Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O pecado de Cluny Brown
Vin unhas cantas películas do director alemán Ernst Lubitsch na miña vida. Cando o descubrín, alucinei. Que capacidade tiña para facer unhas tramas divertidísimas a través duns diálogos moi ricos e uns personaxes moi curiosos. Hai anos, vira a última película que el dirixira por completo (morreu na seguinte rodaxe). Titulábase ?O pecado de Cluny Brown?. Casualmente, o outro día botábana na televisión, e decidín repetir. Estivo ben, pero creo que me gustara máis a primeira vez, seguramente pola sorpresa que me produciu.

Cluny Brown é unha moza moi fresca e alegre que entra a servir nunha distinguida casa. Non lle resulta doado facelo, porque nesa casa, o simple feito de que unha criada sente na mesma mesa que os señores é unha herexía. Por algunha estraña razón, a Cluny gústalle moito a fontanería, e en máis dunha ocasión resolve un problema serio nalgunha casa ao poñerse a desatascar cañerías (supostamente era unha referencia sexual do director para evitar a censura). Nun determinado momento, faise moza do farmacéutico da aldea, que é un home moi chapado á antiga, cunha nai vella que nunca fala, só carraspea. Pero xa se ve que a parella non ten ningún futuro. Ela está protagonizada por Jennifer Jones. Nalgún sitio lin que esta actriz era bastante mediocre, pero que conseguía moitos papeis ao ser a muller do famoso produtor David O. Selznick.

O outro gran personaxe está protagonizado por Charles Boyer. É un exiliado checo que chega a Estados Unidos, fuxindo do nazismo, e por esa razón, é idolatrado por algunhas persoas, que ven nel a un gran político e ideólogo. Porén, na película dá a sensación de ser un vividor e carota, que non a hinca, e que ten unha gran labia que lle permite vivir de prestado en casa dos demais, ser sempre convidado e aproveitarse da confusión que xera a súa persoa.

Xa digo, este segundo visionado non me agradou tanto como o primeiro (hai 25 anos, facilmente), pero sempre é agradable ver unha película de Lubitsch. Pero si, non sei se é que tiña a cabeza noutro sitio, ou que foi, pero lembro pouco de que ía a película, e vina hai só un par de semanas.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
O graduado
Unha película ben famosa pero que eu aínda non conseguira ver, por algunha razón, era ?O graduado?, éxito de 1967 con Dustin Hoffman e Anne Bancroft nos principais papeis. Case toda a banda sonora, que ten certa importancia, é de Simon & Garfunkel, grupo de moda naquela época. Todas as cancións eran coñecidas, agás ?Mrs Robinson?, que se compuxo para a película, xa que a muller protagonizada por Anne Bancroft chámase a Señora Robinson.

Benjamin Braddock (Dustin Hoffman), volve graduado dunha universidade, con 21 anos, e aínda que el ten ganas de descansar, e non sabe que facer coa súa vida, a súa familia celebra festas para xuntar aos amigos. Ao final dunha delas, unha das mellores amigas dos seus pais, a Señora Robinson, que vive nun matrimonio ben insulso, decide seducilo (a Dustin Hoffman non lle vexo eu demasiado atractivo, pero...). E, en principio, rexéitaa, pero despois séntese atraído por ela e comezan unha relación.

Pouco despois chega a filla da señora, que fora amiga de Benjamin cando eran nenos, pero agora xa levan tempo sen verse. Quedan un día, e despois dun encontronazo ben frío ao comezo, despois tamén se atraen, aínda que semella que iso podería vir de moito tempo atrás. A filla acaba descubrindo o que pasaba entre o seu amigo e a súa nai, e volve á universidade en California. Decide casar cun compañeiro de facultade, pero Benjamin consegue evitalo no último momento. A última escena dá a entender que Benjamin e a filla (Elaine) marchan xuntos para casar ou algo parecido.

