|
|
|
III- MITO, LITERATURA E ARTE |
|
Mito e tradición titula Julia García Moreno, unha parte da súa introdución a tradución de Apolodoro. En Grecia non hai nada máis tradicional que o mito. As súas raíces de entrada están na época micénica. Na súa esencia está a súa forma de transmisión: a tradición oral.
Os seus cantores eran os Aedos transmisores profesionalizados que culminan na figura (de dubidosa existencia para algúns) de Homero coas primeiras obras escritas en occiente: A Ilíada e a Odisea.Obras da épica que relatan mitos.
Existe unha verdadeira poética mitolóxica rica expresión oral e plástica que a partir da época escura, desaparecida a época micénica vai perdendo o seu carácter oral de relato tradicional (e individual o que dá pé a versións e adaptacións do relato) ata entrar na literatura: na épica, lírica, no drama ou mesmo no pensamento filosófico, un camiño do mito ao logos, do tempo/espazo mítico ao tempo/espazo real, como comenta Ricardo Olmos no seu traballo "Mito e ritos en Grecia".
No momento que se converte en escrita comeza a súa fosilización garantindo a súa conservación e permitindo unha recreación e dando pé á vez a interpretacións (un sentido, unha xustificación) diversas en función da época/sociedade que os lea.
Se cadra unha das primeiras interpretacións veu dada polos filósofos que lles dan un valor alegórico: a forza cósmica do amor (eros) era un neno alado con coroas de flores que aluden a súa capacidade fecundadora ou con cintas para atar aos mortais, esta interpretación foi provocada pola personificación que dende moi antigo se viña facendo de conceptos abstractos como a Fortuna ou o Soño ou a mesma Morte (Thánatos).
Un marcado antropomorfismo da mitoloxía que vai ter continuadas formulacións estéticas plásticas cada vez máis próximas ao mesmo home/muller.
O mito na literatura é frecuentemente usado como argumento probatorio (desde os códigos de conduta ata fines políticos).
Mito e razón. Os chamados mitos platónicos son mitos no sentido etimolóxico non de feito.
No século IV. A C. se estaba xa deixando de crer? mito era fórmula de sociedade remota e primitiva?hai outra fórmula de coñecemento a racional, (corrente que comezara dende o VI a. C.).
Pero o mito ten outra característica: a flexibilidade para adaptarse. De aí o salto á traxedia no século V a. C. outro gran invento grego ( mito versus os inventos do logos: olimpíadas, teatro, filosofía, arte plástica?)
No IV verá a humanística e a literatura mitolóxica fundamental? (Isócrates) e logo Alexandría dos Tolomeos. De aí pasará cara a Roma (poetae novi). O mito canto máis se desprende do sentido relixioso máis ten de motivo estético, cousa que manténdose ata os nosos días.
Mito e arte. En cerámica, templos e estatuaria non eran considerados ata hai moi pouco tempo unha lectura diversa dos mitos. Pero Carl Robert é o primeiro en marcar as diferenzas e autonomía da linguaxe oral da figurada que utilizan cadanseu as súas leis. Como exemplo moi coñecido, o vaso de "françois" no que Clitias 570 a. C. recrea personaxes distintos dos homéricos nas carreiras dos funerais de Patroclo. Hai mitos que só coñecemos pola plástica, outros que datamos grazas a ela, Aquiles come entrañas de osos, xabarís e leóns datado no século VII a. C. cando xa se cría que era unha medio invención helenística.
Lembrando o que é máis importante:
Como definirías un mito?
Que tipos de mitos podemos diferenciar polo seu contido?
O mito é historia, que relación teñen?
Quen son os aedos? Que sabes de Homero?
Que lle pasa ao mito ao perder o seu carácter oral?
Define o paso do mito ao logos filosófico.
En que xénero literario se instala cara o século V a.C.
Por que é tan importante a expresión plástica dos mitos?
Que lle ocorre ao mito finalmente?
LEMBRA: Por que é orixinal a mitoloxía grega?
Por conservarse dun xeito tan completo.
Pola complexidade dos seus contidos.
