Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Tiruleque e o Bar Galego Maeloc
Hai uns días estiven vendo ao grupo coruñés de folk Tiruleque actuando nun dos seus templos, o Bar Galego Maeloc, que estaba celebrando os seus 10 anos de vida.

O concerto non estivo nada mal, bastante calor debido ao bastante público en pouco espazo, pero moi interesante. Podedes saber máis do grupo en www.tiruleque.com

En canto ao Bar Galego Maeloc (rúa Maxistrado Manuel Artime, xusto a carón de Soweto) e o seu propietario Alberto, alédome moito de que leve tanto tempo e perviva, pero está claro que perdeu algo do que o caracterizaba antes, como o toque folk (que agora xa non é tan forte como antes), o concurso cultural e todo iso. Pero vale moito máis a pena que a maioría dos locais que hai na cidade.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-08-2007 13:00
# Ligazón permanente a este artigo
A Ilustración
Rematei estes días de ler un libro sobre unha época histórica que me interesa moito: A Ilustración ou o Século das Luces.

Titúlase "Razón, sentimiento y utopía" e está escrito por Carmen Iglesias, que pertence á Real Academia da Lengua Española e á Real Academia da Historia. Algo debe saber. Vén sendo unha recopilación de artigos, traballos e monografías sobre esa época, que tratan sobre todo a obra de Montesquieu e Rousseau. Algo aparece tamén Diderot, pero case nada.

Dos dous causoume moita mellor impresión Charles Louis de Secondat, señor de La Brède, Barón de Montesquieu. As súas achegas parécenme moito máis sensatas e avanzadas, mentres que o de Rousseau non o vexo, non o capto, non vexo a forma de levalo á práctica. De feito, parece que algúns dos totalitarismos que coñecemos no século XX tiveron certa influencia da filosofía ou socioloxía de Rousseau.

Pero o que máis me sorprendeu do libro, con diferenza, foi un dos últimos traballos, transversal, que falaba sobre a idea de América na Ilustración francesa. Con esta monografía si que alucinei.

Viña dicindo algo asi como que nese século levaban falando e estudiando moito o tema do "bo salvaxe". Que se o home era bo por natureza, se a sociedade o corrompía, etc. Co impacto do "descubrimento" de América, un par de séculos antes, aínda estaba fresca a idea de que os indíxenas podían representar o estado orixinal do home bo, aínda sen a corruptora civilización. Podían estar algo influídos, por exemplo, polas ideas de Frei Bartolomé de Las Casas. Pero xa algúns autores dixeran que, por exemplo, os indios americanos (de Norteamérica) non tiñan nada de bondadoso nin de inxenuo, senón que eran malvados e pendencieros.

De todo isto acaba resultando que Estados Unidos, a nova nación que está nacendo en Norteamérica e que está sendo colonizada por ingleses principalmente acaba sendo, para eles e naquela época, a esperanza dun Novo Mundo e dun Novo Home. Principalmente, referido aos pioneiros, agricultores e gandeiros que avanzan cara ao Oeste, que viven na "fronteira", e que teñen unha relación especial coa natureza. Os aristócratas que moi pronto comezan a aparecer na costa leste xa lles lembra demasiado á corrupta Europa. Por exemplo, Voltaire fala moi ben de William Penn, líder dos cuáqueros que colonizaron Pennsilvania.

Curiosa visión que nunca imaxinara.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-08-2007 10:58
# Ligazón permanente a este artigo
Xogos populares
Acabo de chegar da I Festa dos Xogos e Deportes Populares e Tradicionais celebrada en Santalla-A Pontenova-Lugo.

Chave en varias modalidades, bolos celtas, agrupacións de Castela-León, Portugal e Asturies (ademais das galegas, claro) amosando algúns dos seus xogos e deportes tradicionais.

Coido que unha das cousas que despertou máis expectación foron as demostracións dos asturianos no corte de troncos. Algunhas das probas lembraban moitas ás vascas que seguramente todos coñecemos.

Pero o máis alucinante era o corte de troncos en altura. Polo que dicían, tiña relación con Euskadi e tamén se practica en Australia.

