A nova entrega do Caderno dixital terá un prazo do día 9 de decembro abordará os seguintes proxectos:
A aparición dos mortais na mitoloxía grega:
- As idades do home de Hesíodo e Ovidio: definición e comparación do mito coas etapas da Prehistoria e a historia real dos seres humanos: Paleolítico, Neolítico, Idade de Bronce e Ferro...
- Prometeo, Pandora e os mortais: reflexión creativa sobre os deuses e os seres humanos (homes e mulleres) na mitoloxía grega e as semellanzas e diferenzas con outros relatos mitolóxicos.
- Deucalión e Pirra: Que semellanzas e diferenzas existe con outras mitoloxías. Con que etapa das idades do home de Hesíodo coincidiría? Houbo un diluvio universal?
- Un mito da creación máis filosófico: Platón e o mito dos androxinos. Será verdade iso que se di do amor e o da media laranxa?
- INVESTIGA: O mundo dos mortos. Descrición do mundo Subterráneo. O sorteo dos mundos: Hades, como chega a ser o deus dos mortos? Ubi sunt?
LECTURAS RECOMENDADAS:
Hesíodo: Os traballos e os días (As Idades vv. 106-202). Ademais para Pandora en Teogonía535-570 e Traballos e os días, 47-58 e 90-105)
Ata o de agora estivo moi presente nos mitos que contamos a presenza do matriarcado e da deusa nai e outras poderosas deusas: Xea, Rea... pero coa aparición de Zeus e mitos relacionados coa creación dos seres humanos, como o de Prometeo e Pandora, imos percibir un cambio e aquel carácter equilibrado e mesmo dominante de elementos femininos vaise ir diluíndo nunha serie de mitos con fortes cargas patriarcais e claramente machistas.
Facéndolle unha chiscadela á celebración do Día contra a violencia de xénero, o 25 de novembro, imos fixarnos como cambia o conto. Imos ser críticos á hora de relatar os mitos cando a influencia indoeuropea impera en moitos dos que iremos contando e que son claramente machistas polo que debemos ter esa previsión á hora de achegármonos a eles dende unha óptica do século XXI. Esta compoñente debe logo terse moi presente a partir deste momento.
Imos comezar para evidenciar esta tendencia da mitoloxía clásica a falar da creación dos mortais que na mitoloxía grega presenta unha serie de relatos complexa (hai ata catro formas distintas de explicar a aparición dos seres humanos). Pois ben, os primeros seres humanos en nacer serán os homes de sexo masculino e logo chegará Pandora, a primeira muller.
Ademais de chegar de segundas, virá cargada dunha serie de calidades moi machistas como poderedes apreciar, unha primeira ao ser considerada "un agasallo". A etimoloxía é moi clara, o nome de Pandora en grego significa "o agasallo de todos (os deuses)" unha clara "cosificación" (como se unha persoa, neste caso a muller, fose unha cousa, un obxecto) e aínda que a palabra "agasallo" ou "presente" pode entenderse, en principio, como algo bo, veremos que as intencións de semellante entrega por parte dos deuses ten como finalidade procurar un castigo eterno a todos os mortais.
Finalmente, Pandora aparecerá solapada e á sombra doutro nome, o dun deus que, a pesar de ser un Titán, está debuxado con calidades positivas, propias dun verdadeiro heroe. Trátase de Prometeo, o amigo dos mortais.
Cuestións:
1- INVESTIGA:Ocorre isto mesmo noutras mitoloxías imos nvestoigar sobre cos relatos das primeiras mulleres noutras mitoloxías.
A aparición dos mortais tamén é un tema abordado por Hesíodo, escritor grego do VI a. C. neste caso nun texto sobre as idades do home do seu libro "Os traballos e o días".
Cuestións:
1- Despois de ler o texto na aula, imos resumir o seu contido atendendo as distintas etapas:
Idade de Ouro:
Idade de Prata:
Idade de Bronce:
Idade dos Heroes:
Idade de Ferro:
2- Compara estas cinco idades coas que relata Ovidio o poeta latino do século I nas súas Metamorfoses:
Imos realizar na aula de Cultura Clásica- Informática un pequeno audiovisual sobre o mito de Prometeo tomando como base un cómic e coa intención de afondar e estudar sobre un dos mitos máis coñecidos da mitoloxía grega, sobre un dos deuses máis relacionados coa propia existencia do ser humano:
PROMETEO E OS MORTAIS
Quam satus Iapeto, mixtam pluvialibus undis,
Finxit in effigiem moderantum cuncta deorum,
Pronaque cum spectent animalia cetera terram,
Os homini sublime dedit caelumque videre
Iussit et erectos ad sidera tollere vultus?
