentimento relixioso das que están consideradas as catro figuras principais da Xeración Nós: Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Alfonso Daniel Castelao. Nalgún sitio menciónanse outros catro persoeiros que formarían a segunda fila desta xeración: Antón Losada, Antón Vilar Ponte, Xoán Vicente Viqueira e Ramón Cabanillas.

Deses catro persoeiros principais, hai que destacar que os tres primeiros (Otero, Risco e Cuevillas), son case coetáneos, foron amigos dende pequenos e tiveron unha traxectoria máis ou menos similar, polo menos nalgunhas épocas, dende o punto de vista ideolóxico. Naceron na década do 80 do século XIX, no centro de Ourense, e ata o 1918 (que andaba pola trintena), eran xente moi culta pero que non se implicaba o máis mínimo en temas sociais e polícitos. Incluso, xusto antes de entrar no galeguismo, incluso desprezaban a lingua e cultura galegas. Castelao naceu nos mesmos anos, pero a súa traxectoria foi totalmente diferente.

Ramón Otero Pedrayo parece que foi sempre unha persoa moi coherente e con principios, e iso fixo que perdera a súa cátedra durante algúns anos, por non apoiar o golpe militar do 36. Era moi relixioso e crente, pero veía claras contradicións entre a súa crenza e doctrina e a das xerarquías eclesiásticas que apoiaban o franquismo.

Vicente Risco xa era outra cousa. Polo que parece, era un portento intelectual, como demostrou nos aproximadamente 15 anos (non máis) que estivo implicado no movemento galeguista. Pero antes diso pasou bastante do tema, incluso con desdén. E era moi romántico, no sentido de ser moi seguidor de culturas e relixións exóticas. Pero a comezos dos anos 30 foi de viaxe por Europa, e volveu moi cambiado, cun xiro ideolóxico moi reaccionario (que casualidade, estivo en Alemania a comezos dos anos 30, e parece que lle gustou o que viu). E cando foi o golpe do 36 e nos anos posteriores, apoiouno claramente. Parece que era un tipo moi medoso, estaba obsesionado co demo, ao que vía por todas partes. Sempre foi ultracatólico e só tivo uns anos (xa digo, uns 15, como moito) no que pareceu unha persoa mínimamente sensata e implicada coa sociedade na que vivía. Un personaxe que non me convence o máis mínimo. Ademais, neses 15 anos, fixo moitas cousas interesantes, pero tamén creo moitas disensións e faccións que desunían, tanto nas Irmandades da Fala como no Partido Galegusita. A min paréceme que era bastante mal bicho.

Florentino López Cuevillas estudou Farmacia, pero nunca lle interesou demasiado traballar niso. Polo visto, consumía moitos medicamentos, así que ese debía ser o seu interese. Dedicouse principalmente á arqueoloxía e prehistoria, campos nos que destacou. A súa obra literaria foron ensaios e artigos, principalmente deses dous temas. Dende o punto de vista literario, o máis frouxo dos catro, obviamente. Parece que tamén era bastante relixioso, pero non tanto como Risco, claro, que xa era fanático.

Castelao xa tivo outra vida. Aparte de que estivo uns anos emigrado en Arxentina cando era rapaz, seguindo á familia, a súa vida principalmente foi en Pontevedra, como funcionario, e tamén profesor de Debuxo no Instituto. Tamén tivo unha xuventude xoldeira e descomprometida, da que el mesmo se avergoñaba. Pero cando chegaron as Irmandades da Fala, subiuse ao carro e xa non parou en 35 anos. A súa obra é bastante coñecida, non creo que haxa moito que dicir. Segundo Victorino, parece que tamén tiña un certo sentemento relixioso, pero semella unha broma comparado co dos seus compañeiros beatos ourensáns. Unha das súas crises tamén foi nos anos 20, cando estivo visitando Europa cunha beca de investigación, pero semella que simplemente lle asaltou un certo sentimento de relixiosidade popular galega, que tiña esquecido. Di que París e Notre Dame tiveron moito que ver niso.

