VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A Grecia dos Aqueos asentados en Micenas

QUE É O INDOEUROPEO?

Dende a India a Fisterra encontramos basicamente unha mesmas palabras para denominar o lobo, a raposa, o oso, o cervo e o porco ( polo tanto o mundo da caza); unhas mesmas palabras para denominar o boi, a ovella, a cabra, o leite, se a caso os ovos ( é dicir, a gandeiría); unhas mesmas palabras para denominar o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo e a fariña( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre( metarlurxia), co cabalo e co can( animais domésticos), co arco e coa machada ( armas), co salmón e co barco, pero non co mar ( navegación fluvial). pero, en cambio, non hai parecido ningún entrea as respectivas maneiras de nomear o mar, o león, o tigre e o camelo:

Como explicar tantas coincidencias?
Todos estes pobos que habitan tan amplo territorio teñen linguas que proceden dun único pobo prehistórico: o indoeuropeo
No mundo hai polo tanto cinco grandes grupos de linguas: o indoeuropeo, as africanas, as amerindias, as camito-semitas (árabe e hebreo) e as sino-austrinas(chinés e xaponés)

CUESTIÓN: 1-Procura pois unha boa definición de indoeuropeo, despois de informarte convenientemente.Responde a:
-Onde se orixinou.
-Como e cando se espallou polo continente.
-Como caeron na conta os lingüistas das semellanzas entre as linguas; consérvase algún texto? Por que?.
-Cantas familias de linguas pertencen a este gran grupo de linguas chamado indoeuropeo? Cantas linguas non indoeuropeas existen actualmente en Europa?

Os Aqueos eran unha desas tribos indoeuropeas que penetran polo norte da península do Peloponeso ocupándoa case por enteiro. Aqueos son os que denominamos tamén micénicos pois Micenas era a cidade máis importante ou capital destes novos poboadores da Grecia continental que falaban xa grego e que van pasar inicialmente por un período de adaptación e encontro coa civilización cretense ou minoica, para ser pouco máis tarde os que pasen a conquistar Creta e rematar coa cultura mediterránea.

A civilización micénica nacemento e evolución está moi ben resumida no presente vídeo:



E logo a segunda parte:

Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 29-11-2012 08:29
# Ligazón permanente a este artigo
Do Lineal A ao Lineal B

1.Quen son os minoicos e os micénicos ou aqueos?-Minoicos:habitantes de Creta
-Micenicos ou Aqueos:habitantes gregos (do Peloponeso) procedentes das primeiras invasións indoeuropeas na zona.

2.Quen inventou e por que a lenda do Minotauro?-Os aqueos inventaron esta lenda produto tal vez da envexa ou como vinganza ante o dominio de Minos sobre territorios que desexaban controlar e que non podían pola superioridade e o prestixio cretense.

3.Creta era unha talasocracia.Que significa?-Talasocracia:do grego "thalassa", mar, e "kratos", goberno, denota o estado cuxos dominios son principalmente marítimos. Creta tiña unha poderosa flota que comerciaba cos pobos do Mediterráneo ( Grecia peninsular, Exipto e Chipre, posiblemente Minos foi dono de illas próximas como as Cícladas.

4. Eran os cretenses grandes guerreiros?
-Non, porque eran comerciantes, non tiñan os seus magníficos palacios amurallados, nin se conservan restos de armamento en Creta.

5.Diferenzas entre "lineal A " e "lineal B". Está algún destes descifrados?
-Lineal A : o que escreben os Minoicos.
Lineal B : o que escribían os Micénicos ou Aqueos, escrita copiada dos Cretenses, pero adaptándoo a súa lingua.
-Si o lineal B está descifrado e grego silábico antigo.

6.Que significa "labirinto"?
-Labirinto:Pazo ou palacio do ?labris? machada dobre, símbolo cretense do poder.

7.Como foi destruída acivilización minoica de Creta?
-Primeiro por un maremoto acabou con case toda a súa flota atracada na súa capital, Cnosos, e os aqueos aproveitando esa debilidade aproveitaron e tomaron pola forza a illa.