Tellus induit ignotas hominum conversa figuras.
OVIDIO Metamorphoses, I 82-88
Coa terra amasada en auga de chuvia o fillo de Xápeto
crea figuras co molde dos deuses que todo o controlan.
Se ben os demais animais ollan á terra inclinados
fíxolle ao home un rostro altivo e que ao ceo altivo mirase
dispuxo e cara ás estrelas alzase ergueita cabeza?
Así a Terra remodelada vestiuse de imaxes estrañas de homes.
"Fillos do Titán Xápeto e Clímene, castigados por Zeus
Xápeto levouse á moza Clímene, Oceánide de fermosos nocellos e subiu ao seu mesmo leito. Esta deulle varios fillos, o intrépido Atlas, e pariu ao moi ilustre Menecio, ao mañoso e astuto Prometeo e ao torpe Epimeteo,que foi desde un principio sempre ruína para os homes que se alimentan de pan. Pois el por primeira vez aceptou unha xoven muller modelada por Zeus. Ao violento Menecio, Zeus de ampla mirada afundiuno no Érebo, alcanzándoo co ardente raio, pola súa insolencia e desmedida audacia. Atlas sostén o vasto ceo a causa dunha imperiosa fatalidade alá nos confíns da terra, á entrada do país das Hespérides de fina voz, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos; pois esta sorte lle asignou como lote o prudente Zeus. A Prometeo abundante en recursos atoulle con irrompibles ligaduras, dolorosas cadeas, que meteu a través dunha columna e lanzou sobre el a súa aguia de amplas ás. Esta comíalle o fígado inmortal e aquel durante a noite crecía por todas partes na mesma proporción que durante o día devoraba a ave de amplas ás. Matouna Heracles, ilustre fillo de Alcmena de fermosos nocellos e librou do seu horrible tormento ao Xapetónida, dando fin ás súas inquedanzas non sen o consentimento de Zeus Olímpico que reina nas alturas, senón para que a fama de Heracles, nacido en Tebas, fora maior aínda que antes sobre a terra fecunda. Por estes anhelos favorecía ao seu moi ilustre fillo e, aínda que irritado, calmou a cólera que antes tiña desde que Prometeo combateu a vontade do moi poderoso Cronión." ( HESÍODO, Teogonía 507-534)
OS PROBLEMAS CON ZEUS
Pero Prometeo despois de crear ao home enfrontaríase a unha serie de problemas con Zeus por protexer a estes novos seres.
CUESTIÓNS: 1-Cales foron estes problemas con Zeus? Resume o mito.
2-Cal foi o castigo que Zeus lles envía aos humanos baixo a forma dun agasallo para Epimeteo?
3-INVESTIGA: Cal foi o castigo que lle espera a Prometeo? Zeus, ademais sabía que Prometeo gardaba un segredo sobre a súa descendencia, por iso negouse a liberalo do seu castigo ata que logrou unha resposta clara a aquel misterio que gardaba o Titán. Saberías ti explicar cal é ese segredo?
Toca volver a mirar o mapa da Grecia Antiga para ir fixando esta xeografía que estamos citando como referencia espacial substancial dos mitos. A espazosa Tesalia, lugar onde se desenvolve a Titanomaquia, a illa onde nace Zeus, o monte residencia dos deuses, mesmo o volcán que aínda hoxe nos lembra onde está atrapado Tifón...
Pois ben imos trazar unha panorámica a través de dúas actividades: A visualización do seguinte vídeo:
A XEOGRAFÍA DA GRECIA ANTIGA
Grecia é un país moi montañoso con estreitos vales e pequenas chairas costeiras onde se concentrou tradicionalmente a poboación. As montañas continentais penetran no mar formando unha costa moi recortada e numerosas illas o que propiciou o aillamento de comunidades dispersas e mal comunicadas por terra que conforman un país de pequenas comarcas, divididas politicamente e fragmentadas en dialectos. Grecia pois viviu cara ao mar, do que ningún punto dista do mar máis de 90 km, xogou dende sempre un papel de unión (de feito a palabra Πόντοs, ademais de ?mar? significa ?camiño?).
O clima no norte é de tipo continental invernos curtos e fríos, pero nas illas é algo máis cálido, sendo os veráns moi calurosos. A chuvia máis ben escasa e lugares como Creta, unha gran illa con clima subtropical.
