Viaxes O Lóstregho


Furancho Oficial de Cabañas & Catoira Travels
A partir deste santo día de Nadal do ano 2006 este vai ser o Furancho Oficial da xa célebre axencia de viaxes perralleiros Cabañas & Catoira Travels. Este e-zulo está especialmente deseñado para todos aqueles infelices ós que xa non lles carbura ben o 4 Latas, que xa están cansos de viaxar con AirZambia ou que levan toda a vida facendo auto-stop en carromato. Chegamos a un punto onde a xente moderna quere viaxes modernas, opinións modernas e visións modernas. Pois ben, para estes últimos non é esta páxina. Estes deben ir á páxina da COPE. Neste "fotolog" haberá fotos das nosas viaxes, comentando diferentes aspectos e anécdotas vividas. Recomendaremos lugares e esperamos que todo o mundo o pase ben e teña ganas de repetir a visita.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Emigrados, de Teatro de Ningures
Ah, xa o esquecía. O outro día fun ver a obra de teatro "Emigrados" de Teatro de Ningures.

É unha obra composta de pezas dos autores Cándido Pazó, Xosé Manuel Pazos, Suso de Toro, Anxos Sumai e Sonia Torre. Unhas máis longas que outras, unhas mellores, outras peores....

Non sabería dicirvos por qué, pero gustoume moito. Esa estraña sensación de estar rematando a obra e dicir "esta historia que me están contando está moi ben". E debe ser difícil facer iso mesturando cinco historias distintas. Levou o Premio MAX a mellor obra galega do ano. Recoméndoa, aínda anda de xira por aí.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 23:11
# Ligazón permanente a este artigo
Os novos museos de Vigo
Como xa contei, estiven hai pouco pasando o Entroido en Vigo. Ademais de patear a cidade, xa que só a coñecía superficialmente, decidín visitar os tres novos museos da cidade, que non estaban a última vez que pasei por alí.

O primeiro que visitei foi o Verbum - A Casa das Palabras. A intención é facer un museo sobre a comunicación humana, en todos os formatos e ámbitos posibles. Ten algunhas cousas interesantes. Pero a lingüística, a sociolingüística e outras disciplinas adxacentes non sei se dan para tanto. Sospeito que nunca será un museo de masas. Cando eu estiven había tamén unha exposición temporal sobre o Cid, do que se celebraba o 800 aniversario de algo (non sei se do nacemento, morte ou outra data importante). O Verbum parece un exemplo claro de gran contedor con pobre contido, arquitectura moderna espectacular sen saber moi ben para que facela. Está en Samil e vese na foto a súa estampa.

Despois visitei o Museo do Mar. Aparte de que o inauguraron varias veces, algunhas delas no mesmo día (achéganse as eleccións), e que a actuación arquitectónica tamén tivo a súa certa polémica (que raro!!! aínda que non lembro en que consistía neste caso), gustoume moito este museo. Ten unha primeira nave, dividida en dúas plantas, con moitos módulos moi ben organizados e didácticos sobre o mar. Despois ten, a parte, o acuario, que é rectangular e terá unhas dimensións de 20x3 metros, que pretende recrear o mar de Vigo. Polo tanto, non hai especies exóticas nin sorprendentes. Está en Alcabre, na Punta do Muíño.

E por último visitei o MARCO, o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. Está nun estremo da rúa do Príncipe (cruce con Urzaiz), onde antes houbera uns xulgados e o cárcere. Mantén a curiosa estrutura radial con pavillóns e o patio (agora cuberto con cristal) que lle dá moito encanto. Leva cinco anos aberto. E casualmente agora tiña unha exposición chamada "Tempo ao tempo", cunha selección das obras dos múltiples autores que pasaron por alí nese tempo. Como sempre, en arte contemporáneo, había cousas moi curiosas e interesantes e outras que....... prefiro non seguir. Das que máis me gustaron, un video (creo que bastante pobre), que se proxectaba nunha cortina de fume, que só a provocaban de cando en vez para que non se enchera de fume o museo. E unha serie de pinturas moi chulas nas que faltaba algún personaxe ou elemento. E unha curtametraxe sobre "A invención de Morel" de Bioy Casares.