A verdade é que a película me aburriu bastante. As historias de amor non me chaman demasiado a atención (e aquí hai varias, en torno ás cales xira a historia). Pero pareceume máis ben que era a historia das dúbidas existenciais duns ?pijos? californianos, que en xeral aínda me interesa menos. A banda sonora tampouco me convenceu demasiado. Si, as cancións de Simon & Garfunkel están moi ben (non necesitaba ver a película para convencerme), pero algunhas están metidas con calzador, simplemente para aproveitarse do seu éxito previo.

Aínda que acabo de descubrir que, se cadra, raramente, algunha ten máis sentido do que parecía. Hai unhas escenas nas que Benjamin vai a Berkeley intentando atoparse de novo con Elaine. E nese momento soa ?Scarborough Fair?, que é unha canción tradicional inglesa da Idade Media. Acabo de ler que a letra fai referencia a un xoven que foi abandonada pola súa moza, e está intentando recuperala. Se cadra ten sentido por ese lado, non sei.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Ollos de auga
Xa había tempo que tiña ganas de, por fin, ler unha das novelas de Domingo Villar, do que me falaran ben, e que é un dos superventas da literatura galega. E decidín comezar coa súa primeira novela, ?Ollos de auga?, que presentou no 2006. Tamén podo presumir de que na solapa onde presentan ao autor, o primeiro premio literario que se menciona é o Frei Martín Sarmiento, que un servidor puxo en marcha no ano 2004 coa axuda doutros queridos compañeiros e amigos.

A novela resulta moi doada de ler. Aparte de ser breve (non chega ás 250 páxinas), o tema e a intriga fan que teña unha lectura moi áxil, cousa que sempre se agradece. Este autor creo que só publicou tres libros, e o último deles foi recentemente, ?O último barco?, no 2019. Seguramente iso provocou que se reeditaran os libros anteriores, e aproveitei para facerme co primeiro. O segundo, ?A praia dos afogados?, vina en formato cinematográfico non hai moito. Por certo, non me soa que haxa película de ?Ollos de auga?. Parece que houbo un proxecto de facer unha película para TV, pero non teño noticias de que chegara a porto.

As novelas de Domingo Villar sempre están ambientadas en Vigo e a súa comarca, que é a terra natal do autor, que traballa como xornalista en Madrid. O detective principal é Leo Caldas, e o seu axudante é Rafael Estévez, un aragonés que vai sendo trasladado de servizo en servizo debido a súa brusquedade e brutalidade.

Neste caso, un saxofonista chamado Lois Reigosa aparece morto dunha forma bastante bestia e peculiar no seu apartamento, que é esta torre feísima que está na Illa de Toralla, algo máis alá da praia de Samil. Comezan a pescudar e descubren que era homosexual e que alternaba coa comunidade gai de Vigo, entre os que se atopan algunhas persoas de prestixio, das que obviamente non se sabe a súa condición. Como é unha novela negra que aínda ten moito percorrido, non vou desvelar nada máis, pero a intriga está ben levada.

Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-06-2020 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
O Cid
Eu creo que xa a vira algunha vez, pero cando vin que botaban de novo ?O Cid? decidín vela. Foi unha película dirixida en 1961 por Anthony Mann e protagonizada, como todos saberedes, por Charlton Heston.

Acabo de saber que era unha produción italo-estadounidense que foi rodada principalmente en España. Parece que aínda daquela, polo menos ás veces, o peso do produtor era moi grande, e neste caso Samuel Bronston, que sempre facía películas moi épicas e grandiosas, o tivo. O director estaba casado daquela con Sara Montiel, e a quería para o papel de Jimena, a muller do Cid. Pero o produtor prefería a Carmen Sevilla, que xa traballara nalgunha película súa. Pero ao final, ?ni pa ti ni pa mí?, o papel foi para Sophia Loren, tendo en conta que os italianos tamén tiñan moito peso na produción.