A vexetación é a típica mediterránea bosques de coníferas (piñeiros e cipreses), plantas aromáticas e os cultivos de cereais, oliveiras e viñas que ocupan o pouco terreo arable (un 18%). Se Arcadia é a terra ?osos?, tamén hai lugares onde se crían cabalos, e rabaños de cabuxas e ovellas. Sendo unha incógnita se antigamente existían leóns como nos conta Homero.
Hélade (Ελλάδα) era o nome do país derivado de Helen, padre mítico dos heroes que dan lugar ás distintas estirpes helénicas. O nome de Grecia provén da tribo dos Graii coa que entraron en contacto os pobos de Italia e co que eles coñecerían aos restantes gregos.
Para coñecermos mellor a Antiga Grecia seguiremos o seguinte esquema da súa xeografía:
1- A GRECIA CONTINENTAL:
1.1- A GRECIA SEPTENTRIONAL
1.2- A GRECIA CENTRAL.
1.3- A GRECIA MERIDIONAL OU PENÍNSULA DO PELOPONESO
2- A GRECIA INSULAR:
2.1- ILLAS XÓNICAS.
2.2- ILLAS CÍCLADAS E ESPÓRADAS
2.3- AS GRANDES ILLAS: EUBEA, CRETA E CHIPRE.
3- A GRECIA COLONIAL:
3.1- ASIA MENOR
3.2- A MAGNA GRECIA
3.3- OUTROS LUGARES DE COLONIZACIÓN
Prosigamos co relato no momento no que se narra a Titanomaquia na Teogonía de Hesíodo:
Xa facía tempo que loitaban soportando dolorosas fatigas enfrontados uns contra outros en violentos combates, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos; os Titáns dende a cima do Otris, e dende o Olimpo, os deuses dadores de bens aos que pariu Rea, de fermosos cabelos, deitada con Cronos... levaban xa combatendo en conxunto máis de dez anos. E non se vía solución da dura contenda, nin final a favor de uns ou dos outros, senón que o resultado da guerra permanecía indeciso...
Mais a Briareo, a Coto e a Xiges, o Crónida e os demais deuses inmortais que concibiu Rea, de fermosos cabelos, conducíronnos de novo á luzseguindo as indicacións de Xea. Esta explicoulles que coa súa axuda conseguirían a vitoria e... Zeus ofreceu a todos os alimentos, néctar e ambrosía, que os propios deuses comen, e creceu no peito de todos ardorosa paixón, cando probaron o néctar e a deliciosa ambrosía.
-?Escoitádeme! - díxolle Zeus aos ilustres fillos de Xea e Urano- Por longo tempo xa enfrontados uns cos outros, loitamos todos os días pola vitoria e o poder, os deuses Titáns e os que nacemos de Cronos. Pero agora mostrade vós vosa terrible forza e invencibles brazos contra os Titáns en funesta loita, recordando a nosa doce amizade e como despois de tantos tormentos baixo dolorosa cadea, de novo viñestes á luz saíndo da escura tebra por decisión nosa.?...
Provocaron aquel día unha loita terrible todos, femias e varóns, os deuses Titáns e os que naceron de Cronos e aqueles aos que Zeus, mergullados no Érebo baixo a terra, trouxo á luz, terribles, violentos e dotados de formidable vigor. Cen brazos saían axitadamente dos seus ombros, para todos igual, e a cada un cincuenta cabezas nacíanlle dos ombros, sobre robustos membros...Terriblemente resoou o inmenso Ponto e a terra retumbou con gran estrondo...A violenta sacudida das pisadas chegou ata o tebroso Tártaro...
Xa non contiña Zeus a súa furia lanzando sen cesar relampos, avanzaba sen deterse; os raios, xunto co trono e o relampo, voaban dende a súa poderosa man. Por todos lados resoaba a terra portadora de vida envolta en lapas... Tanto estrondo produciuse ao chocar os deuses en combate! Ao mesmo tempo, os ventos expandían con estrépito a conmoción, o po, o trono, o relampo e o flamante raio, armas do poderoso Zeus, e levaban o balbordo e o clamor en medio de ambos...Entón aqueles, Coto, Briareo e Xiges insaciable de loita, na vangarda provocaron un violento combate. Trescentas rochas lanzaban sen respiro coas súas poderosas mans e cubriron por completo con estes proxectís aos Titáns.
(Texto adaptado)
O escritor latino Ovidio tras narrar a Titanomaquía, a guerra entre os Titáns e os Olímpicos, di sobre Saturno:
Postquam Saturno tenebrosa in Tartara misso
sub Iove mundus erat...
Unha vez enviado Saturno(Cronos) ao tebroso Tártaro, o mundos estaba baixo o poder de Xúpiter(Zeus na súa denominación grega).
