VERBA VOLANT



O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ESTELAS: AS LETRAS SOBRE A PEDRA (I)
Sabías que os romanos tamén celebraban o Día de Defuntos? Eles realizaban unhas festas denominadas FERALIA nas que levaban aos mortos ofrendas. Fíxate neste texto do autor latino Ovidio:

"Estando os romanos entregados a longas guerras con belicosos exércitos, esqueceron a celebración dos Días dos Defuntos. Este esquecemento non quedou impune:...Contan -aínda que eu me resisto a crelo- que os nosos antepasados saíron das súas tumbas e comezaron a laiarse no medio do silencio da noite; e aseguran que a través das rúas da cidade e por amplos campos andaron ululando os espíritos sen forma, unha morea de pantasmas...

...Estes días as etéreas almas e os corpos que recibiron sepultura andan errantes; estes días as sombras dos mortos toman os alimentos que se lles ofrendaron... A este día denominárono Feralia porque se lles leva aos defuntos os honores debidos. Este é o último día para aplacar aos Manes."

Cuestións:
1- Lembrades algunha comitiva de mortos que anden errantes polos camiños na nosa terra? Por que cres que hai quen di que Galicia é o país dos mortos?

2-Quen son os Deuses Manes? Para responder a esta pregunta convén que lle botes unha ollada á unha inscrición funeraria en latín calquera xa que adoitaban estar encabezadas por tres letras: D. M. S. que significaba: Diis Manibus Sacrum (Consagrada aos Deuses Manes). Eran logo os espíritos dos familiares que ao morrer pasaban a ser considerados divindades protectoras da familia e da casa.


3- Un pequeno traballo de investigación e tradución:

A epigrafía (επι-γραφή: escrito enriba ou sobre "επι ") é o estudo das inscricións gravadas en pedra ou outros materiais permanentes como o metal, a ciencia de clasificalas no seu contexto cultural e data, explicándoas e vendo que conclusións se poden extraer delas.

3a) Quen está enterrado nas estelas que aparecen nas seguintes inscricións? Un home ou unha muller? Fíxate nas letras que suliñamos e nas formas verbais que veñen detrás:

HIC SITUS EST.

HIC SITA EST

HIC SITI SUNT.


Estela é un monumento funerario colocado verticalmente no lugar onde estaba unha tumba. Lembran ao defunto nunha inscrición commemorativa. Adoitan levar como encabezamento as letras D.M.S.
As inscricións funerarias denominadas estelas constan das seguintes partes normalmente ( ver a ilustración desta entrada):

-Invocan aos Deuses Manes ( D. M. S.)

-Nome do defunto

-Idade con que morreu.

-Persoa/s que erixe/n o monumento: F(aciendum)C(uravit).


-Fórmula final: H.S.E. e/ou o desexo de despedida coa tamén coñecida fórmula S.T.T.L. "Sit Tibi Terra Levis" (Que che sexa a terra lixeira)ou outra máis sinxela H. S. S:"Hic Siti Sunt" (aquí están sepultados)

Vexamos un par de exemplos dunha estela:

D(is) M(anibus) S(acrum) / Consagrada aos Deuses Manes
SENT(io) SACOMIO / Sentio Sacomio
ANN(orum). VIIII. SEN(tia) / de 9 anos de idade. Sentia
LUCROSA FILIO / Lucrosa para o seu fillo
PIENTISSIMO F(aciendum) C(uravit) / piadosísimo mandouna facer.
H(ic) S(itus) E(st) S(it) T(ibi) T(erra) L(evis) Aquí está enterrado, Que che sexa a terra leve!

D.M.S Consagrada aos Deuses Manes
L(UCIO) IULIO Lucio Xulio
AMOENO. Amoeno
ANN(OS) XXXIIII Viviu 34 anos
H(IC) S(ITUS) E(ST). Aquí está enterrado.
STTL Que a terra che sexa leve.
CASIA AMOENA Casia Amoena
FILIO PIISSIMO para o seu moi piadoso fillo
FECIT mandouna facer.



3b) Das distintas partes que habitualmente presenta unha inscrición nunha estela, cales son as que aparecen nestas dúas lápidas romanas atopadas en Galicia?

URBANILLA ANNORUM XXV. (A Estrada)

CUM QUI VIXIT ANNOS XVIII (Lugo)

Os mortos tamén falan
O costume romano de enterrar (in humus: inhumar) era máis frecuente entre as persoas de posición, aínda que normalmente se facía unha incineración (in cinis) previa e logo se enterraban as cinzas onde se colocaban unha estela. En non poucos casos a inscrición dirixíase ao que estaba a ler, son as lápidas parlantes, como se os espíritos dos mortos falasen cos vivos. Fixádevos nesta inscrición dunha lápida parlante:

UT, QUI LEGIS DICAS: "SIT TIBI TERRA LEVIS" (Lugo)
"Para que ti, que les, digas "Que che sexa a terra lixeira"


Para saber máis
4- Esta primeira entrada terá unha continuidade, pero para coñecer máis estelas imos a tres casos moi coñecidos da cidade de Mérida. Grazas a estas tres inscricións funerarias coñeceremos á rapaza da vosa idade Lutatia e a taberneira Sentia Amarantis. Que nos podes contar acerca delas?

