Imos logo con esta primeira reflexión da nosa unidade cero do cursoARS LONGA, VITA BREVIS na que comezaremos por preguntarnos sobre a relación dos deuses e os mortais, a orixe e sentido do mito na Grecia Antiga.
Comezamos o curso facendo caso do lema e botando unha ollada a esa estatua grega que acompaña esta entrada. Podería ser un home, pero se trata dun deus, seguramente Zeus, aínda que hai quen di que é Poseidón. Esta escultura é produto dunha fonda reflexión que protagonizou a civilización grega na antigüidade na fermosa travesía na procura do saber, no descubrimento da verdade do ser e a súa relación coa natureza e cos deuses que eran concibidos como homes ou mulleres perfectos, de aí o gusto polo espido na escultura grega.
Imos centrarnos inicialmente no que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, a arte...
A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente: Que debemos saber antes de ler mitos?
UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO
A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.
(podes botarlle un ollo á xeografía grega nesta páxina, na entrada que sobre Grecia colgamos en Clásica dentro dos Departamentos Didácticos)
Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa. Este espazo tan peculiar nun longo proceso de accións e reaccións seculares, entre outras circunstancias, provocaron que os seus habitantes crearan numerosos e pequenos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que nos permiten falar desa unidade grega son: a Lingua e a Relixión.
Entenderemos moi rapidamente o carácter común da relixión grega con dous exemplos, dous santuarios aos que acudían todos os gregos. En caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) ou ben, cun sentido máis pacífico, ían ao santuario de Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, lugar do que sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo de Zeus).
Na seguinte entrada seguiremos afondando sobre a relixión da antiga Grecia no noso camiño de achegamento á mitoloxía.
Mentres vivas, brilla, non esteas triste en absoluto;
a vida é breve, o tempo esixe o seu tributo.
Unha curiosa reinterpretación podédela ver e escoitar premendo aquí
CUESTIÓNS PARA COMEZAR ESTE CURSO:
Unha música apropiada para este día será o epitafio de Seikilos despois de visionar os vídeos resposta:
1-Que é un epitafio? Busca a etimoloxía desta palabra.
2- Cal é a historia desta peza arqueolóxica tan singular?
3- Copia o texto completo (non só o da canción) desta inscrición epigráfica.
4- Cal é o contido desta composición:
5- Sabes o que significa ?ars longa, vita brevis?? 6- Ten algunha relación esta expresión co epitafio de Seikilos?
7- A quen se lle atribúe este dito?
8- Quen era Hipócrates, que é o xuramento hipocrático?