Na Semana Escolar da non violencia e pola Paz sempre nos veñen á cabeza sentencias, frases e ditos relativos ao tema. Se cadra unha das máis citadas é a que Xulio César pronunciou en certa ocasión: "Si vis pacem, para bellum" (se queres a paz, prepara a guerra) na que aparecen as dúas palabras contrapostas evidenciando un claro e rechamante paradoxo aos ollos antibelicistas do noso século e que para o mentado dirixente romano non era tal, significaba unha xustificación da guerra imperialista e de ambiciosa conquista que Roma levaba a cabo.
Xa se ten dito que as razóns das guerras sempre teñen un transfondo económico e nesta época de crise debemos ter moi presente que a sociedade debe saber eludir sempre este tipo de mensaxes tendenciosas e interesadas. Deberemos pois reinventar a consigna e responder cun: "SI VIS PACEM, PARA PACEM" (se queres a paz, prepara a paz)
Son máis sabias e máis certas que as palabras de César as que deixou escritas Eurípides nunha das súas grandes traxedias de temática pacifista titulada "As troianas": "Desgraciado aquel dos mortais que arrasa cidades, entregando ao abandono os templos dos deuses e as tumbas, santuarios dos mortos. El mesmo perece despois..."
ou aquelas do poeta latino Tibulo que nunha época de cruentas guerras civís na Roma Imperial comezaba así un longo alegado antibelicista:
Quis fuit horrendos primus qui protuli armas?
Quam ferus et ver ferreus ille fuit!
Tum caedes hominum generi, tum proelia nata,
tum brevior dirae mortis aperta via est...
Palabras que veñen a dicir:
Quen foi o primeiro que empuñou as horrendas armas?
Que cruel e insensible foi aquel! Daquela naceron as batallas e as matanzas do xénero humano,
daquela foi aberto un camiño máis breve cara a terrible morte...
Hai dous textos que evidencian a inxusta relación entre dominados e dominadores que provocaron as guerras de conquista de Roma nas Galias.
Discurso do xefe bretón Calgaco(punto de vista dos sometidos):
Os romanos son bandidos que se apoderan do mundo enteiro ávidos se o inimigo é rico, cobizosos se é pobre, xa que nin en Oriente, nin en Occidente os saciaron... Saquear,roubar, matar todo o disfrazan baixo o falso nome do Imperio. Os nosos fillos e familiares son levados á forza para ir servir noutro lugar. os bens van para o tributo; as colleitas anuais para a requisa; os corpos e as mans estráganse abrindo estradas nos bosques e pantanos, baixo golpes e aldraxes. Co dominio romano o que temos son tributos, traballos nas minas e todos os castigos reservados aos escravos...
O discurso dos romanos na boca dun legado de Vespasiano é o punto de vista dos dominadores en resposta a un grupo de galos sublevados:
Non faltaron guerras no territorio das Galias ata que chegastes a vivir baixo as nosas leis. E nós, tantas veces feridos polas vosas provocacións, non usamos dos dereitos que nos daba a nosa vitoria máis que para cargar os vosos ombros cun único fardo suplementario: aquel que debe permitirnos asegurar a paz. Sen exércitos non hai tranquilidade no seo das nacións; sen salario non hai exército; e non pode haber salarios sen tributos. Para todo o demais farmades parte da comunidade: moitas veces incluso mandades as nosas lexións; estas provincias gobernádelas vós mesmos. Se os romanos fosen expulsados ocorrería unha guerra universal entre as nacións.
Chegamos xa ao final da película. Estes feitos xa non se deben á Ilíada de Homero que remata, como sabedes, cos funerais de Patroclo e Héctor, con Aquiles vivo e Troia sen conquistar.
Analicemos o final da película. Por un lado está a gran estratexia do grego máis astuto.
1-Cal é a ocurrencia e quen é o heroe de tan gran inxenio?
2-Sufriron os gregos, segundo a mitoloxía, unha peste nas praias de Ilión como aparece na película?
A morte de Aquiles é un dos centros de interese. A película sitúanola dentro de Troia.
3- Coincide cos relatos da mitoloxía máis coñecidos?
Aquiles e Paris resultan no final desta historia, como no principio da mesma, transcendentais.
Aínda que non están na obra de Homero, varios mitos posteriores relatan acontecementos dos últimos días de Aquiles como os seus amores por Polixena, a filla máis nova de Príamo, que non se cita na Ilíada, pero que podería ser confundida coa Briseida da película de Hollywood e que levaría ao heroe a unha cita nun templo de Apolo, onde agochado Paris e guiado polo deus, asestaría un frechazo no talón do Aquiles que lle causaría a morte.