O curioso é como se trampeou a historia do Cid. Polo que parece, este tipo foi un señor castelán da segunda metade do século XI. Era poderoso militar, tiña bastante criterio, e non tragaba coa autoridade real así como así, e tivo problemas con varios dos reis da zona e época. Pero na película o venden ?e seguro que algúns se emocionarán co tema- como un caudillo ESPAÑOL, que loitaba pola unidade cristiá e da nación española, cando ese concepto non existía en absoluto nesa época. Parece que foi máis un mercenario que negociou con caudillos cristiáns e mouros sen complexos. Nos anos finais da súa vida fíxose forte en Valencia (na película rodaron como se estivera en Peñíscola, marabilloso lugar). A lenda tamén di que ganou a súa última batalla cando xa estaba morto sobre o seu cabalo. Polo que lin, morreu de causas naturais en Valencia. Pois nada, un tipo que parece bastante interesante, pero que os malditos propagandistas dese lugar chamado España se queren apropiar.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Os anos felices
No Nadal do ano 2014 agasalláronme cun libro titulado ?Os anos felices? dun tal Gonzalo López Alba. Non oíra falar nunca nin da obra nin do autor, así que fiquei algo escéptico co agasallo. Obviamente, quen o facía, sabía que me gustaba moito ler, e con toda a boa intención probou sorte. Cinco anos e medio despois, no medio deste longo confinamento, boteille peito, e a verdade é que me gustou o libro.

O autor naceu no ano 59 no Bierzo, e foi xornalista, sobre todo político e parlamentario. Digo ?foi? porque acabo de enterarme que morreu repentinamente no ano 2018. Na entrada do libro, o autor di que os personaxes non están inspirados en ninguén concreto, pero as situacións e anécdotas si. Non coñezo moito a vida deste tipo, pero teño a sensación de que el e o personaxe principal da novela se parecen algo, se cadra bastante.

O fío da novela é sinxelo. Conta a vida de tres amigos, Fausto, Ovidio e Erasmo, que nacen en torno ao ano 60 nun poboado mineiro do noroeste de León (coincide algo coa vida do autor, non si?). Acabo de caer en que a elección dos nomes dos protagonistas tampouco estivo mal. Cando teñen uns 20 anos e comeza a Transición marchan do pobo e desenvolven vidas moi diferentes entre sí. Os capítulos teñen entre 15-25 páxinas, e normalmente a maior parte de cada un deles conta os avatares de Fausto Aretino, e dedican algo menos de espazo (normalmente cara ao final de cada capítulo) a contar as andanzas de Ovidio Mendía e de Erasmo Buenaventura. A lectura resulta moi áxil, non debía escribir mal o tipo.

Fausto Aretino sae do seu pobo e marcha a estudar Xornalismo a Madrid. Despois vai traballando en diferentes xornais, con desigual sorte, algúns en papel e outros dixitais, e grazas a algún deles, durante algún tempo, pégase a gran vida, porque está untado por uns determinados políticos para os que traballa. Debido a iso e a outras cousas, chega a consumir bastante alcohol, drogas e prostitutas, cun tren de vida moi elevado. Arruinado pola crise do 2008, comeza a ver algunha luz de esperanza na época actual, tan gris.

Ovidio Mendía casou de penalti coa filla rebelde dun magnate do pobo, que lles pagou a casa en Bruxelas, para non avergoñar máis á familia no pobo. Despois marchan a Londres. Alí el vai entrando no mundo da informática, e a súa muller se lía cunha veciña. Así que el decide marchar a Estados Unidos, e instálase en Silicon Valley, entra de cheo no mundo da informática, e ten outra filla cunha muller polaca, que acaba escapando para o seu país sen avisar. Volve a España e instálase en Barcelona. A súa experiencia informática fai que consiga traballo e ascenda moi rapidamente na delegación española dunha multinacional informática. Volve casar, ten máis fillos, e tamén ten un tren de vida moi elevado. Ata que ese tren descarrila porque unha investigación policial por un tema colateral descubre o desfalco que levaba a cabo para levar ese tren de vida, e pagar todas as mulleres e fillos que tiña polo mundo.