8.Os Atenienses estaban castigados a levar 7 mozos e 7 mozas ao Minotauro, por que?
-O rei Minos debia sacrificar un fermoso touro, pero encantado co animal negou o sacrificio.
Enfurecido ante esta actitude, Poseidón, que ata ese momento favorecera a Minos para que este fose escollido rei de Creta, incitou á raíña Pasifae a ter relacións con animal. Tras da xestación deu á luz a unha criatura metade home e metade touro.
Para burla de Minos, a criatura foi denominada Minotauro. Tamén era chamado Asterión.
O rei entón mandou facer un labirinto no que nada nin ninguén puidese saír. Alí foi encerrado o Minotuaro.
Cada 9 anos os atenienses eran forzados a enviar a Creta 7 doncelas e 7 mozos que eran sacrificados como alimento ao Minotauro.


Unha recente versión do mito é unha ópera de H. Birtwistle:








Se queredes ver unha mala película dos anos 60 e pouco recomendable sobre o Minotauro porque non segue para nada a versión do mito, senón que mestura elementos da trama orixinal constantemente e despista a quen non coñeza o mito e os seus personaxes, aquí queda:

Comentarios (0) - Categoría: DE CRETA A MICENAS - Publicado o 26-11-2012 06:43
# Ligazón permanente a este artigo
Unha lápida cristiá para traducir
Na lápida aparecen uns pavos que son símbolo da inmortalidade na iconografía cristiá. Ademais tes as letras gregas alfa e omega maiúsculas, a primeira e a última letra do alfabeto grego que nun contexto cristiá significan que Cristo é o principio e a fin de todas as cousas: "Eu son a alfa e a omega, principio e fin de todas as cousas".

Abreviaturas:
M= menses; D= Dies

Nomes propios:
Agricius, -i: Agricio
Evonyma, -ae: Evonyma
Syrica, -ae: Syrica (nome que pode denotar a súa orixe siria)

Vocabulario:
caritas, caritatis: amor
hic: adverbio, aquí
pax, pacis : paz
pono, -is, -ere, posui, positum: poñer, colocar
pro: prep. de ablativo, por
requiesco, -is, -ere, requievi, requietum: descansar
soror, sororis: irmá
titulus, .-i: inscrición
vivo, -is, -ere, vixi, victum: vivir

Cuestións:

- Que significan os símbolos que aparecen na lápida?
- Quen é o defunto? Cantos anos tiña?
- Quen son os que dedican a inscrición? Que relación teñen co defunto?
- Que expresións de orixe cristiá aparecen na inscrición?
Comentarios (0) - Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 26-11-2012 06:16
# Ligazón permanente a este artigo
Galicia, país dos mortos
O Outono é o tempo da morte en Galicia. Ten a súa lóxica se observamos a caducidade da natureza, (lembra que a palabra outono: "auctu-" + "annum" poderiamola traducir como "ano medrado, acabado ou maduro")e que segundo parece nos tempos remotos a cultura da prehistoria seica tamén celebraba algo así coa festividade do Samaín. Daquela xurdiu unha especie de peregrinación cara a Fisterra, máis antiga que a do que logo sería o Camiño de Santiago, que sería unha "romaría" cara o Alén, a Illa do Mortos situada nalgún lugar non moi lonxe da costa Atlántica ( o poeta Cabanillas no século XIX falaba de Sálvora e recentemente arqueólogos galegos diríxen a súa atención cara a illa do Areoso no mesmo mar de Arousa).



O dolmen que era iso? Parece unha creación atlántica propia da prehistoria:



Coa chegada dos romanos e logo do Cristianismo as crenzas mediterráneas foron solapándose sobre as outras atlánticas que tiñan tamén certas semellanzas. Os romanos creron que o río Limia sería o río do Esquecemento, un río que tradicionalmente atravesaban os mortos na derradeira viaxe. Os romanos facíanse eco seguramente do que contaban os historiadores gregos que pensaran que na nosa Terra achábase a fin do Mundo,lugar onde cada día morría o sol (un dos traballos de Heracles, co xigante Xerión localízouse de vello en Galicia e mesmo unha entrada cara ao mundo dos Mortos... da que logo se farán eco unha lenda asturiana e outras galegas que mantiveron viva esa idea ata os nosos días(Cova do Pico Sacro ou en Compostela).