Saúdos.


Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-05-2020 11:09
# Ligazón permanente a este artigo
Eu, Daniel Blake
"Eu, Daniel Blake" é o título dunha das últimas películas do director británico Ken Loach. Certo é que o seu cine non sorprende demasiado, pero sabe concienciar sobre os problemas de vivir na sociedade capitalista, sobre todo se es obreiro de clase media ou baixa.

Daniel Blake é un carpinteiro que se desmaia nun andamio debido a un problema de corazón. Salva a vida pero tarda algún tempo en recuperarse para volver á actividade laboral normal. A súa médica non lle dá a alta ata que vexa que xa está totalmente reposto, como é lóxico.

Pero claro, o goberno británico é moi quisquilloso á hora de concederlle un subsidio. Ademais ponlle moitas trabas burocráticas, e case obriga a facer os trámites por vía telemática, e el, que xa é algo maior (parece andar polos 60), non se manexa nada ben. Ademais, parece que o sistema é bastante perverso, porque para darlle o subsidio por desemprego, ten que ir a cursos ou ten que demostrar que está buscando traballo. De feito, nunha das empresas, están interesados en contratalo (aínda que lles presentou o curriculum escrito a lápis), pero el non pode aceptar o posto, porque a súa médico non lle deixa.

En paralelo coa súa situación (que dá título ao filme), unha muller de Londres que chega a Newcastle (onde ten lugar a película) cos dous nenos pequenos, de dúas parellas diferentes, non consegue traballo e a súa situación é bastante desesperada. Coincide por casualidade con Daniel nunha das súas reclamacións na oficina de emprego, e fanse moi amigos. A situación desa pequena familia tamén é moi triste, e a cousa non vai a mellor.

O final da película semella algo esperanzador, a muller consegue un traballo, aínda que precario e non moi digno, e parece que a apelación de Daniel para conseguir o seu subsidio, pero... as películas de Ken Loach raramente acaban ben, porque é moi realista e o mundo non é así, en condicións normais.

Pois nada, se sodes empresarios, capitalistas, amantes do neoliberalismo, e vos gusta ver series ou películas onde se vexa luxo, riqueza, glamour... nin se vos ocorra ver esta película nin ningunha outra deste director. Ides infartar.

Saúdos.


Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-05-2020 15:23
# Ligazón permanente a este artigo
Río Lobo
Aproveitando que neste confinamento teño máis tempo para ver películas na televisión, e que, se cadra, están botando máis e mellor cine ca antes (iso non podo aseguralo, ao mellor antes tamén o había, pero eu non me enteraba), estou vendo películas cuxo título me soa algo, do cal deduzo que se cadra son boas ou salvables.

Onte vin un "western" do que me soaba o título. Non estivo mal, pero se cadra tampouco é un super-clásico. Titúlase "Río Lobo", foi dirixida por Howard Hawks en 1970 (creo que foi a última película que fixo), e o principal protagonista é John Wayne (xa se lle notaba maior, tiña máis de 60 anos).

Foi secundado por uns actores e actrices que, para min, non eran demasiado coñecidos (máis ben nada). Jorge Rivero é un actor mexicano, e facía un papel similar. Christopher Mitchum supoño que será o fillo de Robert Mitchum, tiña un aire a el. E a contrapartida feminina era Jennifer O'Neill, unha muller moi fermosa, que non me soa de nada e que apenas fixo carreira no cine, ou en películas moi mediocres (que curioso, isto mesmo pasoume hai unhas semanas con "Misión de audaces", dá que pensar...). Ah, tamén está o fotoxénico e birollo Jack Elam.

A película comeza moi ben, pero despois perde ritmo, para o meu gusto, e xa se converte nun produto audiovisual máis convencional, cuns "bos" dándolle unha lección aos "malos", todo xa moi visto. Pero o comezo é moi espectacular.