Erasmo Buenaventura era homosexual. El xa o sospeitaba, pero ata que o violaron nas duchas na mili non o confirmou. Intenta estudar na universidade, pero dedícase máis a vivir a vida, para enfado do seu pai, un comerciante cunha tenda de roupa no pobo. A Erasmo ese negocio non se lle dá nada mal, pero non soporta ao seu pai. Fai un novo intento universitario en Barcelona, vivindo en casa duns tíos, e a súa tía tamén quere montar unha tenda de roupa, e ve que o seu sobriño controla moito do tema. Montan xuntos unha tenda e teñen moito éxito. Algún tempo despois, o sobriño decide voar só e abre no L?Eixample, que segundo algúns era un barrio dexenerado, unha tenda de roupa para homosexuais. E o éxito é aínda moito maior. Estaba casado cunha muller e tiña unha filla, pero máis que nada por cubrir as apariencias. Chega un momento no que aclara a situación coa súa muller e vaise a vivir co seu amante, pero a relación segue sendo boa. Esta muller acabará sendo a muller de Ovidio Mendía uns anos máis tarde. Despois da morte repentina do seu amante, déixao todo e ingresa nun convento.

Como vedes, parecía que non ía pasar nada, pero pasan moitas cousas, e insisto, moi ben narradas polo escritor. Acabo de descubrir que tristemente morreu o autor, así que non poderá seguir deleitándonos coa súa escritura. Só escribiu tres novelas, así que haberá que seguilo.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Cahill (ou a A soga da forca)
Na TVG2 seguen programando westerns nas tardes de confinamento, uns mellores e outros peores. Un día destes botaban un titulado ?A soga da forca?, cuxo título me soaba algo. O título orixinal era ?Cahill US Marshal?, dado que o personaxe principal, protagonizado por John Wayne, se apelida Cahill e é ?marshal? (que non sei en que se diferenza exactamente dun ?sheriff?, pero dá igual). O título orixinal é máis exacto, pero tampouco é que diga moito, como se se titulara ?Bermúdez Bombeiro?. Pero a tradución española ou galega non é nada afortunada nesta ocasión (que outras veces si). Parece que en Sudamérica lle chamaron ?De su propia sangre?, e iso xa apunta bastante mellor. Por certo, a película foi dirixida por Andrew McLaglen en 1973 (John Wayne xa ía algo maior).

O caso é que a película trata dalgo así como unha especie de atraco perfecto. Pero aínda é máis retorcida, porque dous dos cómplices ou executantes principais son os fillos do marshal Cahill, que apenas ven ao seu pai porque ten moito traballo. Eses dous fillos bótanlle entón unha man a unha banda para axudarlle a roubar un banco na vila na que viven, e cando chega o marshal para intentar botar luz sobre o atraco, están todos bastante confundidos.

A banda completa está no calabozo da vila na noite na que se produce o atraco, debido a unha pelexa entre eles, e un dos catro integrantes é o fillo maior de Cahill, que ten uns 17 anos. O fillo pequeno, que ten uns 10, provoca un incendio nun palleiro. Cando todas as forzas vivas saen para apagalo, a comisaría queda soa, e o fillo pequeno libera aos outros. Xusto a continuación, atracan o banco con grande rapidez e eficiencia. Volven a meterse os catro no calabozo, e o fillo pequeno leva os cartos e as roupas que usaron para o atraco, e agóchaas. Alguén avisa de que están atracando o banco, e van só o sheriff e un axudante para intentar paralo, pero mátanos na refrega.

Cando chega o marshal, ao día seguinte, é a maior autoridade e toma o mando da situación. Leva moito disgusto porque o seu fillo maior está no calabozo con xente que non parece moi boa compañía. Pero agora ten que resolver o tema do atraco. Colle a un amigo seu que é indio e moi bo rastreador, e intenta atopar algún rastro, pero non atopan ningún rastro en ningures, cousa que resulta moi estraña.