O Cristianismo foi facendo medrar a idea do Purgatorio e as ánimas en pena, a celebración do Día de Defuntos que se instaura dende o Vaticano e polos Papas da Idade Media. Dende aquela o mes de novembro en Galicia foi o mes de Santos ou Defuntos que multiplicará, en época histórica, as tradicións e crenzas enraizadas dende a prehistoria no noso país. Vexamos este vídeo sobre "Santo André de Teixido onde vai de morto quen non foi de vivo"



A relación de Galicia coa morte logo será unha relación moi especial e que carga de identidade aos seus habitantes. Imos buscar algún argumento máis: A crenza popular e tan galega da Compaña, e doutros moitos avisos da morte (morte branca e moura, o paxaro da morte, a Estadea...) o feito de que o magosto sexa unha celebración no que a castaña ben sexa un símbolo das ánimas (castañas que se botaban dende os campanarios nos adros das igrexas) ou ben alimento que se lle deixa na mesa tradicionalmente na noite de Defuntos (sendo común deixarlle tamén un posto nesa mesa ou simplemente sen recoller os restos da cea costume que aínda se conserva por exemplo no Morrazo). E que diremos sobre outros aspectos do culto aos mortos como o tan coñecido das choronas (a chorar a Cangas)hoxe case perdido ou o restaurado recentemente co tallado das cabazas, que algúns relacionan coas caveiras con candeas dos celtas no Samaín?
Comentarios (0) - Categoría: O país dos mortos - Publicado o 14-11-2012 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
Outras dúas visións da creación do xénero humano
Unha sería máis ben un recreación a partir do mito de Deucalión e Pirra, que como deberíades saber son descendentes de Prometeo e de Pandora dous personaxes xa coñecidos e que teñen tamén moito que ver co tema da humanidade.

O obxectivo é investigar por unha banda sobre esta parella e a orixe dun diluvio universal que ten tamén a súa versión como seguro sabedes no Antigo Testamento. Repara nas semellanzas e nas diferenzas neste enlace dun blog educativo denominado en el camino a Ítaca moi completo no que tamén aparece este vídeo:



Outro mito de carácter máis filosófico pois é obra de Platón é o dos andróxinos que ademais da idea da orixe do ser humano intenta explicar a diferenza entre o masculino e o feminino.
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 2012-13 - Publicado o 12-11-2012 06:33
# Ligazón permanente a este artigo
A MORTE DE CLAUDIO
No mes de Defuntos imos volver a mirada a Roma para ver morrer a un emperador e ver como entendían ese paso ao mundo Subterráneo ou dos mortos.

Imos ver como morreu Claudio nunha versión da BBC que utilizou como guión a magnífica obra de Robert Graves: Eu Claudio. Este autor do século XX basea a súa historia en documentos da época como o famoso libro de Suetonio sobre a Vida dos Doce Césares de Roma.


Sobre a morte de Tiberio Claudio o que el denomina o DIVUS CLAUDIUS escribe:

Quidam tradunt epulanti in arce cum sacerdotibus per Halotum spadonem praegustatorem; alii domestico convivio per ipsam Agrippinam, quae boletum medicatum avidissimo ciborum talium optulerat.Etiam de subsequentibus diversa fama est. Multi statim hausto veneno obmutuisse aiunt excruciatumque doloribus nocte tota defecisse prope lucem.(Suetonio, De vita duodecim Caesarum- Divus Claudius 44).


"Aseguran algúns que foi o eunuco Haloto, catador dos seus alimentos, cando asistía a unha comida cos sacerdotes na fortaleza; outros din que foi a propia Agripina que nunha comida en palacio ofreceulle unha seta envelenada, a Claudio tipo de manxar do que tiña grande avideza.Circulan tamén diversas versións sobre os acontecementos posteriores. Moitos opinan que ao instante perdeu a fala pola queimante acción do veleno e con grandes dores atormentado durante toda a noite, morreu ao mencer."

Ver vídeo a partir do minuto 38-39



CUESTIÓNS PARA DESPOIS DE VER O VÍDEO:

Que perigos axexaban a Claudio e a Británico en Roma?

Como se chaman os personaxes que aparecen no final do primeiro vídeo? Que relación teñen con Claudio?

Como morreu Claudio?

Quen herdou o seu posto?

Que lle pasou a Británico?

Quen era a Sibila?

A que barca e barqueiro fai referencia a Sibila nas últimas palabras?

Que semellanzas e que diferenzas atopas entre o que escribiu Suetonio e o que nos conta Robert Graves na súa novela en versión para TV?

Lembras o refrán "dun erro faise un enterro"


LER E PENSAR

Deberás entrar dende a páxina de inicio da web do San Narciso nos departamentos didácticos, procura a entrada do departamento de Clásicas e logo debes clicar onde pon ROMA. Alí atoparás un texto para traducir en latín, (trátase dunha lápida) e outros textos xa coñecidos sobre Claudio e un pouco máis abaixo unha proposta titulada UN TEXTO PARA LER E PENSAR que ten tan só unha cuestión que responder, faino, pero sobre todo reflexiona sobre a lectura, será importante para emprender a viaxe que pretendemos realizar a continuación para voltar a Grecia onde comezamos o curso.