De Paris contan estes mitos posthoméricos que morreu tamén ferido por un arco que usaba Filoctetes e que a súa antiga namorada Enone, que abandonara por Helena, sabedora de remedios contra os velenos da frecha que o ferira, inicialmente negouse a salvalo. Os remorsos fixeron que esta ninfa se arrepentise, chegando tarde pois o cadáver de Paris xa ardía nunha pira funeraria. Din que aquela muller suicidouse botándose ao lume onde ardía o corpo inerte do seu amado.
Debemos chamar a atención antes de rematar sobre outras mortes.
4-Morreu Agamenón en Troia?
5-Finalmente, salvouse alguén da toma de Troia?
Neste punto a película distánciase do que as fontes gregas nos transmitiron, especialmente no referente ás troianas como Andrómaca ou mesmo a Helena, o que provoca sen dúbida confusións, tendo en conta que nós imos ler dentro de pouco o drama de Eurípides As Troianas. Nesta recta final dos relatos da caída de Troia aparece tamén a figura do fillo de Aquiles.
6- Procura unha información básica sobre este rapaz que mesmo vai estar con Ulises dentro do cabalo de Troia.
Canta, oh deusa, a cólera do Pélida Aquiles; cólera funesta que causou infinitos males aos aqueos e precipitou ao Hades moitas almas valerosas de heroes, a quen fixo presa de can e pasto de aves ?cumpríase a vontade de Zeus? desde que se separaron disputando o Atrida, rei de homes, e o divino Aquiles.
( os primeiros versos do canto I da Ilíada)
O tema central da Ilíada non é a guerra de Troia, senón a cólera de Aquiles, de feito comeza a obra con estas palabras e é (cando xa van no noveno ano de asedio da cidade de Troia) co enfrontamento entre Agamenón e Aquiles. O enfrontamento está provocado por Briseida.
1-Pero quen é Briseida?
2-E quen vén sendo Criseida?
Aquiles, o dos pés lixeiros, ou o divino Aquiles, encolerizado contra Agamenón, rei de reis, decide non participar na loita.
Por outra banda, o deus Apolo tamén participa desta situación dificultosa para os gregos (que Homero , normalmente, chámaos ?os aqueos?) e temen polas súas cóncavas naves atracadas na praia de Troia.
3- A quen apoia o deus?
4-Por que motivo os apoia e como leva a cabo este apoio?
Unha complicada situación para os gregos, permitirá que Aquiles acceda a que Patroclo participe nas batallas contra os troianos (os tamén chamados ?teucros ou dánaos?).
5- Que acontecemento fai que Aquiles volva á loita esquecendo o enfado con Agamenón?
6-Poderíamos dicir que comeza unha nova cólera de Aquiles neste caso, pero contra quen?
7- Por certo, na película aparecen varios heroes gregos secundarios. Investiga quen son:
-Néstor:
-Áiax:
Lembremos que a cólera tamén está presente entre os deuses e as deusas no relato homérico.
8- Efectivamente no combate entre o esposo de Helena, Menelao, e o seu amante troiano, Paris (Alexandre) que deuses interviñeron e de que forma? Recorda que o asunto está no canto III e no canto IV da Ilíada de Homero.
Que casualidade que a obra social de "La Caixa" nestes días traia a Pontevedra unha obra para nenos de 5º ou 6º de Primaria, se cadra para alumnos/as de 1º 2º, pero xa non para os de 4º da ESO.
A Guerra de Troia do mito, a de Homero e a do cinema
Estamos vendo na aula a película de Wolfgang Petersen titulada Troia, pero á vez imos ir procurando semellanzas e diferenzas co mito e co relato de Homero.
Comezamos coas primeiras escenas que son a introdución do filme, onde destacan o rapto de Helena e o logro do astuto rei de Ítaca, Ulises, ao convencer a Aquiles que se embarque cos gregos.
Sobre os personaxes que se nos presentan axiña botamos en falta aos deuses, omnipresentes na Ilíada e que aquí desaparecen como personaxes activos, tan só aparecerá dun xeito moi sutil a nai de Aquiles, a deusa mariña Tetis, imitando aqueles diálogos que Homero introduce no seu relato en distintas ocasións.
Botamos en falta en Troia á raíña Hécuba, esposa de Príamo, unha lamentable simplificación, e tamén chama a atención a inexistencia da princesa profética troiana Casandra, aínda que alguén pode pensar que a Briseida da película é, en parte, Casandra. Sobre Briseida logo falaremos.
Imos lembrar algúns pormenores previos aos combates en Troia. Procura pois as respostas axeitadas:
1º Que soño tivo Hécuba?
2º Que facía Aquiles no xineceo, ou dependencias das mulleres? Quen o descobre?
3º Quen é Ifixenia e que ten que ver con Aquiles?
Logo seguindo coa película TROIA do ano 2004, imos na procura de semellanzas co texto básico da mesma Ilíada de Homero:
Propoñemos estas cuestións para resolver cos textos de Homero diante:
NA PROCURA DE PARECIDOS
1- As razóns históricas e mitolóxicas da guerra de Troia aparecen claras na película?