Cahill, o seu fillo maior (a quen colle como axudante), e o indio, marchan ás montañas cercanas, porque din que se non hai rastros, a única forma de conseguilo é que as foran borrando ata alí. Efectivamente, alí atopan a un grupo de catro homes que atracaran a un pastor mormón e que teñen moito cartos debido a iso, e pasan a ser os catro sospeitosos do atraco ao banco. Reúnese o xurado do xuízo, e como houbo mortes, sentencian a morte a eses catro homes. Pero Cahill e o indio están convencidos de que non foron eles, senón os catro que estaban no calabozo, incluído o seu fillo maior, pero non saben como demostralo.

Mentres sucede iso, os outros tres membros da banda de atracadores, que xa saíron do calabozo, porque por unha pelexa só teñen que pasar unha noite na cadea, están por alí esperando a que o neno pequeno lles diga onde agochou o diñeiro. Esa banda está liderada por Fraser, protagonizado por George Kennedy, secundario moi habitual nos westerns. Obviamente, ao final, todo se aclara e ganan os bos, como case sempre.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
A viúva valenciana
Neste tempo de confinamento estou consumindo moita máis televisión da que era habitual en min, e creo que non son o único. A oferta é moita, aínda que a calidade media é moi mediocre, pero no medio case sempre hai algunha cousa interesante. Acabo de re-descubrir que na 2 botan todas as semanas obras de teatro. Encántame o teatro, e como agora non se pode ir velo en directo (aínda que agora semella que vai comezar, pero con moitas restricións de acceso), esta opción televisada podería valer para saciar o ?mono?.

O outro día botaban ?A viúva valenciana?, unha das cerca de 2000 comedias que escribiu o prolífico Lope de Vega. Recoñezo que o título non me soaba de nada, así que non debe estar considerada das máis importantes, pero no caso deste autor e dos da súa época, case calquera obra pode resultar interesante. Os papeis principais foron interpretados por Aitana Sánchez-Gijón e Fran Perea.

A historia é un tanto curiosa, e chamoume a atención pola época na que foi escrita, en torno ao ano 1600. Unha muller aínda xoven e moi fermosa queda viúva. A súa intención primeira é chorar ao marido e ler obras piadosas, a pesar de que ten uns cantos pretendentes, en principio ben intencionados, que a cortexan, pero os rexeita. Ata que nun mercado ve a un xoven que lle parece moi guapo e, a través dos criados da viúva, o cita na súa casa de forma moi secreta: el ten que vir cos ollos pechados para non saber con que muller se está atopando. Ao final todo se sabe, como é obvio.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2020 11:31
# Ligazón permanente a este artigo
Crime e Castigo
O outro día estaba zapeando e entereime de que botaban nunha cadea da TNT (mellor non mencionala) unha das versións cinematográficas de ?Crime e castigo?, a famosa novela de Fiodor Dostoievski. E como lera a novela no seu tempo, e non me desagradara, e nunca vin unha película sobre ela, animeime.

Eu lin a novela nos anos 90. Non lembro demasiado, só que me deixou boa impresión, e o mesmo lle pasou a varios colegas que a leron na mesma época. A novela é de mediados do século XIX, e parece que estaba ambientada en San Petesburgo. Neste caso, a versión que botaron (porque hai varias máis) foi a que dirixiu Menahem Golan en 2002. Semella estar ambientada en Moscú e máis ou menos na época actual, porque hai coches, ascensores, teléfonos... De feito, hai un comentario que fai entender que foi ao final de época comunista ou posterior.

Como supoño que saberedes, o protagonista total da historia é Rodion Romanovich Raskólnikov. Nesta película está protagonizado por Crispin Glover, un actor estadounidense que pasa perfectamente por ruso (ao mellor o escolleron por iso). A historia é de bastante profundidade psicolóxica, pero creo que abreviamos se dicimos que este personaxe está bastante trastornado.