Saúdos.
Verbum - Casa das Palabras
Museo do Mar de Galicia
MARCO Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 23:03
# Ligazón permanente a este artigo
El Conquistador
Onte fun ver unha obra de teatro moi orixinal.

En primeiro lugar, a compañía é colombiano-norteamericana. Había un único actor, Taddeus Philips, moi bo, americano que falaba español, non con total corrección pero entendíase bastante ben. O resto dos actores, figuras dos culebróns colombianos, aparecían nun video pre-gravado que se emitía a través de varias pantallas.

A ver se consigo explicar de que ía. Duraba hora e cuarto e a capacidade para integrarse dentro da obra era excepcional. O tempo pasou rapidísimo, sen darse un conta.

Pois este tipo, chamado Polonio, chegaba a traballar de porteiro a un edificio de Bogotá. Primeiro hai que explicar que en Bogotá os que viven nun edificio non teñen a chave do portal, está sempre pechado e abre o porteiro. Ademais tamén fan recados, como enviar bebidas, pitillos e outras cousas polo ascensor, xa que teñen un pequeno ultramarinos.

A obra vai da relación que xurde entre el e os veciños. O trato cos veciños é a través do video-telefonillo. Nunha pantalla pequena (ás veces) e noutra grande vaise vendo un video pre-gravado coas intervencións dos outros actores. En ocasións, el sae por detrás de pantalla e aparece na película que se está proxectando, cun nivel de compenetración case perfecto. Incluso nunha ocasión, retrasouse con respecto ao video e comezou a bracear queixándose. Non sei se foi un erro ou se estaba previsto, pero quedou moi ben.

Ademais era un amante das telenovelas, e pasa toda a obra intentando colocar unha antena para velas. A foto que vedes é cando chega á azotea para colocala.

Os actores colombianos estrelas do culebrón facían uns papeis moi curiosos: unha veciña algo histérica e sensual, un esmorgante, outra veciña moi sensual, outra moi guapa que tiña un mozo celoso que se creía Cristóbal Colón, e que ameazou con matalo, un chalado que levaba oito anos sen saír da súa vivenda...

En canto ao decorado, moi simple. A pantalla grande, un atril-mostrador pequeno e móbil onde tiña unha televisión pequena, un taburete e algúns produtos, e unha estrutura cadrada e oca no medio que colgaba do teito que serviu para moitas cousas: dalí saían as persianas, por momentos era un mar, noutros o borde dunha piscina, noutros o borde da azotea, como se ve na foto....

Grandioso. Paseino en grande. Ide a vela, se podedes.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección das fotos de Londres
No verán de 2005, Viaxes O Lóstregho deu o salto ao turismo internacional (seguimos considerando Portugal como a nosa segunda casa).

E fomos a Londres. Concretamente, nos primeiros días de agosto, un mes despois dos atentados do Metro. Alí estreei a cámara dixital Konica Minolta que tantas alegrías me leva dado.

O outro día proxectei algunhas das fotos que saquei, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Houbo pouca xente, pero creo que saíu contenta, que é o que importa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:20
# Ligazón permanente a este artigo
Os crimes de Oxford
O outro día, cando estaba en Vigo, fun ver "Os crimes de Oxford".

Curiosa película sobre un enigma matemático en torno a un asasino en serie, que mata a varias persoas na cidade de oxford. A clave é matemática, utiliza as progresións (que curioso, xusto eses días estaba eu explicándollas aos meus alumnos) e os protagonistas principais son un insigne profesor de matemáticas de Oxford e un alumno aventaxado.

Os actores son de prestixio: Elijah Wood, John Hurt (canto tempo había que non o vía) e Leonor Watling. E o director é Alex de la Iglesia, que ofrece bastantes garantías.