5- O caso da Estela de Santa Comba. Investiga onde, como foi atopada e cal é a información que aporta esta singular estela.
Comentarios (0) - Categoría: EPIGRAFÍA - Publicado o 29-10-2015 23:43
# Ligazón permanente a este artigo
COSMOGONÍA (I): CAOS
Seguindo a Hesíodo (autor grego do século VIII a. C.) e a Ovidio (autor latino do século I a.c.) que foron dous autores que quixeron organizar os relatos da mitoloxía grega, imos comezar o noso relato de mitos pola COSMOGONÍA, é dicir, o comezo ou a orixe do Cosmos (*Cosmos- un universo ordenado/ e -gonía: a orixe ou o comezo).

Lembrade que a Mitoloxía grega pasa por ser unha das máis orixinais do mundo por:

- Estar bastante ben conservada.
- Manifestar certa complexidade.
- Entender a Cosmogonía dun xeito distinto a outras moitas mitoloxías.


Como contaban o comezo do mundo os antigos gregos aos seus fillos? Do mesmo xeito imos dar principio nós ao relato.


Hesíodo autor da Teogonía.

O noso relato debe seguir a lectura atenta das palabras da Teogonía de Hesíodo:

ἤτοι μὲν πρώτιστα Χάος γένετ?·

"En principio existiu o Caos..."



O concepto de Caos

Vén do grego antigo Χάος, ?espazo que se abre?, ou ?fenda?, procede do verbo χάω, que en formas derivadas significa ?boquexar?, ?abrirse unha herida? ou ?abrirse unha caverna?.




Pero como era o Caos? Para responder iremos ao texto latino de Ovidio que nos primeiros versos da súa Metamorfoses di:


Ante mare et terras et, quod tegit omnia, caelum
unus erat toto naturae vultus in orbe,
quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles?


"Antes do mar e das terras e do ceo que todo o cobre,
a natureza tiña un só aspecto en toda a súa extensión,
á cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta..."


As metamorfoses, I ( 5-7) Ovidio

CUESTIÓNS

1-Segue lendo o texto de Ovidio e procura unha boa definición do Caos:

...quem dixere Chaos, rudis indigestaque moles
nec quicquam nisi pondus iners congestaque eodem
non bene iunctarum discordia semina rerum.
Nullus adhuc mundo praebebat lumina Titan,.
. 10

...a cal chamaron Caos, unha mole confusa e revolta
un peso inerte e máis nada, no mesmo lugar concentrada
a semente aínda en conflito das cousas non ben compactas.
Aínda ningún Titán fornecera de luz aquel mundo... 10


sic erat instabilis tellus, innabilis unda,
lucis egens aer; nulli sua forma manebat,
obstabatque aliis aliud, quia corpore in uno
frigida pugnabant calidis, umentia siccis,
mollida cum duris, sine pondere, habentia pondus.
20

...así era unha terra inestable, as augas innavegables
un aire carente de luz; no seu estado nada duraba,
todos contra todos loitaban porque nun mesmo
ser combatían frío e calor, humidade e secura,
brandura e dureza, o que non ten peso co que ten gravidade. 20


Todo era, pero non había nada, todo estaba nun completo desorde, o Caos. Logo naceron os deuses para organizar a natureza á que chamaron Cosmos (o universo en orde).

2- Redacta un texto no que describas o Caos ese aspecto primixenio que presentaba a Natureza.

3- Cales son as principais criaturas que nacen do Caos segundo Hesíodo? Imos realizar unha pequena árbore xenealóxica.
Comentarios (0) - Categoría: COSMOGONÍA - Publicado o 27-10-2015 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
Repaso de contidos vistos

De onte a hoxe: In principio erat verbum...

Espazos clásicos: Mapa do Mediterráneo.
Un espazo que condiciona o mito.

Historia: As distintas orixes dos nosos nomes.
O marabilloso invento das letras: a invención da escrita. A Pedra da Rosetta.

LERMOS AOS CLÁSICOS: Sócrates e a escrita.

LINGUAS CLÁSICAS: As familias lingüísticas do mundo e o Indoeuropeo. Aprendendo o alfabeto grego.