Collen un tronco, suxétano ben verticalmente, e unha persoa vai facendo cuñas e poñendo "escalóns" de madeira nelas. Cando xa pode estabilizarse súbese ao seguinte escalón e segue cara arriba. Impresionante. Fixo dúas demostracións, unha pola mañá e outra pola tarde. Puxo, en cada unha, tres ou catro escalóns e, na primeira, chegou a cortar a punta do madeiro, a uns seis metros de altura. Polo que dicían, ten o récord do mundo en quince metros e medio.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-08-2007 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
Porto do Son
Un día destes estiven nun dos meus paraísos: Porto do Son.

Un lugar especial con xente moi especial que esperemos que non se escaralle nunca, pero os putos especuladores do solo xa están comezando a fixarse nel, por desgraza.

Espero que o deixen vivir e respirar como fixo sempre, e se alguén quere levar progreso, que non sexa tan simple de pensar que o tixolo (ladrillo) é a mellor e única forma de conseguilo.

Xa os habitantes do Castro de Baroña o sabían. Pero estes capullos de agora nin sequera entenden unha idea tan sinxela.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-08-2007 17:03
# Ligazón permanente a este artigo
Sir Thomas Malory
Estou lendo estes días -e está costándome moito máis do que esperaba- "La muerte de Arturo" de Sir Thomas Malory.

A primeira versión en prosa que recolle toda a historia da lenda artúrica ou materia de Bretaña. Escrita a mediados do século XV polo enigmático Sir Thomas Malory.

Está costándome moito porque é bastante extensa e ten moita "palla". Os primeiros capítulos son moi interesantes e forman parte da historia que xa coñecemos: como conciben a Arturo, sacar a espada da pedra para nomealo rei, como coñece a Xinebra, como Lancelot namora dela, a Dama do Lago que lle dá a espada Excalibur, etc.

Pero todo iso transcorre rápidamente e a partir de aí hai páxinas e máis páxinas, capítulos e máis capítulos bastante monótonos sobre xustas, torneos, onde se andan zurrando os principais cabaleiros da lenda: Lancelot, Tristán, Lamorak, Palomides, La Cote Maile Tailé...

Estou comezando o segundo volume, onde se fala da busca do Santo Grial (coido lembrar que ao final era Galahad, o fillo de Lancelot, quen o atopaba).

É case tan interesante o autor da obra. Polo que lin sobre el, parecía levar unha vida de granxeiro normal, camiño de terratenente, con certas ambicións políticas e, de súpeto, con 35 anos, foi apresado catro veces nun ano por delitos como extorsión, roubo, intento de asasinato e violación. A partir de aí pasou a maior parte do tempo en prisión, aínda que conseguiu escapar varias veces en condicións insoportábeis. Estando en prisión foi onde lle deu por escribir esta magna obra. Foi publicada 14 anos despois da súa morte.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2007 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
Exposición sobre "O Señor dos Aneis"
Nesta última semana fun visitar as dúas sedes da exposición sobre a película "O Señor dos Aneis". Está "repartida" entre as sedes da Fundación Caixa Galicia da Coruña e Santiago de Compostela.

E digo "repartida" (entre aspas) porque o reparto está bastante desequilibrado. Vin todo o material, lin todas as etiquetas e vin con paciencia todos os fragmentos de video que hai nos dous lugares, e a sede da Coruña levoume unhas dúas horas e media, e a de Santiago escasamente unha hora.

É un aviso para os que pretendades visitala, que saibades dese triste desequilibrio. En Santiago o máis salientable é a maqueta de Gollum e os videos referentes á rodaxe dese personaxe. O demais non ten moita relevancia, moitos debuxos, traxes, cascos e cousas polo estilo... na sede da Coruña hai material máis abundante e máis interesante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-08-2007 21:34
# Ligazón permanente a este artigo
125 anos de teatro galego?
Estiven visitando na Coruña a mostra "Un país desde as táboas" que rememora os supostos 125 anos de teatro galego, é dicir, os 125 anos que pasaron dende que Francisco María de la Iglesia escribiu e representou "A fonte do xuramento" no Liceo Brigantino da Coruña. Obviamente, xa houbera cousas anteriores pero a especial situación da lingua galega nos séculos anteriores non facilitou demasiado o seu progreso.