Fíxate nas denominacións grega e latina dos deuses citados e vaite acostumando a usar ambas.
CUESTIÓNS:
1-Bótalle agora unha ollada a este anaco de vídeo para logo facer un resumo:
Sabías que o nome de Zeus é indoeuropeo e deriva da palabra deiwos, que significa ?ceo brillante?, o mesmo nome aparece no Diespiter (Iúpiter) romano, no deus indio do ceo Dyaus Pita, e no termo xermánico Tuesday (dia de Thor). A mesma raíz aparece no grego eudia (bo tempo) e no latín, deus, dios e dies (día). Zeus aparece aquí xunto a outros, como o pai ceo, baixo a imaxe do luminoso ceo diurno. A esta engádense imaxes de tormenta: a do que reúne as nubes, a do que amaba os raios e os tronos. Todas as súas epifanías ou aparicións son espectaculares: brilla como o sol, lanza raios, fai resplandecer os seus relampos e amorea as nubes negras ao ruchando o sobrecello. A aguia voa nas alturas manifestando a súa presenza.
INVESTIGA SOBRE A INFANCIA DE ZEUS
Varios son os mitos procedentes de distintos textos posteriores a Hesíodo que relatan a infancia de Zeus en Creta. Procura información sobre:
1- Quen o coidaba na cova? Quen era Amaltea e Melita? Que animal o visitaba a diario para darlle a ambrosía que lle daba o vigor propio dun inmortal?
2- Que relación din que tivo coa Titánide Metis?
3- Contan que foi Metis quen lle axudou a elaborar un beberaxe que lle tiña que dar a Cronos.
4- Quen eran os Curetes ou Coribantes?
CUESTIÓNS:SOBRE A TITANOMAQUIA
1- Onde e por quen foron desterrados Brontes, Estéropes e Arxes? Quen son ?o Crónida (repara no nome) e os demais deuses inmortais que concibiu Rea??
2- Procura sobe un mapa de Grecia os espazos máis importantes nesta guerra (os mitolóxicos e os reais) Creta, Pitia, Olimpo, Otris, Tesalia, ...
3- Que é a Titanomaquía? Onde residen os contrincantes destas batallas interminables? Cando durou esta guerra?
4- Quen lle indica a Zeus que vaia falar cos Uránidas? Como os convence?
5- Que nome xenérico reciben os uranidas Coto, Briareo e Xiges? Como era o seu corpo? Que produce un gran estrondo audible tanto no ceo como no máis profundo do Tártaro?
A Teogonía de Hesíodo (autor do século VII a. C.) é o libro que mellor nos narra a Cosmogonía, é dicir, a creación do Cosmos(universo ou natureza ordenada). Efectivamente os gregos antigos pensaban que a función dos deuses era a de ordear a natureza caótica nun principio.
Despois da aparición no medio do Caos de Xea e de Urano e da súa complicada descendencia, Hesíodo narra na Teogonía a creación doutras criaturas descendentes do Caos entre as que sitúa nun lugar destacado a Nix (a Noite).
Logo comeza a enumeración dunha longa serie de novas criaturas enxendradas polos Titáns e as Titánides, descendentes de Xea e Urano. Imos deter a nosa atención en Cronos e de Rea.
Seguindo o mito a través do relato épico de Hesíodo, poderás comprobar e ir respostando ás cuestións claves desta parte importantísima da TEOGONÍA:
Os Fillos de Rea e Cronos
Rea, entregada a Cronos, tivo famosos fillos: Hestia, Deméter, Hera de áureas sandalias, o poderoso Hades que reside baixo a terra con implacable corazón, o resoante Ennosixeo (Poseidón) e o prudente Zeus, pai de deuses e homes, por cuxo trono treme extensa terra.
Aos primeiros papounos o poderoso Cronos segundo ían chegando aos seus xeonllos dende o sagrado ventre da súa nai, conducíndose así para que ningún outro dos ilustres descendentes de Urano tivese dignidade real entre os Inmortais. Pois sabía por Xea e o estrelado Urano que era o seu destino sucumbir a mans do seu propio fillo, por poderoso que fora, vítima dos proxectos do gran Zeus. Por elo non tiña descoidada a vixilancia, senón que, sempre ao asexo, ía tragando aos seus fillos; e Rea sufría terriblemente.