Estamos nos últimos días da Guerra de Secesión, Norte contra Sur. Os "yankees" do Norte van mandar un tren cun vagón onde vai un cargamento de ouro, que vai bastante ben protexido. Pero hai uns "rebeldes" do Sur (como a guerra a ganou o Norte, os rebeldes son os outros, obviamente) que, divididos en dous equipos, van intentar roubar ese ouro nun tramo duns dez quilómetros. E o fan dun xeito bastante intelixente e vistoso.

Primeiro, están espiando as comunicacións telegráficas, para confirmar que o ouro vai nese tren (teñen espías que llo dixeron). Segundo, un equipo unta as vías do tren con grasa nunha costa arriba, para que o tren, co peso, a costa e a grasa, non sexa capaz de subir. Terceiro, nun tramo anterior a ese, outro equipo coloca un bo feixe de cordas de lado a lado da vía, para que, cando o tren volva costa abaixo e marcha atrás, sexan capaces de paralo onde a eles lles convén. Pero claro, teñen que facelo unha vez que o tren pasa de largo. Cando o tren patina cara atrás, o primeiro grupo asalta o tren, e mete un nido de avespas no furgón onde vai o ouro. Cando xa todos os soldados do Norte saltaron do tren en marcha, meten algo ardendo para que saian todas avespas. Inxenioso.

Pero despois, a película perde forza. Resulta que uns días despois remata a guerra. E o militar do Norte, protagonizado por John Wayne, fai amizade con varios dos que comandaban o grupo que lle roubou o ouro. E por avatares da vida, coinciden nun pobo de Texas chamado Río Logo, que está tomado por un cacique e os seus matóns, que teñen aterrorizado ao pobo. Resulta que ese cacique era un dos traidores do Norte que lles estaba pasando información aos do Sur para ese tipo de atracos. E John Wayne non pode permitir iso, obviamente. O que vén despois, máis ou menos xa o podedes intuír.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-05-2020 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
A idade da penumbra
Acabo de ler un libro que merquei hai varios anos e ao que lle tiña moitas ganas. Titúlase "A idade da penumbra" e foi escrito pola xornalista inglesa Catherine Nixey.

Casualmente, cando buscaba algunha foto ou vídeo para ilustrar este artigo, atopei algún comentario ou artigo en webs que "poñía verde" este libro. A verdade é que non teño, en absoluto, coñecementos nin saberes suficientes para poder afirmalo, pero como intuiredes cando saibades a temática do libro, estaba claro que a algunhas persoas non lles ía facer ningunha graza o que se di neste libro. A min, sen sabelo a ciencia certa, non me parece ningún disparate, pero cada un...

Este libro explica, con moitos exemplos, como o cristianismo intentou acabar (e máis ou menos o conseguiu) co mundo e a cultura clásica. Tendo en conta que o cristianismo naceu, aproximadamente, hai uns 2000 anos (esa parte non haberá que explicala, supoño), durante os primeiros séculos foi unha relixión ou secta (eu sigo sen ter clara a diferenza entre elas, porque os crentes de calquera doctrina din que a súa é a única relixión, e que todas as demais son sectas; así non se pode) con non moito éxito. Supoño que o mesmo que lle pasou ás demais.

Incluso nos primeiros séculos os cristianos se queixaban de ser perseguidos, especialmente polo Imperio Romano. No libro dise que, certamente, algo diso houbo, pero bastante menos do que se di. E o exemplo de Nerón non vale, era un trastornado que perseguiu a todo o mundo mentres estivo vivo. Nalgún momento, os cristianos foron para el un bo chivo expiatorio para tapar os seus trastornos, pero non foi o único que tivo.