MITOS: Introdución á mitoloxía grega.
Mito e relixión.
Relixión mediterránea e indoeuropea.
O sincretismo da relixión da antiga Grecia

Que vén sendo un mito?
Mito, literatura e arte.

VITA BREVIS:Os soportes da escritura.
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 17-10-2015 06:32
# Ligazón permanente a este artigo
A PEDRA DA ROSETTA
A pedra da Rosetta é unha pedra que permitiu descifrar os xeroglifos exipcios.




Comentarios (0) - Categoría: O MARABILLOSO INVENTO DAS LETRAS - Publicado o 16-10-2015 06:22
# Ligazón permanente a este artigo
Sócrates e a escrita
Platón, discípulo do famoso filósofo Sócrates, narra así a opinión contraria a escritura do sabio grego:


SÓCRATES: Teño que che contar algo que oín dos antigos, a pesar de que a súa verdade só eles a saben. Por certo que, se nós mesmos puiderámola descubrir, seguiriámonos ocupando aínda das opinións humanas?

FEDRO: Preguntas algo ridículo. Pero conta o que dis haber oído.

SÓCRATES ? Pois ben,oín que había por Náucratis, en Exipto, un dos antigos deuses do lugar ao que creo que está consagrado o paxaro que chaman Ibis. O nome de aquela deidade era o de Theuth. Foi este quen, primeiro descubriu o número e o cálculo e, tamén, a xeometría e a astronomía e,ademais, o xogo de damas e o de dados, e, sobre todo, as letras. Daquela era rei de todo Exipto Thamus, que vivía na grande cidade da parte alta do país, que os gregos chaman a Tebas exipcia, así como a Thamus chaman Ammón. A el achegouse Theuth, e mostrándolle as súas artes, dicíalle que debían ser entregadas ao resto dos exipcios. Pero Thamus preguntoulle cal era a utilidade que cada unha tiña, e, conforme llas ía minuciosamente expoñendo, aprobábao ou desaprobaba, segundo lle parecese ben ou mal o que dicía...

Pero cando chegaron ao das letras, dixo Theuth: ?Este coñecemento,oh rei, fará máis sabios aos exipcios e de máis memoria, pois se inventou como un fármaco da memoria e da sabedoría?. Pero el respondeu: ?¡Oh artificioso Theuth! A uns élles dado crear arte, a outros xulgar que dano ou proveito aporta aos que pretenden facer uso dela. E agora ti, precisamente, pai que es das letras, por apego a elas, atribúelles poderes contrarios aos que teñen. Porque é obvio o que producirán nas almas de quen as aprendan, ao descoidar a memoria, xa que, fiándose do escrito, chegarán ao recordo desde fóra, a través de signos alleos, non desde dentro, desde eles mesmos e por si mesmos. Non é, pois, un fármaco da memoria o que atopaches, senon un simple recordatorio. Aparencia de sabedoría é o que ensinas aos teus alumnos, que non verdade. Porque tras escoitar moitas cousas sen aprendelas, parecerá que teñen moitos coñecementos, sendo, ao contrario, na maioría dos casos, totalmente ignorantes, e difíciles, ademais, de tratar porque acabaron por se converter en sabios aparentes en lugar de sabios de verdade?.


CUESTIÓNS.
Despois de ver o vídeo:Resume coas túas palabras a opinión que tiña Sócrates sobre a escritura e os seus efectos sobre os homes.




Comentarios (0) - Categoría: O MARABILLOSO INVENTO DAS LETRAS - Publicado o 14-10-2015 06:52
# Ligazón permanente a este artigo
O ALFABETO

A Comunicación na Prehistoria. A escrita no comezo da historia. Dos berros e xestos á palabra. Da palabra á pintura rupestre. Evolución da escrita.

Logo alfabeto grego ese gran invento que é a base do alfabeto latino que nós usamos, foi produto dunha evolución da escrita que nace na prehistoria.




INVESTIGA:

I SIGNOS SEN SON:

PICTOGRAMAS:

IDEOGRAMAS:

II- SIGNOS CON SON:

XEROGRIFOS (Exipto)


SILABARIOS (Micenas)

ALFABETO (Do fenicio ao grego e latino)





III- SOPORTE DA ESCRITA

As Pedras da Prehistoria.

Escrita cuneiforme en arxila cos Sumerios.

O papiro de Exipto.

O pergamiño.

O papel da China á Imprenta.


Podes ver estos vídeos sobre a marabillosa historia das letras:






Cuestións:

Eran os chamados indoeuropeos un pobo ágrafo? Argumenta a resposta.

Que é un pictograma? En que se diferenza do ideograma?

Que é escrita cuneiforme? onde se comezou a usar?

Que dificultade atopamos cos ideogramas chineses?