Aquí queda tamén a proposta dun pequeno traballo sobre esta impresionante imaxe dun patricio romano portando as máscaras de cera dos seus antepasados, garantía da súa nobreza, é o denominado: "Ius Imaginum".
Cuestión para quen queira curiosear máis. Indica pois que era o Ius Imaginum?

A morte en ROMA ver:
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 2012-13 - Publicado o 06-11-2012 07:26
# Ligazón permanente a este artigo
Un audiovisual sobre o mito de Prometeo.

Imos realizar por grupos na aula de Cultura Clásica- Informática- Plástica un pequeno audiovisual sobre o mito de Prometeo tomando como base un cómic e coa intención de afondar e estudar sobre un dos mitos máis coñecidos da mitoloxía grega, sobre un dos deuses máis relacionados coa propia existencia do ser humano:

Quam satus Iapeto, mixtam pluvialibus undis,
Finxit in effigiem moderantum cuncta deorum,
Pronaque cum spectent animalia cetera terram,
Os homini sublime dedit caelumque videre
Iussit et erectos ad sidera tollere vultus?
Tellus induit ignotas hominum conversa figuras.

OVIDIO Metamorphoses, I 82-88

Coa terra amasada en auga de chuvia o fillo de Xápeto
crea figuras co molde dos deuses que todo o controlan.
Se ben os demais animais ollan á terra inclinados
fíxolle ao home un rostro altivo e que ao ceo altivo mirase
dispuxo e cara ás estrelas alzase ergueita cabeza?
Así a Terra remodelada vestiuse de imaxes estrañas de homes.


"Fillos de Xápeto e Clímene

Xápeto levouse á moza Clímene, Oceánide de fermosos nocellos e subiu ao seu mesmo leito. Esta deulle un fillo, o intrépido Atlas, e pariu ao moi ilustre Menecio, ao mañoso e astuto Prometeo e ao torpe Epimeteo, que foi desde un principio sempre ruína para os homes que se alimentan de pan. Pois el por primeira vez aceptou unha xoven muller modelada por Zeus. Ao violento Menecio, Zeus de ampla mirada afundiuno no Érebo, alcanzándoo co ardente raio, pola súa insolencia e desmedida audacia. Atlas sostén o vasto ceo a causa dunha imperiosa fatalidade alá nos confíns da terra, á entrada do país das Hespérides de fina voz, apoiándoo na súa cabeza e infatigables brazos; pois esta sorte lle asignou como lote o prudente Zeus. A Prometeo abundante en recursos atoulle con irrompibles ligaduras, dolorosas cadeas, que meteu a través dunha columna e lanzou sobre el a súa aguia de amplas ás. Esta comíalle o fígado inmortal e aquel durante a noite crecía por todas partes na mesma proporción que durante o día devoraba a ave de amplas ás. Matouna Heracles, ilustre fillo de Alcmena de fermosos nocellos e librou do seu horrible tormento ao Xapetónida, dando fin ás súas inquedanzas non sen o consentimento de Zeus Olímpico que reina nas alturas, senón para que a fama de Heracles, nacido en Tebas, fora maior aínda que antes sobre a terra fecunda. Por estes anhelos favorecía ao seu moi ilustre fillo e, aínda que irritado, calmou a cólera que antes tiña desde que Prometeo combateu a vontade do moi poderoso Cronión." (Teogonía 507-534)


Pero Prometeo despois de crear ao home enfrontaríase a unha serie de problemas con Zeus por protexer a estes novos seres.

Cales foron estes problemas con Zeus?
Cal foi o castigo que Zeus lles envía aos humanos baixo a forma dun agasallo para Epimeteo? Sobreeste agasallo, Pandora
Cal foi o castigo que lle espera a Prometeo?
Zeus, ademais sabía que Prometeo gardaba un secreto sobre a súa descendencia, por iso negouse a liberalo do seu castigo ata que logrou unha resposta clara a aquel misterio que gardaba o Titán. Saberías ti explicar cal é ese secreto?
Comentarios (0) - Categoría: 4º eso 2012-13 - Publicado o 01-11-2012 09:06
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0