Por entender a cosmogonía dun xeito diferente ao común noutras moitas mitoloxías.
|
|
|
|
II- QUE VÉN SENDO UN MITO? |
|
Mito é unha palabra grega aplicada a calquera tipo de relato, tanto as alegorías de Platón, como ás fábulas de Esopo, pero o termo especializase ao designar narracións dunha época ideal transmitidos por tradición oral inicialmnete, en todo caso de época remota e imprecisa, cuxos protagonistas son seres divinos ou semidivinos.
Hoxe consideramos mitos:
O mito propiamente dito: protagonizado por deuses relacionado coa relixión. O exemplo máis evidente o mito cosmogónico do principio do mundo.
A lenda heroica: relatos protagonizados por heroes ou semideuses sendo estes dunha orixe e natureza diferentes aos dos relatos de deuses. Son feitos históricos deformados, chegando estes a relatar acontecementos pertences ao segundo milenio a. C. Un exemplo serían os Heraclidas, considerados os derradeiros heroes, por ser o seu relato o que tivo menos tempo para cargarse de elementos inverosímiles.
O conto popular: relatos que en orixe non teñen nada que ver coa mitoloxía pero que se incorpora a esta porque se diviniza o seu protagonista. Un motivo como a esposa que espera ao seu home ausente e asediada de pretendentes é o que se incorpora na lenda de Odiseo.
MITO E HISTORIA
Unha parte importante da mitoloxía semella ser historia máis ou menos desfigurada, especialmente na lenda heroica existe unha certa veracidade. Segundo Julia García Moreno hoxe contamos con máis recursos por ver se podemos a través da mesma reconstruír o pasado ao que fai referencia(no caso da guerra de Troia comprobaremos que é posible afirmar isto moi sucintamente). O mito en todo caso non é historia. A historia vén despois do mito?
|
|
|
|
I c) O sincretismo da relixión da antiga Grecia |
|
 Un exemplo de sincretismo ou fusión das dúas compoñentes( mediterránea e indoeuropea)
Di Robert Graves que un acontecemento como que a antiga deusa da Sabedoría, Metis embarazada de Zeus, fose tragada por este e que logo da cabeza do deus nacese Atenea pode asociarse á aparición dos aqueos, primeiros invasores indoeuropeos no segundo milenio (do 1800 a. C. en diante) que debilitaron a tradición matrilineal. Atenea era a filla partenoxénica de Metis, a máis nova da Tríada encabezada pola súa nai. Zeus tragou a Metis, é dicir, os aqueos suprimen o culto a deusa atribuíndo toda a sabedoría a Zeus, deus patriarcal, pero manteñen os templos de Atenea a condición de que os seus adoradores acepten a soberanía de Zeus.
Efectivamente a configuración do Olimpo é produto da fusión das dúas compoñentes. Que Zeus sexa o Deus Supremo, deus do raio e do tormentas, non impedirá certa equidade, por exemplo, no número de deusas e deuses ou no gran poder que aínda conservan. Todos os deuses terán atributos animais, un elemento mediterráneo.
Fronte a deusas feraces e fértiles como Deméter, Hera ou Afrodita, haberá deusas indoeuropeas en canto a que son celosas da súa virxinidade e guerreiras como Atenea ou cazadoras como Artemisa, aínda que iso non impedirá a existencia dunha Artemisa como a de Éfeso dotada de numerosos peitos que é claramente unha deusa con marcado carácter mediterráneo, unha mostra máis da complexidade e evidencia do sincretismo na mitoloxía grega.
CUESTIONARIO
Indica agora cal destes trazos é mediterráneo e cal é indoeuropeo:
Atenea é unha deusa virxe da guerra e o seu animal é a curuxa.
Afrodita ten un amante chamado Adonis que morrerá?
Dioniso é un mozo deus do viño que nacía e morría anualmente.
Hera é a deusa de ollos bovinos ou de vaca.
Ártemis é unha deusa cazadora e virxe, pero o seu símbolo é unha lúa .
Hermes nace nunha cova no monte Cilene igual que Zeus.
Zeus ten innumerables amantes, divinas e mortais.
|
|
|
|
I b) Relixión mediterránea primitiva e Relixión Indoeuropea |
|
Nunha primeira fase todos os pobos primitivos tiñan unha visión máxica do mundo e adoraban ás forzas da natureza (o raio, a chuvia, os ríos?).