Pero a comezos do século IV, un emperador romano, Constantino, publicou unha Lei segundo a cal os cristianos deixaban de ser perseguidos. E despois promulgou outras coas cales estaban cada vez máis protexidos e incluso se lles daba preponderancia. Algún tempo despois, a finais dese mesmo século, outro emperador, Teodosio, marcou que o cristianismo era a relixión oficial do Imperio. Seguro que a todos vos soan os nomes destes dous emperadores (dos moitos que houbo en Roma), pero probablemente se deba ao bombo e platillo do cristianismo, que obviamente os venera. De feito, o Imperio Romano partiuse en dous despois de Teodosio, así que, se cadra, tampouco era tan competente, pero quen sabe...

O caso é que o libro di que, sobre todo, nos séculos IV, V e VI, o cristianismo e moitos grupos dos seus seguidores se volveron tremendamente agresivos e comezaron a perseguir e a destruir moitos edificios, estatuas ou obras de todo tipo de mundo clásico grecolatino. Seguramente agora, un dos casos máis coñecidos, debido á película "Ágora", é o asasinato de Hipatia á man dos parabolanos, unha das sectas cristianas que se movía por Alexandría.

Precisamente as grandes cidades do imperio, como Alexandría, Atenas ou Roma, é onde máis visibilidade tiveron esos destrozos, porque era onde máis había que destrozar, onde máis libros había que queimar nas bibliotecas. As estatuas que agora vemos destrozadas nos grandes museos, como as do Partenón e outros grandes edificios da antigüidade (o pouco que se conserva), parece (din no libro) que non están deterioradas polo transporte ou as guerras, senón pola brutalidade dos cristianos durante aqueles séculos principalmente.

Si que me fixo pensar este libro que, efectivamente, as relixións monoteístas foron sempre as máis imperialistas e intolerantes, sempre obsesionadas en impoñer as súas crenzas e levalas a todas partes, para evanxelizar os infieis. As barbaridades que todos vemos agora, por exemplo, no Islam (en parte del, por suposto), as fixo antes o Cristianismo (aínda que agora lle coste recoñecelo), e serviulle para ter un papel preponderante no planeta, que agora semella estar perdendo, e non lles fai graza. Con respecto á terceira gran relixión monoteísta, o Xudaísmo, só hai que mirar o Estado de Israel, e o que fan os moitos xudeus que hai polo mundo, que tampouco semella un bo exemplo a seguir. Si, na miña opinión, non crer en ningún deus, ou crer nuns cantos diferentes, parece máis axeitado para converterse nunha persoa tolerante.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-05-2020 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
O tolo do pelo roxo
Se o artigo anterior trataba sobre un escritor que parece que estaba ou estivo algo chalado, este non vai á zaga. Non sei se a vira completa algunha vez, pero cruzouse no meu camiño a película "O tolo do pelo roxo", na divertídisima canle El Toro TV, e non o pensei.

"O tolo do pelo roxo" (a tradución fiel do título orixinal sería "Luxuria pola vida"; unha vez máis, a tradución é mala pero expresa mellor o tema da película) é unha película de 1956 dirixida por Vincente Minnelli, protagonizada por Kirk Douglas (algún ignorante presidente americano, creo que Lyndon B Johnson, pensou que un autorretrato de Van Gogh realmente era deste autor), e dos varios secundarios, ten un peso especial Anthony Quinn facendo de Paul Gauguin.

Pois si, Vincent Van Gogh parece que tamén era malo de ferrar. Seguramente, a xenialidade artística ten algo ou moito de relación co desequilibrio mental e, máis recentemente, coa axuda e consumo dalgunhas sustancias que leven á mente por camiños que normalmente non serían transitados. E todo parece indicar que a este tipo se lle ía a cabeza con moita frecuencia, e nesta película non fan nada por ocultalo.