Rodion é un estudante universitario que ten que deixar os estudos porque non pode pagalos, a pesar de que a súa familia intenta axudarlle no que pode. Intenta saír adiante empeñando cousas, e habitualmente empéñallas a Aliona, unha usureira moi tacaña que se aproveita especialmente de estudantes coma el. Entre a carraxe que lle produce a señora, os aires de grandeza que ten o mesmo Rodion, que se cre algo superior aos demais, e unhas estrañas teorías ?plasmadas nalgún artigo que lle publican- nas que di que, nalgúns casos, algunhas persoas poderían matar a outras ?inspiradas en parte en Nietzche-, acaba matando á señora. E de paso, tamén á súa irmá, que case pasaba por alí, e que era boa xente, pero estaba no lugar e momento equivocados.

O caso é que teorizara moito e o tiña todo premeditado, pero dende o momento mesmo do asasinato, está convencido de que alguén o vai descubrir. E dase a casualidade de que un inspector de policía, por varias coincidencias e indicios, comeza a sospeitar del como asasino. Ao final ata fan certa amizade, e manteñen diálogos de altura e moi interesantes. Pero ao final consegue que confese o crime. Pero no xuízo, incluso declara a favor del, porque non lle parece que sexa mala persoa. O final da historia é que está sete anos nun gulag en Siberia.

O elenco da película é curioso. O nome do director sóame algo, pero polo que estiven vendo, fixo moitas películas con Charles Bronson, Chuck Norris e xente desa pasta. Así que este xiro literario sorprende un pouco. Vanessa Redgrave fai da nai de Rodion, aínda que aparece pouco. John Hurt fai do inspector de policía. E tamén está nun papel secundario, algo longo de explicar, Margot Kidder, a Lois Lane da saga de ?Superman?.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2020 11:11
# Ligazón permanente a este artigo
Se isto é un home
Acabo de rematar o décimo libro deste confinamento, estoulle dando duro. Neste caso foi a tradución ao galego de ?Se isto é un home? de Primo Levi, traducido por Xoán Manuel Garrido Vilariño.

Con el pecho este interesante e imprevisible (para min) ciclo sobre a Segunda Guerra Mundial. Lembrade que no artigo anterior sobre libros, falei dun libro titulado ?A Guerra Total?, realizado polo Canal Historia. Tamén alí comentei que lembrei que mercara hai tempo un libro ilustrado sobre a Segunda Guerra Mundial. Pois tamén o estiven lendo en paralelo con estes dous, e remateino hai un par de días. Por certo, ese super-libro é do ano 2004, así que levaba uns 15 anos agardando a ser lido. É duro ser un libro e chegar á miña casa, ás veces.

E o ciclo destas últimas semanas tan bélicas péchase con esta novela, na que o químico italiano Primo Levi narra en primeira persoa como foron os 11 meses que pasou no campo de exterminio de Auschwitz. Aínda que vaia, non era exactamente en Auschwitz, porque ese nome é algo ambiguo. Polo visto, na zona de Auschwitz había uns cantos campos de concentración e exterminio, e o de Auschwitz era o que xestionaba todos, ou algo así. Concretamente o noso protagonista estivo no campo de Monowitz, que polo visto estaba a uns sete quilómetros do outro, e aínda os había moito máis afastados.

Obviamente, o testemuño é demoledor. Pero tamén é certo que nalgúns momentos o libro faise algo máis pesado, cando se pon a elucubrar e teorizar sobre a bondade e maldade humanas, non sempre está moi brillante. Pero vaia, en xeral, lévase moi ben, e estremece bastante o que conta, como non podía ser doutro xeito.

