Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Libro da Sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña

O outro día fun á presentación do libro sobre a construción da Sede da Fundación Caixa Galicia, deseñada polo arquitecto inglés Nicholas Grimshaw.

Foi no Salón de Actos, no que non tivera ocasión de entrar ata agora. Non está mal o edificio.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2008 14:04
# Ligazón permanente a este artigo
Urbano Lugrís nos fondos da Colección Caixa Galicia

Como creo que xa sabedes, non necesito eu moitas escusas para poñer aquí ou falar de Urbano Lugrís.

Hai pouco mencioneino porque acababa de mercar un libro sobre el de Luís Rei Núñez que, por suposto, aínda non lin (e o que lle falta, hai unha lista de espera que isto parece o SERGAS).

Está na Coruña ata mediados de febreiro unha exposición sobre os fondos que posee Caixa Galicia deste marabilloso pintor. Na sala que teñen a carón da Praza de Pontevedra.

Hoxe estiven por alí, como sempre abraiado polo "Anticuario do porto", o "Templo somerxido" (na foto) e eses mundos mariños tan oníricos.

Pasádevos. Nunca está de máis. Eu volverei sempre que poida.

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-01-2008 22:42
# Ligazón permanente a este artigo
A lingua das bolboretas
Fun hoxe ver unha versión teatral algo libre de "A lingua das bolboretas".

Foi no Fórum Metropolitano, a cargo desa compañía arriscada, chamada Teatro do Andamio, que ten a súa propia sala nos Rosales.

Era case un monólogo a cargo de Álvaro Guevara, só apoiado polo gran músico Manuel Clavijo.

Chamoume a atención o tema da lingua. Tiña entendido que esta compañía non tiña boa relación coa lingua galega. O título da obra de cara á prensa está en galego. O programa xa está en castelán. Álvaro fai o papel de Pardal xa de maior, lembrando a relación co seu mestre. Cando fai do seu mestre, fala en galego, sen demasiadas dificultades. Non sei, un pouco estraña a actitude. Pero non quedou mal tampouco.

Saúdos.
Teatro do Andamio
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-01-2008 00:21
# Ligazón permanente a este artigo
Os "ósos" de Miguel Fisac
Onte fun ver unha exposición á que había tempo que lle tiña moitas ganas: a que trata das vigas con formas de ósos animais que crearon Miguel Fisac (arquitecto), Vicente Peiró e Ricardo Barredo (enxeñeiros) na metade do século XX.

Pretendían tamén que o mercado comezara a utilizalas, pero non o conseguiron, seguramente porque era unha idea excesivamente avanzada. Basicamente a idea é baleirar a parte central das longas vigas de formigón, onde este non traballa. Así redúcese moitísimo o peso.

Hai uns cantos exemplos por aí adiante, sobre todo en Catalunya. En Galicia o único que hai son as cubertas do colexio Santa María do Mar (Xesuítas) na Coruña.

Saúdos.
Web da exposición de Miguel Fisac
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2008 17:36
# Ligazón permanente a este artigo
Ruhel Ahmed, ex-preso en Guantánamo
O outro día fun á charla organizada na Coruña por Amnistía Internacional (que ten a súa sede no local da A. C. Alexandre Bóveda, e ben orgullosos que estamos) na que falaba Ruhel Ahmed, un inglés de Nottingham (creo lembrar), a súa nai de Bangladesh, que estivo dous anos e medio preso en Guantánamo.

Foi cun grande amigo seu a Paquistán, onde vivía o pai do seu amigo, porque ían arranxar a súa voda. Como os trámites aínda ían demorarse unhas semanas, foron facer "turismo" a Afganistán, xusto ao carón, sen saber que ese mesmo día comezaban os bombardeos americanos.

Foron apresados, e despois dalgún tempo no país, leváronos a Guantánamo. Cando levaba alí algo máis de dous anos sacárono e levárono ao Reino Unido. Non sabe nin por que entrou nin por que saíu.

Estes americanos!!!!!!!

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-01-2008 17:30
# Ligazón permanente a este artigo
"Noite de Reis" do Centro Dramático Galego
Onte fun ver na Coruña a "Noite de Reis" do Centro Dramático Galego.