Ou sexa, que se pasa ben véndo, como era previsible. Como anécdota, comentar que este actor, Kirk Douglas, que morreu hai un par de meses aos 103 anos de idade, parece que provocou ciclos de cine en varias cadeas de televisión. E obviamente, "Espartaco" foi proxectada varias veces en Semana Santa (aínda que eu xuraría que viviu 100 anos antes de Cristo, así que...). E acabo de enterarme que era fillo de bielorrusos, e que o seu nome real era Issur Danielovitch. Cosas veredes.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2020 15:13
# Ligazón permanente a este artigo
Rebelde entre o centeo
Como dicíamos, aproveitando que agora teño máis tempo para todo en xeral, ás veces algunha cadea bota algunha película que pode valer a pena. O outro día botaban na 2 sen cortes "Rebelde entre o centeo" e fixen un esforzo.

"Rebelde entre o centeo" trata basicamente da vida (que foi longa) de Jerome David Salinger, o autor da célebre novela "O guardián entre o centeo", pero sobre todo céntrase nos anos anteriores e posteriores á publicación desa importante novela.

Levo anos oíndo falar moi ben desa obra, pero o caso é que non cadrei nunca con ela. Polo que teño entendido, está moi ben, pero hai que lela na adolescencia ou xuventude, porque expresa o punto de vista dun adolescente moi rebelde, e lela máis maior seguramente faga máis difícil conectar con el. Se é así, eu chego bastante tarde, pero espero cruzarme con ese libro algún día, malo será.

Polo que xa sabía, e tamén se recalca na película, se a novela é rebelde, o seu autor non o era menos, e durante toda a súa vida. Sempre tivo fama de ser bastante raro e reservado, tanto que lle custou triunfar (a pesar de que parece que tiña bastante calidade), pero sobre todo porque a súa personalidade era moi peculiar, e sobre todo, non quería pasar por convencional.

Despois desta novela publicou algunhas obras máis, pero que tiveron moita menos repercusión. Non quería conceder entrevistas, foise a vivir a unha pequena casa no medio dun bosque no estado de New Hampshire, un dos máis pequenos do país (máis pequeno que Galicia), e morreu alí. Cando tiña pouco máis de 40 anos decidiu que non ía publicar máis e case non volveu saír da casa (viviu ata os 90). De feito, apenas hai fotos del de maior, e as únicas que hai son bastante cabreado porque o descubriron e seguiron. Ou sexa, que debía ser malo de ferrar, como se di vulgarmente.

Na película, o papel de Salinger é protagonizado por Nicholas Hoult, actor novo do que non oíra falar. Algo que me estrañou algo (non sei se é un defecto da película, pero podería ser) é que eu non lle notei apenas ningún cambio físico ao actor entre os 20 anos, que se vai á Segunda Guerra Mundial e os 40 e pico anos, cando decide apartarse totalmente da vida pública. Estráñame bastante que apenas cambiara nesas épocas da súa vida.

O secundario que máis destaca é Kevin Spacey, que fai dun profesor de escritura que lle deu clase na Universidade de Columbia, creo. Vin bastante vello a este actor (había tempo que non o seguía en películas ou series). Ademais, teño entendido que cando saíu esta película, no 2018, acaba de desvelarse o escándalo de acoso sexual do que o acusan, así que todo debeu unirse, supoño.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2020 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
Aguias sobre Berxidum
A última novela en galego que lin resultou curiosa. Titúlase "Águias sobre Berxidum", é do autor berciano Fernando Cerezales (pero non a escribiu en galego, foi traducida), e foi editada por Toxosoutos, unha pequena editorial galega, creo que radicada en Noia. Unha máis desas aventuras culturais que me fan tan feliz, xente humilde que propón relatos alternativos.

A novela está ambientada no Bierzo hai 2.000 anos, cando os romanos descubren os xacementos de ouro desa zona e veñen a expolialos, destrozando as Médulas, que na novela é denominado o Monte Medulio. Efectivamente, unha das intepretacións máis comúns sobre ese suceso da historia de Galicia, é que o Medulio fora o monte desa zona que os romanos viñeron esquilmar coas súas lexións e enxeñeiros para conseguir o seu ouro.

