Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Redes de Coñecemento
Hoxe vin unha exposición fenomenal.

Titúlase "Redes de coñecemento" e subtitúlase "A Junta para Ampliación de Estudios e a Ciencia en Galicia".

Está organizada polo Consello Superior de Investigacións Científicas e conmemora os 100 anos da creación das Juntas de Ampliación de Estudios, que mandaron a tantos científicos españois (e neste caso, galegos) a facer estadías no estranxeiro para poñerse ao día e contactar coas vangardas científicas do momento.

Está agora mesmo (e ata o 20 de decembro) na Aula SocioCultural de Caixa Galicia na Coruña (esquina de Médico Rodríguez e Juan Flórez). A continuación irá a Vigo e Santiago (e querían que tamén fora a Pontevedra, pero......).

O comisario é Xosé Antón Fraga, seguramente a persoa que máis sabe sobre a historia da ciencia en Galicia. Cando un traballo está nas súas mans, o éxito está asegurado.

Moi recomendada para os que teñan un mínimo interese pola ciencia e a súa historia.

Saúdos.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-12-2007 17:51
# Ligazón permanente a este artigo
O número 175 da Revista Grial
Non sei se na miña cidade presentan habitualmente os números da Revista Grial. Pero co número 175 si o fixeron. Chegoume a nova. E en canto me enterei que boa parte das súas páxinas estaban dedicadas á ciencia en Galicia, nin o pensei. Alá fun.

Estaba Isabel Bilbao representando á Fundación Caixa Galicia (creo que agora axuda á revista), Tino Fraga (amigo e un dos que máis sabe da ciencia en Galicia), Uxío Labarta (expertísimo no tema e membro do CSIC) e Víctor Freixanes, sempre unha delicia escoitalo falar.

Entereime tamén ese día que no mesmo local (o de Caixa Galicia en Médico Rodríguez esquina Juan Flórez, na Coruña) hai unha exposición comisariada por Tino Fraga sobre o centenario da Junta de Ampliación de Estudios. Irei vela en canto poida.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2007 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
The wind and the lion
Hoxe vin unha estraña película na TVG.

Titulábase "O vento e o león", era do ano 1975 e o director era John Milius. Pareceume ler que estaba baseada nun caso real, aínda que cambiaron algunhas cousas.

Un sultán bereber (protagonizado por Sean Connery) rapta a unha muller americana (Candice Bergen) e os seus dous fillos que viven nunha mansión en Tánxer. Nun Marrocos de comezos do século XX que está tomado por ingleses, franceses e alemáns, o rapto provoca un incidente diplomático importante.

Daquela era presidente Theodore Roosevelt (curmán lonxano de Franklin Delano) que estaba a piques de ser reelixido na súa segunda lexislatura. Era un presidente non moi maior e tremendamente popular (tanto que é un dos catro tallados no Monte Rushmore). Pero lle gustaba o intervencionismo. E quixo solucionar o problema atacando militarmente (ou sexa, como agora).

Había escenas de acción non moi ben resoltas (raro en Milius) e a narración parecía ter saltos e cousas algo incongruentes.

Gustoume polo tema exótico pero cheiraba bastante a chamusquina americana e prexuízos tontos de superpotencia.

A película acaba cos americanos enfrontándose ao resto de potencias e axudando a fuxir ao sultán bereber por petición da familia de americanos raptados, que lle colleran cariño (síndrome de Estocolmo, chámase iso).

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-11-2007 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
Medidas preventivas no teatro
O outro día fun á representación de "Medidas preventivas", conxunto de cinco pezas curtas escritas por Gustavo Pernas Cora e publicadas en Biblos, obra da que xa falamos hai uns meses.

Son cinco pezas con tres personaxes (en total 15, polo tanto) representadas polos mesmos tres actores, Vicente de Souza, Xosé Bonome e Anxela Abalo.

Tratan sobre a sobredose de seguridade e prevención que hai dende hai uns anos, polo medo ao terrorismo, violencia, etc.

Estivo moi ben. Pasouse un bo rato, e iso que xa coñecía as pezas. Pero sorprendeume.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-11-2007 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Javier Armentia
Onte fun á Domus da Coruña a ver unha conferencia do sempre amenísimo Javier Armentia, astrofísico e director do Planetario de Pamplona, un dos mellores divulgadores científicos do Estado.

Primeiro botaron un documental sobre a "miopía" do telescopio espacial Hubble que ganou no ano 93 un premio de divulgación científica da Casa das Ciencias. Era en inglés sen subtítulos. Alí estivemos duramente e incluso entendimos algo.

E despois el fixo unha "conferencia" con powerpoint onde falou das cousas que atopou o Hubble nestes 17 anos de vida.

Moi interesante, como sempre que Javier e a Casa das Ciencias anda polo medio.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-11-2007 12:21
# Ligazón permanente a este artigo
Os peregrinos sen fe
Nesta última ponte de Defuntos conseguín ler un novo libro, e non magro, de 400 páxinas nada menos. E foi unha delicia. Reconcilioume coa lectura unha vez máis.