Aparece logo o culto ás pedras sagradas como símbolo da divindade que despois se identifica con animais sagrados como o touro, o cabalo, a aguia? Este último aspecto pervive na mitoloxía grega cando asocia, por exemplo, Atenea á curuxa ou o cabalo a Poseidón. Máis tarde os deuses adquiren aspecto humano.
Toda Europa Neolítica adoraba á Deusa Nai e non había deuses pois non se introducira aínda o concepto da paternidade. Os grandes misterios asociados a ela a morte e a creación da vida. O non asociar fenómenos como facer o amor co nacemento. A Deusa Nai, unha deusa fértil que se representa frecuentemente embarazada e con atributos femininos moi marcados. É a deusa ?de amplos peitos? que logo cantan Homero ou Hesíodo.
? Vou cantar á Terra, nai universal de sólidos alicerces, a máis augusta, que nutre no seu chan todo canto existe. Canto camiña pola divina terra ou polo mar ou canto voa, aliméntase da túa exuberancia. Por ti vólvense prolíficos e frutíferos, soberana, de ti depende dar a vida ou quitárllela aos homes inmortais?
Himnos Homéricos, XXX.
Aínda que había lugares nos que a deusa branca era deusa da morte, a deusa que residía nunha cova tiña a maternidade como o seu principal misterio. A lúa era un símbolo asociado. As tres fases e o declinar do ciclo estacional contribúen a crear tríadas de deusa.
Unha vez admitida a relación coito-parto a posición relixiosa do home mellorou, deixouse de asociar aos ventos ou aos ríos a preñez das mulleres. A raíña da tribo matriarcal escollía un amante anual que sería o rei ata o seu sacrificio ritual da fertilidade ao rematar o ano no inverno, que se cría se reencarnaría nunha serpe.
Logo virá unha etapa na que os mozos eran substituídos por animais no sacrificio. Pero o poder era matrilineal.
A CIVILIZACIÓN CRETENSE ou MINOICA
No III milenio a.C. de orixe descoñecida a civilización cretens sería o máximo expoñente da cultura mediterránea previo a aparición dos indoeuropeos na terra da Hélade.
De indubidable pegada na relixión grega posterior. Unha sociedade matriarcal, relixión panteísta que vía o natural como algo divino, de deusas femininas que poboaban ríos, bosques e montes e unha deusa Nai, fonte de vida, asociada a diversos animais como a serpe ou o touro.
A RELIXIÓN INDOEUROPEA
O elemento indoeuropeo introduce en Grecia unha relixión que reflicte unha sociedade patriarcal, nómada, guerreira e un deus da luz e do día, das tormentas e fenómenos celestes, ademais dunha deusas virxes e guerreiras, seres libres da natureza. Son seres antropomorfos, dominan as forzas da natureza sen confundirse con elas.
Comeza así un proceso de fusión. O sometemento da poboación preindoeuropea, a destrución da civilización cretense e a instalación do reino dos Aqueos en Micenas pode percibirse en determinados mitos e a evolución da relixión grega produto da fusión das dúas compoñentes relixiosas a do mediterráneo e a dos indoeuropeos.
|
|
|
|
I a) MITOLOXÍA GREGA E RELIXIÓN |
|
A mitoloxía mantén coa relixión grega unha vinculación dificilmente separable. Podemos dicir que a mitoloxía en principio era relixión.
o estudoso e autor literario Robert Graves deixou dito na introdución ao seu trabalo sobre os Mitos Gregos: ?Un estudo da mitoloxía grega debería comezar cunha análise dos sistemas políticos e relixiosos que prevalecían en Europa antes da invasores procedentes do norte e do este?
Estes invasores son os pobos indoeuropeos que procedentes do centro de Europa se farán donos axiña ao longo do II milenio antes de Cristo dos territorios da antiga Hélade, tras provocar a caída dunha gran civilización, a civilización cretense de orixe mediterránea.
DÚAS COMPOÑENTES NA RELIXIÓN GREGA
1ª) Ctónica ou Mediterránea: centrada nas divindades da fertilidade da terra propia dos pobos agrarios do Mediterráneo.
2ª) Olímpica ou Indoeuropea: de deuses celestiais e guerreiros, traída á Hélade polos invasores do Norte e do Este.
A relixión na antigüidade era un fenómeno ligado intimamente tamén ao propio goberno das comunidades primitivas.
Nota:Antes de continuar debemos saber que:
- matriarcal: ?mater ?nai? + arkhé: goberno, mando, poder.