A novela comeza con dúas lexións chegando á zona e desaloxándoa de forma salvaxe, e un grupo de habitantes da zona, que escapa cara aos montes galegos, provocando a unión e alianza de pobos que ata aquel momento non se levaban tan ben, para loitar co inimigo común. Basicamente trata diso.

Agora ben, tamén hai outras subtramas, como que un dos habitantes daqueles montes coincide un determinado día nunha aldea coa filla do xeneral romano que dirixe esas lexións, e namoran perdidamente. Pero os avatares do destino fan que ela acabe como virxe vestal en Roma, e que el chegue alí despois dunha odisea de travesía en barco dende Brigantium (Betanzos) ata Ostia.

Así que esta humilde obra aínda me fixo pasar unhas entretidas horas nos últimos días.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2020 14:41
# Ligazón permanente a este artigo
Copycat
Nestes días de confinamento estou aproveitando para ver máis películas das habituais. O que están botando nas cadeas de televisión non é ningunha marabilla, pero hai bastantes canais, e teño máis tempo dispoñible que antes.

E o outro día botaban unha película que non vira e que me resultaba atractiva. Titúlase "Copycat", é de 1995, e foi dirixida por Jon Amiel, do que non oíra falar nunca. A imaxe máis icónica é a da actriz Sigourney Weaver, pero vendo a película, vese que tamén ten moito peso Holly Hunter, pero nos carteis e promocións da película apenas se lle ve.

Pois nada, púxenme a vela. No seu momento debeu resultar impactante, a finais dos 90. Pero 25 anos máis tarde, a temática dos asasinos en serie, tan querida nos Estados Unidos, está máis que manida, sobre todo debido a moitas series especializadas nese tema, tamén estadounidenses, sobre todo. Incluso chirría bastante agora algunha escena con recepción de correo electrónico e suposta animación videográfica por parte do asasino, adiantando cal vai ser o seu seguinte crime.

Por se a alguén lle interesa, a historia xira en torno a unha experta en criminoloxía e asasinos en serie, que está recluída na súa casa (parece na zona de San Francisco) pola agorafobia que sufre despois de ser atacada e estar a piques de morrer a mans duns deses asasinos, que foi levado ao cárcere. Pois un ano despois, un seguidor do primeiro, está matando mulleres e a súa última presa é esta experta, protagonizada por Weaver. E Hunter é unha detective da policía que intenta apresar a ese asasino, asesorándose coa experta.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2020 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
Os baños do pozo azul
Fíxenlle fronte ao quinto libro deste confinamento debido ao coronavirus na primavera de 2020. Neste caso xa tocou "novelón" de 700 páxinas, titulado "Os baños do pozo azul", escrito por Jesús Sánchez Adalid e publicado en 2018 (habitualmente tardo máis tempo en consumir os libros, pero este aínda tivo sorte).

Como primeiro comentario, direi que o lugar, época e personaxes dos que trata a novela me parecían moi atractivos (despois direi cales son). Pero non me gustou demasiado o tono e desenvolvemento da mesma, sobre todo porque me parece moi sobrecargarda de descricións (esto en menor medida) e sobre todo de diálogos ocos, cansinos e repetitivos, que non van a ningún sitio.

Dame a impresión que as 700 páxinas podían ser facilmente reducidas a 300-400 e a historia non se resentiría demasiado. Probablemente o autor poida argumentar que os diálogos eran así de longo e circulares para poder perfilar mellor a personalidade de cada un deles, pero eu tiven unha repetida sensación de que non era así.

O eixe principal da novela é a relación entre dous personaxes: un bastante coñecido (Almanzor) e outro bastante menos coñecido, pero que casualmente ten máis peso nesta obra (Subh Un Walad). Subh Un Walad era unha muller vascona (o que hoxe coñecemos como Navarra), que foi levada na súa xuventude case como refén a Córdoba por un acordo entre os reis de Pamplona e Al-Ándalus, que formou parte do harén dun califa, e foi a nai do seguinte califa. Pero tivo moita influencia sobre eles.