Teño que recoñecer que me sorprendeu, non tiña eu moitas esperanzas postas inicialmente nel. Titúlase "Os peregrinos sen fe" do autor portugués Sérgio Luís de Carvalho, editado por Biblos.

O libro narra dúas historias "relativamente" paralelas aínda que protagonizadas por personaxes diferentes en momentos diferentes, pero os lugares si que se parecen ou coinciden bastante. Son as seguintes:

- A máis antiga, e para min máis áxil e interesante, mágoa que ocupara menos páxinas que a outra parte, fala da "falsa" peregrinación de Lisboa a Santiago (a mediados do século XVI) que fai un profesor da Facultade de Medicina de Coímbra para que o Santo Oficio o esqueza, xa que el e algúns dos seus compañeiros son acusados e sospeitosos de ser seguidores de Erasmo de Rotterdam, que non estaba moi ben visto.

- A máis moderna, que resulta máis pesada, aínda que tampouco está mal, fala dos oito meses que pasa un tenor portugués en Compostela ensaiando e representando a ópera "Dido e Eneas" de Purcell. Alí coñece a unha soprano galega que fai o papel da raíña cartaxinense Dido (el fai de Eneas, claro) que se empapa totalmente do papel, como lle pasara no seu día a Bela Lugosi ou Johnny Weismuller. Ela non acaba demasiado ben e el ten que facer unha viaxe apresurada unha noite en coche dende Lisboa a Santiago.

Atopei varias cousas algo incongruentes, supoño que por ambientar parte do libro en Santiago, que non debe ser moi coñecida polo autor:

- En primeiro lugar, chámalle Auditorio (onde se representa a ópera) a un lugar que, pola descrición e ubicación, debe ser o Pazo de Congresos de San Lázaro.

- Segundo, nalgún momento di que de Santiago a Oviedo se tarda en chegar dúas horas. Carallo, será en avión!!!!!!

- E, na miña opinión, a máis gorda: dá a entender que a ópera representouse durante seis meses seguidos nese escenario. Estará confundindo Santiago con Madrid???

A pesar das chatas que acabo de poñerlle, o libro está moi ben e aínda que as dúas partes (van en paralelo, alternando capítulos) están moi ben, a parte de historia medieval é fantástica.

Saúdos.
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2007 16:12
# Ligazón permanente a este artigo
Alfredo Vicenti
O outro día fun a unha tertulia onde falaron da figura de Alfredo Vicenti.

Vimos un breve documental sobre el e coñecimos algo da súa vida, e sobre todo da súa obra.

Periodista compostelán que aos 28 anos tivo que ir a Madrid, xa que fora excomulgado polo bispo de Santiago, foi mestre de periodistas, e axudou a moitos galegos e xente doutras partes do Estado a instalarse e moverse nos primeiros tempos de vida na gran capital.

Interesante personaxe, un máis dos moitos esquecidos. Morreu sen débedas, pero os seus fillos non tiñan cartos para pagar o seu enterro, do que se encargou finalmente a Asociación da Prensa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2007 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
Hendaya, mon amour
O outro día fomos de novo ao teatro, esta vez ao Auditorio Gabriel García Márquez en Mera.

Fomos ver a obra "Hendaya, mon amour" de Bacana Producións. Trata da historia de amor entre Adolf Hitler "Fito", e Francisco Frango "Paco" cando se coñecen en Hendaya.

Xa vos podedes imaxinar o puteo que se traen. Sobre todo cando Franco queda embarazado e decide ter a filla, a pesar da insinuación de Fito de desfacerse dela. Deciden poñerlle de nome Hendaya.

Non foi unha marabilla pero pasamos un bo rato. Sospeito que a Mayor Oreja non lle ía resultar unha obra digamos "plácida".

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2007 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
Morreu a Morte
Xa que falamos de Teatro Corsario, o outro día, buscando na súa gran páxina web, atopeime cunha sorpresa moi desagradable.

Un dos seus actores, que eu vira en todas as súas montaxes anteriores, acababa de morrer a finais de setembro. Descoñezo a causa pero iso é o de menos.

Dende a primeira vez, xa hai oito ou dez anos, que na obra "Danzas de la muerte" fixo o papel de Don Muerte, el que era moi delgado e tiña a cara chupada, pódovos asegurar que saías do teatro pensando que algún trato tiña con ela.

Nas seguintes obras que lle vimos tamén fixo papeis moi destacados, pero para todos era a Morte. E agora acaba de tomar posesión do seu cargo.

Saúdos.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2007 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
"Los locos de Valencia" de Teatro Corsario
Achegueime a Carballo para ver a función que pechaba o seu Festival Internacional de Teatro de Outono deste ano. Case todos os anos paso algún día por este festival.

E había unha boa razón para facelo: viña Teatro Corsario, o excepcional grupo de teatro vallisoletano que se dedica ao teatro clásico español.

Representaban "Los locos de Valencia", unha obra de Lope de Vega que non é das máis coñecidas. Pero como Lope fixo unhas 1.500 tampouco é tan raro que non nos soe, digo eu.

Non é a mellor que lles teño visto, nin moito menos, pero a pesar de todo o rato que pasamos foi marabilloso. Que sorte que hai compañías que aseguran a diversión e a calidade!!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-11-2007 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0