Pero Rea cando xa estaba a punto de dar á luz a Zeus, pai de deuses e homes, entón suplicou axiña aos seus pais, os dela, Xea e o estrelado Urano, que lle axudasen a urdir unha estrataxema para ter ocultamente o parto do seu fillo e vingar as Erinias do seu pai e dos fillos que se tragou o poderoso Cronos de mente retorta. Aqueles escoitaron atentamente a súa filla e obedecérona; puxérona ambos ao corrente de canto estaba decretado que ocorrese respecto ao rei Cronos e ao seu intrépido fillo, e enviárona a Licto, a un rico pobo de Creta, cando xa estaba a punto de parir ao máis novo dos seus fillos, o poderoso Zeus. A este recolleuno a monstruosa Xea para crialo e coidalo na espazosa Creta. Alí dirixiuse, levándolle, ao amparo da rápida negra noite, en primeiro lugar, a Licto. Colleuno no seu colo e ocultouno nunha profunda gruta, baixo as entrañas da divina terra, no monte Exeo de densa fraga.
Rea envolvendo en panos unha enorme pedra, púxoa nas mans do gran soberano Uránida, rei dos primeiros deuses. Agarrouna entón coas súas mans e aquel introduciuna no seu estómago, ¡desgraciado! Non advertiu no seu corazón que, a cambio da pedra, ficaba para o futuro o seu invencible e imperturbable fillo, que axiña, vencéndoo coa súa forza e as súas propias mans,ía privarlle da súa dignidade e reinar entre os Inmortais.
Rapidamente medraron logo o vigor e os fermosos membros do soberano. E ao cabo dun ano,o poderoso Cronos, de mente retorta, botou fóra de novo a súa prole, enganado polas hábiles indicacións de Xea, vencido pola forza e habilidade do seu fillo. Primeiro vomitou a pedra, última cousa que enguliu; e Zeus cravouna sobre a extensa terra, na sacratísima Pito, nos vales ao pé do Parnaso, monumento para a posteridade, marabilla para os homes mortais. Librou aos seus tíos paternos das súas dolorosas cadeas, aos Uránidas Brontes, Estéropes e o vigoroso Arxes, aos que insensatamente encadeou seu pai; gardáronlle gratitude polos seus beneficios e aqueles agasalláronlle co trono, o raio e o relampo; antes tíñaos ocultos a enorme Xea, e con eles seguro goberna a mortais e inmortais.
CUESTIÓNS:
1- Cales son os nomes dos fillos de Cronos e Rea? Procura o seu nome en grego e en latín.
2- Por que Cronos era un cu de medo?
3- Quen son as Erinias, denominadas en latín Furias? Como naceran?
4- Onde naceu Zeus?
5- Procura unha, dous ou tres ilustracións da entrega de Rea a Cronos dalgún dos seus fillos, mesmo da pedra envolta en panos.
6- Contan que sendo xa Zeus o deus supremo, feito o sorteo para repartir poderes e territorios sobre os que gobernar, mandara a dúas aguias que voasen dende os estremos da superficie terrestre unha dende oriente, a outra dende occidente coa intención de que, cando se atopasen xusto no centro da extensa superficie da terra, deixasen caer alí mesmo, no centro do mundo a pedra que vomitara Cronos. Os gregos din que esa pedra está aínda nun lugar sagrado. Como se chama ese lugar sagrado onde reside a sacerdotisa Pitia? Busca unha foto desa pedra que aínda existe nese lugar que chaman ónfalos.
7- Se Uránida significa: ?fillo de Urano? quen é o gran soberano Uránida?
8- Con que outro nome xenérico son coñecidos os Uránidas Brontes (trono), Estéropes (raio) e o vigoroso Arxes (relampo ou resplandor)? Que quere dicir ese nome co que se identifican as tres criaturas?
Os alumnos/as de Cultura clásica deben de editar o seu propio caderno dixital que deberán ir editando coidadosamente. Serán logo editores.
Realizar os seguintes traballos obridatorios e avaliables:
1º- Unha definición da Cultura Clásica e o meu mapa 0 da Cultura Clásica (xeografía)
2º- Un traballo sobre o neno salvaxe baixo o lema en principio foi a palabra!!! ( De onte a hoxe).
3º- Un traballo sobre as porcentaxes e a razón das mesmas nas orixes dos nomes da clase (sociedade)
4º- Sobre a marabillosa invención da escrita (historia)
5º- Sobre a Pedra Rosetta (lingua)
6º- A evolución da deusa nai da prehistoria á Grecia arcaica. (arte-mitos).
Puntuación:
ORIXINAL: 2
CONTIDO: 5
CORRECCIÓN ORTOGRÁFICA: 1
PRESENTACIÓN CORRECTA E EN PRAZO: Ilustracións axeitadas e formato 2