Hai que ter en conta que tivo bastante sorte. Chegou nos últimos tempos do campo, e nos últimos meses xa se rumoreaba que a liberación estaba cerca, que os alemáns estaban escapando e os rusos perseguíndoos. Pero tamén é certo que en moitos campos, os alemáns, ante esa situacións, mataban a todos os reclusos, e quedaban tan anchos. No seu campo, non o fixeron. Escaparon os alemáns e deixaron só aos enfermos. El tamén tivo a sorte de que estaba na enfermería cando sucedeu iso. Moitos dos ?sanos? que marcharon cos alemáns non sobreviviron. É posible pensar que os alemáns deduciron que os que xa estaban enfermos non ían ser capaces de sobrevivir, pero nalgún caso equivocáronse.

Saúdos.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-05-2020 00:48
# Ligazón permanente a este artigo
Duelo na alta serra
Acabo de ver outro ?western? clásico na TVG2. Soábame telo visto antes, pero xa non lembraba case nada, só que estaba protagonizado por dous actores veteranos facendo de vellos vaqueiros. Titúlase ?Duelo na Alta Sierra?, e foi dirixido en 1962 por Sam Peckinpah. Os dous papeis principais foron para Joel McCrea e Randolph Scott.
A película non está mal, pero as vin mellores. Pero case me chaman máis algunhas circunstancias en torno a ela. Primeiro, foi dirixida por Peckinpah, que eu xuraría que está considerado un director que introducía bastante violencia nas súas películas, e iso a min non me atrae demasiado, en principio. De feito, xuraría que o tiña algo proscrito por esa razón. Nesta, algo de violencia hai, pero vaia, sopórtase sen maior problema.
Por outra banda, a película é xa dos 60, e creo que este xénero estaba xa algo en declive, despois de varias décadas eclipsando case ao resto do cine. Non sei se é casualidade que a historia trate sobre dous amigos, xa algo vellos, que son contratados para levar mercar o ouro dun poboado mineiro nas montañas. Boa parte dos diálogos xiran en torno á nostalxia deles dous e á certa brecha xeracional coa xuventude que vén empurrando por detrás.
Joel McCrea fai do antigo sheriff que foi contratado para ese traballo. E nesa feira atopa ao seu vello amigo (Randolph Scott), que traballa xunto cun rapaz que reta aos lugareños a carreiras dun camelo contra cabalo, gañando sempre (por certo, o camelo non volve aparecer en toda a película, semella algo raro, non si?). O primeiro déixalle caer ao segundo que podería contratalos para acompañarlle, se lles parece ben, e xa se monta a expedición dos tres polas montañas.
A medio camiño, atopan unha solitaria casa na que vive un pai viuvo e a súa fermosa filla. O rapaz namora dela, e flirtea, e ao pai non lle parece ben, e bate na filla. Como non fora a primeira vez, a rapaza escapa da casa, e vaise con eles, porque casualmente, está comprometida a casar cun mineiro do poboado ao que van. Moita graza non lles fai, como pasa sempre neste tipo de películas, pero ao final aceptan.
Chegan ao poboado e levan á rapaza ao lugar onde está o seu prometido, un lugar aínda máis apartado onde viven só os cinco irmáns. Xa dende o comezo vese que tanto o mozo como os seus irmáns son uns auténticos animais de bellota, e que ela, alí, non vai estar ben. Argallan todo para que a voda sexa esa mesma noite, e van ao poboado mineiro. A voda é na cantina, oficia o xuíz, que é un borracho, o local é máis un burdel que outra cousa. Ou sexa, que a cousa non acaba ben.
Os tres expedicionarios, unha vez pagado o ouro, deciden marchar e levar á moza de novo á súa casa, xa que cunha argucia bastante fea, fixeron que a voda quede anulada. O novio e os catro irmáns os perseguen e bátense en duelo en varias ocasións. A última delas é na casa da rapaza e o seu pai, que aparece morto. Pero obviamente, ganan os bos.
Tamén é curioso o combate filosófico entre o antigo sheriff, totalmente honrado, e o seu antigo amigo, xa moi perdido, que ten previsto atracalo na baixada xunto co seu compinche. Pero ao final pasan cousas e a amizade restablécese.
Saúdos.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-05-2020 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0