Pasouse un bo rato. Só había algunha cousa que chirriaba un pouco. Non discuto que Elijah Wood poida ser guapo (aínda que tampouco me parece para tanto), pero deume a impresión que case todas as mulleres da película acababan morreando con el na primeira escena na que o atopaban. Iso tamén me pasa a min, pero non sabía que eramos tantos os privilexiados.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
O darwinismo en Galicia
O outro día fun a unha amenísima mesa redonda sobre a introducción do darwinismo en Galicia e o estado actual de aceptación da Teoría da Evolución na nosa terra. Foi no castelo de San Antón, e moderada polo seu director, Xosé María Bello.

Os participantes eran de gran nivel:
- Roberto Bao, Profesor Titular de Paleobioloxía da Universidade da Coruña
- Ernesto Carmena, biólogo, autor de "El creacionismo ¡vaya timo!", publicado por Ed. Laetoli
- Xosé A. Fraga, doctor en Bioloxía e historiador da ciencia, especialista na recepción do darwinismo en Galicia no século XIX
- Aurora Grandal, Profesora Titular de Historia da Terra e Paleontoloxía da Universidade da Coruña e Secretaria do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal
- Equipo de Do the evolution, programa universitario de radio pioneiro na divulgación da evolución e a bioloxía en xeral

O que alí se ouvíu!!! Canta sabedoría xunta loitando por abrir algo de luz nas tebras da ignorancia. Comezou ás 19:45, eu tiven que irme ás 22:00, e alí seguían. Boas ganas tiña de quedar, pero...... A ver se comezan a facerse máis cousas así. A divulgación científica está bastante esquecida en todas partes, e aquí non digamos.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
Para Vigo me fun e xa volvín
Pasei o entroido en Vigo. As razóns foron varias:
- O Entroido é unha festa coa que non conecto apenas, así que dame igual ir a calquera sitio, con tal de non ficar na casa.
- Da xente coa que me movo habitualmente, ningún estaba disponible.
- Vigo é unha gran cidade con moitas cousas interesantes.
- Podía desprazarme ata alí moi fácilmente con varios medios de transporte, especialmente en tren, que me encanta, e cada vez máis.

Así que fun, e como teño uns cantos amigos e coñecidos por alí, programei visitas, paseos, encontros e demais. Pasei 4-5 días moi gratos, nos que desconectei moi ben e integreime ben na cidade.

Aloxeime nun dignísimo hostal recomendado por unha das miñas amigas alí, que estaba por detrás do Corte Inglés. Habitación dobre con instalacións máis que dignas a 16 euros a noite (aínda que "tiña" que utilizala como individual para que me cobraran ese prezo, é dicir, durmir sempre na mesma cama). Unha ganga.

Describo brevemente as miñas actividades de cada día:

- Venres 1: Cheguei a media tarde. Choveu todo o que faltaba de día a cántaros. Contactei por teléfono con bastantes dos meus colegas, sen moverme moi lonxe do hotel. Visitei o Museo Fernández del Riego, na Casa da Cultura Galega, onde se atopa a excepcional Biblioteca Fermín Penzol.

- Sábado 2: Erguinme cedo e percorrín a Gran Vía enteira e a Avenida de Castelao ata a praia de Samil. A coñita son 5 ou 6 quilómetros. Pasei a mañá no Verbum, a Casa das Palabras. Xantei en casa duns amigos que ao día seguinte marchaban a pasar unha semana de vacacións a Fuerteventura. Polo serán estiven cun sociolingüísta de prestixio que é profesor na Universidade de Vigo. Conversación moi amena e reveladora tivemos.

- Domingo 3: Pasei o día en Cangas. Agás algún descanso breve, o día foi meteorolóxicamente terrible. Obviamente, despraceime en barco. Alí estiven cun alto cargo dunha gran editorial galega co que me levo moi ben, pero pasei case todo o día cun amigo, profesor nun colexio de Vigo, crítico literario e ante todo moi bo tipo. Gran día pasamos. Incluso estivemos na casa dun importante poeta galego xirándolle unha visita, agora que está algo delicado de saúde.