Estiven mirando na Wikipedia e semella que o que se conta na novela (o marco histórico xeral, refírome) está bastante ben reflexado. Cando morreu o califa co que Subh estaba casada (Alhakén), de xeito algo turbio e controvertido subiu ao trono o seu fillo Hixham, do que Subh era nai. Pero parece que este califa era bastante inútil (nalgún sitio se insinúa algo máis grave e importante) e Subh era realmente quen tomaba as decisións, apoiada por Almansur (Almanzor), que facía de administrador xeral do reino, e parece que non o facía nada mal. O caso é que Almansur era moi ambicioso, pero non tiña estirpe califal, e iso facía que moitos o miraran con recelo, aínda que era un líder militar incuestionable, e iso gustaba máis, claro.

A novela fala deses últimos anos, nos que se produciu a ruptura total entre Subh e Almansur, que rematou no ano 996, e que estivo a piques de rematar en guerra civil. Mira ti por onde, xusto ao rematar esa crise, Almansur subiu de novo ao norte e, entre outras lindezas, destruíu a Catedral de Santiago deixando en paz o sartego de Santiago (ou o que fora). Iso foi no ano 997 e deulle aínda máis prestixio. Pero morreu no 1002, pouco despois, xa pasaba dos 60 anos, que naquela época non eran poucos.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-04-2020 15:27
# Ligazón permanente a este artigo
Lock & Stock
Hai varios anos alguén me dixo que as películas do director Guy Ritchie eran simpáticas e divertidas, cun estilo bastante peculiar e innovador. Iso pode significar moitas cousas, pero decidín darlle unha oportunidade.

Algún tempo despois pasoume por diante a película "Snatch, cochos e diamantes", que supostamente era a súa obra máis destacada, e decidín vela. Non lembro para nada de que ía a película, só que era tremendamente brusca e violenta (lembroume algo a Tarantino, director ao que detesto). Pero tamén lembro que me fixo moitísima graza algún personaxe, como o xitano protagonizado por Brad Pitt.

Así que o outro día, nestes tempos de confinamento, cruzouse no meu camiño outra das películas importantes deste director. Titúlase "Lock & Stock" e xa é do ano 1998. Como comentario breve, direi que xa non vin ningún personaxe simpático e redunda na idea da violencia verbal e física gratuita, como Tarantino. Así que creo que a este tipo xa se lle acabou o crédito comigo.

A trama básica da película consiste en que un grupo de catro rapaces invirten os seus cartos, conseguidos de formas máis ou menos lícitas, para que un deles xogue unha timba de cartas organizada por un matón, chamado Harry o Hacha. Teñen moita confianza posta nel, porque é un grande xogador, pero o caso é que o matón é un trampulleiro, e gana a partida, e a débeda final é de medio millón de libras que teñen que pagar nunha semana.

Ata aquí é máis ou menos sinxelo de seguir, pero a partir de aquí líase bastante, temos dúas partes perfectamente distinguibles. O problema é que xunto con esta trama se mesturan máis pandillas: un grupo de maleantes que viven xunto ao rapaz que xoga ás cartas, outro grupo de rapaces que cultivan marihuana e que teñen acumulados moitos cartos, outro matón negro que está metido en todo tipo de negocios turbios, e un par de ladróns que están traballando para o matón inicial.

Uns intentan roubar a outros por diferentes razóns, e as relacións entre todos eses grupos se mesturan de forma endiañada. Pero vaia, o leit motiv principal é a violencia indiscriminada en todas direccións. E xa non me fai graza, así que o dito, non verei máis películas de Guy Ritchie, é unha perda de tempo.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-04-2020 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [4] [5] [6] 7 [8] [9] [10] ... [158]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0