Que significa a palabra "xeroglifos"? Era un código secreto esta escrita dos escribas, seguramente polo uso que facían dela os poderosos, por exemplo en Exipto gardando os segredos das inundacións do Nilo. Que peculiaridade ten un xeroglifo distinta dos ideogramas?

Como se conservaron as inscricións en silabarios micénicos?

Que é un silabario?

Cal é o primeiro alfabeto creado polo ser humano? Que peculiaridades ten con respecto ao alfabeto grego?

Aprende o alfabeto grego. Escribe o teu nome coas letras gregas. podes facer prácticas co alfabeto grego aquí.



Que unha taboíña de cera? E un stilum?

Que signinifica en orixe a palabra libro (liber)?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 09-10-2015 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
O INDOEUROPEO E AS OUTRAS FAMILIAS DE LINGUAS DO MUNDO
Dende a India ata Fisterra atopamos unhas mesmas palabras para denominar ao lobo, o raposo, o oso, cervo, e ao porco (polo tanto o mundo da caza) unhas mesmas palabras para denominar ao boi, a ovella, a cabra, o leite, e se acaso aos ovos (é dicir , a gandeiría);unhas mesmas palabras para nomear o queixo, a lá, o mel, o sal, o carro, o xugo, a fariña ( é dicir, a agricultura); igual acontece co ouro, a prata, o cobre (metalurxía, co cabalo e co can ( animais domésticos) co arco e coa machada ( armas), co salmón e co barco, pero non co mar ( navegación fluvial). Pero, pola contra, non hai parecido ningún entre as respectivas maneiras de denominar o mar, o león, o tigre e o camelo.

Foi Fran Bopp no ano 1816 quen introduce o nome de Indoeuropeo para caracterizar as semellanzas entre estas palabras nun conxunto de linguas flexivas moi parecidas , aínda que moi distiantes no espazo ( do ïndico ao Atlántico) e mesmo no tempo ( do 1000 a. C ao 1800 d. C).

Como explicar tantas coincidencias?

Todos estes pobos que habitan tan amplo territorio teñen linguas que proceden dun único pobo prehistórico:o indoeuropeo.

No mundo hai, se simplificamos e atendemos a súa orixe por continentes, cinco grandes grupos de linguas:

A familia INDOEUROPEA, as linguas euroasiáticas entre as que se atopa o latín e a nosa.

A familia BANTÚ ou de linguas africanas, nas africanas, debemos separar as do centro e sur das do norte que pertence a outra familia.

A familia CAMITO-SEMITA entre as que se atopa o hebreo e o árabe, situadas no norte de África e a parte de Asia próxima ao Mediterráneo.

A familia SINO-AUSTRINA con linguas como o chinés e o xaponés en Asia e todas as de Oceanía.

A familia AMERINDIA das linguas do continente americano quechua, azteca, guaraní...

Un comunicado da Federación Internacional de Tradutores no Día Internacional da Tradución (30 de setembro)vén moi a conto:
"O noso planeta é rico na diversidade lingüística. As aproximadamente seis a sete mil linguas faladas en todo o mundo son o depósito da nosa memoria colectiva e o patrimonio intanxible. Pero a diversidade lingüística e cultural que ofrecen está baixo a ameaza: o 96% destas linguas son faladas por só o 4% da poboación mundial e centos de elas axiña se perderán para sempre.

A UNESCO e as Nacións Unidas pediron aos seus Estados Membros apoiar e protexer a variedade de linguas que se falan polos pobos do mundo. A Declaración Universal da UNESCO sobre a Diversidade Cultural, adoptada en 2001, establece que "a diversidade é tan necesaria para a humanidade como a biodiversidade para a natureza". O seu exdirector, Federico Mayor Zaragoza, dixo:
"Se perdemos a diversidade cultural, perdemos a maior riqueza que temos".


CUESTIÓN
Procuremos unha boa definición para este concepto. O indoeuropeo é...
Chámase indoeuropeo común, ou simplemente indoeuropeo (abreviado habitualmente como IE) a unha lingua prehistórica reconstruída a partir da comparación entre as linguas antigas e actuais das que estas proveñen. O indoeuropeo, que nunca foi escrito, é a lingua suposta que está nas orixes de todas as linguas indoeuropeas. O método que permitiu reconstruír esta protolingua repousa esencialmente sobre a lingüística comparada.

Podemos observar aquí un mapa das linguas do mundo e a expansión actual das linguas indoeuropeas

Imos realizar algunhas reflexións máis despois de ver o vídeo:



Quen é o avó do galego?

Que significa Gallaecia?

Que significa a palabra idioma?

De quen depende conservar a diversidade lingüística do mundo?
Comentarios (0) - Categoría: 4ºESO 2015-16 - Publicado o 02-10-2015 06:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0