- Luns 4: Fíxenlle unha breve visita á nova sede desa importante editorial galega da que falei antes, visitei o Parque de Castrelos, que non o coñecía, pasei por Balaídos e a Citröen (xa había tempo), fun á zona de Bouzas e pola beiramar, pasei polo Concello, e cerca de alí, comín na casa dunha amiga miña que é un alto cargo dun dos museos máis importantes da cidade. Pola tarde fun andando ó Monte da Guía, a ver a ermita (nunca estivera alí), e volvín cedo. Deume tempo incluso de ir ao cine, á Praza Elíptica, a ver "Os crimes de Oxford".

- Martes 5: Erguinme cedo para ir ao Museo do Mar, en Alcabre, cerca de Samil. Moi bo museo, seguramente o mellor da cidade. Pasei toda a mañá, e máis tempo podería ter pasado. Xusto de despois de xantar, fun ao MARCO (Museo de Arte Contemporándo), que está na rúa do Príncipe no que antes fora xulgados e cadea. Vin a exposición conmemorativa dos 5 primeiros anos de vida do museo. E a media tarde collín o tren que me deixou na estación da Coruña ás 8 e media da tarde, a 100 metros da miña casa.

Que idea tan simple de viaxe e que gran resultado obtiven. Recoméndoa.

Saúdos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-02-2008 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Caramelo libanés
Onte fun ao cine. Non é habitual que o faga. Pero ultimamente si, cousas que pasan.

A película elixida foi "Caramel". Unha película libanesa dirixida e protagonizada por Nadine Labaki (unha muller fermosisima), na que as outras protagonistas non eran actrices profesionais, senón amigas dela.

Trataba sobre todas as historias de amor (non poucas) arredor do salón de beleza no que traballan as protagonistas.

E cunha visión claramente feminina, xa que apenas hai homes no reparto, basicamente tres: o mozo dunha das perruqueiras, un policía de tráfico que está namorado da propietaria do salón e un home maior que fala en francés e que lle encarga un traxe a unha costureira que vive xunto ao salón.

A situación do Líbano non se aprecia en nada (ou case). No salón vaise a luz con certa frecuencia (non se sabe a razón, pero...)

Hai historias de amor e desamor de todo tipo:
- lésbico (eu xuraría que unha das perruqueiras o é, pero non queda claro en ningún momento)
- á que vai casar teñen que facerlle a "costura" para evitar problemas
- a dona está namorada dun home casado, e a súa muller convértese en clienta
- o home maior namórase da costureira a quen lle encarga o traxe, pero......
- o garda faise cliente do salón para achegarse á súa propietaria, e pasa un mal momento na depilación.

Hai varios parecidos curiosos. A min o garda de tráfico lembroume moito a Marcello Mastroianni. E a perruqueira (que eu creo que era lesbiana, pero non podo aseguralo) parecíaseme moito a Nacho Cano. Xa vedes en que cousas me fixo.

Ah, o título de "Caramel" (Sukkar banat) vén porque alí utilizaban caramelo para depilar. Algo moi doce para o que executa, pero para quen é depilado/a é igual de duro, polo que parece. Non sei se era a aportación orixinal da película ou unha peculiaridade do país.

Saúdos.
Ficha da película na Internet Movie Database
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2008 14:32
# Ligazón permanente a este artigo
Goran Bregovic en Kalashnikov
Debido ás ganas de ir ao concerto de Emir Kusturica estiven escoitando bastante música balcánica nestes últimos días.

E cheguei á conclusión de que aínda me gustaría máis asistir a un concerto de Goran Bregovic. Déixovos este video do seu grupo interpretando a divertida canción "Kalashnikov".

Saúdos.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2008 14:12
# Ligazón permanente a este artigo
Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra no Coliseo da Coruña
En realidade, o día que fun á presentación do libro de Caixa Galicia, onde realmente me gustaría estar era no concerto de Emir Kusturica and the No Smoking Orchestra no Coliseo da Coruña.

Pero entre que estiven lento, pouco espelido, non sabía se podería ir, esgotáronse as entradas. Que lle imos facer!!!!!!!

Dixéronme que estivo moi ben. Para resarcirme/vos poño un video de Youtube, cunha actuación do grupo.

Saúdos.

Comentarios (6) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-01-2008 14:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0