- patriarcal: -pater ?pai? + arkhé: goberno, mando, poder.
J.García Lopez no seu estudo sobre a Relixión Grega di: ?O encontro dunha civilización de tipo patriarcal e pastoril cunha civilización matriarcal e agrícola presidiu e determinou o desenvolvemento das grandes civilizacións de Exipto e Anatolia, Mesopotamia e Xudea. A elas hai que engadir a civilización grega?
|
|
|
|
IN VERITATE, CRESCES...AUDE SAPERE |
|
Xogando cun coñecido lema latino, ocorréusenos iniciar o curso co lema "In studio veritas" (a verdade está no estudo), pero logo foisenos ocorrendo outro lema un pouco máis completo: "in veritate, cresces... aude sapere" (na verdade crecerás, atrévete a saber).
Nesta frase, a primeira parte está relacionada co lema central que escoñemos no centro e a segunda evoca outro dos proverbios máis sonados da Cultura Clásica que nos leva á Grecia Arcaica e ao santuario de Apolo en Delfos,("coñécete a ti mesmo", ademais de deixar entrever o espírito olímpico da procura da verdade do que sen dúbida este curso falaremos en profundidade, por ser o 2012 ano de Xogos Olimpicos.
Imos logo con esta primeira reflexión da nosa unidade cero do curso na que comezaremos por preguntarnos sobre a relación dos deuses e os mortais, a orixe e sentido do mito na Grecia Antiga.
Fíxate na fotografía desa estatua grega que acompaña esta entrada. Podería ser un home, pero se trata dun deus, seguramente Zeus, aínda que hai quen di que é Poseidón. Esta escultura é produto dunha fonda reflexión que protagonizou a civilización grega na antigüidade na fermosa travesía na procura do saber, no descubrimento da verdade do ser e a súa relación coa natureza e cos deuses que eran concibidos como homes ou mulleres perfectos, de aí o gusto polo espido na escultura grega.
Comezamos o curso facendo caso do lema e botando unha ollada cara o que pode ser a primeira e, se cadra, a máis grande e orixinal das creacións da Grecia Antiga: o mito. Logo virán outros magníficos aportes á cultura occidental europea e á universal como a filosofía, o teatro, as olimpíadas, a arte...
A mitoloxía grega pasa por ser unha das máis fermosas ademais das máis completas, orixinais e mellor coñecidas e estudadas do mundo. Por iso preguntámonos inicialmente:
Que debemos saber antes de ler mitos?
UN ESPAZO QUE CONDICIONA O MITO
A Antiga Hélade ou Grecia era un territorio distinto do Estado Grego moderno. Ademáis da zona continental e a península do Peloponeso, ademais das numerosas e da gran variedade das illas, estaba a Grecia Colonial de Asia Menor que hoxe é a costa de Turquía e outros moitos puntos diseminados polo Mediterráneo, especialmente no sur de Italia, que se denominaba a Magna Grecia.
Este espazo e os que o habitaron nun longo proceso de accións e reaccións seculares, pola orografía (Grecia é o segundo país máis montañoso de Europa)e outras circunstancias provocaron a creación de numerosos estados independentes (con distintas leis, gobernos, moedas, medidas...)pero que conservaban entre si un vínculo moi especial que lles daba a todas estas cidades-estado certa unidade. Os dous elementos comúns a todas elas que permiten falar desa unidade eran: a Lingua e a Relixión.
Reparemos moi rapidamente en dous Santuarios aos que acudían todos os gregos, ben en caso de conflitos ou problemas de todo tipo, o santuario de Delfos, (considerado o embigo do mundo e onde estaba o oráculo de Apolo, deus da luz e a beleza masculina, asentado sobre un antigo culto á Gran Deusa, onde unha sacerdotisa "a pitonisa" en transo pronunciaba as respostas enigmáticas que os romeiros solicitaban) ou ben cun sentido máis pacífico o santuario de Olimpia( para celebrar os Xogos na honra de Zeus, deus do raio, pero sabemos que con anterioridade tamén había alí un culto a unha deusa, Hera, que manterá o seu culto a carón do Templo do pai dos deuses).
Na seguinte entrada seguiremos afondando sobre a relixión da antiga Grecia no noso camiño de achegamento á mitoloxía.
|
|
|
|
|