Exposición itinerante que xa viña de Ribadavia e que irá tamén a Cee, O Carballiño, Vigo, O Barco de Valdeorras, Carballo, Santiago, Lugo, Pontevedra e Narón no que falta de ano 2007.

Non sabendo moito moito sobre o tema semella que o traballo de documentación e preparación da exposición foi moi bo. Hai moitas cousas moi interesantes.

Iso si, teño entendido que a xente do teatro galego (ou boa parte dela, polo menos) está xa algo chea de que se fagan fastos conmemorativos de cousas pero parece que non se apoia demasiado á profesión, que está en permanente crise. Típico dos políticos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-08-2007 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Nómades
Acabo de ver unha modesta pero interesantísima exposición de fotografías a cargo de Manuel Valcárcel.

Titúlase "Nómades" e amosa a vida de nómadas dos cinco continentes (Rumanía, Tibet, Perú, Papúa e o Sáhara).

Poño unha das fotos do Tibet que vin na Aula de Cultura de Caixa Galicia na Coruña (rúa Médico Rodríguez). Espero que o autor non me demande por iso e entenda que aínda lle estou facendo publicidade de balde.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-08-2007 19:20
# Ligazón permanente a este artigo
Libertango, de D. Astor Piazzolla
Por algunha razón que descoñezo, esta canción persígueme dende hai varios meses, e eu tan encantado, claro.

Hai mes e pico na A. C. Alexandre Bóveda organizamos un concerto a cargo dun grupo formado por varios músicos galego-arxentino-rusos que xiraba arredor do tango. O grupo chámase Buenos Aires Cuatro. Remataron con esta peza.

Uns días máis tarde escoitei na radio unha versión con acordeón e gaita feita por esas dúas máquinas galegas chamadas Daniel Bellón e Diego Maceiras.

E o outro día, na Festa do Lugnasad 2007 da que acabo de falar, o grupo galego-ruso Stranniki tamén a tocou, para o meu contento.

Quen me ía dicir a min hai pouco que ía flipar cun tango. Cosas veredes!!!

Póñovolo para que disfrutedes. Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2007 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
A Festa do Lugnasad en Bretoña
Estes últimos días estiven nun lugar que quería visitar dende hai moito tempo: Bretoña, a parroquia do concello da Pastoriza (Lugo) onde supostamente se instalou o bispo bretón Maeloc cos seus seguidores cando chegaron das Illas Británicas alá polo século V ou VI.

E non estiven un día calquera senón que estiven na Festa do Lugnasad, a festa celta que se celebraba no verán, a comezos de agosto segundo o calendario gregoriano.

Houbo xa actividades pola tarde, como representacións teatrais e concerto de harpa céltiga.

E polo serán ou a noitiña comezou a festa na fraga. Máis ou menos semellante a outros festivais folk ou celtas pero co gran atractivo etnográfico e particular do gran conxuro da queimada con megafonía (xa vin varios nos últimos meses, un deles nunha voda) e sobre todo, o ritual das vodas celtas, a cargo do druida Manuel Aneiros.

Estivo todo moi ben, había xente pero non era agobiante, nin moito menos. Dixeron que este ano (levaban varias edicións sen celebrar a festa) fixérana sen publicitar demasiado, porque a última vez que a celebraran había demasiada xente e moita dela ía a "tomar coca-colas". Ou sexa, macro-botellón insufrible.

En canto ás actuacións musicais, só puidemos ver ao primeiro grupo, pero sorprendeunos gratísimamente. Chámase Stranniki, é de Lugo, e está formado por tres rusos (dous bielorrusos e un ucraíno) e dous galegos (un deles guitarrista flamenco). Os outros dous grupos eran Linho do Cuco e Os Carunchos, que seguro que o fixeron moi ben, como é habitual neles.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-08-2007 23:48
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0