Todo xogaba a favor:
- Comedia
- Shakespeare, que sempre será unha garantía.
- Director, equipo técnico e actores excepcionais (con cartos detrás sempre é máis doado, claro)

Resultado: MARABILLOSO. É algo máis de hora e media, ambientárona en Italia, con música italiana coñecida que facía máis levadeira a obra, con 3 músicos en directo (habitual no CDG) que se pasa como se nada.

Ao final unha ovación máis que merecida. Recomendable para todos.

Na foto aparecen tres personaxes moi coñóns, protagonizados por Xosé Manuel Olveira "Pico", Víctor L. Mosqueira e Xan Cejudo.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-01-2008 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
Recital poético de Tati Mancebo na Galería Sargadelos
Acabo de chegar do recital poético que deu Tati Mancebo na Galería Sargadelos.

Había tempo que non a veía, dende a época na que ela o seu grupo de amigos recitaban no Bar Galego Maeloc, do amigo Alberto.

Non estivo mal, teño que recoñecer que algunhas cousas que leu (non todas eran dela, tamén tiña algunha tradución de escritores americanos como Raymond Carver) non me desagradaron en absoluto.

Non poño foto porque non a atopei na rede. Atopei videos pero iso xa é outra cousa. Bo detalle, manter o anonimato hoxe en día é un adianto.

Poño os enderezos de dous blogs nos que sei que ten bastante que ver.
O blog dos Pelachos
O levantador de minas
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-01-2008 22:33
# Ligazón permanente a este artigo
Concerto de The Homens no MardiGras
Onte fomos ao concerto que daba o grupo de power-pop galego (e en galego) The Homens na Sala Mardi Gras de Monte Alto, na Coruña.

Pois iso, pop moi fresco de aire sesenteiro ou setenteiro, presentado o seu novo disco "Tres", despois de publicar "#1" e "#2". Aínda que iso de publicar discos é algo relativo porque a súa música faise baixo a licencia Creative Commons e pendúrana en Internet, na súa páxina.

Son cancións curtas, animadas, algo ou bastante monótonas. E a monotonía é unha das cousas que peor soporto na música. Porén, o concerto gustoume, supoño que polo animado que é, o levadeiro e o divertido. Recoméndovos que vaiades ver e escoitar este novo grupo galego que ademais fuxe dos dereitos de autor.

Saúdos.
The Homens
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 05-01-2008 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
A intelixencia social de Daniel Goleman
Nestes últimos días lin con avidez un libro do psicólogo americano Daniel Goleman titulado "Intelixencia social". Fixérase famoso nos 90 cando publicou o coñecido "Intelixencia emocional" e este podería ser considerado a continuación, aínda que el mesmo recoñece que veñen sendo conceptos moi relacionados.

En definitiva, fala de que boa parte da intelixencia humana está sustentada na capacidade de ser sociables e de crear empatía con nosos semellantes.

E o explica con moitos exemplos, con química e neuroloxía, e con datos de moitas investigacións e experimentos.

Moi interesante iso que di de que a xente que é feliz nas súas relacións cos demais (a mellor forma de felicidade) é menos vulnerable ás enfermidades. O seu sistema inmunitario é máis poderoso. Moi interesante.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-01-2008 14:21
# Ligazón permanente a este artigo
O Destino de Nunik
Hoxe fun ver unha película titulada "El destino de Nunik", do ano 2007. Os directores son os italianos irmáns Taviani, Paolo e Vittorio. A actriz principal era Paz Vega, e andaba tamén por alí Ángela Molina, e era unha coproducción entre España, Italia, había tamén actores franceses, e parece que había bulgaros e armenios.

Trata sobre o xenocidio dos turcos sobre os armenios a principios do século XX, cando estaba tendo lugar a Primeira Guerra Mundial (en paralelo con iso, en teoría non tivo moito que ver, creo).

A verdade é que me pareceu moi frouxiña. Sospeito que a historia daba moito máis de si, os actores non me gustaron, os diálogos moi previsibles, as historias tamén.....

Co tremebunda que é a historia eu creo que podía facerse moito mellor. E non está de máis sacar este tema á palestra, para que lembremos as cousas que pasaron e seguen pasando neste mundo.

Unha cousa que non sabía é que a minoría armenia da Turquía daqueles anos era rica e culta. E os turcos "rebeláronse" contra eles porque lles facían sentir inferiores (iso interpretei eu). Curioso.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2007 01:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0