2- A cólera de Aquiles é o tema inicial da Ilíada. No filme aparece Briseida, pero na Ilíada de Homero Briseida e tamén Criseida. Le o Canto I. e intenta explicar que semellanzas atopas entre a personaxe do cine e as orixinais de Homero.
3- Paris enfróntase a Menelao. Morre alguén neste singular combate? Como conta este asunto Homero consulta os cantos III e IV da Ilíada?
Hai dous deuses que son ademais irmáns xemelgos, que nacen dunha coñecida historia amorosa de Zeus cunha Titánide, Leto (chamada Latona, en latín).
1- Investiga pois os problemas que lle ocorren a esta divindade unha vez que Hera, a que é esposa oficial de Zeus, sabe que o seu home tivo unha relación con ela.
Sobre ARTEMISA: Esta deusa virxe da caza estará moi presente na partida dos gregos cara a guerra de Troia.
Esta deusa foi ofendida en certa ocasión por Agamenón, o poderoso rei de Micenas, irmán de Menelao e caudillo dos gregos.
2-Cal foi esa ofensa? Cal será o castigo que a deusa solicita para Agamenón? Como engana Agamenón a súa filla neste asunto? Con quen di a súa muller, Clitemnestra, que a vai casar?.
3- Outra deusa, nai dese heroe grego co que queren casar a Ifixenia, intentara por todos os medios que o seu fillo non vaia a Troia, pero de novo Ulises descubriría o seu agocho, como o fixo? En que consistía esta trampela e como se chamaban o heroe descuberto pola astucia de Ulises e a súa nai?
Sobre APOLO: Deus da beleza e arqueiro (coma a súa irmá). Vai ser confundido con frecuencia co deus solar, Helios. Pero os seus dons teñen que ver máis coa adiviñación.
3-Que ten que ver Apolo con Delos? Que lle pasou en Delfos?
4- Cal é o conflito que se relaciona con este deus descrito no canto 1 da Ilíada, no noveno ano do asedio de Troia co que comeza a narración Homero?
5-Que relación ten Apolo cunha princesa troiana, filla de Príamo e de Hécuba, e polo tanto irmá de Paris e de Héctor? Repara nos detalles dos problemas que ten o deus con esa princesa troiana chamada Casandra?
6-Fíxate na representación destes deuses, que elementos representan a Apolo?
Imos tarballar sobre a realidade arquoelóxica e histórica de Micenas e de Troia para así interpretar o mito da Guerra de Troia coas claves antropolóxicas e literarias que ten. O primeiro o documental da BBC realizado pouco antes da estrea nos cines da última versión de Hollywood sobre este famoso evento cantado por vez primeira por Homero na Ilíada.
Na clase xa visualizamos este documental sobre o tema elaborado por National Geografic.
Intenta respostar a tres dilemas:
1º Existiu realmente Troia? Como foi localizada esta antiga cidade no século XIX, tras perdérselle a pista durante séculos e crer que era unha cidade ficticia inventada por Homero? Quen levou a fama desta reaparición de Troia foi H. Schliemann. Pero como o logrou? Que outras excavacións de importancia fixo? O tesouro que el chamou de Príamo ou a máscara de Agamenón pertenceron realmente a estes personaxes?
2º Tivo lugar realmente a guerra de Troia? Foi Helena o seu motivo? Parece ser que outro arqueólogo, Carl Blegen nas súas excavacións de 1932-1938 axudou a respostar á primeira pregunta ao atopar os niveis VI e VII de Troia. Pero serían excavacións máis recentes as dos anos 1993 as que aporten datos máis clarificadores sobre unha posible guerra de Troia de dimensións máis grandes e acordes coa que aparece nos textos de Homero. Lembra os datos do documental visto para responder a estas dúas preguntas.
3º Existiron realmente Helena, Menelao, Agamenón, Aquiles, Príamo ou Paris? Parece ser que os estudos dos textos Hititas xunto con datos arqueolóxicos ofrecen información sobre algúns destes personaxes ao aparecer neles tanto a cidade de Troia baixo a denominación de Wilusa que transcrito ao grego daria Ilios ou Ilión, nome co que se denomina Troia (lembra que o poema homérico chámase precisamente A Ilíada, porque narra unha parte da guerra de Ilión). Tamén aparece un rei denominado Alaksandu, que ben podería ser Alexandre, é dicir o outro nome de Paris. Mesmo citan aos seus inimigos o rei de Ahijawa (que podería ser Acaia, é dicir os aqueos, unha das denominacións dos gregos).
Finalmente no documental aparecen tres hipóteses sobre o cabalo de Troia:
1- A que fose certo o mito, unha trampa de Odiseo.
2- A que sexa unha metáfora dun terremoto, Poseidón era o deus do mar e dos terremotos, cuxo animal é o cabalo.
3- A que sexa unha arma de asalto en forma de cabalo que permitira entrar en Troia aos gregos.